Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2001 Páx. 3.268

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2001 pola que se convoca un curso de formador de formadores.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, de acordo coas funcións que teñen encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de formador de formadores, que se desenvolverá de acordo coas seguintes bases:

Obxectivos.

Formar nos aspectos pedagóxicos e metodolóxicos as persoas que poidan participar como formador e coordinador en todas aquelas actividades destinadas á preparación dos membros das Agrupacións de voluntarios de protección civil para a correcta realización das tarefas que teñan encomendadas.

Destinatarios.

O curso vai dirixido a:

-Xefes e responsables de formación das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente teñan realizado o curso básico de protección civil e polo menos dous cursos de segundo nivel.

-Persoal técnico de protección civil da Xunta de Galicia.

-Persoal técnico de protección civil local.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar neste curso presentarán, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 31 de marzo de 2001, ás 14 horas.

3. As instancias deberanse enviar á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura s/n. 36680. A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

No curso desenvolverase, entre outros, os seguintes temas: 1. Papel do formador. 2. A comunicación na formación. 3. Destinatarios da formación. 4. Deseño da acción formativa. 5. Recursos didácticos da súa utilización. 6. Técnicas de expresión oral. 7. Técnicas de animación de grupos. 8. Avaliación dos resultados.

Duración e datas.

O curso terá lugar durante as seguintes datas; 8-9-10-15-16 de maio de 2001. E terá unha duración de 40 horas lectivas.

O horario será en sesións de mañá e tarde, de 9.30 a 14 horas e de 16 a 19.30 horas

Prazas.

O número de prazas ofertadas para este curso é de 27.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 17 de abril de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade no Concello da Estrada.

Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, aínda cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a calificación de «non apto» no curso.

Certificado de aproveitamento.

Á fin do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a el e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 26 de febreiro de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade