Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 10 de abril de 2001 Páx. 4.825

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 76/2001, do 29 de marzo, polo que se constitúe un dereito de superficie e se cede un dereito real de uso, a título gratuíto, sobre os terreos e as edificacións, respectivamente, que forman parte do inmoble sito na rampla de Claudio López, 19, no termo municipal de Lugo, a favor da Asociación Provincial de Padres de Minusválidos Psíquicos de Lugo.

Con data 2 de novembro de 1994 asinouse a escritura pública de cesión gratuíta do dereito real de uso do inmoble coñecido como Casa de Reforma e Hospicio, sito na rampla de Claudio López, número 19, no termo municipal de Lugo, á Asociación Provincial de Padres de Minusválidos Psíquicos (ASPNAIS), feita a través do Decreto 187/1994, do 10 de xuño (DOG nº 121, do 24 de xuño) para centro ocupacional e fogar de minusválidos psíquicos adultos.

Con data 25 de abril de 2000, a Asociación Provincial de Padres de Minusválidos Psíquicos, (ASPNAIS) de Lugo solicitou a modificación da antedita cesión con motivo da necesidade da construcción dun centro da terceira idade para minusválidos psíquicos.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda tramitou o expediente de modificación da cesión do uso vixente e a constitución, a título gratuíto, dun dereito de superficie sobre os terreos que forman parte do inmoble descrito, de acordo co previsto nos artigos 30 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 83 e seguintes do seu Regulamento, 158 e 159 da Lei 1/1997, do solo de Galicia e 16 do Regulamento hipotecario.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de marzo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Acórdase a constitución, a título gratuíto, dun dereito de superficie, logo da correspondente segregación, sobre os terreos do inmoble coñecido como Casa de Reforma e Hospicio, sito na rampla de Claudio López, número 19, no termo municipal de Lugo, a favor da Asociación Provincial de Padres de Minusválidos Psíquicos (ASPNAIS), que a seguir se describe:

Casa da Reforma e casa berce, sita na rampla de Claudio López 19, termo municipal de Lugo, composto na actualidade dun edificio principal e outras edificacións accesorias, cunha superficie total construída de tres mil seiscentos seis metros cadrados, que se sitúan sobre unha parcela de aproximadamente oito mil setecentos cincuenta metros cadrados de extensión superficial. Linda: ó norte, rampla de Claudio López; ó sur e ó oeste, rúa de Juan Rico e ó leste, José Vilanova.

O inmoble descrito está inscrito no Rexistro da Propiedade nº 1 de Lugo, no tomo 1.104 do arquivo, libro 665 de Lugo, folio 13, predio nº 18349, inscrición 2ª.

A constitución do dereito de superficie queda suxeita ás seguintes circunstancias:

1. O destino da construcción será a instalación dun centro da terceira idade para minusválidos psíquicos.

2. O prazo de duración do dereito de superficie será de 75 anos.

3. O fin para o que se constitúe o dereito de superficie deberá cumprirse no prazo máximo de cinco anos.

Artigo 2º.

Acórdase a cesión, a título gratuíto, do dereito real de uso, logo da correspondente segregación, sobre as edificacións existentes no inmoble descrito no artigo 1º, a favor da antedita asociación.

As cláusulas que rexerán a cesión de uso serán as seguintes:

1. O fin da cesión será a dedicación do inmoble a centro ocupacional e fogar de minusválidos psíquicos adultos.

2. A cesión outórgase por un período de dez anos contados desde a sinatura da correspondente escritura pública. O dito prazo prorrogarase por períodos sucesivos de igual duración se así o acordase expresamente o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario, con anterioridade ó vencemento do período anterior, quedando excluída a tácita reconducción.

3. Se ó inmoble cedido non se lle dera o destino ou fin sinalado, dentro do prazo dun ano contado desde a data da escritura pública, deixase de dárselle o dito destino con posterioridade, ou se incumprisen calquera das cláusulas da escritura, considerarase resolta a presente cesión e reverterá o dereito agora cedido á Administración da Comunidade Autónoma, de conformidade co disposto no artigo 87 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

4. Os gastos de conservación e administración do inmoble serán por conta da entidade cesionaria, así como tódalas obras de reparación, que requirirán presentación de proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

5. A entidade cesionaria subscribirá un seguro de danos e responsabilidade civil do que será beneficiaria a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.

En razón do carácter gratuíto tanto da cesión de uso, como da constitución do dereito de superficie, a Asociación Provincial de Padres de Minusválidos Psíquicos (ASPNAIS) quedará obrigada a paga-las contribucións e impostos que graven o inmoble do que se cede o uso, así como os gastos e impostos de formalización das oportunas escrituras públicas e os de outorgamento da preceptiva licencia municipal de segregación.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vintenove de marzo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda