Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2001 Páx. 3.881

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2001, da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, pola que se fixan as condicións que deben cumprirse para a utilización das denominacións Viño da Terra de Betanzos, Viño da Terra do Val do Miño-Ourense e demais indicacións xeográficas nos viños de mesa.

O Regulamento (CE) 1493/1999 do consello, do 17 de maio, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, permite a posibilidade de elaborar viños de mesa con indicación xeográfica, sempre que reúnan unhas condicións que os diferencien dos restantes viños de mesa.

A orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 11 de decembro de 1986, establece as regras de utilización de nomes xeográficos e da mención viño da terra na designación dos viños de mesa, en desenvolvemento da normativa comunitaria en vigor naquel momento.

Con base nesta orde, que hoxe hai que entender referida ó devandito R(CE) 1493/1999, foron aprobadas a orde da Consellería de Agricultura, do 15 de xullo de 1987, e a orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 8 de novembro de 2000, que establecen as condicións que deben cumpri-los viños das comarcas vitivinícolas do Val do Miño-Ourense e Betanzos, respectivamente, para acollerse á mención viños da terra.

Compételle á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, o control e, polo tanto, a garantía da orixe dos viños de mesa con indicación xeográfica, o que fai necesario establecer instruccións que deberán cumpri-los operadores comerciais co fin de garanti-la lealdade nas transaccións comerciais con outros viños procedentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, co fin de garanti-lo control da orixe dos viños coa mención Viño da Terra de Betanzos, Viño da Terra do Val do Miño-Ourense e demais viños de mesa con indicación xeográfica, e en virtude do disposto na disposición derradeira primeira da Orde do 8 de novembro de 2000, sobre as condicións que deben cumprir para acollerse á denominación Viño da Terra de Betanzos os caldos elaborados nesa comarca vitivinícola, así como o disposto no Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, modificado polo Decreto 69/1999, do 18 de marzo, e 180/2000, do 22 de xuño, que establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria,

DISPOÑO:

1. Ámbito de aplicación.

Esta resolución é aplicable ás persoas físicas ou xurídicas que elaboren ou posúan viños que pretendan comercializar coa mención de viño da terra ou como viños de mesa con indicación xeográfica, a teor

do disposto na orde do Ministerio de Agricultura, do 11 de decembro de 1986, pola que se establecen as regras de utilización de nomes xeográficos e da mención viño da terra na designación dos viños de mesa e nas ordes da anteriormente denominada Consellería de Agricultura, do 15 de xullo de 1987, e da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 8 de novembro de 2000, que regulan as condicións que deben cumpri-los viños para acollerse ás denominacións de Viño da Terra Val do Miño-Ourense ou Viño da Terra de Betanzos, respectivamente.

2. Obrigas xerais dos operadores.

Tódalas persoas indicadas no artigo anterior, que elaboren ou teñan no seu poder viños que pretendan comercializar coas mencións Viño da Terra de Betanzos, Viño da Terra do Val do Miño-Ourense e demais viños de mesa con indicación xeográfica, deberán cumpri-las seguintes obrigas:

2.1. Os viticultores.

a) Te-las viñas legalmente rexistradas no Servicio de Producción Vexetal da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

b) Realiza-la declaración anual de colleita de uva ante o organismo competente da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2.2. Os elaboradores.

a) Inscribi-la adega de elaboración no Rexistro de Industrias Agrarias da delegación provincial correspondente da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para a elaboración de viños de mesa, independentemente de que deban inscribirse noutros rexistros de xeito obrigatorio.

b) Comunica-la data da vendima, cunha antelación mínima de sete días, ó Servicio de Industrias e Comercialización Agroalimentaria da delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria correspondente, coa finalidade de que poida ser sometida ós controis pertinentes polos inspectores do antedito servicio.

c) Reflectir nas declaracións de producción e existencias de cada campaña os volumes de cada tipo de viño existentes en cada instalación, segundo o modelo correspondente ós viños de mesa con dereito a indicación xeográfica.

d) Cumpri-lo disposto na orde da Consellería de Agricultura do 12 de xuño de 1996, pola que se regulan as normas de aplicación ós documentos que acompañan o transporte de productos vitivinícolas e os rexistros que deben levarse no sector; en concreto:

d.1. O traslado ás plantas de embotellado realizarase en envases de máis de 60 litros e co correspondente documento de acompañamento no que conste a certificación da orixe.

d.2. Leva-la contabilidade específica para estes viños e os productos vitivinícolas utilizados na súa elaboración, sendo os modelos que se utilizarán os que figuran no anexo I desta resolución.

Sen embargo, aqueles elaboradores que comercialicen a súa producción e non exceda dos 3.000 litros/campaña, poderán levala mediante anotación no reverso das súas declaracións anuais de producción.

d.3. Face-las anotacións e cubri-los libros rexistro de entradas e saídas, dispoñendo de probas suficientes da exactitude de tódalas mencións que se refiran á natureza, identidade, calidade, composición e orixe do viño, e á procedencia e variedade das uvas empregadas na elaboración dos viños.

d.4. Remitir ó servicio provincial de Industrias e Comercialización Agroalimentaria correspondente da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria copia dos documentos de acompañamento das partidas expedidas, así como copias dos albarás ou facturas de venda dos productos amparados por algunha das indicacións xeográficas establecidas. Nestes últimos documentos deberán quedar perfectamente identificadas as partidas vendidas por marca e/ou lote.

e) Diferenciar coa lenda Viño da Terra de Betanzos, Viño da Terra do Val do Miño-Ourense ou coas lendas correspondentes para os demais viños de mesa, coa indicación xeográfica de que se trate, os depósitos que conteñan estes tipos de viños.

2.3. Os embotelladores.

a) Inscribi-la adega no Rexistro de Industrias Agrarias e no Rexistro de Embotelladores de Viños e Bebidas Alcohólicas da delegación provincial correspondente da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para a actividade de embotellado de viños de mesa, independentemente dos demais rexistros que, se é o caso, correspondan.

b) Reflectir nas declaracións de existencia de cada campaña os volumes de cada tipo de viño existentes en cada instalación, cubrindo os recadros correspondentes ós viños de mesa con dereito á indicación xeográfica.

c) Cumpri-lo disposto na orde da Consellería de Agricultura do 12 de xuño de 1996, pola que se regulan as normas de aplicación ós documentos que acompañan o transporte de productos vitivinícolas e os rexistros que deben levarse no sector; en concreto:

c.1. Leva-la contabilidade específica para estes viños e os productos vitivinícolas utilizados na súa elaboración, sendo os modelos que se utilizarán os que figuran no anexo I desta resolución.

c.2. Face-las anotacións e cubri-los libros rexistro de embotelladores e, se é o caso, de entradas e saídas, dispoñendo de probas suficientes da exactitude de tódalas mencións que se refiran á natureza, identidade, calidade, composición e orixe do viño e a súa procedencia e variedade das uvas empregadas na elaboración dos viños.

c.3. Remitirlle ó servicio provincial de Industrias e Comercialización Agroalimentaria correspondente da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria copia dos documentos de acompañamento das partidas expedidas, así como copias dos albarás ou facturas de venda dos productos amparados por algunha das indicacións xeográficas establecidas.

Nas anteditas copias deberán quedar perfectamente identificadas as partidas vendidas por marca e/ou lote de embotellado, entendendo por este último o conxunto de unidades de venda dunha partida determinada, embotellada ou envasada en circunstancias idénticas.

d) Diferenciar coa lenda Viño da Terra de Betanzos, Viño da Terra do Val do Miño-Ourense ou coas lendas correspondentes para os demais viños de mesa, con indicación xeográfica de que se trate, os depósitos que conteñan estes tipos de viño.

e) Presenta-lo modelo de etiqueta que pretenda utilizar con anterioridade ó embotellado, para o seu rexistro e verificación, así como as súas modificacións.

O servicio competente da delegación provincial ó que corresponda leva-lo Rexistro de Envasadores e Embotelladores de Viños e Bebidas Alcohólicas e de Productos Enolóxicos nun prazo de quince días naturais contados desde o día seguinte ó da presentación, verificará que se axusta á normativa de etiquetaxe, podéndose considerar estimada no suposto de silencio.

3. Requisitos da etiquetaxe.

a) Incluirase nas etiquetas a mención que corresponda coa designación do viño que se trate, Viño da Terra de Betanzos, Viño da Terra do Val do Miño-Ourense, e demais indicacións xeográficas, xunto con tódalas mencións obrigatorias.

b) Cando o concello onde teña o seu enderezo o embotellador coincida co concello dalgún dos viños con denominación de orixe da Comunidade Autónoma de Galicia, este deberá ser substituído na etiqueta pola indicación do código postal que corresponda.

c) As mencións da etiquetaxe presentaranse con caracteres claros, lexibles, indelebles e suficientemente grandes para que destaquen ben do fondo sobre o que se imprimen e para que se poidan distinguir claramente do conxunto das demais indicacións inscritas e grafismos utilizados.

4. Requisitos para o transporte de productos vitivinícolas.

O transporte destes viños, así como dos productos utilizados para a súa elaboración, deberá estar amparado polo correspondente documento de acompañamento, no que constará obrigatoriamente a certificación da súa procedencia segundo o disposto no artigo 4.1º da Orde do 12 de xuño de 1996.

5. Requisitos do embotellado.

O embotellado deste viños realizarase en botellas de vidro coas capacidades admitidas pola lexislación vixente.

6. Órgano de control.

O control dos viños designados nesta resolución será levado polos inspectores dos servicios de Industrias e Comercialización Agrolimentaria das delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2001.

Secundino Grobas Mosquera

Director xeral de Industrias e Alimentación