Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 12 de marzo de 2001 Páx. 3.079

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 7 de marzo de 2001 pola que se establecen as contías das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de gando nos programas de erradicación de enfermidades animais para 2001.

Os animais reaccionantes positivos ás probas diagnósticas establecidas nos programas de erradicación de tuberculose bovina e brucelose no gando vacún, ovino e cabrún para os que se estableceu o sacrificio obrigatorio pola imposibilidade de establecer un tratamento terapéutico, implica que os gandeiros de acordo co establecido no artigo 154 do Regulamento de epizootias do 4 de febreiro de 1955 e demais lexislación concordante poderán recibir unha indemnización de acordo co baremo oficialmente aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3, en relación co artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A contía das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose bovina e brucelose no gando vacún, ovino e cabrún, así como daqueloutros animais que convivindo cos animais enfermos sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes, durante as campañas de saneamento de 2001, serán as que correspondan en cada momento segundo o baremo oficialmente aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Artigo 2º

Para poder ter dereito á indemnización por sacrificio é imprescindible o cumprimento estricto da

normativa en vigor sobre epizootias e programas de erradicación de enfermidades animais.

Artigo 3º

As indemnizacións establecidas na presente orde, así como as correspondentes ós animais sacrificados que non puideron ser tidos en conta por presenta-lo certificado de sacrificio con posterioridade ó peche do exercicio orzamentario anterior, aboaranse con cargo ó programa 613-A, concepto 770.0 «Programas sanitarios especiais» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, dotado con trescentos cincuenta e nove millóns, trescentas once mil pesetas.

Artigo 4º

1. Para cumprimento do artigo 17 do Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais e dos artigos 21 e 22 da Orde do 4 de abril de 1997 da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes pola que se establecen as normas para o desenvolvemento das campañas de saneamento gandeiro das especies bovina, ovina e cabrúa, o trámite de indemnización farase de oficio pola Administración ó recibi-los documentos xustificantes do sacrificio das reses no matadoiro e unha vez comprobados os requisitos esixidos no artigo 5º da presente orde. Emitirase resolución da aprobación ou denegación da indemnización na que se especificarán os recursos que procedan.

2. A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que, transcorridos tres meses desde o sacrificio dos animais afectados, non se dictase resolución expresa, entenderase denegada a indemnización.

Artigo 5º

Os beneficiarios das indemnizacións presentarán, antes do pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Ademais, deberán presentar certificación de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e que non teñen débeda ningunha coa Administración da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria