Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 06 de marzo de 2001 Páx. 2.770

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 13 de febreiro de 2001 pola que se acorda a cesión de uso de bens mobles propiedade do Servicio Galego de Saúde a favor da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Constituída a Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por Decreto 172/1999, do 27 de maio, da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e

dado que segundo o seu artigo 1º ten personalidade xurídica e patrimonio propio, afecto á realización de xeito duradeiro e sen ánimo de lucro de fins de interese xeral de carácter sanitario, cómpre cede-lo uso dos bens mobles propiedade do Sergas que veñen sendo utilizados para o cumprimiento dos devanditos fins.

O Servicio Galego de Saúde tramitou o expediente de cesión de uso de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo (DOG nº 156, do 13 de agosto de 1998).

Por todo o exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Acórdase a cesión de uso a favor da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 dos bens mobles adquiridos polo Sergas para as dependencias do 061, e que figuran no expediente tramitado para o efecto pola División de Recursos Económicos.

Artigo 2º.-Cláusulas.

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) Os bens cedidos destinaranse á xestión e administración da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 de acordo cos fins de interese xeral establecidos no artigo 5º dos estatutos da fundación pública, publicados mediante Decreto 172/1999, do 27 de maio (DOG nº 110, do 10 de xuño).

b) A cesión outórgase por un período máximo de cinco anos prorrogable por períodos sucesivos de igual duración, se así o acordase o Servicio Galego de Saúde, logo de petición da fundación.

c) Se os bens cedidos non se aplicasen ó fin sinalado dentro do prazo inicialmente fixado no acordo ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebramento, ou se incumprisen as condiciós do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán ó Servicio Galego de Saúde, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentasen.

Artigo 3º.-Formalización.

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo director xeral da División de Recursos Económicos do Sergas e o director da fundación pública e debe constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

e presidente do Servicio Galego de Saúde