Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 24 de abril de 2001 Páx. 5.387

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de abril de 2001 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de axudas para a incorporación de investigadores visitantes a organismos públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ás accións do programa de promoción xeral da investigación do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico e se procede á súa convocatoria.

A Lei 12/1993, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de decembro de 1998 aprobou o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (1999-2001).

En aplicación do plan e dentro do programa de promoción xeral da investigación, e como continuación das accións iniciadas no exercicio anterior e á vista dos resultados obtidos, procede seguir coa concesión das axudas para a incorporación de investigadores visitantes a organismos públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que antecede esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse axudas en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para a incorporación de investigadores visitantes a organismos públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coas bases que se inclúen no anexo I a esta orde.

Estas axudas teñen como finalidade potencia-la cooperación entre a comunidade científica de Galicia e investigadores de fóra dela co fin de fomenta-lo intercambio de coñecementos no ámbito da investigación tanto básica como aplicada.

Artigo 2º

Para a concesión das axudas se destinará un total de 20.000.000 de pesetas con cargo á aplicación

orzamentaria 04.07.432A.442.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001. Nembargantes, a cantidade citada con anterioridade poderá incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria, pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento será de 6 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito plazo as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que se deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestivamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no plazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, se a resolución e expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 5º

Os beneficiarios das axudas concedidas ó abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. Así mesmo, os beneficiarios deberán proceder ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 6º

As resolucións de concesión de axudas dictadas ó abeiro da presente orde poderán modificarse no

caso de alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o secretario xeral de investigación e desenvolvemento para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

Bases da convocatoria

1. Solicitantes.

As axudas no modelo oficial PXI-17 que se publica como anexo II a esta orde, e a disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e na Internet nos seguintes enderezos: http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid poderán ser presentadas unicamente polas universidades de Galicia, pola coordinadora institucional en Galicia do Consello Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), polo representante en Galicia do Instituto Español de Oceanografía (IEO), ou polos responsables dos centros de investigación da Xunta de Galicia.

As solicitudes deberán referirse a investigadores de fóra de Galicia e as estadías para as que se solicita a axuda deberán de realizarse de maneira íntegra no ano 2001. As ditas solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Currículum vitae do investigador ó que se convida.

b) Fotocopia do DNI ou pasaporte do investigador convidado.

c) Breve memoria referente á actividade que vai realizar durante a estadía con indicación da duración desta en meses.

d) Declaración de tódalas axudas solicitadas tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 24 de maio de 2001.

2. Contía.

A contía das axudas estará comprendida entre 250.000 e 300.000 pesetas mensuais.

3. Tramitación.

Os servicios administrativos da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento procederán á revisión das solicitudes presentadas comprobando

se é correcta a documentación achegada. En caso contrario requirirase o solicitante para que no prazo de dez días a complete ou emende os erros detectados con advertencia de que, de non o facer, considerarase que desistiu da súa solicitude, procedendo consonte o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que poida acordarse outro tipo de actuacións.

4. Selección e resolución.

A selección dos beneficiarios das axudas será realizada por unha comisión designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, actuando un dos seus membros como presidente e outro como secretario, que elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

A selección farase tendo en conta os criterios que se relacionan a continuación por orde decrecente de prioridade:

a) Méritos do candidato proposto.

b) Interese científico-técnico da actividade que vai realizar o candidato.

c) Contribución que o candidato poida ofrecer á investigación do/dos grupo/s receptor/es.

d) A comisión daralles prioridade a aquelas solicitudes referentes ós programas prioritarios do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (tecnoloxías da información e das comunicacións, investigación agraria, ambiente, investigación mariña e biotecnoloxías), así como aquelas solicitudes referentes ás accións de especial interese no contexto do plan.

5. Libramento da axuda.

As axudas faranse efectivas mediante libramento directo ó organismo ó que se incorporará o investigador visitante, unha vez presentada a seguinte documentación:

-Xustificación da universidade ou organismo correspondente na que conste que se realizou a estadía do investigador indicando o período na que aquela tivo lugar.

-Memoria na que se resuman as actividades realizadas polo investigador visitante.

-Declaración xurada de tódalas axudas solicitadas e pendentes de resolución ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes.

6. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puidesen xurdir na aplicación desta convocatoria.