Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 06 de marzo de 2001 Páx. 2.783

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2001 pola que se dispón a publicación do Regulamento dos estudios de terceiro ciclo.

En cumprimento do disposto no artigo 78 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, disponse a publicación no Diario Oficial de Galicia do Regulamento dos estudios de terceiro ciclo, aprobado por acordo da Xunta de Goberno desta universidade do 22 de decembro de 1999 e modificado po acordo deste órgano do 14 de novembro de 2000.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2001.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

REGULAMENTO DOS ESTUDIOS DE TERCEIRO CICLO

DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

(Aprobado pola Xunta de Goberno o día 7-4-2000;

correccións XG día 14-11-2000)

Os estudios de terceiro ciclo teñen por finalidade a especialización do estudiante nun determinado campo científico, técnico ou artístico e a súa formación en técnicas de investigación. Estes estudios conducen á obtención da suficiencia como investigador, o diploma de estudios avanzados (DEA) e o título de doutor.

Os estudios de terceiro ciclo, a obtención do diploma de estudios avanzados e a do título de doutor na Universidade de Santiago de Compostela (USC) rexeranse polo disposto en: a) a Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria e a lexislación concordante; b) o Real decreto 778/1998, do 30 de abril; c) os estatutos da USC; d) o presente regulamento.

Os estudios de terceiro ciclo articúlanse en dúas etapas: a) a etapa de formación, na que se realizan os cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados dun programa de doutoramento; b) a etapa de tese, na que se realizan os traballos de investigación dirixidos polo director ou codirectores da tese e que culmina coa elaboración da tese de doutoramento. A etapa de formación divídese, pola súa vez, en dous períodos: o período de docencia e o período de investigación.

Consideraranse estudiantes de terceiro ciclo todos aqueles alumnos que estean matriculados en estudios de terceiro ciclo na etapa de formación ou na etapa de tese, neste último caso sempre que: a) teñan dedicación a tempo completo; b) non transcorreran máis de tres anos desde a obtención do DEA. O resto dos alumnos matriculados na etapa de tese consideraranse estudiantes adscritos de terceiro ciclo.

O Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua da USC (CPTF no que segue) encargarase da coordinación, supervisión e control dos estudios de terceiro ciclo.

Este regulamento configúrase co obxectivo de dota-los estudios de terceiro ciclo dunha maior calidade e dunha estructura máis estable que, pola súa vez, permita a súa constante actualización. Preténdese, así mesmo, abrilos a un marco interuniversitario que conduza a unha formación avanzada incentivadora da mobilidade dos estudiantes. O cumprimento dos obxectivos conducirá ó incremento do prestixio destes estudios na sociedade.

Capítulo I

Elaboración e aprobación dos programas

de doutoramento

Artigo 1º.-Programas de doutoramento.

1. Os departamentos poderán impartir programas de doutoramento correspondentes a estudios de terceiro ciclo, de acordo co disposto no presente regulamento.

Os institutos universitarios poderán igualmente impartir programas de doutoramento, para o cal exercerán tódalas competencias que se lles atribúen ós departamentos. As funcións que no caso dos departamentos recaen sobre o seu consello serán exercidas, no caso dos institutos universitarios polo seu consello científico.

2. Os departamentos e institutos universitarios poderán impartir programas de doutoramento conxuntamente con un ou varios departamentos, e/ou con un ou varios institutos universitarios. Neste caso, un dos departamentos ou institutos encargarase da dirección académica do programa e denominarase departamento ou instituto universitario responsable do programa.

Poderán impartirse programas de doutoramento interuniversitarios, mediante o asinamento de convenios entre a USC e outros organismos académicos e científicos. Tales convenios deberán reflecti-los departamentos ou institutos universitarios da USC participantes e a contribución académica, científica e económica de cada parte. A Comisión de Doutoramento deberá emitir informes sobre eles preceptivamente.

3. A participación dun departamento ou instituto universitario na impartición dun programa de doutoramento poderá involucrar a todos ou parte dos seus membros.

Artigo 2º.-Composición dos programas.

1. Os programas de doutoramento comprenderán cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados (no que segue, materias) desenvolvidos ó longo de dous cursos académicos, que serán impartidos e tutelados por doutores.

2. A planificación docente e a xestión académica de cada programa de doutoramento estará a cargo dun coordinador, que será un profesor numerario co título de doutor con, alomenos, un sexenio de investigación concedido e pertencente ó departamento ou instituto universitario responsable que imparte o programa.

3. O coordinador do programa será proposto polo consello do departamento ou instituto universitario responsable e nomeado pola Comisión de Doutoramento. O coordinador estará apoiado nas súas tarefas administrativas pola secretaría do departamento ou do instituto universitario responsable.

4. O consello do departamento ou instituto universitario responsable poderá nomear, por proposta do coordinador, subcoordinadores asociados a cada unha das áreas de coñecemento do programa e/ou a cada un dos centros onde se imparte. Os subcoordinadores colaborarán co coordinador nas tarefas de planificación docente e de xestión académica do programa.

5. O coordinador presidirá as xuntanzas dos membros do equipo docente do programa, formado por tódolos doutores participantes.

Artigo 3º.-Periodización dos programas.

Cada programa de doutoramento estará estructurado en dous períodos diferenciados que se impartirán en cada un dos anos académicos que comprende a etapa de formación: a) período de docencia; b) período de investigación.

Artigo 4º.-Período de docencia.

O período de docencia impartirase na súa totalidade nun curso académico e implicará a realización de cursos e seminarios da proposta docente do programa. A oferta docente para este período comprenderá cando menos 20 créditos, que se distribuirán nas seguintes materias:

Un mínimo de 15 créditos básicos ou fundamentais, constituídos por cursos ou seminarios sobre contidos dos campos científico, técnico ou artístico ós que estea dedicado o programa (materias de tipo B).

Potestativamente, créditos de aplicación metodolóxica, mediante cursos ou seminarios relacionados coa metodoloxía e formación en técnicas de investigación (materias de tipo A).

Potestativamente, créditos de natureza complementaria ou afín constituídos por cursos e seminarios que complementen e amplíen os contidos das materias de tipo A e B (materias de tipo C).

As materias de tipo B e as de tipo A terán un número de créditos non inferior a tres.

Artigo 5º.-Período de investigación.

No período de investigación o alumno realizará un ou varios traballos de investigación tutelados que lle permitirán obte-los 12 créditos propios deste período. Nas propostas de programas de doutoramento presentarase unha relación de liñas de investigación, cos correspondentes membros do equipo docente vinculados a cada unha delas, na que os alumnos poderán realiza-los seus traballos

Artigo 6º.-Tipos de programas.

1. Os programas de doutoramento poderán configurarse como ordinarios ou permanentes. No primeiro caso o programa será cursado por unha única promoción de estudiantes. No segundo caso, arti

cularase de maneira que as súas características, obxectivos e liñas xerais se manteñan invariables durante varios anos sucesivos, e poidan ser cursados por varias promocións de estudiantes.

2. Os programas permanentes entenderanse automaticamente renovados tódolos anos, sen necesidade de que o departamento ou instituto universitario responsable efectúe a tramitación dunha nova proposta, sempre que se manteñan as condicións que fixeron posible a súa aprobación.

3. Non obstante o anterior, os programas permanentes poderán ser actualizados introducindo modificacións do tipo que se especifican no parágrafo seguinte, dentro do prazo establecido anualmente para a elaboración dos programas. Estas modificacións, que deberán ser aprobadas pola Comisión de Doutoramento, non poderán afectar substancialmente os obxectivos do programa.

4. As modificacións ás que se refire o parágrafo anterior son as seguintes: a) asignación de profesorado ás materias do programa; b) renovación dos compoñentes do equipo docente do programa; c) supresión, substitución e introducción de materias de tipo A ou B, de maneira que os cambios non involucren máis do 20% dos créditos do programa; d) a supresión, substitución e introducción de materias de tipo C; e) o cambio do departamento ou instituto universitario responsable e/ou do coordinador.

5. Cando un departamento ou instituto universitario responsable desexe extinguir un programa permanente, deberá comunicalo á Comisión de Doutoramento dentro do prazo ó que se refire o parágrafo 3.

Artigo 7º.-Elaboración das propostas.

1. As propostas de programas de doutoramento deberán ser aprobadas polo consello do departamento ou instituto universitario que vaia exerce-la dirección académica e recibir un informe dos restantes departamentos que participen no programa. As ditas propostas serán sometidas á aprobación da Comisión de Doutoramento.

2. Para tal efecto, dentro do prazo que estableza a dita comisión, o departamento ou instituto universitario que se propón como responsable remitiralle á comisión a seguinte documentación: a) formulario establecido para ese fin polo CPTF, onde se recolla a información que se detalla no parágrafo seguinte; b) certificado do acordo do consello do departamento ou instituto universitario aprobando a proposta; c) de se-lo caso, informes dos departamentos participantes distintos do propoñente.

3. No formulario correspondente á proposta dun programa de doutoramento a que se refire o parágrafo anterior constarán os seguintes datos: a) o tipo de programa, ordinario ou permanente, e no segundo caso, se a admisión de alumnos se realizará anual ou bianualmente; b) os obxectivos do programa; c) o equipo docente do programa, que estará integrado necesariamente por doutores; d) o número máximo de alumnos que poden acceder ó programa, que será

común para tódolos seus cursos e seminarios, e que non poderá ser inferior a dez; e) a titulación específica, os coñecementos previos e os requisitos necesarios para acceder ó período de docencia; f) os criterios de valoración dos méritos para a selección e admisión de alumnos; g) a relación de cursos e seminarios indicando os seus títulos, créditos e tipos, os profesores responsables e a área ou áreas de coñecemento á que corresponden; h) as liñas de investigación, cos correspondentes membros do equipo docente vinculados a cada unha delas, nas que os alumnos poderán realiza-los seus traballos de investigación tutelados; i) o procedemento que seguirá o tribunal único para efectua-la valoración dos coñecementos adquiridos nos cursos, seminarios e traballos de investigación realizados polos alumnos.

Artigo 8º.-Xestión económica e financiamento.

A USC establecerá nos seus orzamentos unha partida específica para os estudios de terceiro ciclo, co fin de dotar de medios e infraestructura suficientes os programas de doutoramento.

Igualmente a USC establecerá nos seus orzamentos ordinarios partidas específicas destinadas á dotación de bolsas para cubri-los prezos da matrícula para os estudios de terceiro ciclo, que os alumnos poderán solicitar no momento de formalizala.

Por proposta da Comisión de Doutoramento, a Xunta de Goberno establecerá anualmente os criterios de reparto da partida específica para os estudios de terceiro ciclo e fixará os criterios que se seguirán para a obtención das bolsas ás que fai referencia o parágrafo anterior. As convocatorias das mencionadas bolsas serán resolvidas polo CPTF.

As partidas asignadas a cada programa serán xestionadas polo director do departamento ou instituto universitario responsable.

Artigo 9º.-Recoñecemento das actividades docentes.

A USC incluirá no plan de organización docente dos departamentos a dedicación do profesorado en tarefas docentes e académicas relacionadas cos estudios de terceiro ciclo. Así mesmo, fixará límites no recoñecemento da dita dedicación para os departamentos e o profesorado.

Capítulo II

Acceso ós estudios de terceiro ciclo

Artigo 10º.-Requisitos de acceso.

1. Os estudiantes que reúnan os requisitos necesarios poderán acceder a algunha das dúas etapas dos estudios de terceiro ciclo, dentro dos prazos que se establezan.

2. A admisión dos estudiantes, na etapa de formación e na etapa de tese, será realizada, respectivamente, polo departamento ou instituto universitario responsable do programa de doutoramento ou por aquel no que o alumno pretenda realiza-la súa tese.

3. Para a etapa de formación os aspirantes deberán posuí-lo título de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro, ou nivel académico equivalente, acorde cos coñecementos previos e requisitos establecidos en cada programa.

4. Para a etapa de tese o aspirante deberá estar en posesión do diploma de estudios avanzados (DEA no que segue) expedido por unha universidade española, ou posuír unha titulación cun nivel académico equivalente.

5. A cada estudiante admitido nun programa de doutoramento asignaráselle un titor (ou varios titores). O titor (ou titores), que deberá ser membro do equipo docente e dalgún dos departamentos ou dos institutos universitarios participantes no programa, responsabilizarase de orienta-lo estudiante na elección das materias do período docente e de dirixir ou avala-los seus traballos no período de investigación. Así mesmo, realizará un seguimento da actividade e formación do estudiante.

Artigo 11º.-Alumnos con titulación estranxeira homologada.

Os estudiantes que deteñan títulos equivalentes ó de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, ou ó DEA, expedidos por unha universidade ou centro de ensino superior estranxeiros, poderán acceder ós estudios de terceiro ciclo logo de homologación do seu título polo Ministerio de Educación e Cultura.

Artigo 12º.-Alumnos con titulación estranxeira non homologada.

Os estudiantes con título estranxeiro sen homologar poderán solicita-la admisión nos estudios de terceiro ciclo. Sen embargo, o título de doutor ou o DEA que obteñan estes alumnos non producirá tódolos efectos que lles outorga a lexislación vixente, en tanto non se acade a homologación á que fai referencia o artigo anterior. Esta circunstancia farase constar no título. A homologación poderá obterse e incorporarse ó expediente do estudiante en calquera momento, mesmo unha vez finalizada a etapa de formación ou a etapa de tese. Os estudiantes con título estranxeiro sen homologar necesitan dous requisitos para se matricularen nos estudios de terceiro ciclo:

a) A admisión previa outorgada polo rector, por proposta do servicio administrativo correspondente, na que se indicará a denominación do título estranxeiro e o seu recoñecemento para os efectos de cursar estudios de terceiro ciclo. A admisión previa deberá solicitarse dentro do prazo que se estableza para iso, xuntando o título con base no cal se desexa acceder ós estudios de terceiro ciclo e un certificado académico dos mencionados estudios, no que consten as materias e períodos académicos cursados. Todo o anterior presentarase debidamente legalizado (orixinais e fotocopias para o seu cotexo ou fotocopias autentificadas polos servicios consulares ou embaixadas españolas). A USC poderá considera-la admisión previa á etapa de tese se se acredita a obtención dun título estranxeiro equivalente ó DEA. No caso de non se-lo idioma de orixe o

castelán ou o portugués, deberase acompañar tamén unha traducción legalizada da documentación anteriormente citada. Nas admisións previas outorgadas polo rector especificarase o título do sistema universitario español polo que é recoñecido o título estranxeiro e, no caso do DEA, o programa de doutoramento correspondente.

b) A admisión na etapa de formación dun programa de doutoramento concreto, ou na etapa de tese, conforme os criterios mencionados nos artigos 10º e 19º deste regulamento, acompañando unha acreditación da admisión previa outorgada polo rector.

Artigo 13º.-Admisión na etapa de formación.

1. Os estudiantes que reúnan os requisitos recollidos no artigo 10.3º poderán acceder á etapa de formación dun programa de doutoramento, para o cal se establecerá un prazo de preinscrición. A mencionada solicitude presentarase na secretaría do departamento ou instituto universitario responsable.

2. Finalizado este prazo, o coordinador do programa reunirá o equipo docente para elaborar unha proposta de alumnos admitidos, coa súa correspondente lista da espera e o titor ou titores de cada alumno, de acordo cos criterios de selección establecidos no programa. A dita proposta será remitida ó director do departamento ou instituto universitario responsable do programa para a súa aprobación, se procede, polo seu consello. Unha vez aprobada, considerarase como relación provisional de admitidos e farase pública no taboleiro de anuncios do departamento ou instituto universitario responsable.

Artigo 14º.-Reclamacións.

1. Os aspirantes non admitidos poderán presentar unha reclamación ante o consello do departamento ou instituto universitario no prazo de dez días hábiles desde a publicación da citada lista provisional. Desestimada a reclamación polo consello do departamento ou instituto responsable, só caberá recurso ante a Comisión de Doutoramento.

2. Transcorrido o prazo de reclamacións e resoltas estas, o coordinador do programa remitirá ó CPTF a relación de alumnos admitidos, o titor ou titores de cada alumno e unha copia dos impresos de preinscrición. Igualmente fará publica a mencionada lista no taboleiro de anuncios do departamento ou instituto universitario responsable.

Artigo 15º.-Matrícula no período de docencia.

1. Os alumnos admitidos formalizarán a súa matrícula no prazo e forma que estableza o CPTF, achegando a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos de acceso.

2. A matrícula dos alumnos no primeiro ano que cursen o período de docencia deberá incluír materias por un mínimo de 20 créditos, dos cales cando menos 15 deben corresponder a materias das consideradas fundamentais do seu programa (tipo B)

3. Para completa-los créditos restantes neste período, os alumnos poderanse matricular de materias dos tipos A ou C do seu programa, ou ben de materias

de calquera outro programa, debendo contar neste último caso coa autorización do correspondente coordinador.

4. Para tódolos efectos, as materias doutro programa nas que se matricule o alumno, con independencia do seu tipo orixinal, serán consideradas no expediente do alumno como de tipo C.

Artigo 16º.-Matrícula no período de investigación.

1. Os alumnos que acaden os créditos do período de docencia mencionados no artigo anterior poderanse matricular no período de investigación, no prazo e forma que estableza o CPTF.

2. A matrícula neste período deberá abranguer cando menos 12 créditos da materia Traballo de Investigación Tutelado. Potestativamente o alumno poderá matricularse de cursos ou seminarios do seu programa ou, unha vez obtida a autorización do correspondente coordinador, doutros programas.

3. Non obstante o disposto no parágrafo 1, poderanse matricular neste período aqueles estudiantes que teñan pendentes de superar un máximo de 6 créditos do período de docencia. A obtención destes créditos será requisito imprescindible para que a cualificación da materia Traballo de Investigación Tutelado teña plenos efectos académicos.

Artigo 17º.-Matrícula complementaria.

Ademais da matrícula ordinaria que se menciona nos artigos anteriores, existirá un réxime de matrícula complementaria no período de docencia e que será aplicable nos casos seguintes:

a) Alumnos que estean cursando a etapa de formación dun programa de doutoramento noutra universidade para cursaren materias fóra do seu propio programa.

b) Alumnos en posesión do DEA, que estean matriculados na etapa de tese na USC ou noutra universidade española e sexan autorizados para cursaren materias do período de docencia dun programa de doutoramento.

c) Alumnos procedentes de universidades estranxeiras, en virtude de convenio coa USC, e que unicamente desexen realizar unha parte dos estudios do período de docencia.

As materias cursadas reflectiranse nos expedientes dos alumnos da USC e serán cualificadas de acordo co establecido neste regulamento e consideradas como materias de tipo C. Para aqueles alumnos procedentes doutras universidades abriráselles un expediente académico específico que, de se-lo caso, servirá de base para certifica-los estudios cursados. A matrícula regulada no presente artigo requirirá a autorización do correspondente coordinador.

Artigo 18º.-Traslados de expediente.

Os aspirantes admitidos para continua-los estudios de terceiro ciclo correspondentes á etapa de formación que procedan doutras universidades incorporarán o proceso de traslado de expediente de maneira simultánea á súa matrícula.

Artigo 19º.-Admisión na etapa de tese.

1. Os estudiantes que reúnan os requisitos recollidos no artigo 10.4º poderán solicita-la admisión na etapa de tese, para o cal se establecerá un prazo de preinscrición. A solicitude presentarase na secretaría do departamento ou instituto universitario no que se vaian realiza-los estudios correspondentes a esta etapa.

2. A solicitude deberá ir acompañada dun proxecto de tese avalado por un ou varios doutores que actuarán como director ou codirectores de tese. No caso de que ningún deles pertenza ó departamento ou instituto universitario no que se vaian realiza-los estudios da etapa de tese, irá avalada, así mesmo, por un doutor do dito departamento ou instituto universitario, que actuará como titor. No proxecto de tese especificarase o título deste e detallaranse os obxectivos da investigación que se vaia realizar, que, de acordo co artigo 126.2º dos estatutos da USC, deberá corresponder a unha materia relacionada co campo científico, técnico ou artístico propio do programa de doutoramento realizado polo alumno.

3. Rematado o prazo de preinscrición, o consello do departamento ou instituto universitario correspondente realizará a selección de alumnos admitidos. A admisión comporta a aprobación do correspondente proxecto de tese e, de se-lo caso, a aprobación da dirección da tese por parte de doutores alleos ó departamento ou instituto universitario. A lista provisional resultante farase pública no taboleiro de anuncios do departamento ou instituto universitario.

Artigo 20º.-Reclamacións.

1. Os aspirantes non admitidos poderán presentar unha reclamación ante o director do departamento ou instituto universitario no prazo de dez días hábiles desde a publicación da citada lista provisional. Desestimada a reclamación polo consello do departamento ou instituto universitario, só caberá recurso ante o Comisión de Doutoramento.

Transcorrido o prazo de reclamacións e resoltas estas, o director do departamento ou instituto universitario remitirá ó CPTF a lista definitiva de alumnos e os seus directores ou codirectores de tese e, de se-lo caso, o seus titores, xunto cos seus respectivos proxectos de tese. Igualmente fará pública a mencionada lista no taboleiro de anuncios do departamento ou instituto universitario.

Artigo 21º.-Matrícula na etapa de tese.

1. Os alumnos admitidos na etapa de tese formalizarán unha matrícula de tutela académica no prazo e forma que estableza o CPTF, achegando a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos de acceso e unha certificación do departamento ou instituto universitario correspondente onde se especifique a dedicación do alumno. Ademais da matrícula de tutela académica, o alumno poderá matricularse en cursos ou seminarios de programas de doutoramento, trala autorización do correspondente coordinador, de acordo co disposto no artigo 17º.

2. Nos cursos académicos sucesivos nos que o alumno estea realizando a etapa de tese, formalizará unha matrícula de tutela académica por curso académico no prazo e forma que estableza o CPTF, achegando un informe do director do departamento ou instituto universitario correspondente onde se acredite que o alumno continúa realizando estudios relativos á dita etapa e a súa dedicación a ela. Así mesmo, o alumno poderá matricularse en cursos ou seminarios de programas de doutoramento, logo da autorización do correspondente coordinador, de acordo co disposto no artigo 17º.

3. Os alumnos matriculados na etapa de tese con dedicación a tempo completo serán considerados estudiantes de terceiro ciclo sempre que non transcorresen máis de tres cursos académicos desde a finalización do curso no que obtiveron o DEA. Nos demais casos, os alumnos matriculados na etapa de tese serán considerados estudiantes adscritos de terceiro ciclo.

Capítulo III

Desenvolvemento da etapa de formación

Artigo 22º.-Calendario.

O CPTF fixará o calendario de elaboración e aprobación dos programas de doutoramento, así como os períodos para a preinscrición, matrícula e entrega de actas de avaliación. Con anterioridade ó comezo do prazo de matrícula, os coordinadores dos programas farán pública a programación das actividades docentes do programa correspondente a cada curso académico e remitirán unha copia ó CPTF. A dita programación incluirá, alomenos, unha relación das aulas e dos horarios correspondentes a cada un dos cursos e seminarios do programa.

Artigo 23º.-Cambio de titor.

Durante a etapa de formación, o alumno poderá solicitar motivadamente o cambio de titor ou titores ó coordinador do programa de doutoramento, mediante escrito que deberá contar co visto e prace do novo titor ou titores propostos. O coordinador, oído o titor ou titores saíntes, presentará unha proposta sobre o cambio ó departamento ou instituto universitario responsable, o consello do cal deberá resolve-la nun prazo non superior a 30 días desde a presentación da solicitude. Unha vez resolta, o coordinador poñerao en coñecemento do CPTF.

Artigo 24º.-Obtención dos créditos.

A obtención dos créditos asignados ós cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados requirirá a cualificación de aprobado, notable ou sobresaliente, que o profesor responsable do curso ou seminario consignará na correspondente acta.

A entrega, custodia e modificación das actas farase seguindo as instruccións dictadas para este efecto pola secretaría xeral.

Artigo 25º.-Certificado do período de docencia.

1. Os alumnos que superaran 20 créditos no período de docencia, dos cales cando menos 15 fosen de tipo B do seu programa, terán dereito á obtención

do certificado do período de docencia do terceiro ciclo, que será tramitado polo CPTF.

2. No certificado do período de docencia de terceiro ciclo constará o programa de doutoramento cursado e a cualificación global obtida como resultado de toma-la media ponderada das cualificacións obtidas nas diferentes materias (excepto as correspondentes a créditos obtidos por recoñecemento), de acordo coa correspondente normativa de xestión académica.

Artigo 26º.-Traballo de investigación tutelado.

1. O traballo ou traballos de investigación tutelados do período de investigación conterán unha ou varias contribucións orixinais ó desenvolvemento da liña de investigación na que o dito traballo estea encadrado e serán recollidos nunha memoria. Esta deberá estar encadernada e levará unha páxina onde conste o visto e prace do director do traballo e a sinatura do alumno. O traballo ou traballos recollidos nesa memoria non poderán ter sido xulgados ou cualificados con anterioridade nunha institución académica.

2. O traballo ou traballos de investigación tutelados poderán ser dirixidos polo titor (ou titores) ou por un doutor (ou doutores) alleo ó conxunto dos membros do equipo docente que pertencen ós departamentos ou institutos universitarios participantes no programa. No segundo caso o director (ou directores), antes do inicio do traballo ou traballos, deberá presentar ó coordinador do programa o proxecto do traballo ou traballos de investigación que realizará o alumno.

3. O dito proxecto deberá estar avalado polo titor (ou titores) e aprobado polo consello do departamento ou instituto universitario responsable.

4. O traballo ou traballos de investigación tutelados realizados por un alumno para supera-los 12 créditos do período de investigación serán cualificados, logo dunha exposición pública, anunciada coa debida antelación, por unha comisión formada por tres membros. Un deles será o titor ou algún dos titores. Os outros dous serán nomeados polo consello do departamento ou instituto universitario responsable, por proposta do coordinador entre os membros do equipo docente. Como mínimo, un dos membros da comisión terá experiencia investigadora avalada por un sexenio de investigación. O alumno fará chegar coa antelación debida un exemplar da memoria a cada un dos membros da comisión.

5. A obtención dos créditos asignados ó traballo de investigación tutelado requirirá a obtención da cualificación de aprobado, notable ou sobresaliente

6. Os alumnos que superaran os 12 créditos do período de investigación serán considerados para a obtención da suficiencia investigadora e o DEA.

Artigo 27º.-Tribunal único do programa.

1. No mes de febreiro de cada curso académico, e por petición do coordinador, o consello do departamento ou instituto universitario responsable do programa remitirá á Comisión de Doutoramento, para

a súa aprobación, a proposta do tribunal encargado de valora-la suficiencia investigadora dos estudiantes de terceiro ciclo que finalizasen a etapa de formación, que será único para cada programa.

2. O dito tribunal único estará formado por tres doutores, dos cales: a) un non poderá ser membro do equipo docente nin dos departamentos e institutos universitarios participantes no programa, podendo ser doutro departamento ou instituto universitario, doutra universidade ou do Consello Superior de Investigacións Científicas; b) cando menos un terá a condición de catedrático de universidade e actuará como presidente; c) como mínimo dous terán cando menos un sexenio de investigación concedido.

Artigo 28º.-Actuación do tribunal único.

1. O tribunal único fará unha valoración dos coñecementos adquiridos nos cursos, seminarios e traballos de investigación realizados polos alumnos que superaran o período de investigación.

2. A dita valoración realizarase en período lectivo, nunha ou en varias sesións públicas, seguindo o procedemento de valoración do programa de doutoramento. Para cada sesión realizarase unha convocatoria, que se fará pública cando menos con 5 días lectivos de antelación, na que se recollerá, cando menos, o dito procedemento de valoración e a lista de alumnos convocados.

3. O tribunal único remitirá ó CPTF unha acta onde se recolla a relación de alumnos que superaron a valoración e que propón para a obtención da suficiencia investigadora e o DEA, con indicación da área de coñecemento á que se deberá vincula-lo dito diploma.

Artigo 29º.-Diploma de estudios avanzados.

1. A área de coñecemento á que se vincula o DEA será aquela na que o alumno obtivera un maior número de créditos nas materias de tipo A e B e na materia Traballo de Investigación Tutelado. No caso desta última materia, a área de coñecemento á que se vinculan os créditos será a área do titor e, de ter varios titores de áreas de coñecemento diferentes, os 12 créditos repartiranse a partes iguais entre as distintas áreas.

2. No anverso do DEA figurará o programa de doutoramento e a área de coñecemento á que fose vinculado.

3. No reverso do DEA figurarán os cursos e seminarios superados cos créditos e as cualificacións, o título do traballo ou traballos de investigación tutelados realizados, e a cualificación media ponderada no programa (CMP) obtida como resultado de toma-la media ponderada das cualificacións obtidas nos diferentes cursos e seminarios (excepto os correspondentes a créditos obtidos por recoñecemento) e na materia Traballo de Investigación Tutelado, de acordo coa correspondente normativa de xestión académica.

Capítulo IV

Desenvolvemento da etapa de tese

Artigo 30º.-Elaboración da tese.

1. Durante a etapa de tese realizaranse o traballo ou traballos de investigación dirixidos polo director ou codirectores de tese que culminen coa elaboración da tese de doutoramento.

2. A tese de doutoramento consistirá nun traballo orixinal de investigación sobre unha materia relacionada co campo científico, técnico ou artístico propio do programa de doutoramento realizado polo doutorando.

3. A tese de doutoramento redactarase, como norma xeral, en lingua galega ou castelá excepto as teses das filoloxías modernas, que poderán redactarse nas súas linguas correspondentes. Non obstante, a Comisión de Doutoramento poderá autoriza-la súa redacción noutro idioma, logo do informe do departamento ou instituto universitario, sempre que se garanta que o tribunal estará en condicións de xulgala. No caso de que a tese se redacte nunha lingua distinta do galego, castelán ou portugués, esta deberá incluír un anexo, encadernado no propio volume da tese, contendo un resumo de, alomenos, tres mil palabras en galego ou castelán.

4. Os exemplares da tese de doutoramento deberán estar encadernados e levarán unha páxina no seu comezo na que conste: a) o visto e prace do director ou codirectores da tese; b) cando o director ou os codirectores non sexan doutores do departamento ou instituto universitario, o visto e prace do titor; c) a sinatura do doutorando. As sinaturas correspondentes ás alíneas, a) e, de se-lo caso, b) supón a autorización por parte do asinante para a presentación da tese á admisión previa.

Artigo 31º.-Modificación do proxecto de tese.

1. Durante o desenvolvemento da etapa de tese o alumno poderá solicitar ó director do departamento ou do instituto universitario correspondente a modificación total ou parcial do seu proxecto de tese e/ou o cambio de dirección ou, de se-lo caso, de titor.

2. A solicitude de cambio de dirección deberá contar coa aceptación do novo director ou directores, así como dos anteriores que continúen na dirección

3. Para o cambio de titor, a solicitude incluirá o visto e prace do novo titor.

4. A solicitude de modificación do proxecto de tese deberá ir acompañada do novo proxecto, e ambos deberán contar co visto e prace do director ou codirectores de tese e, de se-lo caso, do titor.

5. As solicitudes dos cambios citados serán consideradas polo consello do departamento ou instituto universitario correspondente para a súa aprobación, se procede. Non obstante, nos casos recollidos nos números 2 e 3, o director do departamento obterá informes dos directores ou titores previos para a súa consideración polo citado consello. Adoptada a resolución correspondente, o director do departamento

ou do instituto universitario fará chegar ó CPTF unha relación das modificacións ou cambios aprobados.

Artigo 32º.-Presentación da tese no departamento.

Rematada a elaboración da tese de doutoramento, o doutorando solicitará, no departamento ou instituto universitario, a súa admisión previa a trámite, achegando a seguinte documentación:

-Un exemplar da tese de doutoramento, asinado polo doutorando, polo director ou codirectores e, de se-lo caso, polo titor. Este exemplar non poderá ser substituído unha vez efectuado o depósito.

Currículum vitae do doutorando.

-Relación das patentes solicitadas e dos libros, artigos ou actas publicados, ou en proceso de publicación, orixinados polos traballos de investigación que culminaron na elaboración da tese.

Artigo 33º.-Admisión previa a trámite da tese.

1. Á vista da solicitude de admisión previa a trámite dunha tese de doutoramento, o director do departamento ou instituto universitario comunicarao a tódolos seus membros doutores e poñeraa á súa disposición xunto cos documentos mencionados no artigo 32º b) e 32º c), na secretaría do departamento ou instituto universitario, para o seu exame, durante un prazo mínimo de 5 e máximo de 20 días lectivos. Os membros doutores do departamento ou instituto universitario poderán, mediante un escrito dirixido ó director do departamento ou instituto universitario, face-las consideracións que estimen oportunas acerca do contido da tese de doutoramento.

2. Rematado o prazo ó que fai referencia o número anterior, o director do departamento ou instituto universitario convocará o seu consello, nun prazo máximo de 10 días lectivos para aprobar, se procede, a admisión previa a trámite da tese e, de se-lo caso, o centro ó que se vincula esta para os efectos de premio extraordinario de doutoramento. No dito consello o director do departamento ou instituto universitario poñerá á disposición dos seus membros as consideracións acerca do contido da tese que se recibiran.

3. Unha vez aprobada a admisión previa a trámite da tese de doutoramento, o director do departamento ou instituto universitario remitirá á Comisión de Doutoramento: a) unha certificación do acordo do consello do departamento ou instituto universitario ó respecto; b) un informe razoado sobre o centro ó que se vincula a tese para os efectos de premio extraordinario de doutoramento; c) o exemplar da tese así como os documentos mencionados no artigo 32º b) e 32º c).

4. No caso de que a admisión previa da tese non sexa aprobada polo consello de departamento ou instituto universitario, este emitirá un informe razoado da decisión tomada e remitirao ó solicitante.

Artigo 34º.-O tribunal xulgador da tese.

O tribunal xulgador dunha tese de doutoramento estará formado por cinco membros titulares e dous membros suplentes. Na súa composición deben respectarse os seguintes requisitos:

Tódolos membros deberán ser doutores, españois ou estranxeiros, vinculados a universidades ou orga

nismos de ensino superior ou investigación. Os profesores pertencentes ós corpos docentes universitarios poderán formar parte dos tribunais aínda que estean en situación de excedencia ou xubilados.

Do total de membros titulares e suplentes, non poderá haber máis de dous do mesmo departamento nin máis de tres da mesma universidade.

En ningún caso poderán formar parte do tribunal o director ou codirectores da tese nin, de se-lo caso, o titor, salvo nos casos de teses presentadas en programas de doutoramento conxuntos con universidades estranxeiras, en virtude dos correspondentes convenios.

Artigo 35º.-Proposta do tribunal.

1. O consello do departamento ou instituto universitario no que unha tese de doutoramento obtivera a admisión previa a trámite, oído o director ou os codirectores de tese ou, de se-lo caso, o titor, elaborará unha proposta de dez doutores especialistas na materia a que se refire a tese ou noutra que garde afinidade con ela. A dita proposta irá acompañada dun informe razoado sobre a idoneidade de todos e cada un dos membros propostos para xulga-la tese. Na elaboración da proposta teranse en conta as características do tribunal xulgador recollidas no artigo 34º.

2. O director do departamento ou instituto universitario remitirá a proposta á Comisión de Doutoramento e solicitará desta a designación do tribunal que ha xulga-la tese de doutoramento.

Artigo 36º.-Depósito da tese.

A Comisión de Doutoramento, unha vez recibida a documentación á que fai referencia o artigo 33º.3, considerará a tese de doutoramento depositada, e informará a tódolos departamentos e institutos universitarios da súa recepción. A Comisión de Doutoramento e os departamentos e institutos universitarios garantirán a difusión e publicidade da realización do depósito da tese de doutoramento indicando o lugar onde esta pode ser consultada. Durante un prazo de 15 días lectivos, calquera doutor poderá examina-lo exemplar da tese en depósito e, de se-lo caso, dirixir por escrito ó presidente da Comisión de Doutoramento as consideracións que estime oportunas acerca do contido da tese de doutoramento.

Artigo 37º.-Admisión a trámite da tese.

Rematado o prazo de depósito, a Comisión de Doutoramento dispoñerá do tempo necesario para decidir acerca da admisión da tese de doutoramento a trámite ou se, pola contra, procede retirala. Esta decisión basearase nos escritos con consideracións acerca do contido da tese recibidos, e nas consultas ó departamento ou instituto universitario e ós especialistas que considere oportuno realizar.

Artigo 38º.-Nomeamento do tribunal.

Unha vez admitida a tese a trámite, a Comisión de Doutoramento nomeará os cinco membros titu

lares e os dous suplentes do tribunal que a xulgará, de entre os especialistas propostos polo departamento ou instituto universitario, oídos, se o considera oportuno, o director ou codirectores da tese e os especialistas que a comisión estime. Entre os membros designados nomeará un presidente e un secretario do tribunal.

Artigo 39º.-Informes dos membros do tribunal.

1. Nomeado o tribunal, a Comisión de Doutoramento comunicará a súa composición ó director do departamento ou instituto universitario e ó doutorando. Dentro dos quince días seguintes á recepción da dita comunicación, o doutorando fará chegar a cada un dos membros titulares e suplentes do tribunal un exemplar da tese, e unha copia dos documentos mencionados no artigo 32º b) e 32º c).

2. Así mesmo, a Comisión de Doutoramento remitirá unha copia do nomeamento a cada un dos membros do tribunal, e comunicaralles que dispoñen dun mes para enviar á Comisión de Doutoramento un informe individual e razoado no que se valore a tese e conste explicitamente a súa aprobación ou non para que a tese sexa defendida publicamente. Potestativamente, a Comisión de Doutoramento poderá solicitar ós membros do tribunal nomeados que os seus informes se axusten a un modelo normalizado ou que, ocasionalmente, inclúan respostas a preguntas concretas acerca do contido da tese de doutoramento.

3. A remisión do informe implica a aceptación como membro do tribunal.

Artigo 40º.-Autorización da defensa pública da tese.

Á vista dos informes ós que se refire o artigo anterior, a Comisión de Doutoramento resolverá se procede ou non a defensa pública da tese. Antes de resolver, o director ou codirectores de tese poderán ser chamados pola Comisión de Doutoramento co fin de obte-la información que se considere oportuna para fundamenta-la decisión. No caso de resolución negativa, a Comisión de Doutoramento acordará a interrupción dos trámites da defensa pública da tese e remitirá ó doutorando unha copia da resolución motivada que expresará as observacións e razóns que xustifiquen a decisión e, de se-lo caso, a canle oportuna para emenda-los defectos observados.

Artigo 41º.-Momento e lugar da defensa pública da tese.

Aceptada a defensa pública da tese pola Comisión de Doutoramento, o director do departamento ou instituto universitario, a proposta do director de tese, e de acordo co presidente do tribunal, fará pública a data, hora e lugar da defensa, que se realizará sempre en período lectivo, e comunicarao ó CPTF, que o fará público con alomenos 5 días de antelación.

Artigo 42º.-Matrícula da tese.

Seguidamente, e logo de que a Comisión de Doutoramento autorice a defensa pública da tese, o doutorando deberá efectua-la matrícula correspondente no CPTF coa antelación suficiente.

Artigo 43º.-Actas.

1. Una vez feita a matrícula, a Comisión de Doutoramento remitirá ó secretario do tribunal, a través do director do departamento ou instituto universitario, os documentos que deberán ser cubertos no acto de defensa da tese de doutoramento: a) acta de constitución; b) acta da sesión; c) a ficha do resumo da tese de doutoramento; d) o sobre oficial para recolle-los informes confidenciais sobre a tese para os efectos do premio extraordinario de doutoramento.

2. Concluído o acto de defensa pública da tese, o secretario do tribunal devolverá, persoalmente ou a través do director do departamento ou instituto universitario, a documentación recollida no número 1, debidamente cuberta, ó CPTF para o seu arquivo e documentación.

Artigo 44º.-Defensa pública da tese.

1. O acto de mantemento e defensa da tese terá lugar en sesión pública.

2. A defensa da tese de doutoramento consistirá na exposición polo doutorando do labor preparatorio realizado, contido da tese e conclusións, facendo especial mención das súas contribucións orixinais.

3. Os membros do tribunal deberán expresa-la súa opinión sobre a tese e poderán formular cantas cuestións e obxeccións consideren oportunas, ás que o doutorando deberá de contestar.

4. Así mesmo, os doutores presentes no acto poderán formular cuestións e obxeccións, e o doutorando responder, todo isto no momento e forma que sinale o presidente do tribunal.

Artigo 45º.-Cualificación.

Rematada a defensa da tese, o tribunal outorgará a cualificación de non apto, aprobado, notable ou sobresaliente, tras unha deliberación e votación en sesión secreta. A xuízo do tribunal, e se a tese obtivo un mínimo de catro votos favorables, poderá outorgárselle pola súa excelencia, a cualificación de sobresaliente cum laude.

Artigo 46º.-O título de doutor.

Os alumnos que obtiveran unha cualificación de aprobado ou superior terán dereito á expedición polo rector da Universidade, no nome de El-Rei, do título de Doutor pola Universidade de Santiago de Compostela, que mencionará expresamente o recollido no anexo I segundo do Real decreto 778/1998, do 30 de abril.

Artigo 47º.-Mencións honoríficas e premios.

A USC poderá outorga-las acreditacións, mencións honoríficas ou premios a aquelas teses de doutoramento que o merezan, o cal poderá ser reflectido no correspondente título, en especial:

Premio extraordinario de doutoramento, regulado no capítulo VI do presente regulamento.

Acreditación de doutoramento europeo, regulado no capítulo VII do presente regulamento.

Capítulo V

Validacións, adaptacións e recoñecemento

de créditos

Artigo 48º.-Validación de créditos.

1. Os cursos, seminarios e traballos de investigación (materias) realizados nun programa de doutoramento dunha universidade española segundo o disposto no Real decreto 778/1998 ou no Real decreto 185/1985 e que recibiran a cualificación de aprobado ou superior, poderán ser validados polos equivalentes dun programa de doutoramento da USC, de acordo co procedemento regulado no presente capítulo.

2. Para seren validadas, deberá existir unha afinidade en duración e contidos suficiente entre as materias do programa e as que se pretende validar. No caso dos traballos de investigación deberá existir unha afinidade entre o traballo realizado e as liñas de investigación correspondentes ó programa.

3. Non se poderá efectuar validacións parciais de créditos agás no caso dos traballos de investigación, e mediante unha proposta razoada.

4. No caso de que a afinidade temática entre as materias cursadas e as que se pretende validar non se considere suficiente, poderían figurar na proposta como recoñecementos de créditos do tipo C, de acordo co regulado no artigo seguinte.

Artigo 49º.-Recoñecemento de créditos.

1. Poderanse recoñecer como superados os créditos correspondentes ó período de docencia pola realización de estudios ou cursos non recollidos no artigo anterior, cando reúnan as seguintes condicións: a) deberán ser organizados por universidades ou organismos de ensino superior de recoñecida solvencia; b) ser impartidos por doutores; c) deberán ser cursos dirixidos a licenciados ou titulacións equivalentes, e cursados polo alumno unha vez concluídos os seus estudios de licenciatura ou estudios equivalentes; d) gardarán afinidade temática suficiente co programa de doutoramento do alumno; e) deberán obter unha cualificación expresa equivalente a aprobado ou superior.

2. Os créditos que se recoñezan como superados por este procedemento serán de tipo C.

Artigo 50º.-Programas de intercambio.

Poderanse recoñecer estudios de terceiro ciclo correspondentes á etapa de formación realizados en universidades estranxeiras a través de programas de intercambio de estudiantes, cando se cumpran os seguintes requisitos: a) aprobación previa ó desprazamento do estudiante, polo titor e o consello do departamento ou instituto universitario responsable do programa, dos estudios que seguirá no centro estranxeiro, e das materias que lle serán recoñecidas, de se-lo caso; b) autorización do coordinador do programa de intercambio.

Artigo 51º.-Adaptacións.

1. Os alumnos que superaran parcialmente o contido dun programa de doutoramento dos recollidos no artigo 48º.1, que non teña continuidade, e desexen finaliza-la etapa de formación, poderán solicita-la adaptación a un programa que garde afinidade temática abonda co anterior.

2. Este suposto implicará o inicio dun novo expediente académico e o mantemento das cualificacións das materias superadas que sexan adaptadas

Artigo 52º.-Normas comúns.

Normas comúns para as validacións e recoñecemento de créditos reguladas nos artigos anteriores:

a) O solicitante deberá estar aceptado e matriculado no programa de doutoramento para o que pretenda a validación ou recoñecemento das materias e créditos superados.

b) O interesado dirixirá a súa solicitude ó coordinador do programa, xuntando o certificado das materias cursadas, dos créditos obtidos no programa ou estudios de orixe, no que se especificarán as cualificacións obtidas.

c) O coordinador fará unha proposta de validación ou recoñecemento de créditos ó consello do departamento ou instituto universitario responsable, na que se recollerá a relación de cursos, seminarios ou traballos de investigación do programa susceptibles de validación, ou o número de créditos que se consideran recoñecibles, segundo os casos. Unha vez obtido o informe favorable do consello, o coordinador remitirao á Comisión de Doutoramento, que procederá ó seu estudio e aprobación, de se-lo caso.

d) As materias validadas conservarán a súa cualificación de orixe. En todo caso deberán mencionarse as materias do programa que son validadas así como as materias cursadas polo alumno.

e) Os créditos superados por recoñecemento non se computarán para a obtención da cualificación media ponderada (CMP). No caso de que correspondan a materias superadas polo alumno nun programa de doutoramento de calquera universidade española conservarán a cualificación de orixe, e nos demais casos a cualificación será de aprobado.

f) Os créditos validados ou recoñecidos regulados no presente capítulo reportarán os prezos públicos que corresponda, de acordo coa normativa vixente.

Artigo 53º.-Adxudicación previa de créditos.

1. Os centros, departamentos e institutos universitarios da USC, así como os doutras universidades e organismos de investigación ou educación superior, poderán solicita-la adxudicación previa de créditos de terceiro ciclo para cursos ou seminarios que cumpran as seguintes condicións: a) estar expresamente dirixidos a licenciados; b) ser impartidos por doutores; c) esixir un rigoroso control de asistencia; d) avalia-los alumnos asistentes.

2. A solicitude deberá dirixirse á Comisión de Doutoramento cunha antelación mínima de tres meses á data de inicio do curso, xunto co calendario e

horario detallado do curso, nome e titulación académica dos conferenciantes, destinatarios do curso, e tipo de control de asistencia e/ou avaliación prevista.

3. Os créditos adxudicados serán sempre do tipo C.

4. Para o seu recoñecemento, o alumno deberá solicitalo ó CPTF achegando o certificado de asistencia e/ou participación e, de se-lo caso, a cualificación correspondente. No expediente do alumno farase consta-lo nome do curso e o número de créditos que se lle recoñeceron.

Capítulo VI

Premio extraordinario de doutoramento

Artigo 54º.-Valoración dos membros do tribunal.

1. Cando a tese acade a cualificación de sobresaliente cum laude, cada un dos membros do tribunal emitirá unha serie de valoracións numéricas confidenciais no formulario específico enviado pola Comisión de Doutoramento, para os efectos exclusivos da obtención do premio extraordinario de doutoramento.

2. A dita valoración ponderará o nivel das contribucións orixinais da tese e o seu grao de innovación dentro do campo de coñecemento que corresponda.

Artigo 55º.-Clasificación das teses por centros.

1. O CPTF clasificará por centros, cada curso académico, as teses de doutoramento correspondentes ó curso académico precedente, coa finalidade de poder comparar traballos de investigación da mesma especialidade ou especialidades afíns.

2. Para tal efecto, na resolución de admisión previa a trámite da tese, o departamento ou instituto universitario deberá establece-lo centro ó que esta se vincula.

3. Para que as teses poidan ser seleccionadas para efectos do premio extraordinario, será necesario que no período e centro se presentasen como mínimo tres teses de doutoramento. De non se acadar ese mínimo, as teses acumularanse para o seguinte curso académico.

4. Concederase como máximo un premio extraordinario por cada cinco (ou fracción) teses vinculadas a cada centro.

Artigo 56º.-Teses que optan ó premio.

1. O CPTF seleccionará, cada curso académico, de entre tódalas teses de doutoramento que acadasen a cualificación de sobresaliente cum laude, aquelas que acaden como mínimo un 80% da valoración máxima á que se refire o artigo 54º.1.

2. O CPTF remitirá ó centro que corresponda a lista das teses seleccionadas para optar ó premio extraordinario, xunto con: a) a cualificación obtida por cada unha delas a partir das valoracións confidenciais dos membros do tribunal de tese; b) a CMP relativa descrita no artigo 58º e) e unha certificación do expediente académico dos correspondentes doutores; c) unha copia dos documentos reco

llidos no artigos 32º b) e 32º c) relativos ós devanditos doutores.

3. No mes de febreiro de cada curso académico cada centro fará pública a relación de teses seleccionadas para o premio extraordinario, e establecerá un prazo non inferior a un mes para que os correspondentes doutores poidan solicitar concorrer ó premio extraordinario de doutoramento. A solicitude irá dirixida ó decano ou director do centro e deberá ir acompañada da seguinte documentación: a) un exemplar da tese; b) currículum vitae actualizado do interesado; c) relación actualizada das patentes solicitadas e dos libros, artigos ou actas publicados ou en proceso de publicación, orixinados polos traballos de investigación que culminaron na elaboración da tese.

Artigo 57º.-Comisión xulgadora.

1. Os centros afectados propoñerán cada curso académico unha comisión para resolve-la concesión dos premios extraordinarios de doutoramento. Para poder pertencer á dita comisión teranse que cumpri-los seguintes requisitos: a) ter cando menos un sexenio de investigación concedido; b) non ser un dos directores, codirectores ou titores das teses seleccionadas; c) non ser coautor de ningunha das patentes, artigos ou actas ás que fai referencia o artigo 32º c).

2. A comisión estará constituída, como mínimo, por cinco membros titulares e cinco suplentes que deberán cumpri-los requisitos recollidos no parágrafo anterior. Na súa composición garantirase a presencia de, alomenos, un membro de cada departamento e de cada instituto universitario que teña algunha tese seleccionada. A comisión será proposta polo centro, indicando o seu presidente e secretario, e nomeada pola Comisión de Doutoramento.

3. A comisión, unha vez constituída, e logo do exame da documentación achegada e das deliberacións oportunas, resolverá por maioría a proposta das teses merecedoras de premio extraordinario, axustándose ó número máximo previsto no artigo 55º.4, e ós criterios de avaliación que establece o artigo seguinte.

Artigo 58º.-Avaliación das teses.

A comisión avaliará as teses seleccionadas outorgando a cada unha delas unha cualificación final entre 0 e 100 puntos, resultado da suma das cualificacións parciais que se outorgarán conforme os seguintes criterios:

a) Cualificación da tese, obtida da valoración confidencial emitida por cada un dos membros do tribunal. As puntuacións resultantes normalizaranse de xeito que a máxima corresponda a 25 puntos.

b) Cada un dos membros da comisión, una vez lidas as teses seleccionadas e estudiados os demais documentos que acompañan cada unha delas, emitirá unha valoración no formulario enviado para o efecto pola Comisión de Doutoramento. As ditas valoracións serán numéricas e responderán a aspectos concretos das teses, seleccionados cada curso académico pola Comisión de Doutoramento. As puntuacións resul

tantes normalizaranse de xeito que a máxima corresponda a 20 puntos.

c) Patentes concedidas e libros ou artigos publicados en revistas científicas orixinados polos traballos de investigación que culminaron na elaboración da tese. A comisión establecerá un baremo para avaliar estas contribucións de xeito que a puntuación máxima non exceda 40 puntos.

d) Presentacións ou actas de congresos orixinados polos traballos de investigación que culminaron na elaboración da tese. A comisión establecerá un baremo para avaliar estas contribucións de xeito que a puntuación máxima non exceda 10 puntos.

e) Cualificación media ponderada relativa á media das cualificacións medias ponderadas da promoción do alumno no programa, expresada por CMP/m, onde CMP é a cualificación media ponderada do alumno, e m a media das CMP da promoción. As CMP relativas obtidas normalizaranse de xeito que a máxima corresponda a 5 puntos.

Artigo 59º.-Concesión dos premios.

1. A resolución da comisión quedará reflectida nunha acta na que se recollerá, como mínimo: a) o baremo empregado en relación co recollido nos artigos 58º c) e 58º d); b) unha relación das teses avaliadas, ordenadas pola puntuación final outorgada, indicando tamén as puntuacións parciais; c) o número da relación anterior ata o cal se propoñen as teses como merecedoras do premio extraordinario.

2. O secretario da comisión remitirá a documentación recollida no artigo anterior ó decano ou director de centro, quen lla enviará ó presidente da Comisión de Doutoramento.

3. A Comisión de Doutoramento, vistas as propostas de concesión de premios extraordinarios de doutoramento efectuadas polas comisións, remitiralle á Xunta de Goberno a proposta de concesión dos citados premios. A Xunta de Goberno decidirá sobre a aprobación da mencionada proposta. Unha vez completado o procedemento, os solicitantes poderán retirar dos centros a documentación que achegaron coa súa solicitude.

Artigo 60º.-Devolución dos prezos públicos.

Os doutores ós que se lles concedese o premio extraordinario de doutoramento, unha vez recibida a comunicación oficial da citada mención, deberán pórse en contacto co CPTF, co fin de tramita-la devolución dos prezos públicos pagados para a expedición do título de doutor. Nas certificacións académicas e no título de doutor farase consta-la mención de premio extraordinario de doutoramento correspondente.

Capítulo VII

Doutoramento europeo

Artigo 61º.-Definición.

O doutoramento europeo é unha cualificación honorífica que se concede en adición ó título de doutor cando se reúnen os requisitos contidos no

artigo seguinte. O procedemento de acreditación do doutoramento europeo específico da USC recóllese no artigo 63º.

Artigo 62º.-Requisitos.

Para atangue-lo doutoramento europeo precísase, ademais dos requisitos ordinarios para acadar o título de doutor, os seguintes requisitos adicionais:

a) Informes favorables de, cando menos, dous profesores de centros de ensino superior ou institutos de investigación de dous estados da Unión Europea distintos de España, de características análogas ás dos informes descritos no artigo 39º.2.

b) Polo menos un membro do tribunal que xulgue a tese de doutoramento deberá pertencer a un centro de ensino superior ou instituto de investigación dun estado membro da Unión Europea distinto de España.

c) Unha parte importante da exposición da tese de doutoramento deberá efectuarse na lingua oficial dalgún dos estados da Unión Europea, distinta das linguas oficiais na Comunidade Autónoma galega.

d) Parte da tese deberá facerse durante a estadía de, polo menos, tres meses ininterrompidos nun centro de ensino superior ou instituto de investigación da Unión Europea distinto de España.

Artigo 63º.-Procedemento.

1. O doutorando interesado en obte-la acreditación do doutoramento europeo terá que solicitalo no CPTF no momento de efectua-la matrícula da súa tese, xuntando a seguinte documentación: a) un certificado da estadía á que se refire o artigo 62º d), emitido polo centro estranxeiro receptor; b) se non houber dous membros de dous estados da Unión Europea distintos de España no tribunal nomeado pola Comisión de Doutoramento, cando menos un informe favorable coas características recollidas no artigo 62º a) dun profesor doutro estado da Unión Europea.

2. O CPTF remitirá ó secretario do tribunal, a través do director do departamento ou instituto universitario, ademais dos documentos recollidos no artigo 43º.1, un documento adicional para que este certifique: a) que o tribunal foi constituído de acordo co recollido no artigo 62º b); b) que a exposición da tese de doutoramento foi feita de acordo co recollido no artigo 62º c).

Artigo 64º.-Diploma e mención do doutoramento europeo.

A acreditación de doutor europeo reflectirase en certificacións, título oficial e diploma do seguinte xeito:

a) Mención na certificación do pagamento de dereitos e no título: o doutoramento europeo acreditarase mediante a mención que se establece a seguir e que figurará na certificación do pagamento dos dereitos para a expedición do título e no reverso do título de doutor, O/A titular da presente certificación/título atangueu o grao de doutor e maila acreditación de doutor europeo. Tanto na certificación do pagamento dos dereitos como no reverso do título de doutor

deberá estamparse o anagrama de doutoramento europeo.

b) Diploma do doutoramento europeo: simultaneamente á entrega do título oficial de doutor, entregaráselle ó alumno un diploma, expedido polo rector, que reflicta a súa condición de doutor europeo.

Capítulo VIII

Seguimento da calidade dos estudios

de terceiro ciclo

Artigo 65º

O CPTF fará un seguimento da calidade dos estudios de terceiro ciclo solicitando dos coordinadores dos programas e dos departamentos e institutos universitarios a información que para o dito fin considere necesaria, e utilizando as vías adicionais que estime oportunas.

Capítulo IX

Disposicións adicionais, transitorias e derradeiras

Disposicións adicionais

Primeira.-A Universidade de Santiago de Compostela poderá establecer convenios con outras universidades españolas ou estranxeiras, para a organización de programas de doutoramento conxuntos e/ou a co-tutela de teses de doutoramento. No convenio, que deberá obter un informe previo da Comisión de Doutoramento, deberá aplicarse na medida do posible o presente regulamento e deberá especificarse cal das universidades intervenientes se responsabilizará do rexistro e expedición do DEA e do título de doutor. En ningún caso a expedición do título por unha das universidades intervenientes distinta da USC implicará a súa expedición pola USC. En calquera caso, nos aspectos non expresamente previstos no presente regulamento resolverá a Comisión de Doutoramento.

Segunda.-Unha vez rematado o proceso de defensa da tese de doutoramento, esta será enviada á Biblioteca Xeral da USC para o seu arquivo.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. Os alumnos que realizaron cursos monográficos de doutoramento con anterioridade á entrada en vigor do R.D. 185/1985 poderán solicitar á Comisión de Doutoramento, antes do 31 de decembro de 2001, a exención do requisito da posesión do DEA para acceder á etapa de tese. A solicitude deberá ir acompañada do currículum vitae do interesado. A Comisión de Doutoramento, en virtude dos méritos recollidos no currículum vitae, poderá outorga-la devandita exención. Os alumnos que non o soliciten neste prazo, ou que non obteñan a exención, se desexan realizar estudios de terceiro ciclo na USC deberán solicita-la súa admisión na etapa de formación dalgún dos novos programas de doutoramento. Unha vez admitidos e matriculados poderán obte-la validación ou o recoñecemento dos cursos monográficos realizados, a cal se poderá conceder ata un máximo de 8 créditos.

2. Os alumnos que realizaron estudios parciais de terceiro ciclo con posterioridade á entrada en vigor do R.D. 185/1985 poderán solicita-la súa admisión na etapa de formación dalgúns dos novos programas de doutoramento e, unha vez matriculados, solicita-la validación ou o recoñecemento dos estudios previamente realizados, seguindo o establecido neste regulamento.

3. Os alumnos que obtiveron a suficiencia investigadora con anterioridade á entrada en vigor deste regulamento están exentos do requisito de estar en posesión do DEA para accederen á etapa de tese.

4. Os alumnos que se atopan realizando o traballo ou traballos de investigación correspondentes a un proxecto de tese aprobado por un departamento antes da entrada en vigor do presente regulamento integraranse na etapa de tese seguindo o procedemento descrito no artigo 21º.2.

Segunda.-Os departamentos ou institutos universitarios responsables dos programas de doutoramento que se desenvolvan nos cursos académicos 2000-2001 a 2005-2006 poderán obter por parte da Comisión de Doutoramento a exención do requisito á que fan referencia os artigos 2º.2, 26º.3 e/ou 27º.2 en relación cos sexenios de investigación, tras dirixir unha solicitude razoada á Comisión de Doutoramento. A dita solicitude poderá xuntarse á proposta do programa de doutoramento.

Terceira.-Durante os cursos académicos 2001-2002 a 2006-2007, os departamentos ou institutos universitarios poderán obte-la exención do requisito a que fai referencia o artigo 57º.1 a) en relación cos sexenios de investigación, logo de solicitude razoada á Comisión de Doutoramento.

Cuarta.-Durante o curso académico 2000-2001 os centros adaptarán ó presente regulamento aqueles aspectos dos seus regulamentos propios relativos ó premio extraordinario de doutoramento.

Quinta.-O aspecto referido ó CPTF nos artigos 14º.1, 20º.1 entrará en vigor cando se aprobe a correspondente delegación por parte da Xunta de Goberno.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Regulamento dos estudios do terceiro ciclo da Universidade de Santiago de Compostela aprobado na Xunta de Goberno do 24 de marzo de 1988 (e modificado por acordos do 11 de novembro de 1993, do 23 de xullo de 1996 e do 18 de febreiro de 1998), e o Regulamento de doutoramento europeo aprobado na Xunta de Goberno do 17 de novembro de 1994.

Disposición derradeira

A presente normativa será de aplicación a partir do ano académico 2000-2001, inclusive.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro do 2001.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela