Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2001 Páx. 3.868

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de marzo de 2001 pola que se convocan axudas a alumnos e profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidos con fondos públicos, que participen en estadías en empresas de ámbito transnacional (cofinanciadas polo Fondo Social Europeo).

A mobilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países permite a mellora das competencias sociais dos individuos mediante a aprendizaxe da comunicación e a vida en sociedade, aumenta o respecto á diversidade e fomenta o aumento das competencias lingüísticas e profesionais.

No ámbito profesional a mobilidade é un medio privilexiado de lograr un espacio de emprego e traballo europeo, xa que lle dá a cada individuo a posibilidade de adquirir coñecementos teóricos, prácticos e de comportamento e, dun xeito máis amplo,

competencias e cualificacións adaptadas ó espacio sen fronteiras da Unión Europea e á apertura a outros países.

No marco das relacións escola-empresa existen proxectos de colaboración por medio de estadías prácticas en empresas ou institucións. O intercambio de experiencias e as estandías formativas en centros educativos e empresas doutros países son aspectos esenciais para adquiri-la visión dun mercado global no que a vida laboral se desenvolve sobre os principios de mobilidade e libre circulación dos traballadores.

Dado que a colaboración con centros educativos doutros países resulta fundamental como medio eficaz de facilita-lo desenvolvemento de capacidades do alumnado a nivel profesional e que as axudas económicas provenientes de programas da Unión Europea resultan insuficientes para atende-la forte demanda dos centros da nosa Comunidade Autónoma, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para a realización de estadías formativas de alumnos e profesores co fin de posibilita-la mellora da súa competencia profesional.

O artigo 56 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, determina que a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros e, na súa disposición adicional terceira sinala que as administracións educativas proverán os recursos necesarios para garantir, no proceso de aplicación da lei, a inclusión de actividades, como poden se-las estadías en empresas, para asegurarlles a tódolos profesores ó longo da súa vida profesional a posibilidade de acceder a períodos formativos fóra do centro escolar.

Así mesmo, o actual proceso de implantación da nova formación profesional, estructurada en ciclos formativos, nos que se establece con carácter obrigatorio e avaliable un período de formación en centros de traballo, fai necesario que os profesores e alumnos teñan un coñecemento directo dos procesos productivos e as novas tecnoloxías utilizadas, que en moitos casos non se poden coñecer en empresas do contorno inmediato.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

Convócanse axudas dirixidas a alumnos e profesores de formación profesional de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidos con fondos públicos, que participen en estadías en empresas doutros países durante o ano 2001.

As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.04.322S.481.0 por importe total máximo de 60.000.000 de pesetas.

Segundo.-Destinatarios.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos e profesores de ciclos formativos e formación profesional de segundo grao, a través dos institutos de educación secundaria, as escolas de arte e os centros privados concertados.

Terceiro.-Modalidades de axudas.

1. Visitas preparatorias do profesorado responsable da estadía de alumnos na empresa ou centro escolar receptor, co obxecto de facilita-los acordos de colaboración e a preparación axeitada do proxecto.

2. Estadías formativas de alumnos en empresas e centros educativos de formación profesional de países estranxeiros para completa-la súa formación práctica e as súas competencias lingüísticas a nivel profesional.

3. Estadías formativas de profesores en empresas e centros educativos de formación profesional de países estranxeiros, para completa-la súa formación práctica.

Cuarto.-Requisitos.

1. Estas actividades deberán estar integradas na programación do curso e ser aprobadas polo consello escolar. O seu obxectivo básico será o perfeccionamento profesional dos profesores e/ou alumnos.

2. As axudas determinaranse en función dunha contía máxima diaria por alumno/profesor en concepto de reintegro de gastos de transporte, mantenza e aloxamento, tendo en conta a distancia entre os centros, o orzamento global da estadía formativa e a calidade e interese das actividades que se van realizar.

3. As visitas preparatorias serán realizadas por un só profesor de cada centro educativo e terán unha duración máxima de 1 semana, agás casos excepcionais debidamente xustificados.

4. As estadías de alumnos en empresas terán unha duración mínima de dúas semanas e máxima de seis, que se vai e deberán contar cun titor que supervise o programa formativo que se vai desenvolver. Este deberá estar relacionado coa especialidade que cursen os alumnos. En ningún caso a realización das prácticas suporá relación laboral ou administrativa. No caso de que a estadía forme parte do módulo de formación en centros de traballo, deberá solicitar autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. A solicitude deberá remitirse á delegación provincial, xunto coa programación da FCT, xustificación razoada, calendario e horario proposto, condicións de seguimento e control titorial. A súa realización deberá axustarse ó disposto na Resolución do 14 de xuño de 2000, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se dictan instruccións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica no

curso 2000-2001 (DOG do 29 de xuño).

5. Para as estadías de profesores en empresas, os beneficiarios deberán pertencer a algunha das especialidades do profesorado para impartir módulos de formación profesional específica, segundo o Real decreto 1635/1995, do 6 de outubro, e o Real decreto 777/1998, do 30 de abril, ou estar adscritos a prazas dalgunha das especialidades indicadas, así como aqueles que estean impartindo clases en formación profesional específica. En todo caso, a estadía solicitada estará directamente relacionada coa súa actividade docente.

Quinto.-Solicitudes.

1. Convócanse tres períodos de presentación de solicitudes: o primeiro no prazo de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e o segundo ata o 30 de xuño. Reservarase un 70% do importe total das axudas para o primeiro prazo e un 30% para o último, sendo acumulable o orzamento excedente de cada período para o seguinte.

2. As solicitudes trataranse de acordo co modelo establecido no anexo I desta orde e irán xunto coa da documentación que se indica a continuación:

2.1. Axudas para visitas preparatorias e de estudios:

-Orzamento da viaxe.

-Proposta de proxecto do centro galego, co visto e prace do director.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

2.2. No caso de estadías de alumnos en empresas:

-Proxecto pedagóxico da estadía, indicando os obxectivos da viaxe, empresas onde se realizarán as prácticas, sistemas de seguimento e preparación que seguirán os alumnos participantes, incluíndo as clases de reforzo de lingua estranxeira.

-Certificación do director do centro ou centros escolares na que conste que a actividade está recollida na programación xeral do centro e autorizada polo consello escolar.

-Declaración xurada do director na que se fará consta-la contratación dunha póliza de seguros que cubra o desprazamento e responsabilidade civil dos alumnos no estranxeiro.

-Calendario de actividades.

-Nome do profesor coordinador e dos profesores acompañantes.

-Listaxes dos alumnos participantes.

-Orzamento detallado dos gastos da viaxe ó país que se visita, aloxamento, etc. Deberase indica-lo custo global por alumno e o custo global por grupo.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda, para a mesma finalidade, procedente de calquera outra Administración ou ente público.

2.3. No caso de estadías de profesores en empresas:

-Certificación de servicios segundo o anexo II e méritos alegados.

-Proxecto de formación na empresa, indicando os datos da empresa, relación coa familia profesional, obxectivos da estadía e descrición das actividades que se realizarán.

-Calendario e nomes dos participantes.

-Orzamento.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda, para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

-Solicitude de informe á inspección educativa. O Servicio Provincial de Inspección Educativa emitirá o correspondente informe por instancia do centro educativo á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, segundo o modelo que aparece como anexo III a esta orde. Este informe deberá ser remitido á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, no prazo de 5 días naturais, e será preceptivo á hora de valora-la autorización da solicitude.

Sexto.-Condicións de realización.

1. Os profesores e alumnos realizarán durante a súa estadía na empresa o horario productivo que esta teña establecido.

2. Durante o período de estadía na empresa ou en institucións, os profesores estarán acollidos á Mutualidade de Funcionarios do Estado; se estivesen acollidos ó Sistema Nacional de Seguridade Social terán cuberto o risco de enfermidade cubrindo o formulario E111, que deberá xestionar cada participante. En todo caso, os alumnos deberán estar cubertos por un seguro contratado polo centro e incluído na bolsa que recibirá o alumno.

3. Durante o período de estadía formativa en empresas, non terán vínculo ou relación laboral coa empresa ou institución de acollida, nin poderán ocupar un posto de traballo dentro do seu cadro de persoal, polo que quedarán excluídos da lexislación laboral.

4. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional remitiralles ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha relación dos centros educativos que están realizando as estadías formativas nas empresas recollidas nesta orde.

5. A concesión de autorización para estadías en empresas implicará a incompatibilidade con calquera outra actividade pública ou privada.

Sétimo.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes asinadas polo director do centro dirixiranse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (San Lázaro, 107-15771 Santiago de Compostela) e presentaranse a través do rexistro xeral. Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que optasen por presenta-la súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, naquelas solicitudes que non se acheguen os requisitos sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou presenta os documentos preceptivos; de non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

Oitavo.-Axuda económica.

Durante a estadía na empresa os profesores seleccionados recibirán os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias.

Os reintegros de gasto en concepto de transporte, mantenza e aloxamento concederanse tendo en conta a duración, a distancia e o nivel de vida dos países ós que se desprazan os beneficiarios, conforme os seguintes baremos.

* Visitas preparatorias:

Paísespesetas

-Portugal40.000-Francia100.000-Inglaterra, Italia, Países

Baixos, Alemaña, Bélxica

e países de ámbito similar126.000-Dinamarca, República Checa,

Irlanda, Hungría e países

de ámbito similar133.000-Suecia, Noruega, Finlandia

Grecia, Romanía e países

de ámbito similar150.000-Outros paísesata 200.000

Prácticas en empresas (por alumno):

Número de semanas23456

Distancia en kmPaísesmiles de pesetas

Menos de 500Portugal5060708090

De 500 a 3.000Francia8595105115125

De 3.000 a 6.000Italia, Reino

Unido, Alemaña

100115125150175

De 3.000 a 6.000Irlanda, Dinamarca120135150165180

De 6.000 a 8.000Suecia, Filandia150165180195210

Grecia, Europa

Oriental

150160170180190

Máis de 8.000EE.UU., Canadá, etc.200220240260280

Prácticas en empresas (por profesor):

Número de semanas1234

Distancia en kmPaísesmiles de pesetas

Menos de 500Portugal50708090

De 500 a 3.000Francia100115130140

De 3.000 a 6.000Italia, Reino

Unido, Alemaña

126140155170

De 3.000 a 6.000Irlanda, Dinamarca133150165180

De 6.000 a 8.000Suecia, Filandia150165160175

Grecia, Europa

Oriental

140150160170

Máis de 8.000EE.UU., Canadá, etc.200215230245

Noveno.-Comisión de selección e criterios de valoración dos proxectos.

As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidenta: a subdirectora xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos ou persoa na que delegue.

Vocais: o xefe de Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica, o xefe de Servicio de Formación do Profesorado, o xefe de Servicio de Ordenación e Innovación Educativa, a xefa de Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral e un inspector educativo ou persoas nas que deleguen.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da subdirección xeral.

A comisión reunirase en tres ocasións durante o ano e seleccionará os proxectos tendo en conta os seguintes criterios:

a) Non ter recibida esta axuda, nin outras similares en anos anteriores.

b) A calidade do proxecto pedagóxico e a súa realización co máximo de aproveitamento, así como a metodoloxía empregada. No caso de estadías de profesores, a selección axustarase ó baremo establecido no anexo II desta convocatoria.

c) Centros situados en zonas rurais ou desfavorecidas.

d) Ter solicitada e non concedida axuda Leonardo para a mesma actividade, sempre que cumpra os requisitos de calidade do proxecto.

A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación de subvencións que elevará ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.

Décimo.-Comunicación.

A concesión ou denegación do reintegro seralles notificada directamente ós interesados, a través do centro escolar, pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de

Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os centros docentes sostidos con fondos públicos considéranse entidades colaboradoras para a entrega e distribución das axudas concedidas ós beneficiarios, debendo someterse ás obrigas recollidas no citado artigo.

As solicitudes entenderanse denegadas de non dictarse resolución expresa no prazo de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

Décimo primeiro.-Prazos dos pagamentos.

Para as axudas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas, no momento da concesión poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80%, logo de aceptación da subvención. O 20% restante librarase unha vez finalizada e xustificada a actividade. Nas axudas que superen esta cantidade, o pagamento realizarase integramente unha vez rematada a actividade.

Décimo segundo.-Xustificación da actividade.

Logo de efectuada a viaxe, o centro docente, como entidade colaboradora da xestión de axudas públicas, deberá, de acordo co establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, tramita-la seguinte documentación no prazo máximo dun mes:

1. Certificación do consello escolar do centro aprobatoria das contas, xuntando unha relación dos gastos efectuados.

2. Xustificación da totalidade do custo da viaxe de acordo cos datos indicados no orzamento inicial. O importe da subvención nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza. No caso de que o custo final sexa inferior ó inicialmente previsto, deberase minora-la axuda concedida en proporción á axuda xustificada.

3. Memoria do traballo realizado durante a estadía no país de acollida, que deberá ser presentada un mes despois do remate da actividade. A memoria irá xunto cun certificado do director do centro no que se faga consta-lo nome e número do DNI do

profesorado e alumnos participantes nas estadías e incluirá os seguintes datos:

3.1. Visitas preparatorias. Obxectivos acadados de cara á realización do proxecto, incluíndo un breve resumo deste: descrición, datas de realización, etc.

3.2. Estadías de alumnos. Programación e avaliación das actividades realizadas na estadía, con descricións de procesos productivos, tecnoloxías utilizadas, posibilidade de realización doutras estadías e aspectos positivos e negativos que hai que considerar.

3.3. Estadías de profesores. Memoria do traballo individual desenvolvido, no que se farán constar, entre outros, e como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Descrición do proceso productivo. Perfís profesionais que participan, diferenciados segundo os niveis de cualificación.

b) Realizacións máis significativas de cada perfil profesional.

c) Tecnoloxías utilizadas e a súa presencia no equipamento de cada ciclo formativo (valoración da súa necesidade ou conveniencia de incorporalo).

d) Cambios que se prevén no sistema productivo (evolución da competencia profesional).

e) Programa de formación en centros de traballo que se podería realizar nesa empresa e nos diferentes ciclos formativos da súa familia profesional.

f) Posible formación do profesorado que podería desenvolve-la empresa ou traballadores que poderían colaborar no plan de formación do profesorado de formación profesional específica.

g) Valoración da estadía de formación: aspectos positivos e aspectos que se deben mellorar.

-Os proxectos e traballos realizados polos centros seleccionados quedarán en poder da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional reservando para si o dereito de difundi-los traballos realizados en función da súa orixinalidade e pasando a formar parte dos fondos documentais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda, para a mesma finalidade, procedente de calquera outra Administración ou ente público.

Décimo terceiro.-Modificación da resolución de concesión das axudas.

A non xustificación da axuda percibida conforme o disposto nesta orde, levará consigo o reintegro das cantidades non xustificadas, de acordo co establecido nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outor

gadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Décimo cuarto.-Recoñecemento das actividades realizadas.

Esta actividade terá a consideración de actividade de innovación educativa ó número do apartado 14.1º da Orde do 13 de decembro de 1994 (DOG do 13 de xaneiro de 1995), sobre o procedemento de recoñecemento das actividades de promoción do funcionario de carreira docente non universitario. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional expedirá as certificacións correspondentes ós profesores participantes nas estadías, unha vez presentada a memoria correspondente e recibido o informe favorable, conforme os seguintes criterios:

1. Estadías formativas ata 15 días de duración: 20 horas de formación.

2. Estadías de 16 a 29 días de duración: 35 horas de formación.

3.Estadías formativas de 30 a 44 días de duración: 50 horas de formación.

4. Estadías formativas de 45 a 59 días de duración: 70 horas de formación.

Décimo quinto.-Durante o mes de decembro de 2001, os concursantes poderán retira-la súa documentación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (rúa San Lázaro, 107-15771 Santiago de Compostela), directamente ou a través de persoa autorizada. Transcorrido o prazo, entenderase que renuncian á súa recuperación, perdendo todo dereito sobre ela.

Décimo sexto.-Os directores e directoras dos centros educativos arbitrarán as medidas necesarias para que esta orde sexa coñecida pola comunidade escolar.

Décimo sétimo.-O non cumprimento do disposto nesta convocatoria poderá dar lugar á revogación da correspondente estadía formativa, ou visita preparatoria, sen prexuízo da posible incursión en responsabilidades disciplinarias de acordo co vixente Regulamento do réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las disposicións necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria