Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 16 de abril de 2001 Páx. 4.954

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 31 de marzo de 2001 pola que se acorda a cesión de uso de bens mobles adscritos á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a favor de diferentes confrarías de pescadores da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, no seu artigo 1 define estas como corporacións de dereito público, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar, para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas, atribuíndolles, entre outras, segundo o artigo 3.3 c) da citada norma legal, a función de xestionar e administrar aqueles bens patrimoniais que lles sexan cedidos polas administracións públicas.

Por outra banda, e tendo en conta a suxeición das confrarías de pescadores á tutela da Administración pública galega, exercida a través desta consellería, cómpre cederlle o uso de bens mobles adscritos a este organismo, para seren destinados por esas corporacións a fins de utilidade pública ou interese social.

Para tal fin, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura tramitou o expediente de cesión de

uso, de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis, do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión de uso, a favor de diferentes confrarías de pescadores da Comunidade Autónoma de Galicia, de bens mobles adscritos á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e que figuran no expediente tramitado para o efecto pola secretaría xeral.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) Os bens cedidos destinaranse á xestión e administración das confrarías de pescadores cesionarias para fins de utilidade pública e interese social.

b) A cesión outorgarase por un período máximo de cinco anos, prorrogable por períodos sucesivos de igual duración, se así o acordase a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, logo da petición da confraría cesionaria.

c) Se os bens cedidos non se aplicasen ó fin sinalado dentro do plan inicialmente fixado no acordo, ou se deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebramento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentasen.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue, e debe constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a través da secretaría xeral, no marco das súas respectivas competencias, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2001.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246, do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura