Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2001 Páx. 3.324

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2001, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a L.M.T. da Cernada, no concello de Ourol. (Expediente 8/2000 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., con domicilio para os efectos de notificación na Cidade de Viveiro, 4, Lugo, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados nos capítulos III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada

Lei 54/1997, en relación coa disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Visto que na fase de información pública se presentaron as seguintes alegacións:

1. José Casabella Fernández, Elías Basanta Sanjurjo e Daniel Basanta Suárez manifestan que xa existe unha liña que dá subministración á zona obxecto do presente proxecto que, aínda que insuficiente en potencia, podería mellorarse sen necesidade de realizar un grande investimento, pois xa existiría o trazado polo que tampouco se afectaría a ninguén que xa non estivese desde que existe esa liña. Ademais manifestan que a diferencia entre un e outro trazado simplemente variaría uns 500 metros.

2. Por outra banda, manifestan que o predio nº 1 aparece referenciado nas notificacións individuais como prado e sen embargo está plantado de eucaliptos, afectando o trazado da liña a uns 85 pés de planta. Ademais nos predios 2 e 3 afectaríanse a uns 600 pés de planta para cada propietario.

Considerando que tales alegacións, vista a contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, non impiden continuar coa tramitación do expediente polas seguintes razóns:

1. Porque a liña existente a que se refiren os alegantes non é unha liña de media tensión senón unha liña de baixa tensión que dá un deficiente servicio á zona debido ó seu mal estado.

2. Tendo en conta a distancia existente entre o C.T. de orixe da dita liña de baixa tensión e a zona á que se pretende dar servicio, sería necesario, para garantir unha calidade adecuada da subministración, substituír por unha liña de media tensión que implicaría a colocación de apoios distintos ós existentes e un novo largo de rúa que daría orixe a novas afeccións a terceiros.

3. A lonxitude desa L.M.T. que discorrería polo trazado da liña de baixa tensión existente, segundo recoñecen os propios alegantes, variaría uns 500 metros con respecto á L.M.T. proxectada que ten 586 metros, polo que non se cumpriría cos requisitos esixidos no artigo 26.1º do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, onde se establece que a variante non será admisible se supera en lonxitude ou en altura o 10% da parte da liña afectada pola variación que, segundo o proxecto, transcorre sobre a propiedade do seu solicitante.

4. A empresa beneficiaria tomou nota das manifestacións realizadas polos alegantes en canto ó tipo de cultivo e ás afeccións dos seus predios.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que a liña, ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións sobre os predios en expropiación, ás que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966,

en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997, antes citada.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio de competencias atribuída polos decretos 2617/1966 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. Requerez-Miñotos e remate no C.T. da Cernada de 586 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios metálicos e de formigón en conductor LA-56.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución e anexo, asinados todos eles polo enxeñeiro técnico industrial Nicanor Piñeiro Sampedro e visados polo COETI de Lugo en data 3-2-2000, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966, e visto o contido do informe de data 13-11-2000.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 31 do Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, acordo que o representante da Administración dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no diario El Progreso de data 29 de novembro de 2000, Diario Oficial de Galicia de data 27 de decembro de 2000 e no BOP de Lugo do 2 de decembro de 2000, e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do Concello de Ourol. Ata o momento do levantamento das actas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Lugo, 5 de febreiro de 2001.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo