Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 10 de abril de 2001 Páx. 4.818

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 75/2001, do 22 de marzo, sobre control sanitario da publicidade, promoción, subministración, venda e consumo de productos do tabaco.

O artigo 43 da Constitución española recoñece o dereito á protección da saúde e establece a competencia dos poderes públicos para organizar e tutela-la saúde pública.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Xunta de Galicia, nos artigos 27.23º e 33, respectivamente, a competencia exclusiva en materia de asistencia social e o desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

Mediante a Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, a Administración autónoma de Galicia, consciente da transcendencia que reviste na actualidade o problema das drogodependencias, regula as actuacións, tanto preventivas como paliativas, precisas para incidir de forma efectiva sobre as dependencias e os seus efectos, e consecuentemente procede, nos artigos 11 e seguintes, ó establecemento de medidas limitativas e prohibitivas destinadas a reduci-la oferta, a subministración, a venda, e polo tanto o consumo dos productos do tabaco, e préstalle atención fundamental, no establecemento das limitacións e prohibicións ó consumo, a un dato obxectivo: á idade dos consumidores.

Nesta mesma liña reductora, tendo en conta a influencia da publicidade sobre os hábitos dos cidadáns e de acordo co previsto no artigo 27.31º do Estatuto de autonomía, que lle atribúe á nosa comunidade a competencia exclusiva en materia de publicidade sen prexuízo das normas dictadas polo Estado para sectores e medios específicos, faise necesario restrinxir aquela que teña por obxecto promocionar ou incentiva-lo consumo dos productos do tabaco, de acordo co previsto nos artigos 11 e 12 da Lei 2/1996, que establecen determinadas restriccións ás actividades de promoción destas substancias.

Por outra banda, o cumprimento das limitacións e prohibicións recollidas neste decreto esixe unha axeitada sinalización delas que permita o seu coñecemento e cumprimento por toda a sociedade en xeral e, en particular, por aqueles grupos sometidos a un maior risco de consumo, dada a presión do contorno que os rodea, como son a xuventude e a infancia.

De acordo co disposto no artigo 35.1º da Lei 2/1996, existe tamén a necesidade de concreta-lo corpo ó que lle corresponderá a inspección e control do cumprimento das prescricións recollidas nesta, relativas ás restriccións á venda, consumo e actividades promocionais e publicitarias dos productos do tabaco e á supervisión dos lugares e locais nos que se consuman, vendan ou subministren aqueles.

Nos capítulos II, III e IV do título IV da mencionada Lei 2/1996 regúlase o réxime sancionador e recóllense as infraccións e as sancións administrativas no ámbito das drogas, entre as que se comprende o tabaco, polo que se fai aconsellable delimitar neste decreto as accións e omisións que constitúen infraccións, así como a súa cualificación, as sancións que se vaian impoñer e os órganos competentes para iso.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, de acordo co dictame do Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de marzo de dous mil un,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Conceptos básicos

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación do control sanitario da publicidade, promoción, subministración, venda e consumo de productos do tabaco.

Artigo 2º.-Definicións.

1. Conceptos xerais.

Para efectos deste decreto enténdese por:

a) Productos do tabaco: os destinados a ser fumados, inhalados, chupados ou mastigados, sempre que estean constituídos, aínda que só sexa en parte, por tabaco. Considéranse incluídos tódolos productos constituídos por tabaco en forma de po ou baixo calquera outro aspecto que suxira un producto comestible.

b) Alcatrán: o condensado de fume bruto, anhídrido exento de nicotina.

c) Nicotina: os alcaloides nicotínicos.

d) Punto de venda de productos do tabaco: calquera lugar no que se vendan productos do tabaco.

2. Conceptos específicos da publicidade e promoción dos productos do tabaco.

Para efectos deste decreto enténdese por:

a) Venda: toda transmisión onerosa na que o comprador adquira productos do tabaco, incluídas as realizadas coas novas tecnoloxías e por medio de máquinas automáticas. A venda estará suxeita ás limitacións establecidas no título II desta norma.

b) Subministración: abastecemento de productos do tabaco a título oneroso ou gratuíto. A subministración suxeitarase ás mesmas limitacións cá venda.

c) Consumo: acción de fumar, inhalar, chupar ou mastigar productos constituídos total ou parcialmente por tabaco. O consumo estará sometido ás limitacións establecidas no título III.

d) Publicidade dos productos do tabaco: sen prexuízo do disposto no artigo 2 da Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade, calquera tipo de comunicación comercial que teña como obxectivo ou efecto directo ou indirecto a promoción dun producto do tabaco.

e) Publicidade directa: calquera que sexa o medio no que se difunda, aquela que, a través da imaxe ou do son, invite ou induza de maneira inequívoca ó consumo de productos do tabaco.

f) Publicidade indirecta: aquela que, sen mencionar directamente os productos, utilice marcas, símbolos, grafismos ou outros trazos distintivos de tales productos ou de empresas que nas súas actividades principais ou coñecidas inclúan a súa producción ou comercialización.

g) Promoción: toda acción tendente a eleva-la súa consideración ou facer vale-los ditos artigos ou as súas cualidades e fomenta-lo seu consumo.

h) Patrocinio: calquera contribución, pública ou privada, a un acontecemento ou actividade que teña como obxectivo ou efecto directo ou indirecto a promoción dun producto do tabaco.

Artigo 3º.-Publicidade e patrocinio.

1. Queda prohibida toda clase de publicidade de tabaco polos centros emisores de radio e televisión situados en Galicia.

2. Nos xornais, revistas e demais publicacións que se editen na Comunidade Autónoma non poderá facerse publicidade do tabaco na primeira páxina, nas destinadas a deportes e pasatempos e naquelas seccións que, polo seu contido, estean orientadas preferentemente a menores de 18 anos.

Artigo 4º.-Promoción e distribución de mostras.

Está expresamente prohibida a distribución ós menores de 18 anos de mostras de productos do tabaco ou de productos que supoñan unha publicidade indirecta deste, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, sexan ou non gratuítas, incluída a entrega como premio ou recompensa en actividades lúdicas recreativas, xogos de azar, destreza ou análogos, ou como resultado de actividades promocionais doutros productos.

TÍTULO II

Das limitacións á venda de productos do tabaco

Artigo 5º.-Etiquetaxe de envases.

No relativo ós límites máximos de nicotina e alcatrán dos productos do tabaco, así como ó contido e características das advertencias xerais e específicas impresas na etiquetaxe das unidades de envasado, haberase que ater ó disposto na normativa vixente na materia.

Artigo 6º.-Advertencia xenérica.

Nos establecementos de venda de productos do tabaco deberá figurar, nun lugar visible, un cartel no que se indique que: «As autoridades sanitarias advirten que o uso do tabaco é prexudicial para a saúde», nos termos recollidos neste decreto.

Artigo 7º.-Venda de productos do tabaco.

1. Non se permitirá a venda nin a subministración de productos do tabaco ós menores de 18 anos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Tampouco se permitirá a distribución de productos que o imiten ou induzan ó hábito de fumar e sexan nocivos para a saúde dos menores da citada idade. Nos puntos de venda ou subministración instalaranse sinais indicativos desta prohibición.

2. A expedición de productos do tabaco por medio de máquinas automáticas só se poderá realizar en lugares cerrados, carecendo desta consideración as áreas anexas e de acceso previo ós locais e establecementos, tales como as zonas de cortavento, porches, pórticos, vestíbulos, soportais ou superficies similares que, podendo ser parte do inmoble, non constitúen propiamente o seu interior; estará prohibida, en xeral, en calquera lugar onde o responsable non teña o control do acceso á máquina ou o acceso poida realizarse directamente desde o exterior.

Tampouco terán a consideración de lugares cerrados os corredores e distribuidores dos centros e áreas comerciais onde, se é o caso, radiquen os locais e establecementos.

3. O uso destas máquinas estará prohibido ós menores de 18 anos, responsabilizándose o titular do establecemento onde se atopen do cumprimento desta norma. Esta prohibición deberá constar na superficie frontal de tales máquinas, nun lugar onde non se poida retirar, onde figurará tamén unha indicación de que o tabaco é prexudicial para a saúde, nos termos recollidos neste decreto.

4. Prohíbese a posta no mercado de tabaco de uso oral.

Artigo 8º.-Lugares con prohibición de venda.

1. Queda prohibida a venda e subministración de productos do tabaco nos seguintes lugares:

a) Nos centros sanitarios, sociosanitarios e as súas dependencias, entendendo por tales os recollidos no Decreto 99/1984, do 7 de xuño, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios, e na Orde do 7 de maio de 1997, de concertación e acreditación de centros sociosanitarios ou normativa que as substitúa.

b) Nos centros docentes de educación preescolar, infantil, primaria, secundaria, especial, e, en xeral, en todo centro educativo onde se impartan ensinanzas específicas para os menores de 18 anos.

c) Nos centros culturais, tendo tal consideración aqueles nos que se realicen actividades de contido cultural, ben sexan de esparexemento, estudio, investigación ou deportivas.

d) En tódolos locais e centros destinados preferentemente a menores de 18 anos.

e) Nas instalacións e centros deportivos.

f) Locais onde se elaboren, transformen, preparen ou vendan alimentos, excepto nos destinados preferentemente ó seu consumo.

2. En xeral, en relación co artigo 32 do R.D. 1199/1999, do 9 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 13/1998, do 4 de maio, de ordenación do mercado de tabacos e normativa tributaria, e se regula o estatuto concesional da rede de expendedorías de tabaco e timbre, prohíbese a venda ou subministración de productos do tabaco en tódolos lugares onde exista a prohibición legal de fumar.

TÍTULO III

Das limitacións ó consumo dos productos do tabaco

Artigo 9º.-Prevalencia do dereito á saúde dos non fumadores.

De conformidade cos artigos 25.2º da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, 2 da Lei 2/1996,

do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, e 1 do Real decreto 192/1988, do 4 de marzo, sobre limitacións na venda e uso do tabaco para a protección da saúde da poboación, declárase o tabaco substancia nociva para a saúde das persoas. Deberá prevalecer, polo tanto, en caso de conflicto, a saúde dos non fumadores sobre o dereito dos fumadores a consumir productos do tabaco en todos aqueles lugares e circunstancias nos que se poida ver afectado o dereito á saúde dos primeiros.

Artigo 10º.-Lugares con prohibición de consumo.

Está prohibido fumar en:

a) Ámbito sanitario.

Nos hospitais e demais centros sanitarios, sociosanitarios e de servicios sociais, excepto en patios, zonas exteriores ou porticadas e nas áreas específicas que determine a dirección do centro.

As zonas ou áreas nas que se lle autorice fumar ó persoal do centro deberán ser independentes e estar separadas das que se habiliten para o efecto para os usuarios dos servicios e os visitantes, exceptuando aquelas nas que lles estea permitido fumar a ambos, como é o caso das cafeterías. En todo caso, deberán posuír unha ventilación suficiente.

Tanto as áreas autorizadas como as prohibidas deberán estar expresa e debidamente sinaladas, nos termos recollidos neste decreto.

b) Ámbito laboral.

1. Nos centros de traballo onde os contaminantes industriais, ó se combinar coa nocividade dos productos do tabaco, incrementen o risco de que a saúde do traballador se vexa prexudicada.

2. Nas áreas laborais nas que se atopen mulleres embarazadas.

3. Nas oficinas das administracións públicas establecidas en Galicia destinadas á atención directa ó público.

4. Nos locais onde se elaboren, transformen, preparen ou vendan alimentos, excepto nos destinados principalmente ó consumo deles.

c) Ámbito dos medios de transporte.

1. Existirá prohibición absoluta de fumar en tódolos vehículos ou medios de transporte colectivo urbano e interurbano, así como os destinados ó transporte sanitario. Terán a consideración de vehículos de transporte colectivo os funiculares e teleféricos.

2. Nos transportes ferroviarios e marítimos que discorran polo territorio da Comunidade Autónoma non se permitirá fumar, excepto na cuberta ó aire libre. Non obstante, poderán reservarse vagóns ou camarotes completos ou departamentos para fumadores, incluíndo cabinas de liteiras e camas utilizadas por máis dunha persoa, sempre en contía igual ou inferior ó 36 por 100 do total de prazas.

3. En tódolos medios de transporte colectivo deberá figurar sinalizada de xeito expreso a prohibición de fumar, nos termos recollidos neste decreto.

4. Será competencia das autoridades locais o establecemento da prohibición de fumar en vehículos autotaxis pertencentes ó seu termo municipal cando

se atopen ocupados por viaxeiros. En ausencia da prohibición expresa, deberá entenderse prevalente o dereito do non fumador, xa sexa este o pasaxeiro ou o conductor do vehículo.

d) Ámbito docente.

1. Nos centros docentes só se poderá fumar nas áreas expresamente reservadas para o efecto polo órgano de dirección daqueles. Estas zonas deberán posuír unha ventilación suficiente, estar debidamente sinalizadas nos termos recollidos neste decreto e serán, en todo caso, diferentes das sinaladas no número seguinte e tendo o acceso restrinxido ós menores de 18 anos.

2. Serán zonas expresamente prohibidas as aulas, laboratorios, seminarios, corredores e lugares de acceso, tanto en período lectivo como non lectivo.

e) Outros ámbitos.

Tampouco se permitirá fumar en:

1. Ascensores e elevadores.

2. Museos, bibliotecas e salas de uso público xeral, de exposicións e conferencias.

3. Centros de atención á infancia e centros de atención social destinados a menores de 18 anos.

4. Salas de teatro, cinematógrafos e espectáculos públicos que se celebren en lugares cerrados, salvo que existan zonas expresamente habilitadas para os fumadores, de acordo co establecido neste decreto.

5. Locais comerciais de frecuente afluencia de público, coa excepción das áreas ostensiblemente sinaladas para fumadores nos termos recollidos neste decreto.

Artigo 11º.-Extensión da prohibición de consumo.

A prohibición de fumar afectará a todo o local, centro ou dependencia cando non fose posible delimitar lugares alternativos para fumadores, advertíndoo mediante unha axeitada sinalización.

Sen prexuízo do disposto neste decreto, o titular dun centro, local ou establecemento aberto ó público pode establece-la prohibición de fumar nel, do que se informará ós usuarios mediante a adecuada sinalización.

Nos centros de traballo ou áreas laborais nos que non estea permitido fumar constará esta prohibición de forma expresa.

Artigo 12º.-Responsables da sinalización das limitacións.

Os titulares dos medios de transporte, locais, establecementos ou responsables dos centros mencionados nos artigos 7º, 8º, 9º e 10º deste decreto estarán obrigados a sinalizar adecuadamente as limitacións e prohibicións e serán responsables do estricto cumprimiento destas normas.

TÍTULO IV

Da sinalización das medidas limitativas e prohibicións de venda e consumo de productos do tabaco

Artigo 13º.-Prohibición de venda.

1. Os estancos e outros establecementos onde se vendan ou subministren productos do tabaco terán fixado un cartel sinalizador co seguinte texto: «Pro

hibida a venda de tabaco ós menores de 18 anos. Artigo 13 da Lei 2/1996, de Galicia sobre drogas».

2. Os carteis sinalizadores situaranse detrás do mostrador, nun lugar perfectamente visible.

Artigo 14º.-Prohibición de consumo.

1. As máquinas automáticas de venda de tabaco terán fixado, na súa superficie frontal e nun lugar perfectamente visible, de modo que non se poida retirar, un cartel co seguinte texto: «Prohibida a venda de tabaco ós menores de 18 anos. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais advirte que o uso do tabaco é prexudicial para a saúde. Artigo 13 da Lei 2/1996, de Galicia sobre drogas».

2. Nos lugares sinalados no artigo 10º deste decreto onde estea prohibido fumar, situaranse nun lugar perfectamente visible carteis sinalizadores co texto: «Non está permitido fumar. Espacio sen tabaco. Lei 2/1996, de Galicia sobre drogas».

3. Naqueles lugares nos que estea autorizada a habilitación de espacios para fumadores segundo o artigo 10º deste decreto, situaranse en lugar visible carteis sinalizadores co seguinte texto: «Espacio reservado a fumadores. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais advirte que o uso do tabaco é prexudicial para a saúde. Lei 2/1996, de Galicia sobre drogas».

4. Nos medios de transporte colectivo fixaranse, nun lugar visible, rótulos sinalizadores con iconografía que indique a prohibición de fumar e o seguinte texto: «Real decreto 1293/1999».

Artigo 15º.-Responsables da sinalización.

O incumprimento do previsto nos artigos precedentes será responsabilidade dos titulares, directores ou persoas que ocupen postos análogos nas entidades, centros, locais, empresas e demais establecementos que se aluden nesta norma. No caso de máquinas expendedoras automáticas, a responsabilidade derivada da comisión de feitos cualificados como infraccións recaerá sobre o propietario ou encargado do establecemento en que se atopen.

Artigo 16º.-Follas de reclamacións.

Os titulares dos medios de transporte, locais e establecementos ou, se é o caso, os directores de centros estarán obrigados a contar cun libro ou follas de queixas ou reclamacións ó dispor dos usuarios, que se rexerán segundo o previsto no Decreto 375/1998, do 23 de decembro, polo que se regulan as follas de reclamacións dos consumidores e usuarios.

Artigo 17º.-Funcións da inspección.

1. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais será responsable do exercicio das funcións de inspección, vixilancia e control do cumprimento do disposto neste decreto, a través das unidades dos corpos facultativo superior e medio da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e Administración sanitaria.

2. Os delegados provinciais habilitarán o persoal necesario da referida escala, expedindo as correspondentes acreditacións.

TÍTULO V

Infraccións e sancións

Artigo 18º.-Infraccións.

Constitúen infraccións administrativas á Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas,

as accións e omisións tipificadas como tales no artigo 37 da citada lei e na normativa concordante vixente nesta materia.

Artigo 19º.-Cualificación das infraccións.

De acordo co previsto no artigo 37 da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, as infraccións a ela cualifícanse como leves, graves ou moi graves.

1. Constitúen infraccións leves:

a) O incumprimento das obrigas de carácter formal ou de sinalización externa das limitacións ou prohibicións en materia de venda, subministración e consumo de productos do tabaco que determine a normativa vixente en materia de drogodependencias, de acordo co previsto no artigo 37.2º a) da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, entendéndose incluído o incumprimento das previsións dos reais decretos 510/1992, do 14 de maio, e 1185/1994, do 3 de xuño.

b) Todas aquelas que se cometan por simple neglixencia e non comporten un prexuízo directo para a saúde individual ou colectiva, de acordo co previsto no artigo 37.2º b) da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

c) O mero atraso no cumprimento das obrigas de información, comunicación ou comparecencia por requirimento da autoridade competente, de acordo co previsto no artigo 37.2º c) da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

d) A neglixencia no almacenamento, colocación ou custodia dos productos do tabaco nos locais onde se realice a súa venda ou subministración, de xeito que se posibilite o acceso ou consumo ás referidas substancias por persoas menores das idades legalmente establecidas. Este suposto considérase como un dos previstos no artigo 35 A) 2ª da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

e) O incumprimento do disposto nos artigos 6º, 7º.1 nos seus dous últimos incisos; 7º.4; 8º.1 f) e 8º.2 deste decreto.

f) Calquera outro incumprimento do prescrito na Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, que non se tipifique como infracción grave ou moi grave, de acordo co previsto no seu artigo 37.2º d) dela.

2. Constitúen infraccións graves:

a) O incumprimento do disposto nos artigos 11, 12, números 1º, 2º, 3º, e 4º, e 13 da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, en materia de publicidade e promoción do tabaco. En particular, considéranse infraccións graves aquelas conductas que vulneren o previsto polos artigos 7.1º primeiro inciso, 7.2º e 3º, e 8.1º a), b), c), d), e) e g) deste decreto, de acordo co previsto no artigo 37.3º a) da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

b) A negativa ou resistencia a prestar colaboración ou facilita-la información requirida polas autoridades competentes, así como a subministración de información inexacta ou documentación falsa, de acordo co disposto no artigo 37.3º b) da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

c) As accións ou omisións que perturben, obstrúan ou impidan de forma grave o desempeño da actividade inspectora e de control da Administración, así como as ofensas graves ás autoridades e axentes encargados daquela en materias relacionadas coa Lei de Galicia sobre drogas, de acordo co disposto no artigo 37.3º c) da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

d) Aquelas que sexan concorrentes con infraccións sanitarias leves ou servisen para facilitar ou encubri-la súa comisión, de acordo co disposto no artigo 37.3º g) da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

e) A distribución gratuíta de mostras de productos do tabaco, considerado como suposto dos previstos no artigo 35 B) 1º da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

f) As actividades de promoción de productos do tabaco realizadas por correo, teléfono ou mediante a distribución de información nas caixas de correos e, en xeral, mediante calquera mensaxe que se envíe a domicilio, cando a dita publicidade se dirixa especificamente a menores de idade, considerado como suposto dos previstos no artigo 35 B) 1º da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

g) A reincidencia na comisión de infraccións leves nos últimos 3 meses, de acordo co previsto no artigo 35 B) 7ª da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e 37.3º h) da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

3. Constitúen infraccións moi graves:

a) A negativa absoluta a facilitar información ou prestar colaboración ós servicios de control e inspección e o falseamento da información subministrada, de acordo co previsto no artigo 37.4º b) da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

b) O incumprimento reiterado dos requirimentos específicos que formulen as autoridades sanitarias, de acordo co previsto no artigo 37.4º c) da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

c) A resistencia, coacción, ameaza, represalia, desacato ou calquera outra forma de presión que se exerza sobre as autoridades sanitarias ou os seus axentes na súa actividade de control ou inspección, de acordo co previsto no artigo 37.4º e) da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

d) Aquelas que sexan concorrentes con outras infraccións sanitarias graves ou que servisen para facilitar ou encubri-la súa comisión, de acordo co previsto no artigo 37.4º j) da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

e) A comercialización de productos do tabaco que non incorporen nas súas unidades de envasado a advertencia xeral: «As autoridades sanitarias advirten que o tabaco prexudica seriamente a saúde», de acordo co previsto no artigo 2.1º e na disposición adicional 2ª do Real decreto 1185/1994, do 3 de xuño, de etiquetaxe de productos distintos dos cigarros, prohibición de determinados tabacos de uso oral e actualización do réxime sancionador. Este suposto considérase como un dos previstos no artigo 35 C) 1ª e 2ª da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

f) A comercialización de productos do tabaco que non incorporen nas súas unidades de envasado as advertencias específicas recollidas no anexo I do Real decreto 1185/1994, do 3 de xuño, de etiquetaxe de productos distintos dos cigarros, prohibición de determinados tabacos de uso oral e actualización do réxime sancionador. Estas advertencias específicas deberán ir sempre precedidas da mención: «As autoridades sanitarias advirten...:», con independencia de que tales advertencias se impriman só en castelán ou en galego e castelán conxuntamente, de acordo co previsto na disposición adicional 1ª do citado real decreto. Calquera incumprimento cometido neste ámbito considérase como suposto dos previstos no artigo 35 C) 1ª e 2ª da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

g) A posta no mercado de tabaco de uso oral, de acordo co previsto no artigo 5 do Real decreto 1185/1994, do 3 de xuño, de etiquetaxe de productos distintos dos cigarros, prohibición de determinados tabacos de uso oral e actualización do réxime sancionador, suposto este considerado como un dos previstos no artigo 35 C) 1ª da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

h) A reincidencia na comisión de faltas graves nos últimos cinco anos, de acordo co previsto no artigo 35 C) 8ª da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e 37º.4º h) da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

Artigo 20º.-Concorrencia de infraccións.

Se un só feito constitúe dúas ou máis infraccións administrativas só se impoñerá a sanción que corresponda á de maior gravidade, no seu grao medio ou máximo, dependendo da gravidade das infraccións cometidas, e atendendo ós criterios de gradación sinalados no artigo seguinte.

Artigo 21º.-Gradación das sancións.

As infraccións na materia regulada neste decreto sancionaranse nos graos mínimo, medio ou máximo, atendendo á gravidade da infracción, á natureza dos prexuízos causados, ó risco para a saúde e á intencionalidade ou reiteración se existisen, nos termos fixados no artigo 38 da Lei de Galicia sobre drogas.

a) Infraccións leves:

Multa de ata 500.000 pesetas, nos seguintes graos:

-Mínimo: ata 100.000 pesetas.

-Medio: de 100.001 ata 250.000 pesetas.

-Máximo: de 250.001 ata 500.000 pesetas.

b) Infraccións graves:

Multa de 500.001 ata 2.500.000 pesetas, nos seguintes graos:

-Mínimo: de 500.001 ata 1.000.000 de pesetas.

-Medio: de 1.000.001 ata 1.750.000 pesetas.

-Máximo: de 1.750.001 ata 2.500.000 pesetas.

c) Infraccións moi graves:

Multa de 2.500.001 ata 100.000.000 de pesetas, nos seguintes graos:

-Mínimo: de 2.500.001 ata 20.000.000 de pesetas.

-Medio: de 20.000.001 ata 50.000.000 de pesetas.

-Máximo: de 50.000.001 ata 100.000.000 de pesetas.

d) Nos casos de especial gravidade, con transcendencia notoria e grave para a saúde, o Consello de la Xunta de Galicia poderá acorda-lo peche temporal do establecemento, instalación ou servicio por un prazo máximo de cinco anos.

e) Nestes casos ós que se refire o punto anterior, poderá impoñerse como sanción complementaria a suspensión, cancelación ou supresión de calquera tipo de axudas ou subvencións de caracter económico que o particular ou a entidade infractora obtivesen ou tivesen solicitadas da Administración autonómica galega.

f) Non terán carácter de sanción a clausura ou o peche de centros, establecementos ou servicios que non conten coas autorizacións administrativas preceptivas, ou a suspensión das actividades mentres non se emenden os defectos ou se cumpran os requisitos esixidos.

Artigo 22º.-Competencia sancionadora.

1. A competencia para a imposición de sancións corresponderalles ós seguintes órganos:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para as sancións leves.

b) Ó secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para as sancións graves.

c) Ó conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, para as sancións graves en contía igual ou inferior ós 50.000.000 de pesetas.

d) Ó Consello da Xunta de Galicia correspóndelle:

a') Impoñe-las sancións previstas pola comisión de faltas moi graves de contía superior ós 50.000.000 de pesetas.

b') Acorda-lo peche temporal, por un prazo máximo de cinco anos, do establecemento, instalación ou servicio infractor.

c') Así mesmo, poderán impoñe-la sanción complementaria de supresión, cancelación ou suspensión de calquera tipo de axuda ou subvención de carácter financeiro que o particular ou a entidade infractora obtivese ou tivese solicitada da Administración pública galega.

2. Nos supostos de pluralidade de infraccións correspondentes á mesma materia, será órgano competente para a imposición de sancións o que o sexa para impoñe-la de maior contía.

Artigo 23º.-Caducidade do procedemento.

Se non recaese resolución expresa transcorridos seis meses desde a iniciación do procedemento sancionador, tendo en conta as posibles interrupcións do seu cómputo por causas imputables ós interesados ou pola suspensión do procedemento á que se refiren os artigos 5 e 7 do Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se regula o procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, producirase a caducidade segundo o establecido no artigo 44.2º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 24º.-Medidas provisionais ou cautelares.

Iniciado o expediente sancionador, o órgano competente poderá adopta-las medidas provisionais ou cautelares imprescindibles tendentes á salvagarda da saúde, seguridade e protección das persoas, así como a suspensión ou clausura preventiva de servicios, establecementos e centros ou a retirada preventiva de autorizacións, permisos, licencias e outros títulos expedidos polas autoridades administrativas, nos termos que autorice a lexislación vixente.

Artigo 25º.-Instrucción de expedientes.

As infraccións en materia de tabaco sancionaranse administrativamente, logo de instrucción do correspondente expediente e sen prexuízo das responsabilidades penais ou doutra orde nas que se puidese incorrer.

Artigo 26º.-Competencia sancionadora.

A Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia exercerá as competencias sancionadoras que lle confire o artigo 39 da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, conforme o previsto no título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

Artigo 27º.-Atribución de competencia para a instrucción de procedementos.

Atribúeselles ás delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a competencia para a instrucción dos procedementos sancionadores relativos ás materias reguladas neste decreto que se tramiten ó abeiro do disposto na Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

Artigo 28º.-Recursos.

Contra as resolucións dos delegados provinciais e do secretario xeral, recaídas nos procedementos sancionadores, caberá interposición polos interesados de recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, de acordo co disposto no artigo 114.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e o artigo 34.7º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

As resolucións dictadas polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e polo Consello da Xunta de Galicia esgotan a vía administrativa.

Disposición adicional

As dimensións, características e prazo para a instalación dos carteis e rótulos sinalizadores determinarase por orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposición transitoria

Os expedientes sancionadores que comezasen a tramitarse ó abeiro da lexislación anterior a este decreto continuarán tramitándose ata a súa resolución final conforme aquela.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 113/1993, do 12 de maio, polo que se establecen normas de protección da saúde da poboación na promoción, venda e consumo de tabaco, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto, que entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de marzo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais