Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 24 de abril de 2001 Páx. 5.414

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2001 pola que se convoca un curso sobre plans de emerxencia municipal: proxecto e elaboración.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de 1 curso sobre plans de emerxencia municipal: proxecto e elaboración, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-lo persoal responsable de elaboración de plans de emerxencia municipal dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización de métodos de prevención e planificación necesarios nos seus concellos, en función dos posibles riscos ós que estean expostos.

Destinatarios.

-Persoal técnico dos concellos con responsabilidade na elaboración de plans de emerxencia municipal (Pemu).

-Responsables das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superasen o curso básico de protección civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar neste curso presentarán, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. As instancias deberanse enviar á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

Cartografía. Tipoloxía de riscos. Análise e determinación de riscos. Organización e servicios no plan. Comunicación e información. Arquivos informáticos de elaboración do plan. Catálogo de medios e recursos.

Duración e datas.

O curso terá lugar durante os días 5-6-12 de xuño e cunha duración de 22 horas lectivas, das 9.30 a 19.30.

Prazas.

O número máximo de prazas ofertadas é de 27.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 9 de maio de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade no concello da Estrada.

Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, aínda cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de «non apto» no curso.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a el e que superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 27 de marzo de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade