Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 19 de abril de 2001 Páx. 5.146

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 78/2001, do 22 de marzo, polo que se crea o Observatorio Galego de Educación Ambiental.

O Decreto 482/1997, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente prevé un órgano, con rango de dirección xeral, o Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, ó que se atribúe o exercicio das funcións e competencias que a esta lle corresponden en materia de educación e formación ambiental.

A implicación desta consellería en materia de formación e educación ambiental levou non só á recente aprobación pola Xunta de Galicia do Decreto 32/2001, do 25 de xaneiro, polo que se crea o Rexistro Xeral de Entidades e Centros Educación Ambiental de Galicia e se regulan as condicións de inscrición, senón tamén á publicación da Estratexia Galega de Educación Ambiental, na que se prevé a creación dun Observatorio Galego de Educación Ambiental, vinculado á Consellería de Medio Ambiente, e que tería como finalidade principal o seguimento e avaliación permanente do estado da educación ambiental en Galicia.

Á marxe desta dimensión técnica e tendo en conta a composición prevista neste decreto, o Observatorio Galego de Educación Ambiental configúrase como un importante instrumento de colaboración e participación dos axentes sociais implicados no desenvolvemento da educación ambiental.

En virtude do anterior, é necesaria a creación do Observatorio Galego de Educación Ambiental, establece-la súa composición e forma de funcionamento, así como determina-las súas funcións.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de marzo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación.

Créase o Observatorio Galego de Medio Ambiente, configurado como un órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento da Consellería de Medio Ambiente en relación co desenvolvemento da educación ambiental en Galicia.

Artigo 2º.-Funcións.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental terá as seguintes funcións:

1. Deseñar un programa de investigación orientado a detectar carencias e necesidades educativas e formativas en materia ambiental da poboación galega no seu conxunto así como dos sectores específicos dela.

2. Orientar, asesorar e supervisa-la realización de procesos de avaliación interna e externa de programas, materiais didácticos e experiencias relacionadas coa educación e a información ambiental, tanto de iniciativa pública como privada.

3. Elaborar indicadores, instrumentos e procedementos de avaliación, especificamente dirixidos ó ámbito da educación ambiental.

4. Analizar permanentemente o nivel de aplicación da Estratexia Galega de Educación Ambiental, propoñendo e suxerindo directrices e liñas de actuación que poidan mellora-los logros dos fins e obxectivos xerais específicos establecidos nela.

5. Indica-las experiencias, recursos e programas que se consideran de referencia, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma, como a nivel de Estado, da Unión Europea e das distintas axencias das Nacións Unidas, facilitando a súa divulgación e promoción.

6. Asesora-los organismos das administracións públicas no deseño e avaliación dos programas e iniciativas de educación ambiental.

7. Emitir informes periódicos sobre o estado da educación ambiental en Galicia, facilitando á opinión pública e ós axentes implicados no seu desenvolvemento, un coñecemento permanente dos problemas, os proxectos en marcha e os avances conseguidos.

8. Promover foros de discusión e debate que, nos diferentes formatos (seminarios, grupos de traballo, comisións de traballo, talleres, etc.) permitan o encontro e a reflexión dos diferentes axentes sociais involucrados nas problemáticas ambientais e as súas derivacións educativas.

Artigo 3º.-Composición.

O Observatorio Galego de Medio Ambiente terá a seguinte composición:

-Presidente: o conselleiro de Medio Ambiente.

-Vicepresidente primeiro: o director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental da Consellería de Medio Ambiente.

-Vicepresidente segundo: a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Vocais:

a) Un representante do Consello Galego de Medio Ambiente.

b) Un representante do Comité Galego de Integración e Ordenación Ambiental.

c) Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

d) Un representante de cada unha das universidades galegas especialista en temas ambientais e preferiblemente no campo da educación ambiental.

e) Un representante dos medios de comunicación especialista en temas ambientais.

f) Un representante das asociacións protectoras do ambiente.

g) Un representante das sociedades protectoras de animais e plantas.

h) Un representante da Confederación de Empresarios de Galicia.

i) Un representante dos sindicatos.

j) Un representante do Organismo Autónomo Augas de Galicia.

k) Un representante da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio.

l) Un representante da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

m) Un representante da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Consellería de Medio Ambiente.

n) Un representante da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente.

o) Dous expertos de recoñecido prestixio no campo ambiental nomeados polo presidente do observatorio, oído o Pleno.

-Secretario: o xefe da Área de Educación e Información Ambiental da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 4º.-Nomeamento.

1. Os membros do Observatorio Galego de Educación Ambiental serán nomeados polo conselleiro de Medio Ambiente, por proposta das organizacións, órganos e institucións que se relacionan no artigo anterior. Igualmente nomearanse os suplentes de cada un dos membros ordinarios do observatorio.

2. O nomeamento dos membros titulares e suplentes será por un período de dous anos a partir da data da súa publicación e será renovable por outros dous. No suposto de que un dos membros perdese a súa representatividade, procederase ó seu cesamento e designarase un substituto, conforme o sinalado anteriormente e polo tempo que reste de exercicio no cargo.

Artigo 5º.-Funcionamento.

1. O réxime de funcionamento do Observatorio Galego de Educación Ambiental axustarase ó previsto no seu regulamento de réxime interior, aprobado no Pleno por maioría, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

2. O Observatorio Galego de Educación Ambiental poderá solicitar no exercicio das súas funcións o asesoramento e a asistencia de expertos, funcionarios

e doutros responsables das políticas sectoriais con incidencia sobre a educación ambiental.

3. O presidente do Observatorio Galego de Educación Ambiental convocará sesións ordinarias cada seis meses. Así mesmo, convocará sesións extraordinarias cando exista algún motivo de especial transcendencia relacionado coa competencia do devandito observatorio ou pola petición dun tercio dos seus membros.

Artigo 6º.-Informes e dictames.

1. O Observatorio Galego de Educación Ambiental realizará con carácter anual un informe sobre o estado da educación ambiental en Galicia, facilitando á opinión pública e ós axentes implicados no seu desenvolvemento o coñecemento dos problemas detectados, proxectos en marcha e avances acadados.

2. Os órganos da Xunta de Galicia con incidencia sobre a educación ambiental poderán solicitar informes ó Observatorio Galego de Educación Ambiental sobre as materias da súa competencia. Os informes solicitados deberán emitirse no prazo máximo dun mes e non terán carácter vinculante. Este prazo poderá ampliarse, en función da complexidade do informe, ata un máximo de tres meses.

Artigo 7º.-Adscrición.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental adscríbese á Consellería de Medio Ambiente, que lle prestará o soporte persoal e material preciso para o exercicio das súas funcións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións necesarias que faciliten o correcto funcionamento do Observatorio Galego de Medio Ambiente.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de marzo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente