Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 23 de abril de 2001 Páx. 5.345

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2001 pola que se convocan dous cursos de segundo nivel de plans de autoprotección.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de dous cursos de 2º nivel sobre plans de autoprotección, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

* Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil que asiste ós cursos dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización de métodos de prevención e planificación necesarios no desenvolvemento das tarefas que teña encomendadas.

* Destinatarios.

-Responsables das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superasen o curso básico de protección civil.

-Persoal técnico da protección civil local.

* Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

* Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nestes cursos presentarán, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. As instancias serán enviadas polo presidente da agrupación correspondente, ou ben directamente polo interesado no caso do persoal técnico de pro

tección civil local, á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

* Contido.

O contido dos cursos de 2º nivel sobre plans de autoprotección versará sobre:

Lexislación. Plans territoriais, especiais e específicos. Plans de autoprotección. Avaliación do risco e métodos de análise. Medios de protección. Plan de evacuación. Implantación e mantemento dos plans. Diferentes plans de autoprotección.

* Duración e datas.

Os cursos terán lugar durante o ano 2001 e cunha duración de 35 horas lectivas.

O primeiro curso realizarase nas datas 22-23-24 e 29 e 30 de maio, e o segundo nas datas de 25-26-27 de setembro e 2 e 3 de outubro, ámbolos dous das 9.30 ás 19.30 horas.

* Prazas.

O número máximo de prazas ofertadas por cada un dos cursos é de 27.

* Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 9 de maio de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

* Lugar.

Os cursos realizaranse na sede da Academia Galega de Seguridade no Concello da Estrada.

* Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, aínda cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de non apto no curso.

* Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e que superen as correspondentes probas de coñecementos.

* Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 27 de marzo de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade