Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 24 de abril de 2001 Páx. 5.415

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2001 pola que se convocan unhas Xornadas sobre tendencias no xornalismo.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas sobre tendencias no xornalismo, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Achegarlles ós funcionarios, ós universitarios e ós cidadáns en xeral as principais innovacións e tendencias no mundo do xornalismo nun momento tan cambiante como o actual no campo da comunicación. Moitas convencións de onte quedaron vellas hoxe e os traballadores das administracións, os universitarios e os cidadáns en xeral deben coñece-las novas claves para entende-lo papel dos medios na sociedade do coñecemento e a comunicación.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-O panorama comunicativo.

-As novas empresas.

-As linguaxes.

-Os xornalistas e o defensor dos lectores.

-Saídas profesionais.

-Os lectores.

-A formación.

-Panorama empresarial.

-Panorama profesional.

-Técnicas de investigación para facer xornalismo.

-Técnicas de especialización para facer xornalismo.

-Xornalismo de servicio nos tempos da Internet.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

Ós alumnos da Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela que asistan a estas xornadas recoñeceráselles un crédito de libre configuración por concorrer a esta actividade.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da EGAP (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela) os días 14 e 15 de maio de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 10 de maio de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día

11 de maio, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión pola Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento destas xornadas pola Internet poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública