Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 07 de marzo de 2001 Páx. 2.818

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de febreiro de 2001 pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas e de bolsas correspondentes ó Programa de Biotecnoloxías do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico e se procede á súa convocatoria.

A Lei 12/1993, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 18 de decembro de 1998, aprobou o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (1999-2001), que está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais e que ten como misión fundamental potencia-lo sistema ciencia-tecnoloxía-empresa de Galicia para convertelo nun elemento estratéxico ó servicio do desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

Dentro dos programas tecnolóxicos horizontais figura o Programa de Biotecnoloxías, que constitúe, hoxe en día, unha auténtica revolución nas súas aplicacións ós ámbitos da producción agropecuaria, da sanidade animal e humana e do ambiente cunhas posibilidades futuras insospeitadas. Estes ámbitos de aplicación das biotecnoloxías gardan relación con outros programas do Plan Galego de IDT que, como a investigación agraria e a de ambiente, son fundamentais para lograr un desenvolvemento sustentable de Galicia.

A xestión e o financiamento deste programa está encomendada á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvememento.

En consecuencia, e para pór en marcha os instrumentos previstos no plan para a execución dos seus programas e, neste caso concreto, para a execución do Programa de Biotecnoloxías e como continuación das accións realizadas no ano 2000,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Anúnciase a convocatoria das axudas e bolsas que a continuación se indican, como instrumentos ordinarios do Programa de Biotecnoloxías, e apróbanse e fanse públicas as bases polas que se rexerán as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos desta orde, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

1. Axudas para grupos de investigación que traballen en investigación aplicada en biotecnoloxías (anexo I).

2. Axudas para a realización de proxectos de investigación empresarial en biotecnoloxías (anexo II).

3. Prórrogas das bolsas de predoutoramento para a realización de teses de doutoramento en temas de biotecnoloxías (anexo III).

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas no anexo I desta orde, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento destinará ata un máximo de 109.000.000 de ptas. que se imputarán ás aplicacións orzamentarias 04.07.432A.740.0 e 04.07.432A.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2001 a 2004, de acordo coa seguinte distribución:

AplicaciónAno 2001Ano 2002Ano 2003 Ano 2004

04.07.432A740.035.000.000 de ptas.35.000.000 de ptas.15.000.000 de ptas.10.000.000 de ptas.

04.07.432A781.05.000.000 de ptas.5.000.000 de ptas.2.000.000 de ptas.2.000.000 de ptas.

Para as axudas convocadas no anexo II destinarase ata un máximo de 60.000.000 de ptas., que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.07.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2001 a 2004, de acordo coa seguinte distribución: 25 millóns en 2001, 20 millóns en 2002, 10 millóns en 2003 e 5 millóns en 2004.

Non obstante, no caso das actuacións ás que se refire o punto 3, letra b), do anexo II, as cantidades que deban percibi-las institucións públicas participantes de acordo co previsto no correspondente contrato de colaboración poderanse librar directamente á institución pública con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.740.0 prevista para o anexo I desta convocatoria e respectando os límites antes citados.

Para as bolsas convocadas no anexo III destinarase ata un máximo de 1.800.000 ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dos anos 2000 e 2001 (900.000 ptas. en cada un deles).

Tódalas cantidades antes citadas poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

Esta convocatoria axustarase ó disposto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT), e nas leis, decretos e ordes supletorias de rango nacional.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das

administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro.

Artigo 4º

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento será de 6 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que se deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 5º

Os beneficiarios das axudas concedidas ó abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. Así mesmo, os beneficiarios deberán proceder ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 6º

As resolucións de concesión de axudas dictadas ó abeiro desta orde poderán modificarse no caso de alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, de febreiro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

Secretario Xeral de Investigación e Desenvolvemento

ANEXO I

Axudas para grupos de investigación que traballen en investigación aplicada en biotecnoloxías

Estas axudas teñen como obxectivo contribuír á formación de novos grupos así como prestarlles apoio a aqueles equipos de investigación xa existentes para o desenvolvemento de proxectos de investigación aplicada en biotecnoloxías coa finalidade de mellora-lo sector, de acordo coas áreas establecidas no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Programa de Biotecnoloxías.

Para os efectos desta convocatoria defínense os seguintes conceptos:

a) Grupo de investigación: conxunto estable de persoas que, baixo a dirección continuada dunha delas, realizan coordinadamente e de forma habitual tarefas de investigación nun reducido número de liñas, afíns ou complementarias.

b) Equipo de investigación: membros dun grupo de investigación que, baixo a dirección dun deles, realizan ou solicitan un proxecto de investigación.

c) Proxecto de investigación coordinado: proxecto de investigación no que participan equipos de investigación que pertencen a grupos de investigación distintos que achegan coñecementos de campos diferentes pero que son complementarios en relación con ese proxecto.

d) Persoal con vinculación estable: persoal numerario, contratado laboral estable ou outras figuras equivalentes.

e) Persoal con vinculación: persoal con relación laboral ou contractual non estable, bolseiros de predoutoramento ou análogos. Non se considerará como vinculación dispor dunha bolsa de terceiro ciclo ou análoga, excepto naqueles supostos en que así o indiquen as correspondentes bases da convocatoria. En ningún caso, para os efectos desta convocatoria, se admitirá como persoal vinculado ó organismo aquel que estea contratado como bolseiro con cargo a un proxecto, independentemente do organismo financiador.

1. Grupos solicitantes.

Para poder participar nesta convocatoria os investigadores deberán integrarse en grupos que se deberán manter, cando menos, durante o período de vixencia da axuda concedida, salvo circunstancias excepcionais acaecidas con posterioridade á súa aprobación e que deberán ser autorizadas expresamente pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento; cada investigador só poderá formar parte dun grupo e cada grupo só poderá presentar unha solicitude nesta convocatoria; non se computarán para estes efectos as axudas para solicitudes do V Programa Marco.

Para os efectos desta convocatoria establécense os seguintes tipos de grupos:

1.1. Grupos en formación.

Trátase de investigadores que presentan propostas orientadas a crear grupos de investigación para desenvolver novas liñas de investigación aplicada en biotecnoloxías, non cubertas por grupos existentes no seu contorno. Tamén poderán constituírse novos grupos arredor das liñas existentes se se alegan razóns circunstanciais de forza maior. No caso de grupos en formación, cada grupo só poderá ter un equipo. Os novos grupos deberán cumprir, como mínimo, as seguintes características de composición:

1.1.1. O grupo terá, como mínimo, tres membros todos eles pertencentes ó mesmo organismo.

1.1.2. O investigador principal deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de dous anos como tal e deberá ter vinculación estable co correspondente organismo.

1.1.3. Os restantes membros (mínimo dous) deberán ser titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo. Para este caso e só para un deles, admitirase tamén como vinculación ser bolseiro de terceiro ciclo de segundo ano.

1.2. Grupos/equipos consolidados.

Trátase de grupos/equipos experimentados como tales e con coherencia interna. Neste caso cada grupo poderá ter máis dun equipo e todos eles deberán ter como mínimo as seguintes características de composición:

1.2.1. O grupo/equipo terá, como mínimo, tres membros todos eles pertencentes ó mesmo organismo.

1.2.2. O investigador principal deberá ser doutor con vinculación estable ó correspondente organismo e ter, alomenos, un sexenio recoñecido, ou ben ter unha antigüidade mínima como doutor de catro anos e acreditar nos últimos catro anos unha actividade investigadora que, como mínimo, responda a algún dos seguintes epígrafes:

a) Ter dirixida unha tese de doutoramento que xa fose lida.

b) Ter publicados dous artigos de calidade no seu ámbito.

c) Ter realizados dous estudios técnicos de relevancia científica.

d) Ter publicado un artigo de calidade no seu ámbito e ter realizado un estudio técnico de relevancia científica.

Esta actividade investigadora deberá ser certificada, no modelo que para tal efecto se inclúe na solicitude, polo vicerrector de investigación no caso das universidades ou polo órgano competente do correspondente organismo.

1.2.3. Outro investigador deberá ser doutor con vinculación ó correspondente organismo e dedicación a tempo completo. No caso de que a súa dedicación non sexa a tempo completo deberá ser reemprazado por dous investigadores coas mesmas características pero con dedicación a tempo parcial.

Este/es investigador/es e o investigador principal deberán posuír experiencia investigadora afín ou complementaria.

1.2.4. Os restantes membros (mínimo un) deberán ser, como mínimo, titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo.

1.2.5. No caso de que o grupo/equipo teña algún proxecto vixente, para poder solicitar un proxecto nesta convocatoria o tamaño mínimo del incrementarase incorporando, como mínimo, un titulado superior con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo (en total catro membros).

1.3. Grupos/equipos de excelencia.

Trátase de grupos/equipos consolidados que cumpren unhas condicións mínimas en canto á súa composición e uns criterios preestablecidos de calidade.

1.3.1. Carácterísticas mínimas de composición:

a) O grupo/equipo terá como mínimo cinco membros, todos eles pertencentes ó mesmo organismo.

b) No grupo/equipo deberá figurar un mínimo de tres doutores:

b.1. O investigador principal deberá ser doutor con vinculación estable ó correspondente organismo e deberá ter, alomenos, dous sexenios recoñecidos ou ben ter unha antigüedade mínima como doutor de oito anos e acreditar actividade investigadora nos últimos catro anos que, como mínimo, responda a algún dos seguintes epígrafes:

a) Ter dirixida unha tese de doutoramento que xa fose lida.

b) Ter publicados dous artigos de calidade no seu ámbito.

c) Ter realizados dous estudios técnicos de relevancia científica.

d) Ter publicado un artigo de calidade no seu ámbito e ter realizado un estudio técnico de relevancia científica.

Esta actividade investigadora deberá ser certificada, no modelo que para tal efecto se inclúe na solicitude, polo vicerrector de investigación no caso das universidades ou polo órgano competente do correspondente organismo.

b.2. Outro dos investigadores deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de seis anos e tamén con vinculación estable ó organismo.

b.3. Un terceiro doutor con vinculación e dedicación a tempo completo.

c) Os restantes membros (mínimo dous) deberán ser, alomenos, titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó organismo.

d) No caso de que o grupo/equipo teña algún proxecto vixente, para poder solicitar un proxecto nesta convocatoria o tamaño mínimo del incrementarase incorporando, alomenos, un titulado superior con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo (en total seis membros).

1.3.2. Criterios de calidade:

Para que o grupo/equipo poida ser considerado de excelencia, o conxunto dos seus membros deberá reunir, alomenos, catro dos seguintes criterios de calidade:

a) Catro sexenios recoñecidos.

b) Cinco teses de doutoramento dirixidas e lidas.

c) Doce publicacións de prestixio internacional que supoñan unha contribución real e non simple rutina.

d) Dúas patentes nacionais ou internacionais rexistradas.

e) Dirección de seis proxectos obtidos en convocatorias competitivos de ámbito nacional ou internacional.

f) Unha presidencia dun comité organizador dun congreso dunha sociedade internacional.

g) Ser membro do comité científico dunha revista de prestixio internacional.

h) Dirección de seis proxectos financiados por empresas dun importe superior a dous millóns de pesetas cada un deles.

1.4. Incorporación doutros membros ó grupo/equipo.

Para calquera das modalidades de grupos definidas anteriormente o tamaño mínimo característico do equipo poderase incrementar, obviamente, por incorporación ó proxecto doutros investigadores, que serán considerados para os efectos de avalia-la viabilidade do proxecto e de determina-lo importe da subvención concedida se cumpren o requisito de que as súas categorías profesionais (titulación, vinculación co organismo, etc.) son, como mínimo, iguais ás que se lle requiren ó membro menos cualificado de tódolos que forman o equipo base. Como investigadores no proxecto solicitado poderán figurar outros titulados superiores sen vinculación, que non serán computados na súa valoración. Tamén poderán incorporarse asesores científicos e especialistas pertencentes a outros grupos para accións específicas, logo de autorización do director do grupo, que só serán considerados para os efectos da avaliación científico-técnica do proxecto.

2. Axudas ás que poden optar os grupos e limitacións que afectan ós seus membros.

2.1. Grupos en formación.

2.1.1. Axudas.

Os grupos en formación poderán solicitar unha axuda destinada á realización de actividades enca

miñadas á formación do grupo; é, polo tanto, unha axuda que só poderá ser solicitada previamente á obtención dun proxecto de investigación por parte del. A contía máxima desta axuda ascende a un millón de pesetas por ano, para un período de dous anos e só se poderá conceder por unha soa vez.

2.1.2. Limitacións.

Os grupos en formación, e polo tanto os seus membros, mentres desfruten dunha axuda concedida ó abeiro desta convocatoria non poderán dispor (ou participar) en ningún proxecto, independentemente de cál sexa a orixe do seu financiamento.

2.2. Grupos/equipos consolidados.

2.2.1. Axudas.

Os grupos/equipos consolidados poderán solicitar dous tipos de axudas; nesta convocatoria deberán optar só por unha delas.

a) Incentivos.

Os grupos/equipos consolidados, ós que se lles comunicase con posterioridade ó 21 de marzo de 2000 ata a data de peche desta convocatoria a concesión dun proxecto aplicado do Plan Nacional relativo a biotecnoloxías ou do Programa Marco Europeo, poderán solicitar, en lugar dun proxecto de investigación, por cada un dos proxectos obtidos e vixentes, unha axuda destinada a reforza-la capacidade competitiva do grupo. O importe máximo desta axuda, que abranguerá como máximo un período de tres anos, será de catro millóns no caso de proxectos do Plan Nacional e de seis millóns no caso do Programa Marco, e só se poderá conceder unha vez por cada proxecto.

b) Proxectos de investigación.

Os grupos/equipos consolidados poderán solicitar un proxecto de investigación dun importe máximo de quince millóns de pesetas para un período de tres anos, que se computará a partir da adxudicación das axudas. Dentro deste límite, o financiamento será concedido en función da natureza do proxecto e as esixencias da investigación proposta, a calidade do proxecto, a calidade e tamaño do grupo e a duración do proxecto.

A axuda solicitada deberase referir a algún dos conceptos que se indican no punto 4 destas bases.

Co fin de favorece-la cooperación entre grupos, poderanse presentar proxectos coordinados sempre que se trate de grupos que acheguen coñecementos de campos diferentes pero que son complementarios en relación co proxecto. Para cada un dos subproxectos que integran o proxecto coordinado requirirase un mínimo de dous investigadores:

-O responsable de cada subproxecto deberá cumpri-los requisitos esixidos para os investigadores principais dos grupos consolidados; un deles será o coordinador do proxecto.

-Os restantes membros de cada subproxecto (mínimo un) deberán ser, como mínimo, titulados superiores con vinculación a tempo completo ó correspondente organismo.

2.2.2. Limitacións.

Os investigadores con vinculación estable ó correspondente organismo, que figuren no proxecto, poderán participar simultaneamente noutros proxectos de investigación coas seguintes limitacións, computando o proxecto solicitado:

a) Se teñen unha antigüidade como doutores de catorce ou máis anos e vinculación estable poderán participar nun máximo de catro proxectos de investigación se a súa dedicación é a tempo completo ó correspondente organismo, e en dous se é a tempo parcial.

b) Se teñen unha antigüidade como doutores entre dez e trece anos e vinculación estable poderán participar nun máximo de tres proxectos de investigación se a súa dedicación é a tempo completo ó correspondente organismo, e en dous se é a tempo parcial.

c) Se teñen unha antigüidade como doutores entre catro e nove anos e vinculación estable poderán participar nun máximo de dous proxectos de investigación, se a súa dedicación é a tempo completo ó correspondente organismo, e nun se a dedicación é a tempo parcial.

Os restantes membros do grupo/equipo non incluídos nalgún dos tres puntos anteriores só poderán participar no proxecto que se solicita.

Ningún grupo/equipo consolidado poderá ter vixente máis dun proxecto financiado con cargo ó Programa de Biotecnoloxías do Plan Galego de IDT, pero si poderá simultanear un proxecto do dito programa con ata dous proxectos doutros programas do plan sempre que cumpra as limitacións específicas descritas anteriormente.

Con carácter transitorio e para os efectos desta convocatoria exclúense do cómputo de proxectos vixentes tódolos proxectos do Programa Marco. Tamén se exclúen os proxectos do Plan Nacional que rematen antes do 1 de xaneiro de 2002, os proxectos concedidos con fondos Feder ó abeiro do Decreto 309/1997, do 25 de setembro, e calquera proxecto empresarial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

2.3. Grupos/equipos de excelencia.

2.3.1. Axudas.

Os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar dous tipos de axudas; nesta convocatoria deberán optar só por unha delas:

a) Incentivos.

Trátase do mesmo tipo de axudas descritas no punto 2.2.1.a) para os grupos/equipos consolidados e coas mesmas características e limitacións, agás que neste caso poderán ascender ata un máximo de cinco millóns para proxectos do Plan Nacional e sete millóns para proxectos do Programa Marco.

b) Proxectos de investigación.

Os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar un proxecto de investigación dun importe máximo de vinte millóns de pesetas para un período de tres anos, que se computarán a partir da adxudicación das axudas. Dentro deste límite o financiamento será concedido en función da natureza do proxecto e das esixencias da investigación proposta, a calidade do proxecto, a calidade e tamaño do grupo e a duración do proxecto.

A axuda solicitada deberase referir a algún dos conceptos que se indican no punto 4 destas bases.

Co fin de favorece-la cooperación entre grupos poderanse presentar proxectos coordinados sempre que se trate de grupos que acheguen coñecementos de campos diferentes pero que son complementarios en relación co proxecto. Para cada un dos subproxectos que integran o proxecto coordinado requirirase que os seus membros cumpran as condicións establecidas para os grupos de excelencia, podendo prescindirse dun dos investigadores que se indican no punto 1.3.1.

2.3.2. Limitacións.

Os investigadores doutores con vinculación estable ó correspondente organismo, que figuren no proxecto, poderán participar simultaneamente noutros proxectos de investigación coas mesmas limitacións que as descritas para os grupos consolidados no punto 2.2.2.

Ningún grupo/equipo de excelencia poderá ter vixente maís dun proxecto financiado con cargo ó Programa de Biotecnoloxías do Plan Galego de IDT, pero si poderá simultanear un proxecto do dito programa con ata dous proxectos doutros programas do plan sempre que cumpra as limitacións específicas descritas anteriormente.

Con carácter transitorio e para os efectos desta convocatoria, exclúense do cómputo de proxectos vixentes tódolos proxectos do Programa Marco. Tamén se exclúen os proxectos do Plan Nacional que rematen antes do 1 de xaneiro de 2002, os proxectos concedidos con fondos Feder ó abeiro do Decreto 309/1997, do 25 de setembro, e calquera proxecto empresarial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

2.4. Outras axudas. Axudas para solicitudes do V Programa Marco.

Ademais das axudas descritas anteriormente e co fin de promove-la competitividade no V Programa Marco, os grupos/equipos consolidados e os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar axudas encamiñadas a cubri-los gastos que supón a elaboración dun proxecto europeo. O importe máximo destas axudas será de 300.000 ptas. referidas ós conceptos específicos recollidos nos puntos 4.4 e 4.5 destas bases, sempre en relación cos gastos de elaboración do correspondente proxecto. Estas axudas son compatibles coas axudas descritas nos puntos 2.2 e 2.3.

3. Solicitudes.

As solicitudes serán presentadas polo investigador principal do proxecto, que deberá pertencer a unha das universidades do sistema universitario de Galicia ou a outros centros/organismos públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma. Cando no proxecto figuren investigadores que pertenzan a organismos distintos ó do investigador principal, estes terán que acredita-la autorización do seu organismo para participar no proxecto; estes investigadores non computarán para os efectos da composición mínima requirida a cada tipo de grupo/equipo solicitante.

O modelo oficial de solicitude número BIO-1 (do que a cara externa se publica como anexo IV a esta orde), está á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e na Internet nos enderezos http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid.

Os solicitantes deberán realizar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, de tódalas administracións públicas, utilizando para estes efectos o documento que se inclúe no modelo de solicitude. Así mesmo, deberán razoa-lo carácter aplicado e o interese socioeconómico do proxecto e considera-la posibilidade de explotación dos resultados e a súa posible transferencia á empresa.

As solicitudes presentaranse por triplicado no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. No caso de que o director do grupo non participe na composición do equipo investigador, requirirase o seu visto e prace á correspondente solicitude.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e, para o caso da lingua galega, deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

Calquera solicitude deberá ser presentada co visto e prace do representante legal do organismo correspondente (rector no caso das universidades).

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de marzo de 2001.

4. Conceptos subvencionables. En xeral, as axudas solicitadas deberanse referir a algún dos conceptos que a seguir se relacionan, aínda que cada tipo de grupo deberá ter en conta as limitacións que lle son específicas:

4.1. Persoal contratado especificamente para colaborar nas actividades de investigación do proxecto. Estes contratos serán incompatibles coa percepción de calquera outra remuneración. A contratación rea

lizarase conforme os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

Poderá solicitarse persoal nas diferentes modalidades de axuda previstas neste anexo agás para o caso de grupos en formación (punto 2.1) e para as axudas para solicitudes do V Programa Marco (punto 2.4).

O importe máximo por este concepto será de 6.600.000 pesetas para proxectos de tres anos, 4.400.000 pesetas para proxectos de dous anos e 2.200.000 pesetas para proxectos dun ano e, no caso dos incentivos de grupo/equipos consolidados ou de excelencia (puntos 2.2.1.a) e 2.3.1.a) destas bases), poderase imputar a este concepto ata o importe total de subvención permitida, descontados os custos indirectos.

4.2. Material inventariable e bibliográfico indispensable para a realización do proxecto, debidamente xustificado. O material inventariable e bibliográfico adquirido con cargo a estas axudas será propiedade do organismo ó que pertence o investigador responsable do proxecto.

4.3. Material funxible debidamente xustificado.

4.4. Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

4.5. Outros gastos (especificalos no modelo de solicitude).

4.6. Custos indirectos: imputarase por este concepto un 10% do custo total do proxecto, co fin de resarci-lo correspondente organismo dos gastos que a execución do proxecto leva implícitos.

5. Tramitación.

Se a documentación achegada estivese incompleta, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días a complete ou emende as deficiencias observadas, con advertencia de que, de non o facer, se considerará desistido da súa solicitude, procedéndose conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Aqueles investigadores que non cumpran os requisitos establecidos nestas bases serán excluídos e, no caso de que o grupo/equipo de investigación resultante non cumpra os requisitos mínimos esixidos á súa categoría (grupo en formación, grupo/equipo consolidado ou de excelencia), a solicitude será desestimada.

A ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que poida acordarse outro tipo de actuacións.

Cando a temática do proxecto o aconselle, logo de informe do xestor do programa e audiencia ó investigador principal, o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá determina-lo trasvasamento de solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria a outras convocatorias do Plan

Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

6. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas relativas a proxectos de investigación será realizada por expertos externos designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. Efectuada a valoración, a selección das solicitudes e a determinación, se é o caso, da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, un dos cales actuará como presidente e outro como secretario. Para a selección dos beneficiarios e a cuantificación das axudas de proxectos de investigación teranse en conta, en orde decrecente de importancia, os seguintes criterios:

a) A valoración científico-técnica realizada polos expertos.

b) A valoración dos resultados obtidos, polos investigadores que forman o equipo, en proxectos financiados anteriormente.

c) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Programa de Biotecnoloxías.

d) O interese, relevancia e oportunidade dos obxectivos do proxecto cara á resolución de problemas do sector, relevantes para a Comunidade Autónoma.

e) A incidencia que nos mecanismos de transferencia de tecnoloxía poidan te-los resultados do proxecto presentado a través de empresas ou ben directamente pola propia institución.

f) Para o axuste económico e cando sexa necesario como complemento do criterio a) teranse en conta a calidade do proxecto, a calidade e o tamaño do equipo e a natureza e esixencia da investigación que se vai realizar.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva, podendo financiarse total ou parcialmente o orzamento presentado. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

O solicitante deberá comunica-la súa aceptación á concesión e á súa contía, para a realización do proxecto aprobado.

Para a selección dos beneficiarios e o establecemento da contía das axudas para a formación de novos grupos, os incentivos de grupos consolidados e de excelencia así como para as axudas para solicitudes do V Programa Marco (puntos 2.1.1.a), 2.2.1.a), 2.3.1.a) e 2.4 respectivamente), teranse en conta, fundamentalmente, a calidade do grupo e as actividades que se pretenden realizar coa axuda solicitada.

7. Libramento da subvención.

A subvención será librada a través do organismo ó que pertenza o equipo investigador, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ó libramento dos fondos será necesario que a universidade ou organismo correspondente expida a certificación expresiva da realización do gasto, xunto cos informes parciais dos proxectos de investigación correspondentes, se os houbese. Ademais, no caso das axudas recollidas no punto 2.4, requirirase documento acreditativo de ter presentada solicitude ó V Programa Marco.

Para efectua-lo derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

8. Seguimento do proxecto.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo total do proxecto, de acordo coas valoracións feitas polos expertos.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados e propo-la suspensión da axuda se da análise da marcha do proxecto se derivase unha mala utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos do proxecto.

Finalizado o proxecto, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento remitiralles ós investigadores principais un impreso normalizado, para que nel se fagan consta-los resultados obtidos no seu desenvolvemento, quedando os investigadores principais obrigados a presenta-lo dito impreso cuberto, nun prazo máximo de 3 meses desde a finalización do proxecto, a través do rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A información contida neste impreso será avaliada polo xestor do programa que, previas as comprobacións e aclaracións que sexan necesarias, emitirá un informe sobre o cumprimento do proxecto con destino á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que poderá convoca-lo investigador principal, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución do proxecto e os resultados obtidos.

9. Difusión de resultados.

Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores que, no momento de facelos públicos, deberán facer consta-la referencia específica da axuda recibida da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Xunta de Galicia e deberán enviar, a través do seu rexistro xeral, un exemplar das correspondentes publicacións.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a informa-la Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento de calquera resultado útil obtido no desenvolvemento do proxecto, incluída unha posible patente.

10. Incidencias.

Os investigadores que se integran nun grupo que resulte seleccionado quedan obrigados a se manter no dito grupo (e non poderán integrarse ou formar parte doutro grupo), durante o período de vixencia do proxecto financiado, salvo circunstancias excepcionais acaecidas con posterioridade á aprobación do proxecto, e que deberán ser autorizadas expresamente pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases desta convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

ANEXO II

Axudas para a realización de proxectos de investigación empresarial en temas de biotecnoloxía

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, de acordo cos obxectivos xerais establecidos no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT), dirixidos ó estímulo do sector empresarial co fin de incrementar tanto a súa competitividade como as posibilidades de creación de emprego, consideran do maior interese incentiva-la capacidade de innovación das empresas galegas mediante a convocatoria de axudas para a realización de proxectos de investigación empresarial no ámbito das biotecnoloxías.

Desde o punto de vista estructural, esta acción non define modelos de actuación predeterminados. Con todo, debido á carencia de medios adecuados que se observa en gran número de empresas e á existencia de notables recursos científicos de carácter público, serán obxecto de apoio especial os proxectos nos que se conte coa colaboración de centros de investigación, sen prexuízo da consideración favorable con que conten os proxectos presentados por empresas que teñan unha estructura e activos en I+D que lles permita abordar con solvencia a súa realización en solitario.

1. Obxecto.

Nestas bases regúlase o procedemento de concesión, en réxime de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, das axudas a empresas,

asociacións ou agrupacións destas para a realización de proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, de acordo cos seguintes fins:

a) Fomenta-la realización de proxectos de iniciativa empresarial para favorece-la innovación nas empresas.

b) Incrementa-la colaboración dos centros de investigación e universidades da Comunidade Autónoma coas empresas de Galicia.

c) Estimular, a medio prazo, a participación das empresas de Galicia, sobre todo pequenas e medianas empresas, nos programas nacionais e europeos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

2. Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as empresas e asociacións ou agrupacións destas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Te-lo seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e realiza-lo proxecto obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

b) Estar ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Non ter contraída débeda coa Xunta de Galicia.

d) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.

e) Os demais esixibles en virtude de normas de dereito necesario.

3. Modalidades.

Poderán presentarse proxectos nalgunha das seguintes modalidades:

a) Modalidade A. Proxectos presentados por empresas que teñen unha estructura e activos de I+D que lles permite abordar por si mesmas a realización do proxecto.

b) Modalidade B. Proxectos presentados por empresas que, debido á carencia de medios adecuados, lles encargan a totalidade ou parte da investigación que se vai realizar no proxecto a equipos das universidades, dos centros públicos de investigación ou dos centros tecnolóxicos de Galicia.

4. Ámbito temporal.

Estas axudas concédense para a realización dun proxecto por un período máximo de tres anos; este compútase a partir da data de adxudicación das axudas.

5. Contía das axudas.

A contía das axudas concedidas poderá acadar, como máximo, ata un 75% dos gastos necesarios para a consecución dos resultados finalistas obxecto do proxecto, no caso de que se trate de investigación industrial, e ata un 50% no caso de actividade de desenvolvemento precompetitiva. Enténdese por

investigación industrial a investigación planificada ou os estudios críticos que teñan por obxecto a adquisición de novos coñecementos que poidan resultar de utilidade para a creación de novos productos, procesos ou servicios ou contribuír a mellorar considerablemente os productos, procesos ou servicios existentes. Pola súa parte, por actividade de desenvolvemento precompetitivo enténdese a materialización dos resultados da investigación industrial nun plano, esquema ou deseño para productos, procesos, ou servicios novos, modificados ou mellorados, destinados á súa venda ou á súa utilización, incluída a creación dun primeiro prototipo non comercializable. Pode abranguer tamén a formulación conceptual e o deseño doutros productos, procesos ou servicios, así como proxectos de demostración inicial ou proxectos piloto, sempre que os ditos proxectos non se poidan converter ou utilizarse para aplicacións industriais ou a súa explotación comercial.

Poderanse incluí-los custos seguintes:

5.1. Gastos de persoal adicional imprescindible para a realización do proxecto. Só será subvencionable aquel persoal alleo ó cadro de persoal da empresa que sexa contratado especificamente para colaborar no proxecto e que non teña vinculación laboral con ela nin que a tivese nos dous últimos anos; debe especificarse na solicitude o perfil requirido. A subvención que poderá concederse por este concepto ascende a un máximo de 6.600.000 de ptas. para proxectos de tres anos, 4.400.000 ptas. para proxectos de dous anos e 2.200.000 ptas. para proxectos dun ano.

A empresa poderá computar, como achega dela á realización do proxecto e polo concepto de persoal propio que se dedica á investigación e que colabore no proxecto, ata un máximo do 60% do orzamento que deba achega-la empresa.

Os proxectos de investigación empresarial ós que se refire esta orde poderán incluí-la contratación laboral de mozos titulados universitarios e de formación profesional de segundo grao ou ciclo superior. As ditas contratacións poderán concorrer ós incentivos dos programas de fomento dos contratos en prácticas e para a innovación tecnolóxica que convoca a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Para que as ditas contratacións poidan ser obxecto de suvbención, deberán reuni-los requisitos e as condicións e observa-los prazos que se establezan para a presentación de solicitudes na correspondente orde de convocatoria, e requirirán o informe previo da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

5.2. Custos de adquisición e utilización de instalacións, equipos, instrumentos, aparellos e demais material inventariable, na medida en que os ditos bens se destinen á actividade de investigación proposta. Admitirase material a escala de laboratorio e de planta piloto pero en ningún caso se admitirá material a escala productiva (investimentos productivos).

5.3. Gastos en materiais funxibles necesarios para a execución do proxecto.

5.4. Gastos xerais suplementarios da empresa imputables con cargo directo ó proxecto, tales como viaxes, comunicacións, etc. En ningún caso estes gastos poderán supera-lo 5% do custo do proxecto.

5.5. Custos de colaboracións externas coa universidade, centros públicos de investigación ou centros tecnolóxicos de Galicia.

5.6. Gastos para a protección dos resultados da investigación.

5.7. Outros gastos directamente derivados da actividade de investigación.

6. Presentación de solicitudes.

As solicitudes segundo o modelo oficial número BIO-2 (do que a cara externa se publica como anexo V a esta orde), están á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e na Internet nos enderezos: http://www.cesga.es/sxid, ou http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm.

As solicitudes presentaranse por triplicado, no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

Á solicitude xuntaránselle os seguintes documentos:

1. Copia compulsada do CIF da empresa solicitante, ou NIF no caso de empresario individual, así como xustificante de alta no imposto de actividades económicas (IAE) e na Seguridade Social.

2. Copia compulsada do documento nacional de identidade e do poder bastante de representación co que actúe o solicitante, e copia compulsada da escritura de constitución e modificacións, se é o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil ou Industrial.

3. Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

4. Declaración expresa de estar ó corrente de pagamento das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

5. No caso de proxectos da modalidade B, xuntarase copia do contrato de colaboración asinado entre a empresa e o organismo/s público/s de investigación que realizará/n o proxecto ou que colaborará/n na súa realización ou, no seu defecto, unha carta de intencións. Neste documento deberá consta-la composición do/s equipo/s de investigación dos dito/s organismo/s público/s así como a descrición detallada e xustificada dos gastos.

6. Xuntarase tamén unha declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, de tódalas administracións públicas, utilizando para estes efectos o documento que se inclúe no modelo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de marzo de 2001.

7. Tramitación.

Se a documentación achegada estivese incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días a complete ou emende as deficiencias, con advertencia que, de non o facer, se considerará desistido da súa solicitude, procedéndose conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada serán causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que poida acordarse outro tipo de actuacións.

8. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas será realizada por expertos externos designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. Efectuada a valoración, a selección das solicitudes e a determinación, se é o caso, da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección designada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento. Un dos seus membros actuará como presidente e outro como secretario. A comisión terá en conta, por orde decrecente de prioridade, os seguintes criterios:

a) A valoración realizada polos expertos.

b) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Programa de Biotecnoloxías.

c) O impacto das actuacións e resultados do proxecto cara á resolución de problemas relevantes para a Comunidade Autónoma.

d) Capacidade da empresa para a execución do proxecto.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

9. Libramento da subvención.

Para poder percibi-las axudas correspondentes será necesario presentar, antes do 31 de outubro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, os seguintes documentos:

9.1. Certificación expedida pola entidade bancaria, sinalando número de conta da empresa beneficiaria onde se debe realiza-lo pagamento.

9.2. Memoria xustificativa das actividades realizadas e do custo dos traballos executados, así como os xustificantes debidamente acreditados do investimento realizado.

9.3. Certificación acreditativa de encontrarse ó día das obrigas tributarias coas facendas estatal e autonómica expedidas pola Axencia Tributaria e pola Consellería de Economía e Facenda, respectivamente, así como certificación de encontrarse ó corrente no pagamento das cotas de Seguridade Social.

9.4. Certificación de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

9.5. No caso de proxectos plurianuais, aval bancario ou de entidade aseguradora conforme o establecido na normativa vixente, por un prazo que medie entre a data de solicitude de pagamento da correspondente anualidade e a data límite de xustificación da última anualidade.

9.6. Para efectua-lo derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

9.7. No caso de proxectos da modalidade B, copia do contrato de colaboración entre a empresa e o organismo público.

Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

Nos proxectos plurianuais, entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata o final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderanse presentar como xustificante para o cobramento desa anualidade.

10. Seguimento dos proxectos.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda, sempre que conxuntamente non superen o límite establecido no punto 5 destas bases. A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e que dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados e propo-la suspensión da axuda se da análise da marcha do proxecto se derivase unha mala utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos do proxecto. Neste contexto, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderalle asignar a cada proxecto un investigador titor que,

baixo a coordinación do xestor do programa, poida colaborar no desenvolvemento e seguimento del.

Finalizado o proxecto, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento remitiralles ás empresas beneficiarias destas axudas un impreso normalizado, para que nel se fagan consta-los resultados obtidos no seu desenvolvemento, quedando a empresa obrigada a presenta-lo dito impreso cuberto, nun prazo máximo de 3 meses desde a finalización do proxecto, a través do rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A información contida neste impreso será avaliada polo xestor do programa que, previas as comprobacións e aclaracións que sexan necesarias, expedirá un informe sobre o cumprimento do proxecto con destino á Secretaría Xeral de Investigación, que poderá convoca-lo responsable da empresa, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución do proxecto e os resultados obtidos.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a informa-la Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento de calquera resultado útil obtido no desenvolvemento do proxecto, incluída unha posible patente.

11. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases desta convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, segundo o disposto nos artigos 78.7º e 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

ANEXO III

Prórrogas das bolsas de predoutoramento para a realización de teses de doutoramento en temas de biotecnoloxías

1. Solicitantes.

Aqueles beneficiarios dunha bolsa de predoutoramento (prórroga), concedida por Resolución do 26 de xullo de 2000 (DOG do 7 de agosto), poderán solicita-la prórroga correspondente ó curso académico 2001/2002 sempre que aínda non rematasen a súa tese de doutoramento.

2. Solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial BIO-3 (do que a cara externa se publica como anexo VI a esta orde), está á disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e na Internet nos enderezos http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm, ou http://www.cesga.es/sxid), presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desen

volvemento, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, modificado pola Lei 4/1999.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

2.1. Memoria das actividades académicas e investigadoras realizadas durante o curso 2000/2001. Deberá ir asinado polo bolseiro e co visto e prace dos director/es do proxecto de investigación.

2.2. Informe (en papel oficial ou con selo do correspondente centro/departamento), dos director/es no que se confirme que as actividades realizadas polo bolseiro durante o período de desfrute da bolsa, en relación coa adquisición de contidos e destrezas de investigación, foron adecuadas.

2.3. Memoria realizada polo bolseiro sobre o estado actual do traballo e plan de traballo durante a prórroga, co visto e prace dos director/es.

2.4. Declaración de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de maio de 2001.

3. Tramitación.

Os servicios administrativos da Secretaría Xeral de I+D procederán á revisión das solicitudes comprobando se é correcta a documentación presentada. En caso contrario, requirirase o solicitante para que achegue a documentación complementaria ou emende os erros detectados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non o facer, se procederá conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

4. Contía da bolsa.

O importe das bolsas incluirá:

4.1. Unha asignación mensual de 140.000 pesetas brutas. Esta cantidade poderá incrementarse para o ano 2002, nunha liña que tende á homologación con bolsas estatais no caso de existir crédito adecuado e suficiente.

4.2. Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que as bolsas.

O seguro de asistencia médica será extensible, de se-lo caso, ó conxuxe e fillos do beneficiario cando este careza de Seguridade Social.

5. Período de desfrute.

A duración destas bolsas é de 6 meses, comprendidos entre outubro de 2001 e setembro de 2002.

6. Comisión de selección.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión constituída por cinco membros designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvol

vemento; un deles actuará como presidente e outro como secretario. A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

A comisión valorará os documentos citados nos puntos 2.1, 2.2 e 2.3 deste anexo; para obte-la prórroga será necesario que a valoración dos ditos documentos sexa favorable.

7. Aceptación da bolsa e pagamento.

7.1. A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir tódalas condicións recollidas nestas bases. Así mesmo, o bolseiro presentará declaración xurada na que conste que non realiza traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa.

7.2. O pagamento destas bolsas realizarase en dous pagamentos trimestrais; o primeiro unha vez aceptada a bolsa, e o segundo trimestre despois de que o bolseiro presente o informe final que resuma a totalidade da actividade realizada, co visto e prace do director do traballo.

8. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas, salvo co desfrute daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación), así como cos contratos derivados da aplicación do artigo 11 da Lei de reforma universitaria (Lei 11/1983, do 25 de agosto), do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento da investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

Excepcionalmente, poderanse conceder interrupcións no desfrute da bolsa por petición razoada do interesado, logo do informe do seu director de tese. As interrupcións non poderán ser nunca superiores a seis meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións, e non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recupera-lo período interrompido.

Así mesmo, no caso de maternidade poderá concederse, logo de petición, unha interrupción de ata un máximo de 4 meses, reducíndose a contía da bolsa no dito período a un 75%.

No momento en que se produza a incompatibilidade no desfrute da bolsa, o bolseiro deberá comunicalo á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, procedéndose á suspensión da bolsa correspondente, e adxudicarlla a outro candidato, de acordo coa lista de suplentes, se a houbese.

Para que o interesado poida ter dereito a percibi-las mensualidades correspondentes ó período anterior á súa renuncia, deberá presenta-la memoria da actividade realizada ata ese momento, asinada por el e co visto e prace do director da tese.

Así mesmo, no momento en que realice a lectura da súa tese de doutoramento deberá comunicalo e, no caso de que o bolseiro xustifique mediante un informe do seu director que participa noutras tarefas de investigación, poderase autoriza-la continuación do desfrute da bolsa ata o remate do período para o que se lle concedeu.

9. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

O bolseiro estará obrigado a cumprir con aproveitamento as distintas etapas do proxecto de investigación, debendo axustarse ás normas propias do departamento ou centro de investigación onde aquel se realice, con dedicación exclusiva á súa función.

Para poder percibi-lo último trimestre, deberá remiti-lo informe final (máximo 5 páxinas), que resuma a totalidade do traballo realizado, incluíndo, se é o caso, copia dos traballos publicados. No informe deberá figura-lo visto e prace do director do proxecto.

Os bolseiros adscritos á universidade poderán dedicar ata un máximo de 40 horas durante o curso académico á colaboración en actividades docentes con fins formativos, limitadas ás ensinanzas prácticas ou suplencias, non superior neste caso ás 10 horas, logo da conformidade entre o director do traballo e o departamento implicado. A concesión e o desfrute dunha bolsa non establece relación contractual ou estatutaria co centro ó que quede adscrito o beneficiario, nin implica por parte do organismo receptor ningún compromiso en canto á posterior incorporación do interesado ó seu cadro de persoal.

Os bolseiros están obrigados a residir na Comunidade Autónoma salvo durante os períodos de formación ós que expresamente se autoricen.

O bolseiro está obrigado a notificarlle á Secretaría Xeral de I+D a data de defensa da súa tese e a cualificación obtida. No suposto de que non realice a defensa da tese, deberá notificalo igualmente, indicando as causas que motivaron a dita circunstancia.

Os bolseiros, antes do derradeiro pagamento, terán que remitir declaración complementaria de tódalas axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos ou sociedades.

10. Incidencias.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que se poidan presentar na aplicación desta convocatoria.