Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 08 de marzo de 2001 Páx. 2.940

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2001 pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza de técnico en fomento da innovación vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Vacante a praza de técnico en fomento da innovación, nº 1 da vixente relación de postos de traballo de persoal laboral, e aprobado pola Xunta de Goberno o sistema de selección do concurso-oposición para a súa provisión, segundo establece o artigo 111.3º dos estatutos.

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, aprobados polo decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados polo decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto) e polo Decreto 41/2000, do 25 de febreiro (DOG do 2 de marzo),

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir unha praza de técnico en fomento da innovación, grupo I.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo o modelo que figura como anexo IV. Á instancia xuntarase fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose, ademais, o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar dúas fotocopias do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración ou promesa deste de que non está separado de dereito do cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (edificio do Rectorado, rúa da Mestranza, s/n, CP 15001) ou en Ferrol (Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15403), ou nas

restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os dereitos de exame serán de 7.755 pesetas que se ingresarán, directamente ou mediante transferencia, en calquera das oficinas do Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, na conta corrente número 0182-0470-40-0207957986, «Probas selectivas para técnico en fomento da innovación», a nome da Universidade da Coruña. A solicitude deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do ingreso; a falta desta determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento supoñerá a substitución do trámite de presentación, no tempo e forma, da solicitude ante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola Xerencia da Universidade. A documentación acreditativa dos méritos estará referida á data de publicación no DOG da presente convocatoria e deberá incorporarse á solicitude.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da solicitude e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados, ós que, en virtude de tratados internacionais realizados pola Comunidade Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no tratado constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de

vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación ós familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais realizados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión dunha titulación de licenciado universitario ou equivalente. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de cualquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador destas establecerá, para as persoas con minusvalidez que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo lle xurdisen dúbidas ó tribunal respecto á capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos traballadores da categoría de técnico en Fomento da Innovación, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobadas as listas provisionais de aspirantes admitidos e excluídos, que serán publicadas no taboleiro de anuncios do Rectorado da Universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos dispoñerán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a súa exclusión. Transcorrido o citado prazo o rector dictará resolución declarando aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, contra a que os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da publicación da resolución, de acordo

co previsto na Lei 29/1998, do 30 do xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 10.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III da presente convocatoria.

6.2. O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal da administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 do novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que estime necesario.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data do comezo dos exercicios publicarase na resolución rectoral que aprobe as listas definitivas dos aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos aspirantes será o que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano no que se realice a proba.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

8.1. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúan un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

8.2. O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), polo que se establecen diplomas acreditativos do coñecemento do español como lin

gua estranxeira. A proba cualificarase de apto ou non apto, sendo necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten mediante fotocopia compulsada estar na posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, e do certificado de aptitude no español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non achegar esta documentación, non poderán ser declarados exentos, debendo, na súa consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal publicará a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador publicará no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de realización do exercicio, así como naqueles outros que estime oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes nel, así como, se é o caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal publicará, nos mesmos lugares, a relación dos aspirantes que superaron as probas selectivas, constituída por aqueles opositores que, no número non superior ó das prazas convocadas e acadando a puntuación mínima esixida para supera-los exercicios da fase de oposición, obtiveran a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I, e coa indicación expresa da obtida por cada un deles. Esta lista será confeccionada segundo a orde de puntuación final acadada por cada aspirante e en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. Os opositores que non se encontren incluídos nesta relación terán a consideración de non ter aprobado as probas selectivas, único extremo acerca de cal o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal remitirá ó rector a relación definitiva dos aspirantes aprobados pola orde desta puntuación final, coa proposta de que se formalicen con eles os correspondentes contratos de traballo.

10. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

10.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da relación definitiva de aprobados nas probas selectivas, estes deberán presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (Rúa da Mestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI ou documento acreditativo equivalente de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

c) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar que non están sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

d) Certificado médico oficial acreditativo de que non padece enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o servicio.

10.2. Cumpridos debidamente polo aspirante, que superou as probas selectivas, os trámites de presentación de documentos, será contratado como técnico en fomento da innovación da Universidade da Coruña.

10.3. O período de proba será de seis meses, durante o cal o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ós aspirantes que con anterioridade desempeñasen funcións de técnico en fomento da innovación da Universidade da Coruña.

Segundo.-As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro) e ós estatutos desta universidade, aprobados polo decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro), modificados polo Decreto 245/1998, do 30 xullo (DOG do 28 de agosto), o convenio colectivo aplicable ó persoal laboral da Universidade da Coruña, a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea e ás bases desta convocatoria.

Terceiro.-A presente convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade

da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 1 de febreiro de 2001.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

Procedemento de selección

O procedemento de selección constará de dúas partes: a fase de oposición e a fase de concurso, cos exercicios e valoración de méritos que para cada unha se indican.

-Fase de oposición:

Exercicios: a fase de oposición valorarase ata un máximo de 60 puntos e consistirá na realización de tres exercicios, todos eles obrigatorios, dos que só os dous primeiros serán eliminatorios.

Primeiro exercicio: consistirá en contestar un cuestionario tipo test, composto por preguntas con respostas múltiples, das que só unha será a correcta. O dez por cento destas corresponderá ó temario xeral e o noventa por cento ó temario específico, do programa que figura como anexo (módulos I e II).

A valoración deste exercicio será de 0 a 24 puntos, sendo necesario para superalo obter un mínimo de 8 puntos.

Segundo exercicio: consistirá no desenvolvemento escrito dun tema, de entre tres propostos polo tribunal, correspondentes ó temario específico (módulo II).

Este exercicio valorarase de 0 a 30 puntos, sendo necesario para superalo obter un mínimo de 12 puntos.

Terceiro exercicio: consistirá na realización simultánea das seguintes probas:

a) Unha traducción do inglés técnico para o español, sen diccionario, dun texto proposto polo tribunal.

b) Unha traducción do español para o galego, sen diccionario, dun texto proposto polo tribunal.

Este exercicio valorarase de 0 a 6 puntos, correspondendo a metade desta puntuación a cada unha das probas.

O tempo de realización de tódolos exercicios será establecido polo tribunal cualificador discrecionalmente.

-Fase de concurso:

Nesta fase valoraranse, ata un máximo de 40 puntos, os seguintes méritos:

a) Os servicios prestados na Univesidade da Coruña, considerando as seguintes modalidades:

a.1. Servicios prestados na Universidade da Coruña como contratado laboral non permanente en postos de funcións similares ó da praza solicitada, cos requisitos fixados na relación de postos de traballo, a razón de 2 puntos por cada mes completo ata un máximo de 16 puntos.

a.2. Servicios prestados na Universidade da Coruña desde postos directivos doutras institucións dedicadas ó fomento da innovación, a razón de 4 puntos por cada ano de traballo ata un máximo de 8 puntos.

b) Participación en diversos tipos de eventos relacionados co fomento da innovación a escala rexional, estatal e internacional, tales como:

b.1. Participación como docente en cursos, foros e seminarios relacionados co temario específico da praza, ata un máximo de 4 puntos.

b.2. Participación en condición de director-coordinador, en proxectos levados a cabo con cargo a diferentes fontes oficiais de financiamento, directamente relacionados coa materia obxecto da praza, ata un máximo de 4 puntos.

c) Entrevista persoal, que se valorará ata un máximo de 8 puntos.

-Sistema de puntuación:

A puntuación de cada fase, concurso e oposición, virá dada pola suma das puntuacións correspondentes ós meritos ou exercicios que as compoñen. As puntuacións finais de cada aspirante no proceso selectivo virán determinadas pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e de concurso. No caso de empate na puntuación final entre os aspirantes, darase preferencia segundo a seguinte orde:

1ª Maior puntuación na fase de oposición.

2ª Maior puntuación na fase de concurso.

ANEXO II

Programa das probas

* Módulo I. Parte xeral.

1. A Constitución española: dereitos fundamentais e liberdades públicas. Dereitos e deberes dos cidadáns.

2. As universidades: creación, réxime e estructuras. O Consello das Universidades. Os estatutos da Universidade da Coruña: natureza e fins da universidade.

3. Estructura da Universidade da Coruña: departamentos, escolas, centros e institutos universitarios e centros adscritos.

4. O goberno da universidade: órganos colexiados e órganos unipersoais.

5. Investigación: da organización da investigación.

6. O persoal da universidade: o persoal docente e investigador. O persoal de administración e servicios.

7. Os servicios xerais da universidade: servicios de apoio á investigación. Servicios de asistencia á comunidade universitaria.

* Módulo II. Coñecementos específicos.

Parte 1: políticas de I+D e innovación tecnolóxica.

-Definición de política científica e tecnolóxica.

-Funcións das institucións intervenintes en política científica e tecnolóxica.

-A supervisión da política científica e tecnolóxica.

-A planificación en ciencia e tecnoloxía.

-Modelos de organización dos sistemas de ciencia e tecnoloxía.

Parte 2: definicións e medicións básicas da innovación.

-O concepto de innovación.

-Indicadores e referencias internacionais.

-Innovación tecnolóxica: tecnoloxía e empresa.

Parte 3: o novo contexto e os novos retos da innovación en Europa.

-Diversidade e converxencia.

-Obstáculos á innovación.

-Prioridades e accións.

Parte 4: innovación e rede tecnoeconómica.

-Conceptos e características.

-A rede tecnoeconómica en España: situación actual e perspectivas futuras.

-Observatorios estratéxicos para o desenvolvemento da rede tecnoeconómica: fundamentación, obxectivos, fases, tarefas, etc.

Parte 5: o financiamento da innovación.

-Características do gasto en I+D e innovación en España.

-Financiamento público e privado en España.

-Comparación internacional.

-Diagnóstico e recomendacións en relación co financiamento da innovación.

Parte 6: innovación e teoría da empresa.

-Éxito e fracaso na innovación industrial.

-Innovación e tamaño da empresa.

-Incerteza, avaliación de proxectos e innovación.

-Innovación e estratexia empresarial.

-Medida das actividades científicas e técnicas.

Parte 7: o proceso da promoción e a difusión da innovación.

-As unidades de interface como elementos de dinamización: características, evolución e organización.

-Programas de axudas públicas para o fomento da innovación empresarial a escala rexional, estatal, comunitaria e internacional.

-A información como fonte da innovación: principais servicios e sistemas de información empresarial.

Parte 8: cooperación e innovación.

-A innovación compartida: a cooperación entre empresas. Organismos e programas de apoio á cooperación empresarial.

-Relacións da empresa co sistema público de I+D+I.

-A cooperación universidade-empresa: experiencias e resultados das relacións universidade-empresa en España.

-Cooperación internacional e desenvolvemento científico-técnico universitario.

Parte 9: a protección da innovación.

-A necesidade da protección das innovacións. Propiedade industrial e intelectual.

-As patentes en España, Europa e América Latina.

-Os documentos de patentes como fonte de información para a innovación.

-A Oficina Española de Patentes e de Marcas.

-A Oficina Europea de Patentes.

-Servicio de Buscas da OEPM.

Parte 10: innovación, cambio tecnolóxico e emprego.

-Consecuencias económicas e sociais do desemprego xeneralizado.

-Teoría económica do desemprego.

-Dimensión internacional do cambio tecnolóxico e o emprego na economía mundial.

Parte 11: innovación e necesidades tecnolóxicas sectoriais.

-Distribución do esforzo sectorial para a innovación.

-A innovación nas tecnoloxías da información e as comunicacións.

-A innovación na construcción.

-Necesidades tecnolóxicas e innovación no transporte.

-Necesidades tecnolóxicas e innovación na transformación de productos do mar.

-Necesidades tecnolóxicas e innovación no sector da rehabilitación.

-Necesidades tecnolóxicas e innovación no sector dos materiais: a lousa.

-Necesidades tecnolóxicas e innovación no sector naval e industria auxiliar.

-Necesidades tecnolóxicas e innovación no sector da automoción.

Parte 12: o sistema galego de innovación: situación da I+D en Galicia.

-Antecedentes: o proceso de penetración de tecnoloxía estranxeira en Galicia.

-Innovación e desenvolvemento tecnolóxico en Galicia: análise das actividades de I+D, esforzo en I+D, converxencia con España e principais resultados.

-Os contornos do sistema galego de innovación: contorno tecnolóxico, contorno científico, contorno productivo, contorno financeiro, as unidades de interface.

-Análise das forzas positivas e negativas do sistema galego de innovación.

-Estratexia galega de innovación.

Parte 13: o sistema español de ciencia-tecnoloxía-empresa.

-Antecedentes históricos e marco legal.

-Marco institucional; o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía.

-O III Plan Nacional de I+D; principais resultados.

-O IV Plan Nacional de I+D+I; programas, obxectivos, financiamento, entidades executoras.

Parte 14: ciencia e tecnoloxía na Unión Europea.

-Política científica e tecnolóxica da Unión Europea. Historia e desenvolvemento.

-O impacto da política científica da UE en España e Galicia.

-A participación española no IV Programa Marco de IDT.

-O V Programa Marco de IDT; programas, obxectivos, financiamento, etc.

Parte 15: cooperación iberoamericana para a innovación: programas e organismos para a cooperación.

-Os sistemas de I+D+I en América Latina; marco legal e estructura institucional: os casos de Arxentina, Brasil, Chile, Uruguai, Paraguai, Bolivia, Cuba, México, Venezuela, Colombia, Ecuador, República Dominicana, Panamá, Honduras, Costa Rica e Perú.

-Programa Iberoamericano de Ciencia e Tecnoloxía para o Desenvolvemento: natureza, xestión e procedementos.

-Organismos para a cooperación: os modelos das FAPES e as UTCs no Brasil, o Programa de Vinculación Tecnolóxica na Arxentina, o CINDA chileno.

Parte 16: vixilancia tecnolóxica para a innovación.

-Vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva.

-Vixilancia tecnolóxica e innovación.

-Diagnóstico de necesidades e situación. A natureza das informacións, fontes de información, tratamento e valorización da información, fluxos de información e persoas.

-Servicios de vixilancia tecnolóxica sectorial.

-A organización dun sistema de vixilancia tecnolóxica.

Parte 17: prospectiva tecnolóxica e innovación.

-Conceptos e definicións básicas.

-A ANEP: a prospectiva como apoio ás tarefas de avaliación.

-Observatorio de Prospectiva Tecnolóxica Industrial de España.

-O Instituto de Prospectiva Tecnolóxica de Sevilla.

-A prospectiva en Europa: análise dos casos de Italia, Francia e Reino Unido.

Parte 18: a valorización dos resultados da investigación universitaria a favor da innovación.

-A problemática da investigación universitaria e a súa aplicación na industria. Análise de bases teóricas e experiencias previas na explotación de resultados de investigación.

-Programas e mecanismos para a explotación dos resultados de investigación.

-A creación de empresas de base tecnolóxica; propostas de actuación no ámbito universitario. Estudio de casos prácticos.

Parte 19: a Universidade da Coruña: xeración de coñecemento tecnolóxico e social para a innovación.

-Organización e estructuras de apoio á investigación, ó desenvolvemento tecnolóxico e á innovación.

-Análise da oferta de coñecemento tecnolóxico e social da UDC.

-As unidades de interface da Universidade da Coruña.

-A comercialización de resultados de investigación na UDC.

Parte 20: a xestión de proxectos para o fomento da innovación.

-Metodoloxía para a definición teórica dos proxectos: xeración da idea, obxectivos, fases, tarefas, resultados esperados.

-Aspectos prácticos para a elaboración de proxectos: tipo de proxectos, memoria técnica, memoria económica, xustificacións.

-Fontes e programas para o financiamento de proxectos orientados ó fomento da innovación a escala rexional, estatal, e internacional.

Parte 21: metodoloxías para a xestión da cooperación para a innovación.

-O contorno científico: estimación da oferta dos centros públicos de investigación.

-A consideración da demanda no contorno productivo.

-Actuacións relativas á interacción entre oferta e demanda.

Parte 22: novas tecnoloxías e innovación: os servicios de información como ferramenta de apoio a IDT.

-Información e coñecemento para a toma de decisións.

-Internet como xeradora de trocos: demandas do consumidor electrónico.

-A utilización de provedores de información: a Asociación Española de Distribuidores de Información Electrónica.

-Servicios de información; análise de casos: CORDIS, SUMIT, IGATEL, ARDAN.

ANEXO III

Tribunal cualificador

-Titulares:

Presidenta: Dolores Esther Fernández Fernández, vicerrectora de Investigación.

Vocais:

Víctor Cabrera Sánchez, xerente da UDC.

Bernardino Arcay Varela, director da OTRI.

Miguel Maestro Saavedra, director dos Servicios Xerais de Apoio á Investigación.

Salvador Peña Díaz, en representación dos traballadores.

Manuel Romero Beade, en representación dos traballadores.

Secretario: Daniel Miguélez Costa, xefe da Sección e Formación do Persoal, que actuará con voz e sen voto.

-Suplentes:

Presidente: Alejandro Pazos Sierra, vicerrector de Organización Docente e Profesorado.

Vocais:

Juan Ramón Rego Álvarez de Mon, vicexerente da UDC.

Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto de Xeoloxía.

Darío Prada Rodríguez, director do Instituto de Medio Ambiente.

María José Grueiro Maroño, en representación dos traballadores.

María Josefa Padín García, en representación dos traballadores.

Secretario: Luis Vázquez López, xefe da Sección de Persoal, que actuará con voz e sen voto.