Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2001 Páx. 3.914

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2001 pola que se modifica o actual emprazamento do couto de pesca sen morte do Ladra, que afecta os municipios de Begonte e de Outeiro de Rei, na provincia de Lugo.

Á vista da proposta que formula o Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural da provincia de Lugo, de modificación dun couto de pesca sen morte no río Ladra, e o conseguinte acondicionamento dos límites do couto de Begonte, situado entre os municipios de Begonte e Outeiro de Rei, e en atención ós seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-A sociedade colaboradora Río Ladra propuxo durante o pasado ano a modificación do couto sen morte do río Ladra, por considerar pouco adecuada a situación que tiña para a práctica desa modalidade de pesca. A súa solicitude foi unánimemente apoiada pola xunta ordinaria de sociedades colaboradoras, celebrada no mes de setembro do ano 2000. Elevada ó Comité Provincial de Pesca da dita provincia, acordouse da-los pasos adecuados para alcanzar tal fin.

Segundo.-A modificación deste couto, segundo informe do Servicio Provincial de MAN nesa provincia, ten como principal xustificación propia conformación do caudal no tramo ó que se cambia, pois é aquí máis abundante, o río máis largo e con tramos máis lentos, o que favorece a pesca con mosca, que é sen dúbida a modalidade que menos dana os peixes. Non obstante, dispón dalgúns tramos máis rápidos que posibilitan a pesca con culleriña. Este novo tramo ten mellores accesos, o que facilita ademais a vixilancia e estimula esta modalidade de pesca que se considera necesario impulsar.

Terceiro.-A anterior situación, entre os límites dos coutos de Begonte e Pígara, inducía os pescadores a confusión, a pesar de estar debidamente sinalizada. Na súa nova localización o couto de pesca sen morte

situarase ó final do couto de Begonte, polo que se fai necesario facerlle unha nova configuración.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A competencia para a ordenación dos recursos piscícolas nas augas continentais correspóndelle á Xunta de Galicia, tal como llo recoñece o Estatuto do autonomía no seu artigo 27.15º. A dita competencia recibiuna da Administración do Estado, en razón dos reais decretos de transferencia 167/1981, 1234/1983 e 1535/1984 e que o Decreto 482/1997, do 30 de decembro, encomendou posteriormente á Consellería de Medio Ambiente.

Segundo.-O artigo 15 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, de ordenación da pesca fluvial e dos ecositemas acuáticos continentais, que desenvolve a vixente Lei de pesca fluvial, Lei 7/1992, do 24 de xullo, establece as condicións e os procedementos que se van seguir para a modificación dos coutos. As indicacións deste precepto seguíronse escrupulosamente na instrucción do expediente de modificación dos coutos de que se fixo mérito, non encontrando oposición ningunha para que tal decisión puidera adoptarse.

Advertidas as condicións de idoneidade xurídicas, o informe favorable do Servicio Provincial de MAN e cantas circunstancias constan no expediente, e cumpridas as esixencias procesuais de aplicación.

RESOLVO:

Modifica-la actual situación do couto de pesca sen morte do Ladra, que afecta os municipios de Begonte e de Outeiro de Rei, na provincia de Lugo. Unha vez localizado o couto, quedará situado do modo seguinte:

Río: Ladra.

Coto sen morte do río Ladra.

Límite superior: caneiro da toma de auga de Rábade e Outeiro de Rei.

Límite inferior: desmbocadura no río Miño.

Lonxitude: 1.000 metros.

Canas: 5 pescadores por día.

Categoría: sen morte.

Cambio nos límites do couto de Begonte:

Relocalizado o couto sen morte do río Ladra faise necesario acomoda-los límites do couto de Begonte, que resulta afectado de modo seguinte:

Río: Ladra.

Couto: Begonte.

Concellos: Begonte e Outeiro de Rei.

Límite superior: ponte da estrada Nacional VI.

Límite inferior: caneiro da toma de augas de Rábade e Outeiro de Rei.

Lonxitude: 12,5 kilómetros.

Canas: 40 pescadores por día.

Categoría: troita.

Contra esta resolución poderán os interesados interpoñe-lo recurso potestativo de reposición ante este mesmo órgano administrativo no prazo dun mes, contado a partir da data da súa publicación, ou alternativamente interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do modo en que se dispón nos artigos da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e da Lei de xurisdicción contencioso-administrativa, respectivamente.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2001.

Tomás Fernández-Couto Juanas

Director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural