Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 30 de marzo de 2001 Páx. 4.114

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE VIGO

ANUNCIO de convocatoria e bases para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de xefe da unidade técnica de medio ambiente do Concello de Vigo.

A Comisión de Goberno municipal, en sesión do día 11 de decembro de 2000, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro.-Aproba-la convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo vacante que se indica no anexo I desta resolución.

Segundo.-Poderán concorrer a ela os/as funcionarios/as de carreira das distintas administracións públicas encadrados tanto no ámbito de aplicación da Lei 30/1984, de medidas para a reforma da función pública, como no ámbito de aplicación da Lei autonómica 4/1988 da función pública de Galicia, sempre que reúnan as condicións que para este posto se sinalan no anexo I.

Terceiro.-As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaránse no rexistro xeral do Concello de Vigo ou nas oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta resolución no BOE, segundo modelo que se inclúe no anexo II.

Cuarto.-Os/as aspirantes deberán ahegar á petición un currículum vitae e xustificar, mediante certificación ou copia compulsada, os méritos que alegan.

Quinto.-No caso de que resulten seleccionados/as para ocupa-lo postos de traballo funcionarios/as con destino noutra Administración pública, requirirase o informe favorable do departamento onde presten servicio, considerándose neste sentido de non emitirse no prazo de 15 días, segundo o disposto no artigo 67 do R.D. 364/1995, do 10 de marzo.

Sexto.-A resolución desta convocatoria farase pública no BOE e poderá declararse deserta de considerarse oportuno.

Sétimo.-O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles, se o destino anterior radica na mesma localidade do novo destino, e dun mes se radica en localidade distinta ou comporta o reingreso ó servicio activo do/a funcionario/a. Este prazo empezarase a contar a partir do día seguinte ó do cesamento, que deberá producirse dentro dos cinco días hábiles seguintes ó da publicación da resolución no BOE.

Se a resolución comporta o reingreso ó servicio activo do funcionario/a, o prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte ó da publicación da resolución.

Oitavo.-Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición perante o alcalde-presidente do Concello de Vigo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, na sua nova redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou poderán interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdiccción contencioso-administrativa.

Vigo, 5 de febreiro de 2001.

Lois Pérez Castrillo

Alcalde

ANEXO I

Características do posto.

Denominación: xefe da unidade técnica de medio ambiente.

Escala: Administración especial.

Subescala: servicios especiais.

Grupo de titulación: A.

Tipo de posto: singularizado.

Nivel complemento de destino: 26.

Complemento específico: 2.175.530 pesetas anuais.

Unidade á que está adscrito: Servicio de Infraestructuras e Medio Ambiente.

Forma de provisión do posto: libre designación.

Requisitos para o seu desempeño.

Titulación esixida: licenciado en ciencias físicas, químicas, ciencias ambientais, bioloxía, enxeñería.

Formación específica: coñecementos acreditados en ambiente.

Requisitos indispensables esixidos: ser funcionario de carreira dalgunha das administracións públicas dentro do ámbito de aplicación da Lei 30/1984, de medidas para a reforma das administracións públicas, ou da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, con praza en propiedade no grupo de titulación esixido (A) e dentro da escala de Administración especial.