Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 19 de abril de 2001 Páx. 5.147

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 3 de abril de 2001 pola que se regula a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a adaptación, reparación e conservación de centros de saúde.

O Servicio Galego de Saúde, consciente da importancia que no ámbito da sanidade teñen os centros

de saúde, dirixidos a mellora-la atención dos cidadáns, e co obxecto de colaborar e promociona-la mellora e conservación destes, que deben conservar e mante-las corporacións locais galegas, dado que forman parte do seu patrimonio, vén establecendo anualmente subvencións de capital con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Con este fin, na citada lei orzamentaria existe crédito adecuado na aplicación 5001.2121.760.0 para financia-las subvencións que se establecen na presente orde, destinándose para tal efecto un crédito inicial máximo de 125.000.000 de pesetas, tendo en conta o límite das dispoñibilidades orzamentarias.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, establécense os requisitos xerais aplicables ás subvencións que concederá esta Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Polo exposto, e en uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente orde ten por obxecto a concesión de subvencións ás corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia para actuacións de reparación e conservación de centros de saúde que teñan carácter de investimento, quedando excluídos, en consecuencia, os gastos correntes de funcionamento.

2. O obxectivo da subvención é incentiva-la iniciativa local na execución de proxectos que complementen os programas de construcción, adaptación e reparación de centros de saúde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios dunha subvención as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan ó seu cargo o mantemento e conservación de centros de saúde.

Artigo 3º.-Incompatibilidade.

1. A presente subvención será incompatible con calquera outra establecida pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Sergas para este fin.

2. O importe das subvencións concedidas ó abeiro desta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou inter

nacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a procentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de subvención serán formuladas polo presidente da entidade local respectiva, segundo o modelo que se une como anexo á presente orde, e a ela achegaranse os seguintes documentos:

-Memoria descritiva dos investimentos que haxa que realizar, quedando excluídos os investimentos para a adquisición de equipamento informático e os que corresponden a gastos correntes de funcionamento, como son gastos de electricidade, combustible para calefacción, etc.

-Orzamento ou valoración económica das actuacións para as que se solicita a subvención, con indicación da cantidade que se pide como axuda.

-Certificación do acordo adoptado polo órgano municipal competente, que aprobe a solicitude de subvención. Se a dita solicitude, se é o caso, se fixera mediante resolución da Alcaldía ou Comisión de Goberno, xuntaríase certificación do acordo no que se informe o Pleno da corporación local do contido da citada petición.

-Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para este proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

2. As peticións de subvención presentaranse no rexistro xeral do Servicio Galego de Saúde (edificio administrativo San Caetano, bloque 2, 2ª planta en Santiago de Compostela), nas súas direccións provinciais, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

3. O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Tramitación.

Os órganos responsables da tramitación dos expedientes comprobarán que estes reúnen tódolos requistos recollidos na presente orde, e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados, para que nun prazo de dez días acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolve-lo expediente, coa indicación de que, se así non o fixesen daranse por desistidos da súa petición, logo de resolución que se deberá dictar nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Resolución.

1. A competencia para resolve-la concesión das subvencións tramitadas ó abeiro desta orde correspóndelle ó presidente do Servicio Galego de Saúde e delégase no director xeral da División de Recursos Económicos. Estas resolucións serán motivadas e adoptadas no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ó da data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

2. Para as resolucións pertinentes teranse en conta os seguintes criterios:

-Necesidade e rendibilidade do proxecto, en función dos índices asistenciais do centro.

-Contía total do proxecto e, se é o caso, porcentaxe de participación no seu custo da entidade solicitante.

-Situación sanitaria e necesidades existentes na zona de influencia do centro destinatario da subvención.

3. Tanto a concesión, como a determinación do importe das subvencións realizaranse en réxime de concorrencia competitiva.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvención ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As resolucións recaídas porán fin á vía administrativa, podendo recorrerse potestativamente en reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación ante o mesmo órgano que as dictase ou seren impugnados directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, nos prazo de dous meses contado, así mesmo, desde o día seguinte ó da data de notificación, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7º.-Xustificación da subvención.

1. Os concellos ós que se lles outorgue unha subvención ó abeiro do disposto nesta orde estarán obrigados a efectua-lo investimento que serviu de base para a concesión, e á súa xustificación, antes do 31 de outubro de 2001, mediante certificación expedida polo secretario do concello (co visto e prace do alcalde-presidente) na que se fará consta-la realización e conclusión da acción, a contía do gasto realizado, así como a súa aprobación polo órgano municipal competente.

A antedita certificación será requisito necesario para proceder ó pagamento da subvención.

2. Deberán presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para este proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Este prazo poderá ser ampliado por causa debidamente xustificada por resolución do director xeral da División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 8º.-Reintegro.

O incuprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde para a obtención da subvención será causa determinante da súa revogación e do reintegro total ou parcial dela.

Así mesmo, procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

-Incumprimento da obriga de xustificación.

-Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

-Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

Artigo 9º.-Comprobación.

1. A División de Recursos Económicos poderán realiza-las inspeccións e comprobacións que considere necesarias coa finalidade de asegura-lo cumprimento das normas e requisitos dos acordos con base nos cales se concederon as subvencións.

2. As entidades locais beneficiarias quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión destas subvencións terá como límite global o do crédito consignado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-En materia de infraccións e sancións haberá que aterse ó disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentais e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o secretario xeral do Sergas para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Don/Dona..., con DNI número..., como... da entidade local..., CIF...; acolléndose á orde do Servicio Galego de Saúde do... de ....de 2001, pola que se regula a concesión de subvencións a entidades locais desta Comunidade Autónoma para a adaptación, reparación e conservación de centros de saúde, e aceptando o nela estipulado,

Solicita

Unha subvención de... pesetas, con destino a...

Achega a documentación esixida pola devandita orde.

En........, ... de... de 2001.

(Sinatura e selo )

Presidente do Servicio Galego de Saúde