Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 14 de marzo de 2001 Páx. 3.214

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 8 de marzo de 2001 pola que se convoca a primeira edición do premio A empresa en favor da familia.

O Decreto 231/2000, do 29 de setembro, da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, polo que se creou o premio A empresa en favor da familia (DOG nº 197, do 10 de outubro), estableceu no seu artigo 4 que o dito premio será convocado por orde da citada consellería e terá unha periodicidade anual.

En consecuencia, e en uso das atribucións que teño conferidas e con fundamento no decreto invocado,

DISPOÑO:

Artigo único.-É obxecto da presente disposición a convocatoria do premio A empresa en favor da familia na súa primeira edición e o establecemento das bases que rexen a dita convocatoria.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

ANEXO I

Bases

Primeira.-O citado premio destínase a estimular e recoñecer ás empresas que promovan e realicen as accións que potencien un mundo laboral que teña en conta os intereses da familia e coadxuve na conciliación da vida familiar e laboral.

Segunda.-O premio, que ten carácter exclusivamente honorífico e non leva consigo ningún tipo de dotación económica, dará dereito a un diploma e a unha placa conmemorativa.

Terceira.-Poderán optar ó premio as persoas físicas ou xurídicas que exerzan calquera actividade mercantil na Comunidade Autónoma de Galicia e desenvolvesen accións orientadas á protección da familia.

Cuarta.-As candidaturas, formalizadas no modelo oficial que se publica como anexo II á presente orde, irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria na que se describan as accións ou programas realizados, que deberán versar sobre iniciativas individuais exemplares ou programas completos orientados a satisface-las necesidades dos empregados con obrigas familiares.

b) Documentación que acredite a realización pola empresa das ditas medidas ou accións na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Copias cotexadas da tarxeta de código de identificación fiscal (CIF) ou da tarxeta do número de identificación fiscal (NIF), se é o caso.

d) Poderes suficientes do solicitante e copia compulsada de escritura de constitución e modificación, se é o caso, da persoa xurídica á que represente, debidamente inscrita no rexistro.

e) Certificacións expedidas pola Axencia Tributaria e pola Consellería de Economía e Facenda de estar ó día nas obrigas tributarias coas facendas estatal e autonómica.

f) Certificación de encontrarse ó día nos pagamentos das cotas da Seguridade Social.

g) Outra documentación que se considere que poida contribuír a mellora-la avaliación da proposta.

Quinta.-As solicitudes presentaranse desde o día seguinte ó da publicación no DOG desta orde ata o 16 de abril de 2001, na Dirección Xeral de Familia da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, Xunta de Galicia. Edificio administrativo San Caetano. Santiago de Compostela.

Tamén poderán presentarse por calquera dos procedementos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta.-O exame das memorias presentadas e, se é o caso, a proposta do premio corresponderalle a un xurado seleccionador, a composición do cal se axustará ó establecido no artigo 5 do Decreto 231/2000, do 29 de setembro, polo que se crea o premio A empresa en favor da familia.

A proposta do xurado elevarase á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que resolverá. A resolución da concesión do premio, que pon fin á vía administrativa, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

A entrega do citado premio rexerase polo disposto no artigo 6 do citado decreto. A dita entrega terá lugar o 15 de maio do presente ano, coincidindo coa celebración do Día mundial da familia.

Sétima.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.