Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 27 de marzo de 2001 Páx. 3.825

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2001 pola que se convocan probas de selección de alumnos para o curso 2001/2002 para a sección de especialización da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia.

O Decreto 270/1997, do 18 de setembro, polo que se crea a Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia (DOG nº 191, do 3 de outubro), recolle, dentro do funcionamento da escola, a sección de especialización. Nesta sección preténdese achegar ó panorama dos estudios musicais na Comunidade Autónoma de Galicia a oportunidade de perfeccionamento instrumental ós novos valores como un medio para acadar un maior perfeccionamento na súa especialidade mediante a formación individualizada cara á súa integración profesional ó máis alto nivel.

Con esta finalidade, o IGAEM convoca probas de admisión e selección de alumnos cara ó vindeiro curso 2000/2001, que terán lugar os días 5 e 6 de maio de 2001 no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, sito en avda. do Burgo das Nacións s/n, nas especialidades de violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta, oboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión.

As bases da convocatoria poderán ser examinadas e/ou solicitado o seu envío por correo na sede administrativa do IGAEM (Pavillón de Galicia, San Lázaro s/n, Santiago de Compostela). As solicitudes poderán presentarse ata o día 23 de abril de 2001 no Rexistro do IGAEM ben persoalmente, ben por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Quen opte por presenta-la súa solicitude nun rexistro diferente do IGAEM, deberá comunicalo por telegrama ou fax dentro do prazo.

As solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

1. Dúas copias das obras que se van interpretar libremente.

2. Fotocopia do título de grao superior ou da certificación de estudios correspondente, ou declaración persoal.

3. Fotocopia do DNI ou equivalente.

4. Currículum vitae e fotocopia da documentación acreditativa dos méritos que se aleguen.

5. Fotocopia do certificado de residencia ou declaración persoal.

6. Unha fotografía tamaño carné.

Soamente se lles pedirán documentos orixinais ou compulsados ós alumnos que superen as probas, no momento de formalizaren a matrícula, sendo entón imprescindible a súa presentación.

O día 26 de abril de 2001 serán expostos nos taboleiro de anuncios do IGAEM e no da Escola

no Auditorio de Galicia, os horarios das probas para cada un dos instrumentos.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2001.

Aníbal Otero Fernández

Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais