Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 08 de marzo de 2001 Páx. 2.917

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 26 de febreiro de 2001 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións a asociacións de comerciantes sen fins de lucro para actuacións en revitalización urbanístico-comercial, implantación de programas de calidade, asesoramento e asistencia técnica ó comercio retallista, en desenvolvemento do Programa Cuadrienal de Modernización do Sector Comercial retallista de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2001.

O pulo do asociacionismo e do urbanismo comercial constitúe un factor clave para enfronta-los novos retos da globalización e da liberalización da economía e, neste sentido, pronúnciase o Programa Cuadrienal de Modernización do Sector Comercial Retallista de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na sesión celebrada o 13 de outubro de 2000, que recolle un conxunto de medidas entre as que é de subliñar: o apoio á revitalización urbanístico-comercial de áreas urbanas, a mellora da imaxe do comercio mediante a implantación de programas de calidade e o asesoramiento e asistencia técnica ó comercio.

Por conseguinte, faise necesario implementar unha liña de axudas que, tendo como beneficiarios as asociacións de comerciantes, de carácter territorial ou sectorial, sen fins de lucro, posibilite aquelas actuacións recollidas no devandito programa cuadrienal.

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal mentres tanto non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómica axustándose ás directrices, tanto horizontais, como sectoriais, dictadas pola Comisión, así como, de se-lo caso, ós límites de intensidade autorizados a Galicia no mapa rexional de axudas de España para o período 2000-2006.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. As actividades susceptibles de subvención ó abeiro deste orde teñen por obxecto fomenta-lo asociacionismo comercial co fin de promover aquelas actuacións dirixidas á elaboración de programas de dinamización e revitalización urbanístico-comercial das áreas urbanas, implantación de programas de calidade e axudas para o asesoramento e asistencia técnica ó comercio retallista.

2. Poderán beneficiarse das axudas obxecto desta orde as asociacións de comerciantes de carácter territorial ou sectorial, sen fins lucro, que estean legalmente constituídas, e das que o seu ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia ou ben calquera outra entidade representativa das pequenas e medianas empresas comerciais sen fins de lucro, no ámbito territorial e que pretendan levar a cabo proxectos de interese e trascendencia para o sector comercio.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

Considéranse subvencionables as seguintes actuacións:

a) O deseño, execución e implantación dun programa de dinamización que permita mellora-la súa posición competitiva nos mercados de distribución. O referido programa de dinamización incluirá, para garanti-la súa viabilidade técnica, as seguintes etapas:

1. Delimitación da área susceptible de levar a cabo unha política comercial conxunta de tódolos establecementos que nela se atopen integrados, e que terá que se configurar como unha concentración de oferta significativa, tanto dende o punto de vista cuantitativo como cualitativo.

2. A definición dun plan estratéxico de actuación, que teña como obxectivo consolida-la área obxecto do programa de dinamización como un centro comercial urbano e mellora-la percepción competitiva que del teñen os consumidores.

3. A contratación do persoal cualificado para dirixir e coordina-lo Plan Estratéxico de Actuación. Este persoal cualificado poderá ser incorporado ó inicio das actuacións para desenvolve-lo referido plan, no caso de que se estime necesaria a súa contribución.

b) Actuacións de revitalización urbanística-comercial das áreas urbanas mediante accións de promoción dirixidas á creación e desenvolvemento de centros comerciais urbanos, a través de incentivos ó investimento en: amoblamento urbano, sinalizacións, promulgación de rótulos comerciais y demais complementos que estimulen a actividade comercial, así como a contratación de xerentes de centros comerciais urbanos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, fomentaranse os proxectos de investimento dirixidos á transformación estructural dos mercados municipais en centros comerciais xestionados polos propios comerciantes.

c) Acceso ás novas tecnoloxías comerciais, en especial as relacionadas cos servicios e o comercio electrónico, así como o fomento á creación de centros comerciais virtuais que, co soporte das novas tecnoloxías informáticas e de comunicacións, permitan crear ou potenciar canles alternativas de distribución que melloren o servicio ó cliente final, ofrecéndolle la posibilidade de mercar a distancia.

d) Promoción e divulgación, electrónica ou por medios tradicionais, de iniciativas de negocio na Internet.

e) Implantación de programas de calidade, mediante proxectos orientados a unha mellora da calidade na presentación dos productos, etiquetados, marcas de calidade, así como a realización de estudios de investigación, análise, estratexia empresarial para a creación e desenvolvemento dun formato comercial do tipo: cadeas sucursalistas, cooperativas de retallistas, centrais de compras, cadeas voluntarias, cadeas franquiadas e outros.

f) Asesoramento e asistencia técnica mediante o apoio á creación e actuacións de gabinetes de asistencia técnica ó comercio, para a prestación de asistencia técnica en áreas moi diversas (fiscal, laboral, comercial, xurídica), tarefas de información, formación, promoción e animación comercial, ademais da realización de análises e estudios en relación co sector da distribución comercial, e en xeral, tódalas accións encamiñadas a imprimir competitividade na xestión comercial e a profesionaliza-lo sector.

Artigo 3º.-Contía e ámbito.

1. As subvencións que se establezan para as actuacións desta orde, serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.753-A.780.0 «A familias e institucións sen fins de lucro. Mellora do sector comercial retallista galego. Asociacións do sector comercial retallista», coa seguinte distribución para o ano 2001 e as plurianualidades correspondentes ós exercicios 2002, 2003 e 2004, con independencia dos orzamentos que se aproben nos devanditos exercicios.

Aplicación orzamentaria: 08.04.753-A.780.0

Ano 2001: 150.000.000

Ano 2002: 105.000.000

Ano 2003: 90.000.000

Ano 2004: 75.000.000

Estas contías poderán incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

O réxime de axudas recollido para o exercicio 2001 incluirá todos aqueles investimentos realizados a partir do 1 de xaneiro de 2001.

2. A contía máxima da subvención que se vai outorgar non poderá superar en ningún caso o 70% do investimento subvencionable, non puidendo a un tempo reborda-lo tope do 90%, o conxunto de axudas que poidan existir para o mesmo proxecto investidor, sendo a un tempo de aplicación as seguintes limitacións:

Para as actuacións consideradas nos puntos b), c), d), e), e f) do artigo 2, a subvención poderá acadar ata un máximo do 50%.

3. En función da natureza do proxecto presentado, e coa finalidade de conseguir unha maior eficacia no cumprimento do obxecto da subvención, poderá considerarse a posibilidade de propoñer axudas plurianuais, nos termos e límites do artigo 58 do texto

refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

4. Para os investimentos plurianuais entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final do ano corresponderán á anualidade seguinte, e, polo tanto, poderán presentarse como xustificantes para o cobramento da referida anualidade.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ó conselleiro de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Industria e Comercio ou a través de calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que subscribiron convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de subvención, segundo o modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse por triplicado a documentación que a seguir se relaciona, en orixinal ou copia compulsada de alomenos unha delas:

a) Acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, se o houbese, e modificacións posteriores, así como o código de identificación fiscal.

b) Poder suficiente do representante da entidade solicitante.

c) Memoria-programa detallado, orzamento desagregado por partidas das diferentes actuacións que se van realizar, así como plan de financiamento do proxecto ou actuación que se vai desenvolver. Na memoria proporase o calendario orientativo de execución dos investimentos que se van realizar.

d) Certificado expedido polo secretario da asociación que acredite o número de asociados que estean dados de alta, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes no proxecto ou actuacións que se van desenvolver, das que se xuntará relación detallada en soporte informático, que ha incluí-lo nome do titular e do establecemento, persoa de contacto, enderezo, teléfono e fax.

e) Orzamento do exercicio corrente e balance de situación da asociación.

f) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poden-

do abrirse un novo prazo en función das solicitudes presentadas e das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 5º.-Emenda de defectos.

1. Se a solicitude e/ou a documentación que se xunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 4º, requirirase a entidade solicitante para que no prazo de dez días, contados a partir do seguinte á recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixera, considerase desistido da súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar das entidades solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión e contía das subvencións, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os que a seguir se relacionan:

1. Programas de dinamización territorial que consideren aquelas zonas ou eixes comerciais urbanos con potencial real para configurarse como centros comerciais urbanos, ou aquelas áreas territoriais ou sectores que se atopen en procesos de cambio acelerado para a introducción de novos formatos de competencia.

2. Que o esforzo económico do sector comercial afectado sexa especialmente relevante no proxecto e que concorran o concello e/ou outras administracións ou institucións no desenvolvemento deste.

3. Que o número de empresas participantes no proxecto, así como o seu esoforzo económico e o seu grao de participación nel sexan especialmente relevantes.

4. Actuacións que respondan á formulación dun plan xeral de modernización, racionalización e desenvolvemento das empresas asociadas.

5. Calidade e rigor na elaboración do proxecto, así como o seu carácter innovador.

Artigo 7º.-Informes de valoración.

Unha vez completos os expedientes e admitidos a trámite, serán avaliados polos servicios competentes da Dirección Xeral de Comercio e Consumo de acordo cos criterios previstos no artigo anterior para o seu posterior informe-proposta coa relación global de tódolos expedientes presentados e a súa correspondente valoración priorizada.

Artigo 8º.-Resolución e aceptación.

1. O conselleiro de Industria e Comercio, á vista dos informes de avaliación, dictará as resolucións de subvención que procedan, motivadas de acordo cos criterios de outorgamento, nas que se especificarán as solicitudes beneficiarias, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda, dentro dos límites establecidos e o importe da subvención concedida.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a publicación da presente orde. Ó vencemento do devandito prazo sen que se notifique a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo.

A resolución dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotará a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, poderase interpor contra ela recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o fora, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderase interpoñe-lo recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes se o acto fose expreso; se non o fora, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

2. Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acorda-la modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

-Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

-Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

-Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, no supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicita-la devandita modificación mediante instancia dirixida ó conselleiro de Industria e Comercio, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior; cun límite de 20 días hábiles antes da data de remate do prazo de xustificación do investimento.

O acto polo que se acorde a modificación da resolución, ou se é o caso, se denegue, será dictado polo órgano concedente despois da instrucción do correspondente expediente.

Artigo 10º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas una vez que se presenten por triplicado os documentos que a seguir se relacionan:

a) Os que acrediten a realización das actuacións obxecto desta orde, xunto cunha relación nominativa, agrupados por epígrafes, segundo corresponda e facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto e importe en pesetas, especificando, se é o caso, o tipo de cambio aplicado.

b) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para o efecto.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, para a mesma finalidade tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades públicos ou privados.

d) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, e sempre que a subvención concedida supere individualmente a cantidade de 250.000 pesetas.

2. A documentación acreditativa do investimento obxecto de subvención, deberá presentarse polo beneficiario con data límite o día 15 de novembro

de 2001, ou se é o caso, a data da anualidade que corresponda, no rexistro xeral da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para o caso de que as actuacións ou parte delas se desenvolvan a partir do 1 de outubro, e así conste na documentación presentada pola entidade solicitante, o prazo de xustificación dos investimentos rematará o día 30 de novembro de 2001, salvo que se estableza outra data na resolución de concesión.

Artigo 11º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle unirá a documentación da xustificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente onde se debe realiza-lo aboamento.

2. Sen prexuízo do citado no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó establecido nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzamento que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que estea garantida a consecución do obxecto, ou de resulta-la concorrencia con outras subvencións ou axudas sempre que a contía total supere o 70%, ou de se-lo caso, o 50% do investimento, segundo corresponda.

Artigo 12º.-Comprobación e control dos investimentos.

1. A Consellería de Industria e Comercio en calquera momento poderá inspecciona-las actuacións realizadas.

2. En todo caso, os beneficiarios someteranse ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13º.-Reintegro das subvencións.

Non se poderá esixi-lo pagamento da subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos siguientes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ós beneficiarios con motivo da concesión da subvención.

Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia coas axudas doutras administraciones públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable que se estableza.

Todo isto con suxeición ó procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 1 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e seralles de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Réxime xurídico.

Para todo o non previsto na presente orde, aplicaráselle o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio