Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 09 de marzo de 2001 Páx. 3.002

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 23 de febreiro de 2001 pola que se regula a concesión de axudas económicas ós concellos de Galicia para a contratación temporal de auxiliares de policía local durante a tempada de verán.

A Lei do Parlamento de Galicia 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, procedeu a coordina-las policías locais de Galicia nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade do Estado.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece entre outros principios o de que as entidades locais galegas e a Xunta de Galicia adecuarán a súa actuación ós da colaboración, cooperación e do auxilio que puidesen precisar conxunturalmente para o eficaz cumprimento das súas tarefas; entre estas está a de seguridade en lugares públicos.

Conforme o Decreto 161/2000, do 29 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndenlle a esta consellería, entre outras competencias, a coordinación das policías locais, así como as relacións coas corporacións locais.

Por medio da presente orde preténdese dar cumprimento ó mandato xenérico de coordinación establecido na Lei orgánica 2/1986, polo que, ó abeiro do disposto no artigo 4 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, en tanto a coordinación abrangue entre outras medidas as de colaboración que lles permitan ós servicios de policía dos concellos galegos acadar unha acción conxunta e eficaz, regulándose por medio desta orde o procedemento para a concesión de axudas destinadas ós concellos que incrementen considerablemente a súa poboación turística na tempada de verán para a contratación temporal de auxiliares de policía local nese período (xuño, xullo, agosto e setembro); neste sentido incorpórase como requisito dos concellos beneficiarios a acreditación de incremento poboacional durante esta tempada, tal e como se vén esixindo para a declaración de municipio turístico galego polo Decreto 239/1998, do 30 de xullo.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais contribuirá cos concellos, co fin de aumenta-la eficacia dos seus corpos de policía local, no desenvolvemento das funcións que lle son propias durante a tempada de verán (meses citados anteriormente), convocando axudas destinadas a sufraga-los custos de contratación temporal de auxiliares de policía local.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicita-los beneficios desta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conten con corpo de policía local.

b) Aqueles nos que pola afluencia estacional durante a tempada de verán a súa media ponderada de poboación turística sexa superior ó vintecinco por cento do número de veciños ou cando o número de aloxamentos turísticos e mais de segundas residencias sexa superior ó cincuenta por cento do número de vivendas de residencia primaria durante a dita tempada de verán.

2. O número de contratos temporais que subvencionará a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais non poderá supera-lo número de membros que integran o cadro de persoal do corpo de policía local do concello peticionario.

3. Corresponderalle ó concello peticionario o pagamento do 25% do importe total do contrato formalizado co/s auxiliar/es de policía local, sendo por conta da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o pagamento do 75%, incluídos custos sociais.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución deste obxectivo ó que se refire a orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de trinta millóns de pesetas (30.000.000), con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.123.A.460.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo de trinta días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos ós que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse ós seus beneficios, deberán presenta-la solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa ó acordo adoptado polo órgano competente do concello polo que se acorda a contratación temporal do/s auxiliar/es de policía local

e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Certificación expedida polo secretario xeral do concello solicitante, que acredite a constitución do corpo de policía local, conforme determina a lexislación vixente.

c) Orzamento de gastos para a realización da actividade para a que se solicita axuda, cuantificando o importe correspondente ó 75% solicitado en concepto de subvención, así como o custo por auxiliar contratado.

d) Memoria sobre o cadro de persoal do corpo de policía local, actualizada á data de publicación desta orde, incluíndo as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

e) Número de auxiliares que a corporación vaia contratar.

f) Respecto á poboación deberán remitir:

-Certificación do secretario do concello do número de veciños que conforman o padrón municipal de habitantes.

-Certificación municipal do contido dos documentos do concello nos que se cuantifique a afluencia turística anual ó concello, desagregada por meses, e nos que se describirán os criterios utilizados para efectuar esa cuantificación.

Estarán exentos de presenta-las certificacións requiridas nesta letra f) aqueles concellos que fosen declarados municipio turístico galego conforme o Decreto 239/1998, do 30 de xuño, polo que se regula a declaración de municipio turístico galego.

g) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia).

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós concellos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións.

Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción e resolución.

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Administración Local, emitíndose o correspondente informe.

2. O director xeral de Administración Local elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

Artigo 6º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a axuda económica, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable no prazo de seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente por silencio administrativo. Todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais no prazo dun mes contado a partir do seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la concesión da subvención.

Artigo 8º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Relación de necesidades municipais reflectidas na petición.

b) Recursos humanos con que conta o corpo de policía do concello solicitante (cadro de persoal real de postos de traballo cubertos e vacantes), así como, se é o caso, posibles previsións de aumento do cadro de persoal.

c) Crecemento poboacional do concello nos meses de verán debido á súa afluencia turística.

Artigo 9º.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios da subvención, unha vez concedida esta, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento dos contratos subvencionados.

2. Para recibi-la subvención, os concellos seleccionados deberán remitir, por triplicado, á Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, antes do día 30 de outubro de 2001, os seguintes xustificantes:

a) Copia compulsada do contrato que o concello formalice co/os auxiliar/es.

b) Copia compulsada do diploma acreditativo de ter superado o curso básico para auxiliares de policía local convocado pola Academia Galega de Seguridade e que se celebrará no mes de maio deste ano nas súas instalacións da Estrada, ó cal poderán asistir aquelas persoas seleccionadas previamente polos concellos para desempeña-los postos de auxiliares de policía local; non obstante serán válidos certificados dos cursos de auxiliares de policía local dos derradeiros cinco anos, cumprindo así co requisito que establece a disposición adicional segunda da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais.

c) Certificación do pagamento das retribucións especificadas no contrato sinalado, incluídos os gastos de Seguridade Social, conformada polo interventor do concello.

d) No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia).

O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención

Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 10º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; e, se procede, instruirá expediente sancionador conforme o previsto no citado decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde haberá que aterse ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais