Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 23 de marzo de 2001 Páx. 3.706

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 16 de marzo de 2001 pola que se desenvolve o Decreto 275/1999, do 14 de outubro, e se regulan en réxime de concorrencia competitiva as axudas para reparación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública.

O Decreto 275/1999, do 14 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se regula a concesión de subvencións á reparación de vivendas de protección oficial de promoción pública adxudicadas en réxime de compravenda.

A súa disposición derradeira faculta o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar, no marco da súa competencia, cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.

En uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Solicitudes.

Para os efectos do previsto no artigo 6 do Decreto 275/1999, do 14 de outubro, determínase:

1. Como modelos de solicitudes, os que figuran no anexo I desta disposición, achegando os seguintes documentos:

A. Relación de propietarios.

B. Copia compulsada do libro de actas onde se nomea o presidente da comunidade de propietarios.

C. D.N.I. do presidente.

D. Certificado expedido polo secretario da comunidade do acordo adoptado pola xunta de propietarios para a execución das obras.

E. Fotografías do edificio e das zonas que se van reparar.

F. Memoria valorada asinada por un facultativo competente que incluirá, alomenos, os seguintes documentos:

F-1) Memoria xustificativa da necesidade das reparacións solicitadas, con proposta da solución técnica.

F-2) Orzamento detallado do custo real das obras, determinado polo orzamento de execución material máis o IVE, de conformidade co establecido no artigo 3 do Decreto 275/1999, do 14 de outubro.

Cando a solicitude comprenda diferentes tipos de actuacións, a documentación sinalada neste punto deberá presentarse individualmente para cada unha delas.

G. Certificacións xustificativas de que a comunidade de propietarios está ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social, e certificación acreditativa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia

H. CIF da comunidade de propietarios.

I. Certificado bancario onde se recolla o nº de conta e onde figure como titular dela a comunidade de propietarios.

J. Declaración do presidente da comunidade na que se sinalen tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas.

K. Outros documentos que, se é o caso, resulten necesarios como complemento da documentación anterior.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de dous (2) meses desde a entrada en vigor desta orde.

Artigo 2º.-Baremo.

Para os efectos do disposto no artigo 7 do Decreto 275/1999, do 14 de outubro, establécese o seguinte baremo de puntuación:

1) Tipo de actuaciónPuntos

-Adecuación estructural8

-Adecuación funcional:

-Seguridade fronte a accidentes, sinistros,

estabilidade de elementos de fachada7

-Condicións de estanquidade fronte á choiva,

humidade e illamento térmico6

-Redes xerais de auga, gas, electricidade,

telefonía, saneamento, calefacción

e servicios xerais4

-Supresión de barreiras arquitectónicas3

2) Antigüidade da edificación desde

a entrega das vivendasPuntos

-Ata 20 anos1

-Máis de 20 anos2

3) Repercusión da actuación por vivendaPuntos

-Ata 400.000 ptas./vivenda2

-Máis de 400.001 ptas./vivenda1

En calquera caso, cando non quede suficientemente acreditada a necesidade da reparación solicitada ou a idoneidade da solución técnica proposta, e así se desprenda dos informes elaborados polos servicios técnicos do IGVS, a dita solicitude xa non será obxecto de baremación.

Artigo 3º.-Resolución e inicio de obras.

Para os efectos do disposto no artigo 10 do Decreto 275/1999, do 14 de outubro, os beneficiarios daquelas actuacións seleccionadas presentarán no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da recepción da resolución da aprobación provisional, o proxecto de obra asinado por técnico competente, copia da solicitude da licencia municipal e contrato de dirección de obra cun facultativo competente, se é necesario. O orzamento do proxecto non poderá superar en ningún caso o orzamento máximo fixado na aprobación provisional.

Revisada toda a documentación, e comprobada a adecuación do proxecto así como os prezos de cada unidade de obra tomando como referencia os establecidos no parágrafo 2º do artigo 3 do decreto, o director xeral do IGVS dictará a resolución no prazo dun mes, pola que se aproba definitivamente e se autoriza o inicio das obras. Esta resolución recollerá o orzamento protexible, a contía concreta da subvención e o prazo de execución.

A resolución do director xeral, que non pon fin á vía administrativa, poderá ser recorrida en alzada ante o conselleiro de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación.

Artigo 4º.-Execución da obra.

As obras executaranse con estricta suxeición ó proxecto redactado e seguindo as instruccións que, en interpretación del, dea o facultativo director das

obras contratado para o efecto, debendo, se é o caso, comunicarlle ó IGVS as modificacións introducidas no proxecto durante a execución das obras.

Os incrementos do orzamento debidos ás modificacións do proxecto en ningún caso serán obxecto de subvención.

Os decrecementos do orzamento debidos ás modificacións do proxecto provocarán unha diminución do importe da subvención, que será o resultado de aplica-la porcentaxe de subvención aprobada en función do tipo de actuación, ó novo orzamento protexible.

Artigo 5º.-Pagamento da subvención.

1. O pagamento das subvencións concedidas efectuarase unha vez rematada as obras, trala presentación por parte da comunidade de propietarios do correspondente certificado fin de obra.

2. Non obstante, cando o importe da subvención supere a cifra de 5.000.000 de pesetas poderanse efectuar pagamentos parciais á conta da liquidación sempre que concorran os requisitos e as circunstancias seguintes:

a) Que a comunidade de propietarios o solicite.

b) Que se xustifiquen non só o investimento senón tamén os pagamentos efectuados ata ese momento con cargo ó proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se pode satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario de que se trate, nin tampouco supera-lo 80% do total da subvención concedida.

d) Para a concesión de pagamentos parciais será necesario que o beneficiario da subvención acredite xa ter aplicados, ó proceso investidor, recursos propios na mesma proporción que representa o pagamento parcial respecto da subvención concedida.

e) Os pagamentos parciais quedan condicionados ó resultado da liquidación definitiva da subvención, e para estes efectos estarán garantidos con aval bancario ou de entidade aseguradora que se considere suficiente e por tempo indefinido. Este aval estará á disposición do IGVS e soamente poderá levantarse unha vez que a subvención se liquide definitivamente de conformidade ou que se xustifique o cumprimento da finalidade e o pagamento do investimento para o que a subvención foi concedida. O dito aval garantirá o principal e os xuros calculados polo xuro legal do diñeiro e por un prazo que medie entre a data de solicitude e o último día no que, de acordo coas normas de concesión da subvención, esta debe estar xustificada.

No caso de que se autoricen os pagamentos parciais, a comunidade de propietarios presentará mensualmente as correspondentes certificacións de obra executada coa conformidade da dirección de obra.

En todo caso, o importe das primeiras certificacións de obra, ata acada-lo orzamento que debe ser asumido polos veciños, será aboado pola comunidade de propietarios, quen deberá presentar no IGVS os oportunos xustificantes de pagamento das ditas cantidades.

A partir dese momento, respectando os límites recollidos no parágrafo primeiro deste punto, as certificacións serán aboadas polo IGVS á comunidade de propietarios, quen deberá inmediatamente facer efectivo o pagamento á empresa contratada.

O importe restante da subvención librarase unha vez rematadas as obras, trala presentación por parte da comunidade de propietarios do certificado final de obra asinado polo técnico director, sinalando que estas foron executadas conforme o proxecto aprobado.

3. No caso de que as certificacións ás que se refire o punto G do artigo 1º desta orde non estean vixentes no momento do aboamento das certificacións de obra ou do remate dela, deberán ser actualizadas.

4. En todo caso, antes do derradeiro pagamento o presidente da comunidade deberá presentar unha declaración das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para este proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 6º.-Garantías.

1. O incumprimento das condicións establecidas para o outorgamento da subvención levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da axuda percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

2. Toda alteración das condicións que se tivesen en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo IGVS así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 7º.-Aplicación orzamentaria.

Estas axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 06.50.331 A.788. dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, destinándose para tal fin 50.000.000 de pesetas no ano 2001.

Artigo 8º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no seu defecto pola Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2001.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda