Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 19 de abril de 2001 Páx. 5.164

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 3 de abril de 2001 pola que se establecen as normas para a concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura en augas continentais.

O Regulamento (CEE) nº 3760/92 do Consello, do 20 de decembro de 1992, polo que se establece un réxime comunitario da pesca e a acuicultura, fixa os obxectivos e as normas xerais da política pesqueira común.

O Regulamento (CE) nº 1260/1999 do Consello, do 21 de xuño de 1999, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estructurais, define os obxectivos xerais e as misións dos fondos estructurais e do Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca (IFOP), a organización destes, os métodos de intervención, a programación e organización xeral das contribucións dos fondos e as disposicións financeiras de carácter xeral.

O Regulamento (CE) nº 1263/1999 do Consello, do 21 de xuño de 1999, relativo ó IFOP, define os obxectivos específicos das medidas estructurais no sector da pesca e a acuicultura.

O Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, fixa as disposicións precisas de concesión de axudas do IFOP, incluíndo, entre outras, as axudas destinadas á acuicultura e á transformación, comercialización e promoción dos seus productos.

O Real decreto 3448/2000, do 22 de decembro, polo que se establece a normativa básica das axudas estructurais no sector pesqueiro, atribúe ás comunidades autónomas a tramitación dos expedientes e a xestión e pagamento das axudas no ámbito da acuicultura.

O acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de novembro de 1999, establece un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario, e autoriza a Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento.

A Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 recolle, no seu artigo 41, o pagamento e garantías das axudas e subvencións.

A Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, regula no seu artigo 6 o réxime das axudas e subvencións públicas e modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. No seu artigo 7, a devandita lei regula o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, modificando o establecido no artigo 79 do devandito decreto lexislativo.

De conformidade co disposto no Decreto 482/1997, do 30 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente (modificado polo Decreto 122/1999, do 23 de abril), compételle a esta consellería o desenvolvemento e aplicación da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e do seu regulamento, incluíndose neste ámbito a regulación e o fomento da acuicutura en augas continentais.

O outorgamento das subvencións previstas na presente orde realízase de conformidade coas previsións contidas no Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade previstos nel.

En virtude do anterior e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regula-la concesión de axudas para a modernización, ampliación e innovación tecnolóxica das instalacións de acuicultura en augas continentais.

Para os efectos da presente orde, entenderase por acuicultura a cría ou cultivo de organismos acuáticos con técnicas encamiñadas a aumentar, por riba das capacidades naturais do medio, a producción dos organismos en cuestión; sendo estes, durante toda a fase de cría ou de cultivo e ata o momento da súa recolleita, propiedade dunha persoa física ou xurídica.

Artigo 2º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 13º, así como nas disposicións concordantes, do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, así como no Real decreto 3448/2000, do 22 de decembro, polo que se establece a normativa básica das axudas estructurais no sector pesqueiro.

En particular, e para ter acceso ás axudas, os beneficiarios deberán cumpri-las condicións e criterios de intervención estipulados no punto 2.2 Acuicultura do anexo III do citado Regulamento (CE) nº 2792/1999, no capítulo X do Real decreto 3448/2000, e as normas recollidas no Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 2225/1993, polo que se aproba o Regulamento para a concesión de axudas e subvencións públicas, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime

de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios as persoas físicas ou xurídicas titulares de centros de acuicultura en augas continentais inscritos no Rexistro de Centros de Acuicultura, de conformidade co disposto na Orde do 25 de outubro de 1999, pola que se regula o funcionamento dos centros de acuicultura en augas continentais e o seu rexistro, así como as asociacións, organizacións ou agrupacións do sector da acuicultura en augas continentais, sempre que estean legalmente constituídas conforme a normativa vixente.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

Poderán acollerse a estas axudas as actuacións que teñan por finalidade a execución de investimentos materiais no ámbito da acuicultura en augas continentais destinados a:

a) Producción e xestión (ampliación, equipo e modernización de instalacións), referidas a proxectos realizados por empresas legalmente constituídas e entidades asociativas do sector da acuicultura continental.

b) Mellora-las condicións hixiénicas e/ou de sanidade humana ou animal.

c) Mellora-la calidade dos productos.

d) Reduci-la contaminación do ambiente.

e) Obras de acondicionamento ou mellora da circulación hidráulica dentro das empresas acuícolas.

Artigo 5º.-Requisitos dos investimentos.

1. Para ter acceso a estas axudas, os investimentos deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Contribuír ó efecto económico duradeiro da mellora estructural buscada.

b) Ofrecer unha garantía suficiente de viabilidade técnica e económica.

c) Evitar efectos prexudiciais, en particular o perigo de creación de capacidades de producción excedentarias.

d) Dispor das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licencias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en producción.

2. Poderán outorgarse axudas para os seguintes investimentos:

a) O acondicionamento e urbanización de terreos, así como a construcción ou acondicionamento de bens inmobles, sempre e cando estea xustificada a súa necesidade para a explotación de que se trate.

b) A adquisición de maquinaria, instalacións e elementos auxiliares para a explotación.

c) A adquisición de equipos informáticos de apoio, instalacións telemáticas e sistemas de televisión en circuíto pechado, sempre que sexan necesarios para o funcionamento da explotación.

d) A adquisición de elementos de transporte interior.

e) A adquisición de elementos especiais de transporte exterior, cando a adecuación ó uso a que se destinan esixa unha fabricación ou carrozado singulares.

f) Os custos derivados da recolleita de información sobre o impacto ambiental e os posibles custos da avaliación.

Artigo 6º.-Investimentos non subvencionables.

En ningún caso se outorgarán axudas para:

a) A transferencia dunha empresa.

b) A adquisición de terreos ou bens inmobles.

c) Os vehículos destinados ó transporte de persoas.

d) A construcción ou acondicionamento de locais, equipamentos, maquinaria, instalacións ou elementos auxiliares non necesarios para os fins productivos.

e) A adquisición de mobiliario e equipos de oficina.

f) A adquisición de material de ocasión, reparacións e alugueres.

g) A adquisición de ovos, larvas, xuvenís ou reproductores.

h) Os gastos de mantemento e conservación dos bens e equipos.

i) A cobertura de gastos xerais, agás os que se correspondan a custos reais de execución.

j) Os gastos de constitución, xestión, explotación e administrativos.

k) Os gastos do IVE, agás nos casos nos que se presente certificado expreso do Ministerio de Facenda da porcentaxe non recuperable deste.

l) A modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento dos que o seu financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios, ó formaliza-la súa solicitude, sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e pagamento das subvencións, así como ó cumprimento dos requisitos estipulados na súa normativa de aplicación.

2. Os beneficiarios deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación a aquelas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente, así como ós órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea, conforme o previsto no artigo 78.6º i) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

3. Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar declaración xurada relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 8º.-Incumprimento das obrigas.

1. Os beneficiarios destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, así como nos supostos de incumprimento da obriga de xustificación, de obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión, e incumprimento da finalidade para a que foi concedida, conforme o artigo 19 do Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Ós beneficiarios e, se é o caso, ós administradores de persoas xurídicas e socios ou partícipes delas, seralles de aplicación, nos seus propios termos, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi redactado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Reglamento dos procedementos das administracións públicas para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 9º.-Importe das axudas.

1. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. A porcentaxe máxima das axudas, sumadas as participacións nacionais e comunitarias, non poderá supera-lo 50% do investimento subvencionable.

3. A contía das axudas outorgadas polas distintas administracións públicas nacionais non será inferior ó 5% do investimento subvencionable.

4. En calquera caso, a participación do beneficiario non será inferior ó 50% do investimento subvencionable.

5. Manterase a axuda pero minorarase, na fase de pagamento, se o investimento material realizado é, por causa xustificada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.

6. A axuda non se modificará aínda que os investimentos efectivamente realizados sexan superiores ou dun custo maior ós tomados en consideración para a concesión daquela.

Artigo 10º.-Certificacións de non inicio.

1. Será condición indispensable para a concesión das axudas que, con anterioridade ó inicio dos traballos e á realización das adquisicións correspondentes dos investimentos, fose presentada a solicitude de axuda de acordo co establecido na presente orde e que por parte dos servicios da Consellería de Medio Ambiente se expedise ou validase certificación que acredite o non inicio dos investimentos.

2. Se fose necesario realiza-las obras antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes, poderase facer unha acta, inmediatamente antes de que as obras vaian comezar efectivamente, que producirá efectos na convocatoria inmediatamente seguinte, e se esta solicitude non fose seleccionada exclusivamente por falta de dispoñibilidades orzamentarias, poderá producir efectos tamén nas convocatorias sucesivas.

3. Para acollerse ó sinalado no punto 2 do presente artigo, o interesado deberá xuntar á súa solicitude un informe detallado sobre os motivos que o obrigan a realiza-lo investimento antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes.

Estes motivos deberán fundarse en:

a) Causas de forza maior.

b) Prexuízos económicos, financeiros, técnicos ou biolóxicos que puidese ocasiona-la espera ata a apertura do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 11º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Medio Ambiente segundo o modelo que figura no anexo I desta orde e presentarase orixinal e tres copias, no rexistro da Consellería de Medio Ambiente ou no de calquera das súas delegacións provinciais, e en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Será requisito imprescindible que o solicitante reúna as condicións sinaladas no artigo 3 da presente orde en data anterior á apertura do prazo de presentación de solicitudes.

3. Se o titular solicitante é unha persoa xurídica a solicitude virá formulada polo seu representante acreditado; se se trata dunha pluralidade de persoas, por todas elas, con designación dun representante.

4. O prazo de presentación de solicitudes e documentación será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte a aquel no que teña lugar a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Documentación.

1. Coa solicitude deberá presentarse, en orixinal e tres copias, a seguinte documentación:

a) A información requirida no anexo II da presente orde.

b) Acreditación da personalidade:

b.1. Persoas xurídicas:

-Certificación rexistral na que conste a súa constitución e os estatutos vixentes así como poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade, no caso de que tal poder non conste na certificación.

-Tarxeta de identificación fiscal.

-Copia cotexada do documento nacional de identidade do representante.

b.2. Persoas físicas:

-Copia cotexada do documento nacional de identidade do titular ou titulares solicitantes, así como do seu representante, se é o caso.

-Copia cotexada da declaración censual de alta en obrigas tributarias (modelo 037) na Axencia Tributaria, referida a tódolos titulares, se é o caso.

c) Copia cotexada das concesións, autorizacións, permisos ou licencias, segundo o caso, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en producción.

d) Declaración sobre calquera tipo de axuda solicitada, concedida ou que se pretenda solicitar a calquera outra Administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto do investimento para o que se solicita a axuda.

2. A Consellería de Medio Ambiente acreditará, de oficio, o cumprimento do prevido no artigo 11º.2.

Artigo 13º.-Criterios de selección.

Terán preferencia na concesión das axudas os investimentos que teñan como obxectivos a utilización de técnicas que reduzan substancialmente os efectos da acuicultura sobre o ambiente e o respecto das normativas autonómicas, nacionais e comunitarias sobre ambiente. Incluiranse nesta liña as axudas de capital a empresas para:

-Mellora-la calidade dos efluentes.

-Implantar sistemas de control de vertidos.

-Implantar sistemas de decantación e/ou filtración de efluentes.

-Diminuí-lo do volume dos vertidos e os impactos destes sobre o ambiente.

-Mellora-los índices de conversión dos alimentos.

-Implantar sistemas que permitan un aforro de auga, tales como sistemas de recirculación e reutilización da auga.

-Reduci-los impactos das infraestructuras de captación e derivación de auga.

-Diminuí-los riscos patolóxicos.

Logo dos anteriores, atribuiráselles preferencia ós investimentos encamiñados á modernización de instalacións existentes. Estes investimentos terán como obxectivos xenéricos incrementa-lo autoabastecemento de organismos vivos para engorda e mellora-las condicións hixiénicas ou sanitarias das instalacións. Incluiranse nesta liña as axudas de capital a empresas para:

-Mellorar ou acondiciona-la circulación hidráulica.

-Implantar sistemas para mellora-la calidade da auga de abastecemento.

-Implantar sistemas de control de parámetros ambientais.

-Implantar sistemas de control patolóxico e eliminación de riscos.

En terceiro lugar na orde de preferencias figurarán os investimentos destinados ó incremento da calidade e revalorización dos productos, cos obxectivos xenéricos de incrementa-lo valor engadido dos productos e mellora-la calidade e maila presentación do producto final. Incluiranse nesta liña as axudas de capital a empresas para:

-Implantar novos sistemas de manexo dos productos.

-Implantar sistemas de análise de puntos críticos.

-Investimentos destinados á transformación primaria dos productos.

No caso de centros de acuicultura en augas continentais existentes á entrada en vigor desta orde, as axudas destinadas á protección do ambiente deberán ser previas a calquera outra axuda enmarcada noutras liñas de actuación, sempre e cando as instalacións existentes requiran unha adaptación á normativa de pesca fluvial e de protección do ambiente actualmente vixente.

Para os fins antes establecidos, os titulares dos centros de acuicultura presentarán un proxecto de investimentos de carácter ambiental previamente a calquera outro tipo de actuación, ou ben presentarán un proxecto único no que os investimentos de tipo ambiental sexan executados de xeito anterior ou simultáneo a outros tipos de investimentos.

Artigo 14º.-Órganos de xestión e resolución.

A avaliación da documentación e dos proxectos presentados xunto coa solicitude será realizada por parte dos servicios correspondentes das delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente.

Se a solicitude de subvención non reúne algún dos requisitos esixidos nesta orde, a delegación correspondente requirirá o interesado para que, no prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ó da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que se non o fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites, de acor

do co artigo 71.1º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

As delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente remitirán, no prazo máximo de dous meses, contados a partir da data límite de presentación das solicitudes, os expedientes xunto co seu informe á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

O director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural elevará a súa proposta de resolución ó conselleiro de Medio Ambiente, a quen lle corresponderá dicta-la resolución do procedemento, sen prexuízo da aprobación, se é o caso, polo Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 15º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que se debe notifica-la resolución será de seis (6) meses, contados desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no DOG.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se dictase e notificase a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente, conforme o disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999.

Na resolución que se dicte figurará, de se-lo caso, a contía das axudas que correspondan ó IFOP, ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e mais á Consellería de Medio Ambiente. Igualmente, especificaranse os investimentos subvencionables, os prazos de execución e mailas condicións xerais e particulares da subvención.

A Consellería de Medio Ambiente denegará as solicitudes referentes a proxectos que considere que carecen de interese ou que non se dirixan especificamente ós obxectivos establecidos nesta orde, así mesmo, poderá excluír do cómputo do investimento, obxecto das axudas, as partidas que non se correspondan co sinalado nesta orde.

Artigo 16º.-Recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben, ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 e artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 17º.-Modificación da resolución.

Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 18º.-Aceptación da axuda.

Unha vez resolta favorablemente a solicitude de axuda, o beneficiario disporá dun prazo de dez (10) días naturais, contados a partir do seguinte ó da recepción da notificación, para remitir á Consellería de Medio Ambiente un escrito de aceptación da axuda e das condicións particulares que na resolución se establezan, entendéndose, en caso contrario, que o beneficiario renuncia á axuda.

Artigo 19º.-Modificación do proxecto.

Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ó orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa por parte da Consellería de Medio Ambiente, e deberá ser posta en coñecemento desta sempre con anterioridade á súa realización.

Artigo 20º.-Prazo de xustificación dos investimentos.

Con carácter xeral e salvo que a resolución de concesión da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate dos investimentos e do pagamento do conceptos correspondentes a eles deberá realizarse antes do 1 de novembro de 2001.

Excepcionalmente, poderá concederse un prazo que non excederá da metade do prazo inicial concedido, conforme o previsto no artigo 49.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, por resolución do conselleiro de Medio Ambiente, por proposta do director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, para que as obras rematen dentro do ano inmediatamente seguinte a aquel no que deberían facelo. Para a concesión desta prórroga, que deberá solicitarse dentro do prazo inicial de remate, será imprescindible que o solicitante garanta o bo remate do investimento mediante aval, polo importe total da axuda pendente de percibir, que será depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 21º.-Xustificación dos investimentos.

1. Para percibi-lo importe da axuda dos investimentos correspondentes ó exercicio económico de que se trate, o beneficiario deberá presentar, antes do 1 de novembro do ano correspondente, nos lugares e formas sinalados no artigo 11º desta orde, orixinal e tres copias da seguinte documentación:

a) Resumo da documentación presentada para a tramitación do pagamento, de acordo co anexo III da presente orde.

b) No caso de adquisición de maquinaria, instalacións, equipos, elementos de transporte, elementos auxiliares necesarios para a explotación, e outros activos fixos que deberán estar efectivamente instalados con anterioridade á xustificación: factura emitida polo provedor.

c) Cando o investimento consista na construcción de edificios e obras en xeral: certificación do facultativo que interveña na execución do proxecto, visada polo colexio profesional competente, na que se fará consta-lo valor das obras realizadas durante o período de que se trate e facturas acreditativas do seu pagamento.

d) En tódolos casos, para a acreditación dos pagamentos xuntaranse os extractos de contas, ordes de transferencia, talóns ou certificacións bancarias que xustifiquen a súa efectiva realización. Igualmente, poderán xustificarse mediante informe de auditoría de contas.

e) Declaración xurada, con achega documental, se é o caso, doutras subvencións concedidas ou solicitadas para o financiamento dos investimentos.

f) Certificado da entidade financeira na que se encontra a conta do beneficiario para o pagamento da axuda, acreditativo da súa titularidade, número de conta e códigos da entidade, sucursal e control.

g) Certificacións que acrediten que o beneficiario está ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente comprobarán a documentación e engadirán certificado dos servicios correspondentes sobre o grao de finalización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ó proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda, como ós xustificantes de gasto.

3. Unha vez completo o expediente, remitirase xunto coa proposta de pagamento á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

Artigo 22º.-Pagamento.

Examinado o expediente, a Consellería de Medio Ambiente ordenará, se procede, o pagamento, segundo as disposicións orzamentarias que sexan de aplicación.

O pagamento corresponderase co investimento realizado, que excepcionalmente poderá ser parte do investimento aprobado sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do investimento e que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente. Neste caso, ou se o investimento tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, aplicarase a correspondente minoración.

A concesión e o pagamento das axudas establecidas na presente orde queda condicionado á apro

bación do proxecto remitido para este efecto á Comisión Europea.

Artigo 23º.-Crédito orzamentario.

As axudas previstas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342-A.770.0, «axudas á acuicultura continental» do exercicio orzamentario 2001, dotada cun crédito inicial de trinta e cinco millóns de pesetas (35.000.000 de pesetas), que poderá ser ampliado en función das modificacións orzamentarias oportunas.

Artigo 24º.-Control dos investimentos.

A Consellería de Medio Ambiente poderá, en calquera momento, inspeccionar e controla-lo destino das axudas e o cumprimento dos fins para os que foron concedidas. En consecuencia, os servicios da consellería poderán facer visitas e inspeccións nos centros de traballo dos beneficiarios onde se realizasen investimentos, así coma naqueles servicios prestados por estes, e mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comproba-la súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar en calquera momento da tramitación do procedemento canta documentación se considere necesaria para comproba-la adecuada execución do proxecto que fose obxecto das axudas.

Artigo 25º.-Compatibilidade.

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere os límites que se establecen no cadro 3 do anexo I do Real decreto 3448/2000, do 22 de decembro, polo que se establece a normativa básica das axudas estructurais no sector pesqueiro.

Disposicións transitorias

Primeira.-De conformidade co disposto na disposición transitoria primeira do Real decreto 3448/2000, as axudas establecidas na presente orde seranlles aplicables ós gastos efectivamente pagados a partir do 1 de xaneiro de 2000.

Segunda.-As solicitudes de axuda para os investimentos realizados entre o 1 de xaneiro de 2000 e a data de entrada en vigor da presente orde, presentaranse no prazo sinalado no artigo 11º.4 e xustificarán, de modo que faga fe, que os investimentos non se realizaron antes do 1 de xaneiro de 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente