1. Autorización administrativa.
Para os efectos previstos no artigo 9 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, de autorización de instalacións eléctricas, sométese a información pública a petición de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para o trazado das liñas eléctricas de referencia, que contan coas características técnicas que se relatan a continuación:
a) Peticionario: Gamesa Energía, S.A.
b) Finalidade: interconexión eléctrica do parque eólico de Viveiro coa subestación eléctrica de Boimente.
c) Características técnicas principais:
1. Liña aérea de alta tensión a 132 kV entre o parque eólico de Viveiro e a subestación de Boimente, cun tramo aéreo da subestación do parque eólico de Viveiro ó apoio nº 21 da dita liña (paso aéreo-subterráneo) de 5.862,37 m de lonxitude, composta por un circuíto cun conductor por fase e un cable de terra OPGW, sobre torres metálicas de celosía.
2. Un tramo subterráneo de interconexión do apoio nº 21 ó apoio nº 1 da L.A.T. a 132 kV Boimente-Buio (paso subterráneo-aéreo) de 100 m de lonxitude e formado por unha terna de conductores baixo tubo a 1,250 m de profudnidade e conexión a terra das pantallas en ámbolos dous extremos.
2. Urxente ocupación.
O beneficiario, ó abeiro do título IX da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico solicita, así mesmo, a declaración de utilidade pública das instalacións incluídas neste proxecto, que, segundo o sinalado no artigo 54 da devandita lei, levará implícito, en todo caso, a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Polo tanto, a presente resolución de información pública, na que se relacionan tódolos bens e dereitos afectados pola urxente ocupación, realízase tamén para os efectos previstos no citado título IX da Lei 54/1997 e no que non se opoñan a ela, nos artigos 10, 16 e 31.5º do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas.
3. Alegacións.
O que se fai público para que poida examinarse o proxecto de instalacións nesta delegación provincial (edificio administrativo, Ronda da Muralla, 70, Lugo), e formula-las reclamacións, por duplicado, que se consideren oportunas durante o prazo de trinta días. Igualmente, os interesados poderán formular, se é o caso, e no mesmo prazo, alegacións por escrito que farán en relación co disposto nos artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, podendo corrixi-los erros que se encontren ó relaciona-los bens afectados ata o mesmo momento do levantamento das actas previas.
Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
Lugo, 12 de marzo de 2001.
Jesús Bendaña Suárez
Delegado provincial de Lugo