Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 02 de abril de 2001 Páx. 4.137

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 66/2001, do 22 de marzo, polo que se determina a documentación relativa á xustificación do cumprimento da normativa de accesibilidade e de prevención e protección contra incendios que deberán achega-los interesados nos procedementos de autorizacións turísticas.

O Parlamento de Galicia aprobou a Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia. En desenvolvemento desta lei a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, que contén tódalas normas técnicas aplicables en materia de accesibilidade.

Nese decreto regúlanse os diferentes tipos de barreiras, prevense as medidas de control e o réxime sancionador e, finalmente, establécese o código de accesibilidade que contén unha serie de parámetros de accesibilidade a través dun conxunto de normas técnicas que serven para defini-la condición de adaptado ou practicable de calquera espacio, servicio ou instalación.

No relativo ás medidas de control, o artigo 63 número 1 dese decreto dispón que os concellos e a Administración autonómica, no ámbito da súas respectivas competencias, esixirán e verificarán o cumprimento do disposto nel e na Lei 8/1997, nas aprobacións dos instrumentos urbanísticos e no outorgamento de licencias, autorizacións e cualificacións de vivendas.

Segundo o devandito decreto as instalacións hoteleiras e hostaleiras son edificacións de uso público que deberán efectua-la súa construcción, ampliación ou reforma de maneira que se garanta que resulten adaptadas para persoas con limitacións, coas excepcións e alternativas que se establecen nese regulamento e no código de accesibilidade.

Dado que a Administración turística outorga autorización de apertura e clasificación turística a varias desas instalacións hoteleiras e hostaleiras, cómpre determina-las medidas do control e da accesibilidade nelas, co fin de garanti-lo cumprimento da normativa de accesibilidade e supresión de barreiras.

Tendo en conta que as autorizacións turísticas se outorgan unha vez que as correspondentes edificacións finalizan a súa construcción ou as obras de restauración, rehabilitación, ampliación ou reforma, para o cal foi preciso contar coa preceptiva licencia municipal de obras, considérase que a Administración turística deberá esixi-la xustificación documental desta licencia municipal como medio de verifica-lo cumprimento do disposto na normativa de accesibilidade.

Por outra banda, segundo se desprende da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, as condicións de segu

ridade dos aloxamentos turísticos constitúen un dos aspectos que a Administración turística deberá ter en conta no outorgamento das clasificacións turísticas.

Ademais, tal e como se establece nesa disposición legal, os usuarios teñen dereito a ter garantida a seguridade da súa persoa nos termos establecidos na normativa vixente.

As vixentes ordes ministeriais do 25 de setembro de 1979 e do 31 de marzo de 1980 sobre prevención de incendios nos establecementos turísticos, tan só resultan aplicables a algúns aloxamentos turísticos. Por iso, co fin de dar cumprimento ó disposto na citada Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia, cómpre determinar neste decreto a documentación a achegar polos interesados en tódolos procedementos de autorización turística dos aloxamentos turísticos, co fin de garanti-lo cumprimento da normativa vixente en materia de prevención e protección contra incendios.

En consecuencia, e de conformidade co Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, que establece no artigo 27.21º a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial, e en virtude do establecido na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de marzo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Nos procedementos que a seguir se relacionan e para os efectos de obte-la preceptiva autorización turística dos establecementos turísticos de nova construcción ou que foron obxecto de restauración, rehabilitación, ampliación ou reforma, os interesados deberán achegar á solicitude, ademais da documentación que, en cada caso, determina a normativa turística, unha fotocopia compulsada da correspondente licencia municipal de obras.

-Procedemento de autorización de apertura e clasificación turística dos restaurantes e cafeterías.

-Procedemento de autorización de apertura e clasificación turística das cidades de vacacións.

-Procedemento de autorización de apertura e clasificación turística dos establecementos de turismo rural.

-Procedemento de autorización de apertura e clasificación turística dos apartamentos turísticos.

-Procedemento de autorización de apertura e clasificación turística dos establecementos hoteleiros.

-Procedemento de autorización turística de modificacións ou reformas dos restaurantes e cafeterías.

-Procedemento de autorización turística de modificacións ou reformas das cidades de vacacións.

-Procedemento de autorización turística de modificacións ou reformas dos establecementos de turismo rural.

-Procedemento de autorización turística de modificacións ou reformas dos apartamentos turísticos.

-Procedemento de autorización turística de modificacións ou reformas dos establecementos hoteleiros.

-Procedemento de autorización turística de modificacións ou reformas dos acampamentos de turismo.

Artigo 2º

Nos procedementos que a seguir se relacionan e para os efectos de obte-la preceptiva autorización turística dos establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e cidades de vacacións, os interesados deberán achegar á solicitude, ademais da documentación que en cada caso determine a normativa turística, fotocopia compulsada da licencia municipal de apertura ou, no seu defecto, da súa solicitude, á que se lle achegará o proxecto técnico, asinado por facultativo e visado polo colexio profesional correspondente, con pronunciamento expreso sobre o cumprimento da normativa vixente en materia de prevención e protección contra incendios.

-Procedemento de autorización e clasificación turística de establecementos hoteleiros.

-Procedemento de autorización e clasificación turística dos establecementos de turismo rural.

-Procedemento de autorización e clasificación turística dos apartamentos turísticos.

-Procedemento de autorización e clasificación turística das cidades de vacacións.

-Procedemento de autorización turística de modificacións ou reformas de establecementos hoteleiros.

-Procedemento de autorización turística de modificacións ou reformas dos establecementos de turismo rural.

-Procedemento de autorización turística de modificacións ou reformas dos apartamentos turísticos.

-Procedemento de autorización turística de modificacións ou reformas das cidades de vacacións.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de turismo para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións oportunas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de marzo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo