Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 19 de marzo de 2001 Páx. 3.513

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV, subestación do parque eólico Coriscada I-subestación do parque eólico Coriscada II, no termo municipal de Ortigueira (A Coruña). (Expediente 21/2000).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa Gamesa Energía, S.A., con domicilio para efectos de notificación na avda. do Cruceiro da Coruña, 201-A, 15705 Santiago de Compostela, A Coruña, resultan os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 18 de xaneiro 2000 a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da citada instalación, presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ámbolos dous de aplicación ó presente expediente en vigor en virtude do disposto na disposición transitoria undécima do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, de 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Liña de alta tensión aérea a 132 kV, sobre torres metálicas de celosía, conductor LA-280, de 5.531 m de lonxitude, con orixe na subestación do parque eólico de Coriscada I e final na subestación do parque eólico de Coriscada II, concello de Ortigueira (A Coruña).

Segundo.-A delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Resolución do 18 de febreiro de 2000, publicada no DOG do 1 de marzo, no BOP da Coruña do 3 de marzo e no xornal El Ideal Gallego do 29 de febreiro de 2000, no taboleiro de anuncios do Concello de Ortigueira e na Delegación Provincial da Coruña; así mesmo, a delegación provincial notificou individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen as condicións procedentes.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu ó trámite de información pública formuláronse as seguintes alegacións:

1. Con data do 7 de abril de 2000, Sara Pedre Pedre, en representación dos herdeiros de Enrique Ares Río, oponse á urxente ocupación xa que a citada liña estrágalle moito monte de boa producción de madeira.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación, facilitando esta as informacións adicionais.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña, comprobándose mediante inspección sobre o terreo seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións nin limitacións previstas no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos artigos 25 e 26 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, no Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999 do 21 de xuño, en relación co Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, e na Lei 54/1997, do 27 de novembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas por Sara Pedre Pedre, da contestación dada a elas pola empresa promotora e do resto da documentación que figura no expediente, non se toman en consideración as alegacións, por presentaranse fóra de prazo.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autoriza-la liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV, subestación parque eólico de Coriscada I-subestación parque eólico Coriscada II, no termo municipal de Ortigueira (A Coruña).

2. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

3. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria