Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 30 de marzo de 2001 Páx. 3.985

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 64/2001, do 29 de marzo, polo que se modifica a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

Na estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, establecida polo Decreto 482/1997, do 30 de decembro, modificado polo Decreto 122/1999, no seu artigo 7º.3.1 recóllese que, baixo a dependencia orgánica e funcional do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, se adscribe o Centro de Investigacións de Lourizán. Esta denominación era a que presentaba o centro na extinta Consellería de Agricultura, Gandería e Montes á que pertencía antes de ser adscrito á Consellería de Medio Ambiente. Actualmente a dita denominación, tendo en conta as competencias e funcións asumidas pola Consellería de Medio Ambiente, non recolle debidamente tódalas funcións que no eido investigador se están a levar a cabo no devandito centro, que abarcan todos aqueles campos relacionados co medio ambiente que ten encomendados a consellería, polo que procede modifica-la denominación do centro, que pasa a te-la de centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán.

As consellerías da Xunta de Galicia teñen encomendadas funcións en materia de fundacións de interese galego sobre as que exerzan o protectorado, derivadas da Lei 7/1983, de réxime xurídico das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, e do Decreto 248/1992, de organización e funcionamento do protectorado das de interese galego, o que leva consigo que sexa necesario que unha unidade administrativa da Consellería de Medio Ambiente coordine as funcións que correspondan á consellería nesta materia; para ese efecto, será o Servicio Técnico Xurídico dependente da secretaría xeral da consellería ó que lle corresponda exercelas, polo que procede modifica-la redacción do artigo 4º.3 do Decreto 482/1997, engadíndolle un punto relativo ás ditas funcións.

Dende a súa creación, a Consellería de Medio Ambiente vén incrementando tanto as contratacións de obras como a execución de obras polos seus propios servicios, necesarias para a consecución dos seus fins no ámbito das súas competencias, facéndose necesario contar cunha unidade administrativa de carácter técnico co nivel orgánico de servicio, que realice funcións de supervisión e inspección dos proxectos de obras da consellería e da súa execución material, así como funcións de inspección técnica relativas ó funcionamento dos servicios, polo que procedese á creación dun novo servicio denominado Servicio de Supervisión, Coordinación Técnica e Inspección. Todo iso, sen prexuízo das funcións e atribucións que presenta outro persoal técnico conforme a súa área de actividade.

A Subdirección Xeral de Montes e Industrias Forestais da Dirección Xeral de Montes e Medio

Ambiente Natural conta, entre as súas unidades, con nivel orgánico de servicio, co de Xestión de Montes; o dito servicio ten actualmente encomendadas funcións en relación cos montes da Comunidade Autónoma, ás que se deben engadir as correspondentes ó Observatorio para o Desenvolmento do Bosque, intimamente vencelladas a aquelas, para efectos de xestiona-las liñas de traballo tendentes ó establecemento e difusión dos coñecementos e das tecnoloxías adecuadas para a implantación de niveis crecentes de xestión sostible dos bosques, situando, para tal efecto, baixo a dependencia do devandito servicio o citado observatorio; para ese efecto, procede engadir ó artigo 5º.2.1.1 da estructura orgánica vixente a mención expresa a esa función. A dita circunstancia fai que se modifique a dependencia do Observatorio para o Desenvolvemento do Bosque que ata o de agora era a do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, aínda que, a pesar da dita circunstancia, se manterán no dito centro aquelas

instalacións necesarias para o seu funcionamento.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, co informe favorable das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de marzo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase a denominación do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, dependente do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, que pasa a denominarse Centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán.

Artigo 2º

Engádeselle ó artigo 4º.3 do Decreto 482/1987, que recolle as funcións do Servicio Técnico Xurídico dependente da Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, un novo punto quedando redactado como segue:

d) Coordina-las actuacións da consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as que esta exerza o protectorado, levando, para ese efecto, os libros de rexistro correspondentes.

Artigo 3º

Créase, baixo a dependencia orgánica e funcional da Secretaría Xeral, o Servicio de Supervisión e Inspección, coas funcións de supervisión, coordinación técnica e inspección dos proxectos de obras da consellería e da execución material destes, tanto no caso de levarse a cabo por adxudicación como no de execución pola propia Administración, así como funcións de inspección técnica relativas ó funcionamento dos servicios. Para ese efecto, formulará os informes de carácter técnico que por razón da súa competencia lle sexan requiridos pola secretaría xeral, propoñendo, se é o caso, as medidas correctoras que procedan.

Artigo 4º

Engádeselle ó artigo 5º.2.1.1 do Decreto 482/1987, que recolle as funcións do Servicio de Xestión de Montes dependente da Subdirección Xeral de Montes e Industrias Forestais un novo parágrafo, quedando redactado como segue:

Así mesmo, xestionará as liñas de traballo tendentes ó establecemento e definición dos coñecementos e das tecnoloxías adecuadas para a implantación de niveis crecentes da xestión sostible dos bosques; para ese efecto, terá baixo a súa dependencia o Observatorio para o Desenvolvemento do Bosque.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de marzo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente