Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 02 de abril de 2001 Páx. 4.203

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2001 pola que se lle outorga á Sociedad Cooperativa Limitada Ría de Arosa permiso de actividade e concesión para a posta en funcionamento dun establecemento de cultivos mariños no lugar de Portomouro, Abanqueiro, Boiro (A Coruña).

Visto o expediente instruído para efectos de outorgamento do permiso de actividade e concesión para a explotación dun criadeiro, apreciáronse os seguintes

A) Feitos:

Primeiro: mediante escrito do 30 de setembro de 1997, José Manuel Fernández Outeiral, con nº DNI: 33.214.101, en representación de Sociedad Cooperativa Limitada Ría de Arosa, solicitou permiso de actividade e concesión para a explotación dun criadeiro de ameixa e ostra, no lugar de Abanqueiro, municipio de Boiro, provincia da Coruña.

Segundo: o interesado achegou a documentación requirida para a tramitación deste tipo de establecementos.

Terceiro: no expediente consta a seguinte documentación, referida ó resultado da información pública e tramitación oficial:

-Anuncio de información pública, inserido no BOP.

-Informe técnico biolóxico favorable.

-Informe urbanístico favorable do Concello de Boiro.

-Informe favorable sobre a ocupación do dominio público marítimo-terrestre da Dirección Xeral de Costas (Ministerio de Medio Ambiente).

-Informe favorable en materia de navegación, da Dirección Xeral da Mariña Mercante (Capitanía Marítima en Vilagarcía de Arousa).

-Informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública (Consellería de Sanidade e Servicios Sociais).

-Informe xurídico favorable do Servicio Técnico-Xurídico.

Cuarto: con data do 18 de agosto de 2000, o Ministerio de Medio Ambiente outorga a concesión para a ocupación dunha superficie de cento corenta e catro (144) metros cuadrados de dominio público marítimo-terrestre para a instalación de encanamentos de toma de auga de mar e desaugadoiro do criadeiro de moluscos.

B) Fundamentos de dereito.

Este órgano é competente para resolve-lo expediente de conformidade coa Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia (DOG nº 101), co Decreto 193/1997, do 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para os establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre (DOG nº 142), e coa Orde do 27 de marzo de 2000, pola que se regula o procedemento para o outorgamento do permiso de actividade para establecementos de cultivos mariños e auxiliares na zona terrestre (DOG nº 67).

Vistas as disposicións citadas, a proposta de resolución da Delegación Territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Coruña, o artigo 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas de xeral e pertinente aplicación, esta consellería

RESOLVE:

Outorgarlle á Sociedad Cooperativa Limitada Ría de Arosa, con CIF: F-15.210.180, permiso de actividade e concesión para a posta en funcionamento e explotación do establecemento de cultivos mariños, que se indica a continuación:

-Tipo: criadeiro.

-Nome: Sociedad Cooperativa Limitada Ría de Arosa

-Actividade: criadeiro.

-Especies: ameixa fina, ameixa babosa, ameixa xaponesa, ostra plana e ostra xaponesa.

-Capacidade: 9.000.000 de unidades de ameixa e 1.500.000 unidades de ostra, por ano.

-Localización: lugar de Portomouro, Abanqueiro, municipio de Boiro, provincia da Coruña.

-Superficies:

Dominio privado: 79,65 m.

Dominio público: 144 m.

-Nº de naves: unha.

Baixo as seguintes condicións:

Primeira: o permiso de actividade e concesión terá vixencia a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no DOG ata o 31 de outubro de 2010, tempo de duración do contrato de arrendamento do local onde vai ter lugar a actividade, prorrogable por períodos de ata dez (10) anos, sempre tendo en conta a vixencia das prórrogas do dito contrato de arrendamento, non podendo supera-lo total de trinta (30) anos, logo de solicitude do concesionario.

Segunda: as obras e instalacións que poderán dar comezo no momento no que o titular dispoña das autorizacións preceptivas dos distintos organismos competentes na materia levaranse a cabo con conforme o proxecto, subscrito en xullo de 1997, titulado Instalación para Criadero de Almeja y Ostra, elaborado polo perito industrial José Gómez Insua (colegiado nº 522), visado polo colexio profesional correspondente o día 5-8-1997, e deberán quedar totalmente rematadas no prazo dun ano, contado desde a día seguinte ó da publicación desta resolución.

Terceira: á execución das obra e instalacións e ó inicio da actividade seranlles de aplicación os artigos 5 e 6 da Orde do 27 de marzo de 2000, pola que se regula o procedemento para o outorgamento do permiso de actividade a establecemento de cultivos mariños e auxiliares na zona terrestre.

Cuarta: o establecemento non poderá destinarse a usos distintos dos autorizados. Baixo ningún concepto se poderán modifica-las instalacións sen permiso expreso desta consellería.

Quinta: o permiso de actividade e a concesión ós que se refire esta resolución extinguiranse polo incumprimento dalgunha das condicións dela, nos casos previstos no artigo 72, da Lei 6/1993, de pesca de Galicia, no Decreto 193/1997, do 5 de xuño, e na O.M. do 18 de agosto de 2000, do Ministerio de Medio Ambiente (Dirección Xeral de Costas), pola que se lle outorga a concesión para a ocupación duns cento corenta e catro (144) metros cadrados para a instalación de encanamentos de toma de agua de mar e desaugadoiro do criadeiro de moluscos.

Sexta: o outorgamento deste permiso de actividade e concesión non exime o seu titular da obtención das licencias, permisos e autorizacións legalmente procedentes.

Sétima: o titular xustificará o pagamento á Facenda Pública do imposto que grava as concesións e autorizacións (transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados) ou acreditará a declaración de non estar suxeito ó acto do dito imposto, feita pola delegación de Facenda ou oficina liquidadora correspondente.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso postestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados en ámbolos dous casos desde o día seguinte ó da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2001.

P.D. (17-12-1997, DOG nº 246, do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura