Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 23 de marzo de 2001 Páx. 3.722

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 58/2001, do 15 de marzo, polo que se acorda o sometemento a arbitraxe dos conflictos derivados do acordo de socios da sociedade Regasificadora del Noroeste, S.A.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten prevista a adquisición dunha participación no capital social da sociedade Regasificadora del Noroeste, S.A., por medio dun contrato de compravenda. Así mesmo, está prevista a sinatura dun acordo entre os socios que regule as relacións entre estes e o réxime de goberno da sociedade, acordándose a submisión a un procedemento de arbitraxe para a solución das cuestións que poidan suscitarse en relación á interpretación e execución do devandito acordo.

A Lei 36/1988, do 5 de decembro, de arbitraxe, permite que as persoas naturais ou xurídicas poidan someter, logo de convenio, á decisión dun ou varios árbitros as cuestións litixiosas xurdidas ou que poidan xurdir, en materias da súa libre disposición conforme a dereito.

A Administración autonómica de Galicia, suxeita para a adopción de decisións ós procedementos legalmente previstos, debe adaptarse no presente caso ó disposto no artigo 22.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que establece que non se poderá someter a arbitraxe as contendas que se susciten respecto dos dereitos da Facenda da Comunidade Autónoma senón mediante decreto acordado pola Xunta de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de marzo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Acórdase o sometemento a arbitraxe de dereito, nos termos establecidos na Lei 36/1988,

do 5 de decembro, co compromiso expreso de cumpri-la decisión que se adopte, de cantas cuestións litixiosas relativas ós dereitos da facenda da Comunidade Autónoma de Galicia poidan suscitarse en relación ó acordo de accionistas da sociedade Regasificadora del Noroeste, S.A., de acordo co procedemento nel establecido.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de marzo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda