Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 01 de marzo de 2001 Páx. 2.647

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2001 pola que se anuncia o concurso que se cita.

Obxecto do contrato: o obxecto do concurso é a obtención de ofertas de capital privado para a creación dunha sociedade mercantil na que tamén participará o Concello de Santiago de Compostela nos termos e coas condicións que se reflicten neste prego e nos pactos estatutarios que rexan a sociedade.

A referida sociedade revestirá a forma de sociedade de responsabilidade limitada e terá como obxecto o desenvolvemento de cantas actividades sexan precisas para a explotación conxunta de instalacións deportivas, inicialmente integradas polo complexo deportivo Fontes do Sar e a piscina municipal de Santa Isabel.

Tipo de licitación: prevese un capital social de trinta millóns de pesetas (180.303,63 euros) repartidos en 30 participacións de 1 millón de pesetas de valor nominal cada unha, das que o Concello de Santiago de Compostela subscribirá dez. O socio privado subscribirá o resto das participacións. O capital social será desembolsado integramente no momento da constitución da sociedade.

O paqueta de participacións do capital privado será subscrito por unha soa persoa ou entidade, seleccionada mediante este concurso.

Prazo de execución: establécese un prazo de duración de vintecinco anos que poderán ser prorrogables, se é o caso, nos termos e cos límites establecidos na normativa específica de xestión de servicios polas corporacións locais.

Forma de adxudicación: concurso por procedemento aberto.

Proposicións: os licitadores poderán presentar proposicións no Rexistro Xeral de Entrada do Concello de Santiago de Compostela dentro do prazo de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da data da última das publicacións que corresponden facer no BOP e no DOG, das 9 ás 14 horas.

Documentación: Concello de Santiago de Compostela. (Departamento de Contratación-Servicios). Teléfono: 981 54 23 24. Fax: 981 57 76 27. Copy Nova. Rúa Nova de Abaixo, nº 12, local 4. Teléfono: 981 59 23 93.

Criterios de adxudicación: son os sinalados na cláusula 16 do prego de condicións.

Retribución ó concello: o Concello de Santiago de Compostela percibirá, en concepto de retribución por esta prestación, o 10% dos beneficios anuais obtidos pola sociedade, ademais dos que lle correspondan como socio.

Garantías:

-Provisional: 1.000.000 de pesetas.

-Definitiva: 4% do capital que achegue á empresa mixta.

Apertura de plicas: terá lugar en acto público na Casa do Concello (Secretaría), ás 12 horas do segundo día hábil seguinte ó da finalización do prazo de presentación de proposicións.

Modelo de proposición:

D/Dª..., con enderezo en... na rúa..., teléfono..., con DNI número (ou pasaporte que o substitúa)..., actuando en nome propio (ou en representación de D/Dª..., con DNI ou CIF número..., con enderezo en..., número de teléfono...), toma parte no concurso con procedemento aberto para a creación dunha sociedade mercantil, e para estes efectos faise constar:

1. Que ofrece a adquisición de 20 participacións da sociedade, por importe de 20 millóns de pesetas.

2. Que ofrece unha porcentaxe de retribución para o concello de...

3. Que coñece, acepta e asume as cláusulas e cantas obrigas se deriven do prego de cláusulas económico-administrativas.

4. Que achega a documentación esixida nese prego de cláusulas.

..., ... de... de 2001.

O licitador

(Asinado e rubricado)

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2001.

P.D.

Luis Toxo

Tenente de alcalde