Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 11 de abril de 2001 Páx. 4.910

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 4 de abril de 2001 sobre o procedemento de xestión das axudas para as agrupacións de productores agrarios recoñecidas en Galicia.

A Unión Europea establece un réxime de axudas para a constitución e o funcionamento administrativo das agrupacións de productores agrarios (en diante APAS), como unha medida encamiñada a fomenta-lo asociacionismo no medio rural, favorece-la concentración da oferta agraria e adecua-la producción e comercialización ás esixencias do mercado.

As APAS que foron recoñecidas de conformidade co Regulamento (CEE) 1360/1978, do Consello, do 19 de xuño, e co Regulamento (CE) 952/1997, do Consello, do 20 de maio, son de grande interese para supera-las deficiencias estructurais que existen na comercialización dos productos agropecuarios. Os anteriores regulamentos están derrogados, pero ás APAS constituídas baixo o seu amparo concedéronselles axudas para os cinco anos posteriores ó seu recoñecemento, para pagar nun período máximo de sete anos.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou o Real decreto 2722/1998, do 18 de decembro, que fai referencia ás bases reguladoras para a concesión de axudas ás APAS recoñecidas de acordo coa normativa europea, establecendo no seu artigo 4º que no caso das APAS de ámbito xeográfico non superior ó dunha comunidade autónoma, lles corresponde a estas a tramitación, resolución e pagamento das axudas.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30º.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde establece as bases reguladoras da tramitación de axudas para os gastos de constitución e de funcionamento administrativo das agrupacións de productores agrarios e as súas unións, sempre que

o seu domicilio social e ámbito xeográfico estean comprendidos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán beneficiarse desta liña de axudas as agrupacións de productores e as súas unións que se recoñecesen en Galicia ó abeiro dos regulamentos comunitarios 1360/1978, do 19 de xuño; 952/1997, do 20 de maio; 1696/1971, do 26 de xullo, e 2200/1996, do 28 de outubro.

Artigo 3º.-Condicionantes.

Ante a necesidade e o interese por parte desta consellería de regularizar e actualiza-lo pagamento destas axudas, tódalas APAS recoñecidas que teñan sen xustificar períodos anuais de funcionamento correspondentes ó exercicio 2000 ou anteriores deben presenta-los pertinentes expedientes de solicitude da axuda nos prazos e de acordo co establecido nesta orde.

O incumprimento desta obriga poderá levar consigo a perda da axuda á que teñen dereito, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha ás entidades beneficiarias.

Artigo 4º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

Os conceptos subvencionables e a súa contía económica son os mesmos que se establecen nos regulamentos comunitarios que se citan no artigo 2º desta orde.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, mediante instancia segundo o modelo anexo, debidamente cuberta e asinada polo presidente da APA ou persoa legalmente acreditada. Presentaranse preferentemente nos servicios de Industrialización e Comercialización Agroalimentaria das delegacións provinciais desta consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O expediente de solicitude de axuda, que conteña a documentación que se detalla no artigo 7º, deberase presentar por duplicado exemplar.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

1. A data límite de presentación de solicitudes de axuda neste exercicio orzamentario remata o 31 de xullo de 2001.

2. As solicitudes presentadas con anterioridade á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia seguirán o seu trámite, sempre que se cumpran as condicións que nela se esixen, así como na normativa comunitaria ó respecto. De non ser así, solicitaráselles ós interesados que cubran debidamente o expediente de solicitude e que acheguen os datos ou xustificantes que puidesen faltar.

Artigo 7º.-Documentación.

1. Xunto coa solicitude, as APAS deberán presenta-la documentación adicional seguinte, referida ó período anual de funcionamento polo que se pide a axuda:

a) Memoria de actividades.

b) Relación e xustificación do valor da producción recoñecida e que foi comercializada pola APA.

c) Relación e xustificación dos gastos de constitución e de funcionamento administrativo, perfectamente ordenados e clasificados de acordo co establecido no Regulamento (CEE) nº 2084/1980, da Comisión, do 31 de xullo. As facturas que se presenten para xustifica-los gastos realizados deberán trae-lo IVE desagregado.

d) Balance, conta de resultados e conta de explotación.

e) Relación nominal de socios, cos seus efectivos productivos e volume de producción.

f) Fotocopia do CIF.

g) Certificación bancaria do número de conta na que se solicita o ingreso da subvención.

h) Certificación conforme a APA leva contabilidade independente e específica para os productos para os que foi recoñecida.

i) Certificación de tódalas axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins considerados nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución.

2. Tódalas certificacións deben vir asinadas polo secretario da entidade, co visto e prace do seu presidente.

Aqueles documentos que sexan copias deberanse cotexar co seu orixinal e ser perfectamente lexibles.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Para a avaliación das solicitudes teranse en conta a memoria de actividades e o programa de actuación que se levaron a cabo, así como os condicionantes e as incidencias que tiveron lugar no seu desenvolvemento.

Tamén se pode valora-la importancia estratéxica para o sector de actividade e para a comarca de implantación, así como a propia dimensión e estructura organizativa da APA cando foi recoñecida e ó final do exercicio para o que se solicita a axuda.

Artigo 9º.-Tramitación.

1. Os servicios de Industrialización e Comercialización Agroalimentaria de cada delegación provincial desta consellería revisarán e comprobarán se os expedientes de solicitude presentados reúnen os requisitos fixados na normativa, facendo os controis que consideren necesarios.

Seguidamente remitirán o expediente orixinal ó Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, xunto co informe-proposta correspondente.

2. Cando os expedientes de solicitude non estean debidamente cubertos, non conteñan a documentación esixida ou presenten defectos corrixibles, requiriranse os interesados para que nun prazo máximo de dez días emenden os erros ou acheguen os documentos preceptivos, coa advertencia de que de, non o facer, se terá por desistido da súa petición e se arquivará a solicitude, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto

no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Concesión.

1. Unha vez revisadas e analizadas as solicitudes elaboraranse as propostas de concesión da subvención, onde figurará o seu importe previsto, de acordo co establecido na normativa e segundo a dotación orzamentaria existente para esta liña de axudas.

2. As propostas de concesión comunicaránselles ás agrupacións de productores beneficiarias, solicitándolles á vez que presenten a documentación que se especifica no artigo 13º desta orde, para os efectos de proceder ó pagamento das subvencións.

3. A consellería resolverá as peticións de axuda solicitadas, seguindo a orde de presentación dos expedientes, unha vez que estean completos e debidamente cubertos.

4. O prazo para resolver será de seis meses, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas unha vez transcorrido o devandito prazo sen recaer resolución expresa.

Artigo 11º.-Financiamento.

As subvencións concedidas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.04.615-A.470.0 fomento do asociacionismo agrario, dotada inicialmente cun importe de catrocentos corenta e dous millóns setecentas dezaseis mil catrocentas oitenta e catro (442.716.484) pesetas así como con outros remanentes que puidesen existir na mesma aplicación.

Artigo 12º.-Compatibilidade.

As axudas consideradas nesta orde son compatibles con calquera outra, dentro dos límites establecidos na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 13º.-Pagamento.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das agrupacións de productores agrarios beneficiarias, unha vez que se comprobe que o expediente está correcto.

2. Para proceder ó pagamento da subvención concedida é imprescindible que previamente as APAS beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Certificación da APA, na que se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

b) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa Administración pública desta comunidade autónoma.

c) Certificación de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais.

d) Certificación de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

3. Coa proposta de concesión das axudas que se regulan nesta orde poderase solicita-la documentación adicional de carácter complementario que se considere

necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

Artigo 14º.-Seguimento e control.

1. As agrupacións de productores beneficiarias deberán comunicarlle á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, con antelación suficiente, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente ó destino ou á correcta aplicación da subvención concedida.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, deberán permitir que a devandita dirección xeral, ou en quen ela delegue, realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As entidades beneficiarias quedan obrigadas ó reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5. No caso de que as APAS beneficiarias desta axuda non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, aplicaráselle-lo establecido no artigo 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición adicional

A concesión das subvencións quedará condicionada ás posibles observacións ou modificacións formuladas pola Unión Europea como consecuencia da notificación deste réxime de axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las disposicións complementarias necesarias para a correcta aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria