Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2001 Páx. 3.270

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2001 pola que se convocan cinco cursos de segundo nivel de perfeccionamento de salvamento e socorrismo acuático.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de 5 cursos de 2º nivel de perfeccionamento de salvamento e socorrismo acuático, que se desenvolverán conforme ás seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil que asiste ós cursos dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización das tarefas que teña encomendadas, adquirindo unha maior destreza e coñecementos suficientes no salvamento e socorro de persoas en situacións difíciles.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superasen o curso básico de protección civil, teñan dominio dos tres estilos de natación seguintes: crol, de bruzos e de costas e superasen a proba de nadar 200 m en 4,5 minutos e desprazáranse baixo a auga 25 metros.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nestes cursos presentarán, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 31 de marzo de 2001, ás 14 horas.

3. As instancias serán enviadas polo presidente da agrupación correspondente á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

O contido dos cursos de 2º nivel de perfeccionamento de salvamento e socorrismo acuático divídese en catro partes:

a) Introducción. Conceptos xerais.

b) Salvamento acuático.

c) Primeiros auxilios.

d) Proba de superación do curso.

Duración e datas.

Os cursos celebraranse durante o ano 2001 e terán unha duración de 40 horas lectivas.

As datas de realización deles quedan por determinar en función do número e localización de solicitudes.

Prazas.

O número máximo de prazas ofertadas por cada curso é de 30.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 17 de abril de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

Por determinar en función das solicitudes recibidas.

Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, aínda cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de «non apto» no curso.

Certificado de aproveitamento.

Á fin do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a el e superen as correspondentes probas prácticas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 26 de febreiro de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade