Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 07 de marzo de 2001 Páx. 2.833

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de febreiro de 2001 pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas e de bolsas correspondentes ó Programa de Estudios Socioeconómicos e Xurídicos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico e se procede á súa convocatoria.

A Lei 12/1993, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de 18 de decembro de 1998, aprobou o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (1999-2001), que está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais e que ten como misión fundamental potencia-lo sistema ciencia-tecnoloxía-empresa de Galicia para convertelo nun elemento estratéxico ó servicio do desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

Dentro dos programas tecnolóxicos horizontais figura o programa de estudios socioeconómicos e xurídicos. A xestión e o financiamento deste programa está encomendada á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvememento.

En consecuencia e para pór en marcha os instrumentos previstos no plan para a execución dos seus programas e neste caso concreto para a execución do programa de estudios socioeconómicos e xurídicos e como continuación das accións realizadas no ano 2000,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Anúnciase a convocatoria das axudas e bolsas que a continuación se indican, como instrumentos ordinarios do programa de estudios socioeconómicos e xurídicos e apróbanse e fanse públicas as bases polas que se rexerán as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos desta orde, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva:

1. Axudas para grupos de investigación que traballen en investigación aplicada en temas socioeconómicos e xurídicos (anexo I).

2. Prórrogas das bolsas de predoutoramento para a realización de teses de doutoramento en temas socioeconómicos e xurídicos (anexo II).

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas no anexo I desta orde a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento destinará ata un máximo de 85.000.000 de pesetas que se imputarán á aplicación

orzamentaria 04.07.432A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2001 a 2004 de acordo coa seguinte distribución: 35 millóns de pesetas no 2001, 35 millóns no 2002, 10 millóns no 2003 e 5 millóns no 2004.

Para as bolsas convocadas no anexo II destinarase ata un máximo de 1.800.000 pesetas con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dos anos 2001 e 2002 (900.000 pesetas en cada un deles).

Tódalas cantidades antes citadas poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

Esta convocatoria axustarase ó disposto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT), e nas leis, decretos e ordes supletorias de rango nacional.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e tódolos actos administrativos que deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó amparo desta convocatoria pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento será de 6 meses, contados dende a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte a aquel en quede recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

Artigo 5º

Os beneficiarios das axudas concedidas ó abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. Así mesmo, os beneficiarios deberán proceder ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 6º

As resolucións de concesión de axudas dictadas ó abeiro da presente orde poderán modificarse no caso de alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión delas.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

Secretario Xeral de Investigación e Desenvolvemento

ANEXO I

Axudas para grupos de investigación que traballen en investigación aplicada en temas socioeconómicos e xurídicos

Estas axudas teñen como obxectivo contribuír á formación de novos grupos así como prestarlles apoio a aqueles equipos de investigación xa existentes para o desenvolvemento de proxectos de investigación aplicada en temas socioeconómicos e xurídicos. As investigacións aplicadas de tipo socioeconómico non poden desvincularse do seu contorno de aplicación e constitúen unha referencia necesaria para calquera iniciativa que se queira levar adiante en relación co desenvolvemento de Galicia.

Para os efectos desta convocatoria defínense os seguintes conceptos:

a) Grupo de investigación: conxunto estable de persoas que baixo a dirección continuada dunha delas realizan coordinadamente e de forma habitual tarefas de investigación nun reducido número de liñas, afíns ou complementarias.

b) Equipo de investigación: membros dun grupo de investigación, que baixo a dirección dun deles realizan ou solicitan un proxecto de investigación.

c) Proxecto de investigación coordinado: proxecto de investigación no que participan equipos de investigación que pertencen a grupos de investigación distintos que achegan coñecementos de campos dife

rentes pero que son complementarios en relación con ese proxecto.

d) Persoal con vinculación estable: persoal numerario, contratado laboral estable ou outras figuras equivalentes.

e) Persoal con vinculación: persoal con relación laboral ou contractual non estables, bolseiros de predoutoramento ou análogos. Non se considerará como vinculación dispor dunha bolsa de terceiro ciclo ou análoga agás naqueles supostos en que así o indiquen as correspondentes bases da convocatoria. En ningún caso, para os efectos desta convocatoria, se admitirá como persoal vinculado ó organismo aquel que estea contratado ou como bolseiro con cargo a un proxecto independentemente do organismo financiador.

1) Grupos solicitantes.

Para poder participar nesta convocatoria os investigadores deberán integrarse en grupos que se han de manter, cando menos, durante o período de vixencia da axuda concedida, salvo circunstancias excepcionais acaecidas con posterioridade á aprobación desta e que deberán ser autorizadas expresamente pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento; cada investigador so poderá formar parte dun grupo e cada grupo só poderá presentar unha solicitude nesta convocatoria non computándose para estes efectos as axudas para solicitudes do V Programa Marco.

Para os efectos da presente convocatoria establécense os seguintes tipos de grupos:

1.1. Grupos en formación.

Trátase de investigadores que presentan propostas orientadas a crear grupos de investigación para desenvolver novas liñas de investigación aplicada en temas socioeconómicos e xurídicos, non cubertas por grupos existentes no seu contorno. Tamén poderán constituírse novos grupos arredor das liñas existentes se se alegan razóns circunstanciais de forza maior. No caso de grupos en formación cada grupo só poderá ter un equipo. Os novos grupos deberán cumprir como mínimo as seguintes características de composición:

1.1.1. O grupo terá como mínimo tres membros, todos eles pertencentes ó mesmo organismo.

1.1.2. O investigador principal deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de dous anos como tal e deberá ter vinculación estable co correspondente organismo.

1.1.3. Os restantes membros (mínimo dous) deberán ser titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo. Para este caso e só para un deles, admitirase tamén como vinculación ser bolseiro de terceiro ciclo de segundo ano.

1.2. Grupos/equipos consolidados.

Trátase de grupos/equipos experimentados como tales e con coherencia interna. Neste caso cada grupo poderá ter máis dun equipo e todos eles deberán ter como mínimo as seguintes características de composición:

1.2.1. O grupo/equipo terá como mínimo tres membros todos eles pertencentes ó mesmo organismo.

1.2.2. O investigador principal deberá ser doutor con vinculación estable ó correspondente organismo e ter alomenos un sexenio recoñecido ou ben ter unha antigüidade mínima como doutor de catro anos e acreditar nos últimos catro anos unha actividade investigadora que como mínimo responda a algún dos seguintes puntos:

a) Ter dirixida unha tese de doutoramento que xa fose lida.

b) Ter publicados dous artigos de calidade no seu ámbito.

c) Ter realizados dous estudios técnicos de relevancia científica.

d) Ter publicado un artigo de calidade no seu ámbito e ter realizado un estudio técnico de relevancia científica.

Esta actividade investigadora deberá ser certificada no modelo que para tal efecto se inclúe na solicitude polo vicerrector de investigación no caso das universidades ou polo órgano competente do correspondente organismo.

1.2.3. Outro investigador deberá ser doutor con vinculación ó correspondente organismo e dedicación a tempo completo. No caso de que a súa dedicación non sexa a tempo completo deberá ser substituído por dous investigadores coas mesmas características pero con dedicación a tempo parcial.

Este investigador/es e o investigador principal deberán posuír experiencia investigadora afín ou complementaria.

1.2.4. Os restantes membros (mínimo un) deberán ser, como mínimo, titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo.

1.2.5. No caso de que o grupo/equipo teña algún proxecto vixente, para poder solicitar un proxecto nesta convocatoria o tamaño mínimo deste incrementarase incorporando, como mínimo, un titulado superior con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo (en total catro membros).

1.3. Grupos/equipos de excelencia.

Trátase de grupos/equipos consolidados que cumpren unhas condicións mínimas en canto á súa composición e a uns criterios preestablecidos de calidade.

1.3.1. Características mínimas de composición:

a) O grupo/equipo terá como mínimo cinco membros todos eles pertencentes ó mesmo organismo.

b) No grupo/equipo deberán figurar un mínimo de tres doutores:

b.1. O investigador principal deberá ser doutor con vinculación estable ó correspondente organismo e deberá ter alomenos dous sexenios recoñecidos ou ben ter unha antigüidade mínima como doutor de oito anos e acreditar actividade investigadora nos últimos catro anos que como mínimo responda a algún dos seguintes puntos:

a) Ter dirixida unha tese de doutoramento que xa fose lida.

b) Ter publicados dous artigos de calidade no seu ámbito.

c) Ter realizados dous estudios técnicos de relevancia científica.

d) Ter publicado un artigo de calidade no seu ámbito e ter realizado un estudio técnico de relevancia científica.

Esta actividade investigadora deberá ser certificada no modelo que para tal efecto se inclúe na solicitude polo vicerrector de investigación no caso das universidades ou polo órgano competente do correspondente organismo.

b.2. Outro dos investigadores deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de seis anos e tamén con vinculación estable ó organismo.

b.3. Un terceiro doutor con vinculación e dedicación a tempo completo.

c) Os restantes membros (mínimo dous) deberán ser, polo menos, titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó organismo.

d) No caso de que o grupo/equipo teña algún proxecto vixente, para poder solicitar un proxecto nesta convocatoria o tamaño mínimo deste incrementarase incorporando, polo menos, un titulado superior con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo (en total seis membros).

1.3.2. Criterios de calidade.

Para que o grupo/equipo poida ser considerado de excelencia, o conxunto dos seus membros deberá reunir polo menos catro dos seguintes criterios de calidade:

a) Catro sexenios recoñecidos.

b) Cinco teses de doutoramento dirixidas e lidas.

c) Doce publicacións de prestixio internacional que supoñan unha contribución real e non simple rutina.

d) Dúas patentes nacionais ou internacionais rexistradas.

e) Dirección de seis proxectos obtidos en convocatorias competitivas de ámbito nacional ou internacional.

f) Unha presidencia dun comité organizador dun congreso dunha sociedade internacional.

g) Ser membro do comité científico dunha revista de prestixio internacional.

h) Dirección de seis proxectos financiados por empresas de un importe superior a dous millóns de pesetas cada un deles.

1.4. Incorporación doutros membros ó grupo/equipo.

Para calquera das modalidades de grupos definidas anteriormente o tamaño mínimo característico do equipo poderase incrementar, obviamente, por incorporación ó proxecto doutros investigadores que serán considerados para os efectos de avalia-la viabilidade do proxecto e de determina-lo importe da subvención concedida se cumpren o requisito de que as súas categorías profesionais (titulación, vinculación co organismo, etc.) son como mínimo igual ás que se lle requiren ó membro menos cualificado de tódolos que forman o equipo base. Como investigadores no proxecto solicitado poderán figurar outros titulados superiores sen vinculación, que non serán computados na valoración deste. Tamén poderán incorporarse asesores científicos e especialistas, pertencentes a outros grupos para accións específicas, logo da autorización do director do grupo que só serán considerados para os efectos da avaliación científico-técnica do proxecto.

2. Axudas ás que poden opta-los grupos e limitacións que afectan ós seus membros.

2.1. Grupos en formación.

2.1.1. Axudas.

Os grupos en formación poderán solicitar unha axuda destinada á realización de actividades encamiñadas á formación do grupo e polo tanto unha axuda que só poderá ser solicitada previamente á obtención dun proxecto de investigación por parte deste. A contía máxima desta axuda ascende a un millón de pesetas por ano, para un período de dous anos e só se poderá conceder por unha soa vez.

2.1.2. Limitacións.

Os grupos en formación, e polo tanto os seus membros, mentres desfruten dunha axuda concedida ó abeiro desta convocatoria non poderán dispor (ou participar) en ningún proxecto, independentemente de cal sexa a orixe do seu financiamento.

2.2. Grupos/equipos consolidados.

2.2.1. Axudas.

Os grupos/equipos consolidados poderán solicitar dous tipos de axudas e optarán nesta convocatoria só por unha delas:

a) Incentivos.

Os grupos/equipos consolidados ós que se lle comunicara con posterioridade ó 15 de maio de 2000

e ata a data de peche desta convocatoria a concesión dun proxecto aplicado do Plan Nacional relativo a temas socioeconómicos e xurídicos, ou do Programa Marco Europeo poderán solicitar, en lugar dun proxecto de investigación, por cada un dos proxectos obtidos e vixentes, unha axuda destinada a reforza-la capacidade competitiva do grupo. O importe máximo desta axuda, que abranguerá como máximo un período de tres anos, será de catro millóns no caso de proxectos do plan nacional e de seis millóns no caso do Programa Marco e só se poderá conceder unha vez por cada proxecto.

b) Proxectos de investigación.

Os grupos/equipos consolidados poderán solicitar un proxecto de investigación dun importe máximo de quince millóns de pesetas para un período de tres anos que se computarán a partir da adxudicación das axudas. Dentro deste límite o financiamento concederase en función da natureza do proxecto e as esixencias da investigación formulada, a calidade do proxecto, a calidade e tamaño do grupo e a duración do proxecto.

A axuda solicitada deberase referir a algún dos conceptos que se indican no punto 4 das presentes bases.

Co fin de favorece-la cooperación entre grupos poderanse presentar proxectos coordinados sempre que se trate de grupos que acheguen coñecementos de campos diferentes pero que son complementarios en relación co proxecto. Para cada un dos subproxectos que integran o proxecto coordinado requirirase un mínimo de dous investigadores a saber:

-O responsable de cada subproxecto deberá cumpri-los requisitos esixidos para os investigadores principais dos grupos consolidados. Un deles será o coordinador do proxecto.

-Os restantes membros de cada subproxecto (mínimo un), deberán ser, como mínimo, titulados superiores con vinculación a tempo completo ó correspondente organismo.

2.2.2. Limitacións.

Os investigadores con vinculación estable ó correspondente organismo que figuren no proxecto poderán participar simultaneamente noutros proxectos de investigación coas seguintes limitacións, computando o proxecto solicitado:

a) Se teñen unha antigüidade como doutores de catorce ou máis anos e vinculación estable poderán participar nun máximo de catro proxectos de investigación se a súa dedicación é a tempo completo ó correspondente organismo e en dous se é a tempo parcial.

b) Se teñen unha antigüidade como doutores entre dez e trece anos e vinculación estable poderán participar nun máximo de tres proxectos de investigación se a súa dedicación é a tempo completo ó correspondente organismo e en dous se é a tempo parcial.

c) Se teñen unha antigüidade como doutores entre catro e nove anos e vinculación estable poderán participar nun máximo de dous proxectos de investigación se a súa dedicación é a tempo completo ó correspondente organismo e nun se a dedicación é a tempo parcial.

Os restantes membros do grupo/equipo non incluídos nalgún dos tres puntos anteriores só poderán participar no proxecto que se solicita.

Ningún grupo/equipo consolidado poderá ter vixente máis dun proxecto financiado con cargo ó programa de estudios socioeconómicos e xurídicos, pero si poderá simultanear un proxecto do dito programa con ata dous proxectos doutros programas do plan sempre que cumpra as limitacións específicas descritas anteriormente.

Con carácter transitorio para os efectos desta convocatoria exclúense do cómputo de proxectos vixentes tódolos proxectos do Programa Marco. Tamén se exclúen os proxectos do Plan Nacional que rematen antes do 1 de xaneiro de 2002, os proxectos concedidos con fondos Feder ó abeiro do Decreto 309/1997, do 25 de setembro, e calquera proxecto empresarial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

2.3. Grupos/equipos de excelencia.

2.3.1. Axudas.

Os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar dous tipos de axudas, debendo optar nesta convocatoria só por unha delas:

a) Incentivos.

Trátase do mesmo tipo de axudas descritas no punto 2.2.1.a) para os grupos/equipos consolidados e coas mesmas características e limitacións agás que neste caso poderán ascender ata un máximo de cinco millóns para proxectos do Plan Nacional e sete millóns para proxectos do Programa Marco.

b) Proxectos de investigación.

Os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar un proxecto de investigación dun importe máximo de vinte millóns de pesetas para un período de tres anos que se computarán a partir da adxudicación das axudas. Dentro deste límite o financiamento será concedido en función da natureza do proxecto e esixencias da investigación formuladas, a calidade do proxecto, a calidade e tamaño do grupo e a duración do proxecto.

A axuda solicitada deberase referir a algún dos conceptos que se indican no punto 4 das presentes bases.

Co fin de favorece-la cooperación entre grupos poderanse presentar proxectos coordinados sempre que se trate de grupos que acheguen coñecementos de campos diferentes pero que son complementarios en relación co proxecto. Para cada un dos subproxectos que integran o proxecto coordinado requirirase que os membros deste cumpran as condicións establecidas para os grupos de excelencia, podendo prescindirse dun dos investigadores que se indican no punto 1.3.1.

2.3.2. Limitacións.

Os investigadores doutores con vinculación estable ó correspondente organismo, que figuren no proxecto, poderán participar simultaneamente noutros proxectos de investigación coas mesmas limitacións que as descritas para os grupos consolidados no punto 2.2.2.

Ningún grupo/equipo de excelencia poderá ter vixente máis dun proxecto financiado con cargo ó programa de estudios socioeconómicos e xurídicos do Plan Galego de IDT, pero si poderá simultanear un proxecto do dito programa con ata dous proxectos doutros programas do plan sempre que cumpra as limitacións específicas descritas anteriormente.

Con carácter transitorio e para os efectos desta convocatoria exclúense do cómputo de proxectos vixentes tódolos proxectos do Programa Marco. Tamén se exclúen os proxectos do Plan Nacional que rematen antes do 1 de xaneiro de 2002, os proxectos concedidos con fondos Feder ó abeiro do Decreto 309/1997, do 25 de setembro, e calquera proxecto empresarial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

2.4. Outras axudas: axudas para solicitudes do V Programa Marco.

Ademais das axudas descritas anteriormente e co fin de promove-la competitividade no V Programa Marco os grupos/equipos consolidados e os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar axudas encamiñadas a cubri-los gastos que supón a elaboración dun proxecto europeo. O importe máximo destas axudas será de 300.000 pesetas referidas ós conceptos específicos recollidos nos puntos 4.4 e 4.5 das presentes bases, sempre en relación ós gastos de elaboración do correspondente proxecto. Estas axudas son compatibles coas axudas descritas nos puntos 2.2 e 2.3.

3. Solicitudes.

As solicitudes serán presentadas polo investigador principal do proxecto que deberá pertencer a unha das universidades do sistema universitario de Galicia ou a outros centros/organismos públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma. Cando no proxecto figuren investigadores que pertenzan a organismos distintos ó do investigador principal, estes terán que acredita-la autorización do seu organismo para participar no proxecto; estes investigadores non computarán para efectos da composición

mínima requirida a cada tipo de grupo/equipo solicitante.

O modelo oficial de solicitude número SOCX-1 (do que a cara externa se publica como anexo III á presente orde), está á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e en Internet nos enderezos http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid.

Os solicitantes deberán realizar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto de tódalas administracións públicas, utilizando a estes efectos o documento que se inclúe no modelo de solicitude. Así mesmo deberán razoa-lo carácter aplicado e o interese socioeconómico do proxecto e contempla-la posibilidade de explotación dos resultados e a súa posible transferencia á empresa.

As solicitudes presentaranse por triplicado no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992 modificada pola Lei 4/1999. No caso de que o director do grupo non participe na composición do equipo investigador requirirase o seu visto e prace á correspondente solicitude.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Camunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

Calquera solicitude deberá ser presentada co visto e prace do representante legal do organismo correspondente (rector no caso das universidades).

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de marzo de 2001.

4. Conceptos subvencionables. En xeral as axudas solicitadas deberanse referir a algún dos conceptos que de seguido se relacionan, se ben cada tipo de grupo deberá ter en conta as limitacións que lle son específicas:

4.1. Persoal contratado especificamente para colaborar nas actividades de investigación do proxecto. Estes contratos serán incompatibles coa percepción de calquera outra remuneración. A contratación realizarase conforme os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

Poderá solicitarse persoal nas diferentes modalidades de axuda previstas neste anexo agás para o caso de grupos en formación (punto 2.1) e para as axudas para solicitudes do V Programa Marco (punto 2.4).

O importe máximo por este concepto será de 6.600.000 pesetas para proxectos de tres anos, 4.400.000 pesetas para proxectos de dous anos e 2.200.000 pesetas para proxectos dun ano, e no caso dos incentivos de grupo/equipos consolidados ou de excelencia (puntos 2.2.1.a) e 2.3.1.a) das presentes bases) poderase imputar a este concepto ata o importe total da subvención permitida descontados os custos indirectos.

4.2. Material inventariable e bibliográfico indispensable para a realización do proxecto, debidamente xustificado. O material inventariable e bibliográfico adquirido con cargo a estas axudas será propiedade do organismo ó que pertence o investigador responsable do proxecto.

4.3. Material funxible debidamente xustificado.

4.4. Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

4.5. Outros gastos (especificalos no modelo de solicitude).

4.6. Custos indirectos: imputarase por este concepto un 10% do custo total do proxecto, co fin de resarci-lo correspondente organismo dos gastos que a execución do proxecto leva implícitos.

5. Tramitación.

Se a documentación achegada estivera incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días a complete ou emende as deficiencias observadas, con advertencia de que de non facelo considerarase que desistiu da súa solicitude procedéndose, conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Aqueles investigadores que non cumpran os requisitos establecidos nas presentes bases serán excluídos e no caso de que o grupo/equipo de investigación resultante non cumpra os requisitos mínimos esixidos na súa categoría (grupo en formación, grupo/equipo consolidado ou de excelencia) a solicitude será desestimada.

A ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poida acordarse outro tipo de actuacións.

Cando a temática do proxecto o aconselle, logo do informe do xestor do programa e audiencia ó investigador principal, o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá determina-lo trasvase de solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria a outras convocatorias do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

6. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas relativas a proxectos de investigación será realizada por expertos externos designados polo secretario xeral

de Investigación e Desenvolvemento. Efectuada a valoración, a selección das solicitudes e a determinación, se é o caso, da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, un dos seus membros actuará como presidente e outro como secretario. Para a selección dos beneficiarios e a cuantificación das axudas de proxectos de investigación teranse en conta, en orden de importancia decrecente, os seguintes criterios:

a) A valoración científico-técnica realizada polos expertos.

b) A valoración dos resultados obtidos, polos investigadores que forman o equipo, en proxectos financiados anteriormente.

c) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Programa de Estudios Socioeconómicos e Xurídicos.

d) O interese, relevancia e oportunidade dos obxectivos do proxecto cara a resolución de problemas do sector relevantes para a Comunidade Autónoma.

e) A incidencia que nos mecanismos de transferencia de tecnoloxía poidan te-los resultados do proxecto formulado a través de empresas ou ben directamente pola propia institución.

f) Para o axuste económico e cando sexa necesario como complemento do criterio a) terase en conta a calidade do proxecto, a calidade e tamaño do equipo e a natureza e esixencia da investigación que se vai realizar.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva, podendo financiarse total ou parcialmente o orzamento presentado. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

O solicitante deberá comunica-la súa aceptación á concesión e á contía desta, para a realización do proxecto aprobado.

Para a selección dos beneficiarios e o establecemento da contía das axudas para a formación de novos grupos, os incentivos de grupos consolidados e de excelencia así como para as axudas para solicitudes do V Programa Marco (puntos 2.1.1 a), 2.2.1 a), 2.3.1 a) e 2.4 respectivamente), terase en conta fundamentalmente a calidade do grupo e as actividades que se pretendan realizar coa axuda solicitada.

7. Libramento da subvención.

A subvención será librada a través do organismo ó que pertenza o equipo investigador, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ó libramento dos fondos será necesario que a universidade ou organismo correspondente expida a certificación expresiva da rea

lización do gasto, acompañada dos informes parciais dos proxectos de investigación correspondentes, se os houbese. Ademais, no caso das axudas recollidas no punto 2.4 requirirase documento acreditativo de ter presentada solicitude ó V Programa Marco.

Para efectua-lo derradeiro pagamento o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

8. Seguimento do proxecto.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo total do proxecto de acordo coas valoracións feitas polos expertos.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados e propo-la suspensión da axuda se da análise da marcha do proxecto derivase unha mala utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos do proxecto.

Finalizado o proxecto a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento remitiralles ós investigadores principais un impreso normalizado, para que nel se fagan consta-los resultados obtidos no desenvolvemento deste, quedando os investigadores principais obrigados a presenta-lo dito impreso cuberto, nun prazo máximo de 3 meses desde a finalización do proxecto, a través do rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A información contida neste impreso será avaliada polo xestor do programa que, logo das comprobacións e aclaracións que sexan necesarias, emitirá un informe sobre o cumprimento do proxecto, con destino á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento que poderá convoca-lo investigador principal, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución do proxecto e os resultados obtidos.

9. Difusión de resultados.

Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores que, no momento de facelos públicos, deberán facer consta-la referencia específica da axuda recibida da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Xunta de Galicia e deberán enviar a través do rexistro xeral desta un exemplar das correspondentes publicacións.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a informa-la Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento de calquera resultado útil obtido no desenvolvemento do proxecto incluída unha posible patente.

10. Incidencias.

Os investigadores que se integran ó grupo que resulte seleccionado quedan obrigados a manterse no dito grupo (e non poderán integrarse ou formar parte doutro grupo), durante o período de vixencia do proxecto financiado, salvo circunstancias excepcionais acaecidas con posterioridade á aprobación do proxecto e que deberán ser autorizadas expresamente pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases da presente convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas segundo o disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

ANEXO II

Prórroga das bolsas de predoutoramento para a realización de teses de doutoramento en temas socioeconómicos e xurídicos

1. Solicitantes.

Aqueles beneficiarios dunha bolsa de predoutoramento (prórrogas), correspondente ó Programa de Estudios Socioeconómicos e Xurídicos do Plan Galego de IDT, concedida por Resolución do 12 de xullo de 2000 (DOG do 24 de xullo), poderán solicita-la prórroga correspondente ó curso académico 2001/2002 sempre que aínda non rematasen a súa tese de doutoramento.

2. Solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial SOCX-2 (do que a cara externa se publica como anexo IV á presente orde está á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e en Internet nos enderezos http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid, presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, modificado pola Lei 4/1999.

As solicitudes deberán ir, inexcusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

2.1. Memoria das actividades académicas e investigadoras realizadas durante o curso 2000/2001. Deberá ir asinado polo bolseiro e co visto e prace do director/es do proxecto de investigación.

2.2. Informe (en papel oficial ou con selo do correspondente centro/departamento) do director/es no que se confirme que as actividades realizadas polo bolseiro durante o período de desfrute da bolsa en relación coa adquisición de contidos e destrezas de investigación foron axeitadas.

2.3. Memoria realizada polo bolseiro acerca do estado actual do traballo e plan de traballo durante a prórroga, co visto e prace do director/es.

2.4. Declaración de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de maio de 2001.

3. Tramitación.

Os servicios administrativos da Secretaría Xeral de I+D procederán á revisión das solicitudes comprobando se é correcta a documentación presentada. En caso contrario requirirase o solicitante para que achegue a documentación complementaria ou emende os erros detectados no prazo de dez días advertíndolle que, de non facelo, procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

4. Contía da bolsa.

O importe das bolsas incluirá:

4.1. Unha asignación mensual de 140.000 pesetas brutas. Esta cantidade poderá incrementarse para o ano 2002, nunha liña tendente á homologación con bolsas estatais, no caso de existir crédito adecuado e suficiente.

4.2. Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que as bolsas.

O seguro de asistencia médica será extensible, de se-lo caso, ó cónxuxe e fillos do beneficiario cando estes carezan de Seguridade Social.

5. Período de desfrute.

A duración destas bolsas é de 6 meses comprendidos entre outubro de 2001 e marzo de 2002.

6. Comisión de selección.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión constituída por cinco membros designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento; un deles actuará como presidente e outro como secretario. A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

A comisión valorará os documentos citados nos puntos 2.1, 2.2 e 2.3 do presente anexo, para obte-la prórroga será necesario que a valoración dos ditos documentos sexa favorable.

7. Aceptación da bolsa e pagamento.

7.1. A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir tódalas condicións recollidas nas presentes bases. Así mesmo, o bolseiro presentará declaración xurada na que conste que non realiza traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa.

7.2. O pagamento destas bolsas realizarase en dous pagos trimestrais; o primeiro unha vez aceptada a bolsa e o segundo trimestre despois de que o bolseiro presente o informe final que resuma a totalidade da actividade realizada co visto e prace do director do traballo.

8. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou co desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas, salvo co desfrute daquelas bolsas que se convoquen para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación), así como cos contratos derivados da aplicación do artigo 11 da Lei de reforma universitaria (Lei 11/1983, do 25 de agosto), do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento da investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

Excepcionalmente poderanse conceder interrupcións no desfrute da bolsa a petición razoada do interesado, logo do informe do seu director de tese. As interrupcións non poderán ser nunca superiores a seis meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recupera-lo período interrompido.

Así mesmo, no caso de maternidade poderá concederse, logo da petición, unha interrupción de ata un máximo de 4 meses, reducíndose a contía da bolsa, no dito período a un 75%.

No momento no que se produza a incompatibilidade no desfrute da bolsa o bolseiro deberá comunicarllo á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento procedéndose á suspensión da bolsa correspondente e adxudicarlla a outro candidato, de acordo coa lista de suplentes, se a houbese.

Para que o interesado poida ter dereito a percibi-las mensualidades correspondentes ó período anterior á súa renuncia deberá presenta-la memoria da actividade realizada ata ese momento, asinada por el e co visto e prace do director da tese.

Así mesmo, no momento en que realice a lectura da súa tese de doutoramento deberá comunicalo e, no caso de que o bolseiro xustifique mediante un informe do seu director que participa noutras tarefas de investigación, poderase autoriza-la continuación do desfrute da bolsa ata o remate oo período para o que se lle concedeu.

9. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

O bolseiro estará obrigado a cumprir con aproveitamento as distintas etapas do proxecto de investigación, debendo axustarse ás normas propias do departamento ou centro de investigación onde aquel se realice, con dedicación exclusiva á súa función.

Para poder percibi-lo último trimestre deberá remiti-lo informe final (máximo 5 páxinas), que resuma a totalidade do traballo realizado incluíndo, se é o caso, copia dos traballos publicados. No informe deberá figura-lo visto e prace do director do proxecto.

Os bolseiros adscritos á universidade poderán dedicar ata un máximo de 40 horas durante o curso académico á colaboración en actividades docentes con fins formativos, limitadas ás ensinanzas prácticas ou suplencias, non superior neste caso a 10 horas, logo da conformidade entre o director do traballo e o departamento implicado. A concesión e disfrute dunha bolsa non establece relación contractual ou estatutaria co centro ó que quede adscrito o beneficiario, nin implica por parte do organismo receptor ningún compromiso en canto á posterior incorporación do interesado ó cadro de persoal deste.

Os bolseiros están obrigados a residir na comunidade autónoma salvo durante os períodos de formación ós que expresamente se lles autorice.

O bolseiro está obrigado a notificarlle á Secretaría Xeral de I+D a data de defensa da súa tese e a cualificación obtida. No suposto de que non realice a defensa da tese deberá notificalo igualmente, indicando as causas que motivaron a dita circunstancia.

Os bolseiros, antes do derradeiro pagamento, terán que remitir declaración complementaria de tódalas axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administraccións públicas competentes ou calquera dos seus organismos ou sociedades.

10. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que se poidan presentar na aplicación desta convocatoria.