Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 07 de marzo de 2001 Páx. 2.895

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts).

A Xunta de Galicia, no exercicio da competencia en materia de emprego atribuída en virtude do disposto nos artigos 29.1º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e de acordo co establecido nos artigos 38, 40, 131, 149.1º.7 e 13 da Constitución, e logo

da asunción das funcións e servicios do Estado en materia de xestión do traballo, o emprego e a formación en virtude dos sucesivos reais decretos de traspaso, a través da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, vén desenvolvendo un conxunto integral de medidas activas de emprego dirixidas a fomenta-la estabilidade, a xeración de novos postos de traballo e a cultura emprendedora, seguindo as directrices e a estratexia europea para o emprego.

A competencia en materia de política activa de emprego mediante a instrumentalización de programas de axuda ou apoio á xeración de emprego e

a inserción laboral correspóndelle á citada consellería en virtude do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 25 de abril e polo Decreto 202/2000, do 21 de xullo.

Neste plano de actuación, o novo obxectivo estratéxico da Unión Europea fixado no Cumio de Lisboa que tivo lugar o 23 e 24 de marzo de 2000 de prepara-lo paso a unha sociedade e economía baseada no coñecemento como motor do crecemento, da competitividade e do emprego, esixe, na perspectiva e no ámbito das políticas activas de emprego, adoptar medidas que permitan aproveita-los beneficios e oportunidades que o contexto da nova economía supón para a xeración de máis e mellores empregos.

Nesta estratexia debe salientarse que en Galicia, desde o ano 1998, xa se puxo en marcha un programa de incentivos á contratación en prácticas e para a innovación tecnolóxica co obxecto de promove-la incorporación de recursos humanos cualificados que acheguen coñecementos tecnolóxicos e valor engadido neste aspecto ás empresas xa existentes.

Para seguir avanzando e dar resposta á potencialidade de creación de emprego no contexto da nova economía, considerouse imprescindible articular novas medidas encamiñadas a fomentar e estimula-lo espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios de calquera área do coñecemento científico, técnico ou humanístico, e impulsa-lo desenvolvemento de proxectos innovadores con orientación científica e tecnolóxica, con perspectivas de negocio, susceptibles de transformarse en empresa e de crear de forma directa novos postos de traballo.

Co dito fin, e como medida activa de emprego, esta orde ten por obxecto establece-lo programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts), que se configura como un instrumento para impulsa-lo espírito emprendedor no trinomio investigación, tecnoloxía e emprego, mediante o aproveitamento intensivo e na colaboración das diferentes estructuras que xa existen tanto na Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e noutros departamentos da Xunta de Galicia, como nas tres universidades galegas e noutras entidades vinculadas á innovación, á tecnoloxía e á iniciativa emprendedora, prevíndose mecanismos de acompañamento, asesoramento e avaliación técnica: rede de técnicos de emprego especializados en iniciativas de emprego de base tecnolóxica, consultores de apoio e un comité consultivo integrado por un grupo de expertos para a avaliación técnica dos proxectos.

Tamén se establece un marco específico de axudas económicas para facilita-la creación de postos de traballo nas Iebts, así como o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral.

Polo anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto articula-lo programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts), establece-los instrumentos e mecanismos de apoio e de avaliación técnica dos proxectos e regula-lo procedemento para a súa cualificación e o rexistro administrativo específico.

2. O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts) ten por finalidade promove-la cultura emprendedora na interconexión, investigación, tecnoloxía e creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de novos postos de traballo en empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Requisitos das Iebts.

1. Os proxectos empresariais para que poidan ser cualificados como Iebts deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Que teñan condicións de viabilidade técnica, económica, financeira e comercial.

b) Que a actividade, producto ou servicio teña carácter innovador e contido científico e/ou tecnolóxico.

Os proxectos poderán desenvolve-la súa actividade en calquera sector económico sempre que se trate dun negocio intensivo en coñecemento que precise actividades I+D e/ou de innovación tecnolóxica.

c) Que se trate da constitución dunha empresa privada de nova creación, baixo calquera forma xurídica, con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que o cadro de persoal inicial previsto, ó constituírse en empresa, sexa inferior a 50 traballadores e supoña a incorporación, como mínimo, dun titulado universitario por cada catro traballadores.

e) E, que supoñan a creación de emprego estable para persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego.

2. A cualificación dun proxecto empresarial como Iebts, logo do informe do comité creado para o efecto, corresponderalle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de acordo co procedemento establecido nesta orde.

Artigo 3º.-Axudas e subvencións.

1. Os promotores ou as empresas resultantes dos ditos proxectos, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, sempre que se constitúan e inicien a súa actividade no prazo dun ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como Iebts ou,

de se-lo caso, no que se estableza na resolución de cualificación ou na complementaria que se dicte para o efecto, poderán acollerse ás liñas de axudas e subvencións que estableza a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para a promoción e impulso das iniciativas de emprego reguladas nesta orde, de acordo cos requisitos, condicións e prazos que se establezan para os distintos tipos de axuda nas correspondentes ordes de convocatoria.

2. Ademais dos mecanismos de asesoramento técnico e acompañamento inicial previstos nesta orde, dentro do marco das políticas activas de emprego, instrumentarase unha liña específica de incentivos á creación de emprego nas Iebts.

As axudas concederanse en atención ó numero de postos de traballo creados para desempregados e poderán consistir en:

a) Axudas á creación directa de emprego estable.

b) Subvencións financeiras de reducción de xuros de préstamos para financiar investimentos en activo fixo. Os préstamos deberán formalizarse con entidades financeiras que teñan subscrito convenio para o dito fin coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Establecerase unha contía máxima por cada posto de traballo estable.

c) Axudas económicas para o mantemento do emprego, que se determinarán en función da existencia de gastos de aluguer, adquisición ou compra de local nos dous primeiros anos de funcionamento.

Establecerase unha contía fixa por mes e posto de traballo creado, cun límite máximo por proxecto e anualidade.

d) Subvencións por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

Establecerase unha contía máxima por proxecto e calcularase en atención ó custo salarial correspondente a dúas anualidades.

e) Axudas en atención ó custo de funcións xerenciais externas, nas modalidades de titoría, cursos de formación empresarial, estudios de mercado, organización, comercialización, diagnose ou outros de natureza análoga.

f) Axudas económicas para facilita-la financiamento dos gastos para o inicio e posta en marcha da actividade. A contía da axuda fixarase nunha porcentaxe do custo cun límite máximo variable en atención ó número de postos de traballo.

3. As empresas resultantes dos proxectos empresariais cualificados como Iebts, poderán acollerse ós programas de emprego e formación que se articulen para facilita-la incorporación con carácter estable de persoal cualificado e con formación específica nas técnicas e especialidades da actividade, producto ou servicio das empresas novas innovadoras de base tecnolóxica.

Capítulo II

Instrumentos e mecanismos de apoio

e avaliación técnica

Artigo 4º.-Asesoramento e acompañamento.

1. Dentro da rede de técnicos de emprego impulsada pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, integrarase un equipo coordinado de técnicos especializados en iniciativas de emprego de base tecnolóxica, coa función de prestar apoio ós promotores para facilita-la materialización do seu proxecto innovador en empresa, mediante accións de acompañamento e asesoramento técnico especializado e personalizado durante a fase inicial de elaboración do plan de empresa e durante os primeiros anos de funcionamento e lanzamento da actividade.

2. Na fase de preparación do proxecto, o promotor deberá presentar unha memoria técnica e económica do proxecto empresarial ante un dos técnicos de emprego especializados en proxectos empresariais de base tecnolóxica.

A memoria debera conte-los datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de producción e comercialización, o grao de avance científico ou tecnolóxico que representa, a previsión de postos de traballo que se crearán, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos e financeiros que avalen a viabilidade do proxecto, e un breve curriculum dos promotores.

O técnico de emprego, logo do oportuno apoio e asesoramento, emitirá informe sobre o proxecto, que deberá xuntarse á solicitude de cualificación como Iebts.

Artigo 5º.-Consultores de apoio.

1. Os consultores de apoio realizarán o estudio sobre a viabilidade técnica, económica e financeira dos proxectos empresariais que se presenten para a súa cualificación como Iebts.

2. Os consultores de apoio serán designados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, entre profesionais de recoñecida experiencia con capacidade e solvencia para a avaliación tecnolóxica e empresarial do proxecto. Poderán ser técnicos de emprego daqueles ós que se refire o artigo anterior.

Artigo 6º.-Comité de Iebts.

1. O Comité de Iebts, de carácter consultivo para a avaliación técnica dos próxectos, estará formado por un presidente, ata 8 vocais e un secretario. Este último actuará con voz e sen voto.

A súa composición será a seguinte:

Presidente:

O director xeral de Fomento do Emprego, que poderá delegar en calquera dos vocais representantes da Administración autonómica.

Vocais:

-1 representante da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

-1 representante da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

-Ata 6 vocais externos designados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, entre expertos das universidades galegas e doutras entidades vinculadas á investigación, á tecnoloxía e á iniciativa emprendedora.

Actuará como secretario un funcionario da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. O Comité de Iebts reunirase cantas veces sexa preciso para a análise e avaliación técnica dos proxectos en virtude de convocatoria do seu presidente.

Ás reunións do Comité de Iebts poderán asistir, con voz e sen voto, cando sexan convocados, os consultores de apoio dalgúns dos proxectos incluídos na correspondente orde do día e os promotores.

3. O réxime de funcionamento axustarase ó disposto no capítulo II do título II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo III

Procedemento de cualificación de Iebts

Artigo 7º.-Solicitude de cualificación.

1. Poderán solicita-la cualificación como Iebts os promotores dos proxectos empresariais e as empresas constituídas dentro dun prazo máximo dun ano anterior á data da presentación da solicitude de cualificación, sempre que non iniciasen a actividade.

2. As solicitudes de cualificación como Iebts dirixiranse ó órgano competente para resolver e presentaranse, no modelo normalizado que figura como anexo desta orde, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As ditas solicitudes deberá ir xunto coa seguinte documentación:

a) DNI do promotor e, de se-lo caso, poder para actuar en nome da persoa xurídica que representa.

b) Memoria técnica e económica explicativa do proxecto ou plan de empresa.

c) Informe do técnico de emprego especializado en Iebts que prestou o apoio e asesoramento.

d) Declaración do promotor da data prevista para a constitución da empresa e da prevista para o inicio da actividade.

3. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación sinalada no artigo anterior, requirirase o interesado para que

nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, será tido por desistido da súa petición, de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 8º.-Análise de viabilidade dos proxectos.

Unha vez completa a solicitude a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude encargará o estudio de viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto empresarial ó consultor de apoio.

O estudio non terá carácter vinculante e deberá elaborarse no prazo de 20 días, este prazo poderá ser ampliado, ata 10 días máis, cando concorran circunstancias especiais que así o aconsellen.

Artigo 9º.-Informe do Comité de Iebts.

Unha vez elaborado o estudio de viabilidade polo consultor de apoio, o Comité de Iebts emitirá informe sobre o carácter innovador, a orientación científica ou tecnolóxica, as perspectivas de negocio e a potencialidade de crecemento e de creación de emprego do proxecto.

No caso de que se xulgue conveniente poderase solicitar do promotor ou do consultor de apoio unha ampliación ou aclaración sobre a viabilidade ou sobre calquera outro aspecto do proxecto que poida resultar de interese, así como un segundo informe emitido por outro consultor. Neste suposto a análise definitiva e o informe do comité realizarase logo da presentación da correspondente documentación.

O Comité de Iebts emitirá informe sobre tódolos proxectos que se sometan á súa consideración.

Artigo 10º.-Competencia, resolución e recurso administrativo.

1. A competencia para coñecer e resolver sobre as solicitudes de cualificación de iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts), corresponderalle ó director xeral de Fomento do Emprego da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Logo da tramitación e instrucción oportuna o órgano competente dictará resolución motivada sobre a cualificación ou non do proxecto como Iebts.

3. O prazo para resolver será de tres meses contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, poderase entender estimada a solicitude de cualificación.

4. Contra as resolucións dictadas neste procedemento poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, desde a súa notificación, ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Capítulo IV

Rexistro administrativo de Iebts

Artigo 11º.-Rexistro administrativo de Iebts.

1. Na Dirección Xeral de Fomento do Emprego da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, levarase un rexistro administrativo de Iebts, no que se inscribirán os proxectos empresariais cualificados como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

2. A inscrición no rexistro administrativo farase de oficio e practicarase na mesma data en que se cualifique o proxecto empresarial como Iebts, facéndose constar, como mínimo, a seguinte información:

a) Número de rexistro que se lle asigna e data de cualificación.

b) Datos de identificación do proxecto/empresa, con indicación do nome ou razón social, domicilio social e localidade.

c) Definición, obxecto e actividade económica e descrición do contido científico ou tecnolóxico do proxecto.

d) Número previsto de postos de traballo que se van crear.

e) Identificación dos promotores do proxecto.

f) Vencemento do prazo para constituírse en empresa e/ou inicia-la súa actividade.

3. As inscricións numeraranse correlativamente e constarán de nove díxitos, correspondendo os dous primeiros ó número de identificación da Comunidade Autónoma, os tres seguintes expresarán a orde secuencial, e os catro últimos indicarán o ano no que se cualifica e inscribe o proxecto empresarial e a continuación identificarase coas siglas Iebts.

4. Na resolución pola que se cualifique o proxecto empresarial como Iebts deberá constar expresamente o número de inscrición e a data do vencemento para constituírse en empresa e/ou inicia-la actividade productiva.

Artigo 12º.-Inicio da actividade e comunicación ó rexistro.

1. Os promotores deberán constituí-la empresa correspondente e inicia-la actividade productiva obxecto do proxecto no prazo dun ano desde a data de cualificación do proxecto como Iebts; agás que, logo da proposta do Comité de Iebts, na resolución de cualificación se estableza outro distinto.

Cando circunstancias técnicas debidamente xustificadas así o aconsellen, logo da solicitude do interesado, e logo do informe do Comité de Iebts, poderase autoriza-la ampliación do prazo concedido para o inicio da actividade mediante resolución complementaria á de cualificación.

Transcorrido o prazo que se estableza na resolución de cualificación, ou na complementaria que se dicte para o efecto, sen que se constitúa ou se inicie a actividade, a cualificación quedará sen efecto, pro

cedéndose a practica-lo correspondente asento rexistral.

2. As empresas que teñan a súa orixe en proxectos cualificados como Iebts poderán constituírse baixo calquera forma xurídica.

Entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, cando cause alta no censo de Facenda.

Entenderase que inicia a súa actividade productiva cando cause alta no imposto de actividades económicas.

3. O promotor do proxecto ou a empresa resultante está obrigada a comunicarlle á Dirección Xeral de Fomento do Emprego da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a data da súa constitución e/ou do inicio da actividade dentro dos 15 días seguintes a aquel en que se produzan estas. As ditas circunstancias anotaranse no rexistro.

Disposicións adicionais

Primeira.-A memoria técnica e económica que se presente ante o técnico de emprego e a que se xunte á solicitude de cualificación deberán axustarse ós modelos tipo que facilite a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Segunda.-Cando as características dos proxectos o requiran e concorran circunstancias excepcionais que así o aconsellen, a proposta do Comité de Iebts, poderán cualificarse proxectos empresariais cun cadro de persoal inicial de 50 ou máis traballadores.

Nestes supostos, agás nas axudas á creación directa de emprego estable, para o cálculo da contía das subvencións previstas no artigo 3.1 desta orde non se terán en conta os empregos que superen o límite xeral de 50 traballadores.

Terceira.-Ademais dos supostos previstos no artigo 7.1 desta orde, poderán solicita-la cualificación como Iebts as empresas en funcionamento que iniciaran a súa actividade entre o 1 de marzo de 2000 e a data de entrada en vigor desta orde, sempre que reúnan os requisitos sinalados no artigo 2 da orde e presenten a solicitude de cualificación antes do 20 de abril de 2001.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego, para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude