Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 08 de marzo de 2001 Páx. 2.923

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 27 de febreiro de 2001 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións a asociacións sen fins de lucro para actividades de distribución, loxística e promoción comercial, en desenvolvemento do Programa Cuadrienal de Modernización do Sector Comercial Retallista de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2001.

O Programa Cuadrienal de Modernización do Sector Comercial Retallista de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 13 de outubro de 2000 recolle, entre as súas medidas, un decidido apoio ó asociacionismo comercial como a vía máis axeitada para acada-lo fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio. Neste sentido, a mellora da distribución, loxística e promoción comercial teñen unha relevancia determinante para o comercio retallista galego e a vía do asociacionismo é a única capaz de dar resposta a estas cuestións xa que o minifundismo comercial impide a súa solución individualizada.

Polo tanto, establécense nesta orde unha serie de axudas dirixidas a asociacións de comerciantes, sen fins de lucro, coa finalidade de acadar, a través delas, o desenvolvemento do comercio galego e con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, que inclúe a oportuna consignación na aplicación 08.04.753-A.781.0 «Transferencias de capital.- Familias e Institucións sen fins de lucro.- Distribución, loxística e promoción comercial».

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal, «Mentres no recaia a decisión da Comisión Europea de Compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómica axustándose ás directrices, tanto horizontais, como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, de se-lo caso, ós límites de intensidade autorizados a Galicia no mapa rexional de axudas de España para o período 2000-2006».

En virtude do exposto e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. As actividades susceptibles de subvención ó abeiro desta orde son os investimentos dirixidos á distribución, loxística e mellora da promoción do comercio e dos productos galegos, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma como no dos mercados nacionais e internacionais, e que se executen a partir do 1 de xaneiro de 2001.

2. Poderán beneficiarse das axudas desta orde, as asociacións de carácter territorial ou sectorial, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas,

e das que o ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia ou ben calquera outra entidade representativa das pequenas e medianas empresas comerciais, sen fins de lucro, no ámbito territorial e que pretendan levar a cabo proxectos de interese e transcendencia no ámbito comercial.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

1. Considéranse subvencionables as seguintes actuacións:

a) Participación en feiras, concretamente o alugamento de espacios e servicios, montaxe e decoración de stands e transporte de productos ou materiais por medios externos.

b) Material de campaña, concretamente edición e impresión de catálogos, displays, carpetas de prensa, carteis, producción de vídeos e anuncios, material fotográfico e elementos análogos.

c) Publicidade, concretamente as campañas e insercións en medios de comunicación, tanto escritos como audiovisuais.

d) Organización de presentacións e actos promocionais externos co alugamento de salas e persoal de asistencia. Para o caso de participación en desfiles, pasarelas, exposicións, mostras ou eventos similares: dirección e organización, estilismo, modelos e transportes de coleccións ou mostrarios.

e) Estudios de mercado realizados por empresas especializadas.

f) Actividades que teñan por finalidade a distribución, fomento e desenvolvemento loxístico da actividade comercial.

2. Non terán a consideración de subvencionables, para cada unha das accións realizadas, os conceptos que a seguir se relacionan:

a) Gastos de desprazamento, manutención e aloxamento do persoal.

b) Gastos de mailings, mostras, regalos promocionais e os relativos á celebración de cocktails e actos análogos.

c) Os impostos recuperables ou repercutibles polo beneficiario.

Artigo 3º.-Contía e ámbito.

1. Para a concesión das subvencións, propias dos investimentos que se convocan destinaranse os créditos globais correspondentes á aplicación orzamentaria 08.04.753-A.781.0 «Transferencias de capital. Familias e institucións sen fins de lucro. Distribución, loxística e promoción comercial».

Aplicación orzamentaria: 08.04.753A 781.0.

Ano 2001: 500.000.000.

Ano 2001: 100.000.000.

As cantidades antes citadas poderán ser incrementadas en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

2. En función da natureza do proxecto presentado, e coa finalidade de acadar unha maior eficacia no cumprimento do obxecto da subvención, poderá considerarse a posibilidade de propor axudas plurianuais, nos termos e límites do artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

3. Para os investimentos plurianuais entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final do ano corresponderán á anualidade seguinte, e, polo tanto poderán presentarse como xustificantes para o cobramento da referida anualidade.

4. A contía da subvención que se outorgue no poderá supera-lo 50% do importe do investimento realizado, nin o 70%, no caso de que se lle acumulen outras subvencións para igual fin.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ó conselleiro de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral da consellería ou en calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que subscribiron convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de subvención, segundo o modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse a documentación que a continuación se relaciona por exemplar duplicado, en orixinal ou copia compulsada, polo menos unha delas:

a) Acta, estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, se o houber, así como código de identificación fiscal.

b) Poder suficiente do representante da entidade solicitante.

c) Memoria-programa detallado, orzamento desagregado por partidas das diferentes actuacións que se van realizar, así como plan de financiamento do proxecto ou actuación que se vai desenvolver. Na memoria proporase o calendario de execución coa indicación das actuacións concretas que se van realizar.

d) Certificado expedido polo secretario da asociación que acredite o número de asociados que estean dados de alta, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes no proxecto ou actuacións que se van desenvolver, das que se xuntará relación detallada en soporte informático, que tera que incluí-lo nome do titular e do establecemento, enderezo, teléfono e fax.

e) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedente de calquera administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

f) Orzamento do exercicio corrente, sen incluí-las partidas das actuacións subvencionables tramitadas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Emenda de defectos.

1. Se a solicitude e/ou a documentación que se xunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 4º, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, contados a partir do seguinte á recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, considerarase desistida da súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar das entidades solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión e contía das subvencións, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os que a seguir se relacionan:

1. Os proxectos que respondan a un plan xeral de fomento do comercio retallista ou sectorial.

2. O fomento daqueles productos ou artigos respecto dos cales o ciclo completo de producción se desenvolva no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O alcance das actuacións, atendendo tanto a súa difusión como a representatividade da entidade e se é o caso, número de membros que as desenvolven.

4. A importancia estratéxica do sector económico ó que pertenza a asociación.

5. A maior achega financeira da entidade solicitante en relación ó investimento subvencionable.

6. Que o esforzo económico do sector sexa especialmente relevante no proxecto e que concorran outras administracións ou institucións públicas ou privadas no seu desenvolvemento.

Artigo 7º.-Informes de valoración.

Unha vez completos os expedientes e admitidos a trámite, serán avaliados polos servicios competentes da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, de acordo cos criterios previstos no artigo anterior para o seu posterior informe-proposta coa relación global de tódolos expedientes presentados e a súa correspondente valoración priorizada.

Artigo 8º.-Resolución e aceptación.

1. O conselleiro de Industria e Comercio, á vista dos informes de avaliación, dictará as resolucións de subvención que procedan, motivadas de acordo cos criterios de outorgamento, nas que se especificarán as solicitudes beneficiarias, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda, dentro dos límites establecidos, o importe da subvención concedida e o centro directivo que se encargará da súa xestión.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a publicación da presente orde. Ó vencemento do devandito prazo sen que se notifique a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo.

A resolución dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotará a vía administrativa, polo que de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, poderase interpor contra ela recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o fora, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderase interpoñe-lo recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes se o acto fose expreso; se non o fora, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

2. Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acorda-la modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos que a seguir se relacionan:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, no supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicita-la devandita modificación mediante instancia dirixida ó conselleiro de Industria e Comercio, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior; co límite de 20 días hábiles antes da data de remate do prazo de xustificación do investimento.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será dictado polo órgano concedente despois da instrucción do correspondente expediente.

Artigo 10º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez que se presenten por triplicado os documentos que a continuación se relacionan:

a) Os que acrediten a realización do investimento, xunto cunha relación nominativa, agrupados por epígrafes, segundo corresponda e facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto e importe en pesetas, especificando, se é o caso, o tipo de cambio aplicado.

b) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de cumprimento da finalidade para a que foi concedida e de aplicación dos fondos destinados para o efecto.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, para a mesma finalidade tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados e sociedades.

d) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa administración pública da Comunidade Autónoma, e sempre que a subvención

concedida supere individualmente a cantidade de 250.000 pesetas.

2. A documentación acreditativa do investimento obxecto de subvención deberá presentarse polo beneficiario coa data límite o día 31 de outubro de 2001, ou se é o caso a data correspondente para o exercicio 2002, no rexistro xeral da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para o caso de que as actuacións o parte delas se desenvolvan a partir do 1 de outubro, e así conste na documentación presentada pola entidade solicitante, o prazo de xustificación das investimentos rematara o día 30 de novembro de 2001, salvo que se estableza outra data na resolución de concesión.

Artigo 11º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle unirá á documentación da xustificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento.

2. Sen prexuízo do subliñado no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó establecido no artigo 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzamento que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que estea garantida a consecución do obxecto, ou de resulta-la concorrencia con outras subvencións ou axudas sempre que a contía total supere o 70% do investimento.

Artigo 12º.-Control dos investimentos.

1. A Consellería de Industria e Comercio en calquera momento poderá inspecciona-las actuacións realizadas.

2. En todo caso, os beneficiarios someteranse ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no

exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13º.-Reintegro das subvencións.

Non se poderá esixi-lo pagamento da subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ós beneficiarios con motivo da concesión da subvención.

Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia coas axudas doutras administracións públicas o doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia a desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable que se estableza.

Todo isto con suxeición ó procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 1 de novembro, polo que se desenvolve ó réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e seralles de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Réxime xurídico.

Para todo o non previsto na presente orde, aplicaráselle o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio