Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2001 Páx. 3.271

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2001 pola que se dispón a publicación do acordo de modificación do Regulamento de réxime interno do Consello Económico e Social de Galicia.

O Regulamento de réxime interno do CES-Galicia, aprobado polo Pleno do día 29 de abril de 1996 e publicado no DOG do 11 de xuño de 1996, establece no artigo 45 que lle corresponde ó Pleno do Consello a facultade de reformalo total ou parcialmente.

Na sesión plenaria do día 22 de febreiro de 2001, coa asistencia de vintesete dos seus membros con dereito a voto, acordouse por unanimidade modifica-lo artigo 28 do dito regulamento, co obxecto de equilibra-lo traballo das comisións sectoriais, tomando como esquema o índice da memoria sobre a situación económica e social de Galicia 1999 e os temas dos informes e dictames que vai realiza-lo consello.

De acordo coas competencias atribuídas polo artigo 16 c) da Lei 6/1995, do 28 de xuño, pola que se crea o Consello Económico e Social de Galicia, e o artigo 24 d) do seu Regulamento de réxime interno,

en relación co disposto no artigo 20 da Lei de creación, esta presidencia

RESOLVE:

Facer público o acordo adoptado polo Pleno 1/2001, celebrado con data do 22 de febreiro de 2001, que figura como anexo da presente resolución.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2001.

Luis Suárez-Llanos Gómez

Presidente do Consello Económico e Social

de Galicia

ANEXO

Modificación do artigo 28 do Regulamento de réxime interno.

O artigo 28 do Regulamento de réxime interno queda redactado como segue:

Artigo 28.-Clases.

As comisións sectoriais, como grupos de traballo para a elaboración dos proxectos de estudio, informes ou dictames do consello, poden ser de carácter permanente ou específicas. Terán a condición de comisións sectoriais permanentes as seguintes:

1. Economía, emprego e sectores productivos.

2. Sector público e benestar social.

3. Desenvolvemento rexional.

4. Memoria anual sobre a situación socioeconómica.

O Pleno do Consello poderá acorda-la constitución das comisións sectoriais específicas para a redacción dos estudios, informes ou dictames que se determinen no acordo de constitución, establecendo a súa composición e fixando as súas directrices.