Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 02 de abril de 2001 Páx. 4.160

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 16 de marzo de 2001 pola que se convocan bolsas para a realización de prácticas en oficinas de información e promoción turística.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía requírese que, por parte das administracións públicas, se dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, está a adoptar unha serie de iniciativas para acada-los fins sinalados. Entre estas medidas está a de favorece-lo acceso a prácticas nas oficinas de información turística ós estudiantes e titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas, así como ós técnicos superiores en información e comercialización turísticas, para así procurar uns profesionais o máis preparados posible xa que unha das demandas actuais do sector é a de que cada día exista unha maior profesionalización.

Por todo isto, e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse 17 bolsas para a realización durante o verán de prácticas de promoción e información turística, unha para a Fundación Aquae Querquernae-Via Nova (en diante Fundación Aquae) e as demais distribuídas entre a oficina municipal de Ribadavia (1) e as oficinas que a Xunta de Galicia ten dedicadas a tal actividade nas localidades da Coruña (1), Santiago de Compostela (2), Lugo (1), Ourense (1), Pontevedra (1), Vigo (2), Ferrol (1), Ribeira (1), Ribadeo (1), O Carballiño (1), A Gudiña (1), Tui (1) e Vilagarcía de Arousa (1).

Artigo 2º.-Duración e dotación económica.

1. A duración das bolsas será de catro meses no caso da realización de prácticas na Fundación Aquae, concretamente os de xullo, agosto, setembro e outu

bro, de tres meses e medio (do 15 de xuño ata o 30 de setembro) nas oficinas de Santiago de Compostela e Vigo, e de dous meses e medio para as bolsas no resto das oficinas, desde o 1 de xullo ata o 15 de setembro, ambos incluídos.

2. A dotación económica da bolsa de estudio para prácticas na Fundación Aquae será dun importe de 532.000 (cincocentas trinta e dúas mil) pesetas brutas, e a dotación económica das restantes oficinas será de 5.368.000 (cinco millóns trescentas sesenta e oito mil ) pesetas brutas, fraccionándose en ámbolos dous casos o seu pagamento por mensualidades. Farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.05.751A.480.0 dos vixentes orzamentos, e comprenderá un seguro individual de accidentes.

Artigo 3º.-Requisitos dos bolseiros.

1. Poden optar ás bolsas de prácticas nas oficinas de información turística os técnicos superiores en información e comercialización turísticas, os estudiantes na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas e os titulados nela con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1997.

2. Poden optar á bolsa para a realización de prácticas na oficina da Fundación Aquae os licenciados e os técnicos en empresas e actividades turísticas.

Artigo 4º.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro/a en virtude desta orde non xerará ningún tipo de relación de carácter laboral nin contractual e tampouco dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

Artigo 5º.-Condicións xerais das bolsas.

1. O contido das tarefas que realizarán os bolseiros consiste:

a) No caso das bolsas de prácticas nas oficinas turísticas, en actividades relacionadas coa información a turistas e viaxeiros sobre aloxamento, transporte, espectáculos, gastronomía, bibliotecas, arquivos, museos, feiras, festas, romarías, exposicións e servicios en xeral, así como calquera outra manifestación que polas súas características ofreza atractivos turísticos.

b) No caso da bolsa na Fundación Aquae, en diversas actividades relacionadas coa posta en valor, difusión e promoción turística do complexo arquelóxico de Aquis Querquennis e o intinerario turístico-cultural da Vía Nova (XVIII) romana, que vai de Braga a Astorga.

2. Os beneficiarios comprométense á realización das devanditas tarefas con plena dispoñibilidade,

calquera día da semana laboral ou festivo, de acordo coas indicacións e horario que lles sinale a correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou pola dirección da Fundación Aquae, cun límite de 37 horas semanais. A persoa que obteña a bolsa para traballar na Fundación Aquae levará a cabo o plan establecido pola Dirección Xeral de Turismo, baixo as directrices que marque o presidente da citada fundación, que é o delegado da consellería en Ourense.

3. Ós bolseiros que o soliciten entregaráselles un certificado conforme realizaron as prácticas.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes serán remitidas á Dirección Xeral de Turismo, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte (20) días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cubríndose do seguinte xeito:

a) Solicitude segundo o anexo I.

b) Fotocopia cotexada, por ámbalas caras, do DNI.

c) Os estudiantes, certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións do curso 1999-2000 ou xustificante da matrícula do exame da reválida correspondente ó dito curso.

d) Os titulados, fotocopia compulsada do título ou do recibo do depósito do título e certificación académica completa ou fotocopia dela.

e) Certificacións ou fotocopias compulsadas das notas en idiomas obtidas no último ano cursado en cada idioma, en centros nacionais ou estranxeiros recoñecidos.

f) Certificacións ou fotocopias compulsadas da realización de prácticas en axencias de viaxes, hoteis, campings, congresos, museos ou calquera outra actividade relacionada co turismo ou a xestión de recursos turísticos vinculados ó patrimonio cultural.

g) Certificacións ou fotocopias compulsadas da realización de prácticas de información turística.

h) Fotocopias compulsadas de diplomas acreditativos de asistencia a cursos especializados en idiomas, informática, fondos comunitarios, xestión de bens culturais ou turismo.

i) Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, para o mesmo período.

2. Os interesados só poderán presentar unha solicitude.

3. A solicitude da bolsa implica o coñecemento e a aceptación dos termos contidos nesta orde de convocatoria.

Artigo 7º.-Criterios de selección.

1. Para a valoración das solicitudes de bolsas de estudios presentadas para prácticas nas oficinas de información turística e de la Fundación Aquae, terase en conta o seguinte baremo:

-Nota media das cualificacións, engadíndolle 0,5 puntos por curso superado e 1 punto máis ós titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas.

-0,25 puntos por curso de iniciación de galego e 0,5 polo de perfeccionamento ou título homologado.

-5,25 puntos por curso de idiomas superado (non se valorarán os inferiores a 70 horas).

-0,15 puntos por cada mes completo de prácticas desenvolvendo actividades realacionadas co turismo.

-0,35 puntos por cada mes completo de prácticas de información turística realizadas.

2. Para a selección das solicitudes presentadas para a bolsa da Fundación Aquae, valoraranse os méritos acreditados segundo o seguinte baremo.

-0,5 puntos por licenciatura nos 5 últimos anos.

-0,25 puntos polo curso de iniciación de galego e 0,5 polo de perfeccionamento ou título homologado.

-0,25 por curso de idiomas superado (non se valorarán os inferiores a 70 horas).

-0,15 por curso acreditado nalgunha das seguintes áreas: informática, fondos comunitarios, xestión de bens culturais e turismo.

-0,35 puntos por cada mes completo de prácticas en actividades relacionadas coa xestión e promoción de recursos turísticos-culturais.

3. No caso de que dous ou máis aspirantes a estas bolsas acaden a mesma puntuación no concurso para unha mesma oficina de información turística ou para a Fundación Aquae, a selección realizarase tras unha entrevista persoal cos candidatos.

4. No caso de que unha vez adxudicadas as bolsas de estudios xurdisen renuncias, adxudicaráselle automaticamente a axuda ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo xeito en renuncias consecutivas.

Artígo 8º.-Adxudicación.

As solicitudes presentadas serán valoradas de acordo cos criterios mencionados no artigo anterior, por unha comisión integrada por tres funcionarios da Dirección Xeral de Turismo: a subdirectora de Fomento e Cooperación, que a presidirá, o xefe da Sección de Cooperación e Documentación e a xefa do Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación, que actuará como secretaria.

No prazo máximo de 2 meses desde a finalización do período de presentación de instancias, exporase nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a relación de solicitantes para cada unha das oficinas, coa puntuación acadada.

Á vista da proposta de resolución da Comisión de Valoración, o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo resolverá a adxudicación das bolsas de conformidade co establecido nesta orde. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictou, ou ser impugnada directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, de acordo co artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Aceptación-renuncia das bolsas.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de cinco días naturais, comunicarán á Dirección Xeral de Turismo a aceptación ou renuncia a elas. No caso de aceptación xuntarase a esta a certificación bancaria da conta onde se aboará a bolsa de estudios. Se transcorridos os sinalados cinco días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención, declarándose concluído procedemento.

Artigo 10º.-Aboamento das axudas.

As axudas aboaranse con periodicidade mensual e na contía correspondente, unha vez que desde a Fundación Aquae, o concello de Ribadavia ou as delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo o caso, remitan informe á Dirección Xeral de Turismo sobre a asistencia regular ás prácticas e aproveitamento dos adxudicatarios.

Arrtigo 11º.-Incumprimento das obrigas.

O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, logo do trámite de audiencia ás partes, poderá anula-la axuda concedida, por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios das bolsas obxecto desta convocatoria.

Disposicións derradeiras

Primera.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma galega.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2001.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo