Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 2001 Páx. 2.579

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2001 pola que se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico denominado Monte Treito. (Expediente 14/1998).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Gamesa Energía, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en avda. do Cruceiro da Coruña 201-A, 15705 Santiago de Compostela, sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado Monte Treito; resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 2 de marzo de 1999, Luis Caamaño Martínez, en nome e representación de Gamesa Energía, S.A. solicitou a autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución, do parque eólico denominado Monte Treito, de 30,36 MW, achegando a documentación establecida paro o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ámbolos dous de aplicación ó presente expediente en vigor en virtude do disposto na disposición transitoria décima primeira do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-O proxecto coas características fundamentais da instalación e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados someteuse á información pública por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, do 30 de setembro de 1999, para os efectos previstos nos decretos 2617/1966 e 2619/1966, xa mencionado, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e Decreto 205/1995 citado. A resolución publicouse nos seguintes medios: DOG do 15-10-1999, BOP da Coruña do 18-10-1999 (con posterior corrección de erros en datas 25-10-1999 e 20-12-1999), no diario El Ideal Gallego do 15 de outubro de 1999, e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Lousame, Dodro, Rois e Rianxo e deuse coñecemento ós afectados mediante a oportuna notificación individual.

Terceiro.-Durante o período de información pública recibíronse as seguintes alegacións:

1. O 13 de maio de 1999, Faustino Castaño Vidal en representación da comunidade de montes en man común de Arribas, e outros presidentes das súas respectivas comunidades, presentan alegacións á utilidade pública, que se resumen en:

-Nas resolucións do 25 e 26 de xaneiro de 1999, non existía declaración ningunha de ser interesada

a declaración de utilidade pública, invocando en consecuencia a imposibilidade de que da presente tramitación se derive implicitamente declaración de utilidade pública para os efectos expropiatorios, así como declaración de urxente ocupación para os efectos previstos no artigo 52 da LEF.

-Falta de cobertura legal da declaración de urxencia, posto que se formula a urxente ocupación das bens con base no previsto na Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión, máis concretamente no disposto na súa disposición adicional terceira, de conformidade coa cal se declara de utilidade pública e urxente ocupación as infraestructuras, dotacións e instalacións dos plans e proxectos sectoriais que o Consello da Xunta aprobe conforme o procedemento sinalado na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, alegando que nos encontramos ante un precepto de carácter temporal con eficacia que expirou o 31 de decembro de 1998 segundo a disposición derradeira segunda da dita norma.

-Destaca a natureza dos montes veciñais en man común dos bens sobre os que se pretende a execución.

-Ausencia da xustificación do interese público da documentación sometida a información pública como plan sectorial.

2. O 29 de novembro de 1999, María Jesús Castro Neo, portavoz do grupo municipal P.S. de G.-PSOE de Rois presenta escrito de alegacións que nos seus puntos segundo e terceiro se refiren á utilidade pública:

-Cuestiónase a declaración de interese público para o proxecto cando se trata dunha empresa privada, que non xera postos de traballo nin beneficio directo ou indirecto ás comunidades nas que asente, senón que priva a estas dunha lexítima propiedade a favor dun único posuidor da riqueza que vai a producir unha enerxía eléctrica para volver a vendela ós propios afectados e á comunidade en xeral.

-Considérase que se os comuneiros non son suficientemente satisfeitos nos seus intereses infrinxirase a Lei de montes veciñais en man común que considera que estes montes teñen unha especial consideración como bens de utilidade pública na súa propia finalidade, sendo esta prevalente sobre os intereses dunha entidade privada cunha finalidade diferente da do propio monte.

Cuarto.-O 6 de abril de 2000, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Quinto.-O 1 de setembro de 2000, a Dirección Xeral de Industria resolveu autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos e aproba-lo corres

pondente proxecto de execución, coas seguintes características básicas:

Nº de aeroxeradores: 46.

Potencia unitaria por aeroxerador: 660 kW.

Potencia total instalada: 30,36 MW.

Producción anual estimada: 89.332 MW.

Investimento previsto: 4.019.750.545 pesetas.

Sexto.-O 6 de febreiro de 2001, a Dirección Xeral de Industria aprobou a modificación do proxecto de execución, que consiste na substitución de 21 aeroxeradores da máquina G-47 de 660 KW pola máquina G-52 de 850 KW c/u e a eliminación de seis aeroxeradores de 660 KW. Coa dita modificación reduciuse o número de aeroxeradores de 46 a 40, conservándose a mesma potencia total (30,39 kW).

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, a Lei 54/1997, do 27 de novembro e o Decreto 205/1995, xa citados.

Segundo.-O artigo 52 da Lei 54/1997, reguladora do sector eléctrico declara de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía, cos efectos que se determinan no artigo 54 da mesma norma.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e o resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que non se poden acepta-las alegacións presentadas polos interesados polos seguintes motivos:

1. Con respecto ás alegacións presentadas por Faustino Castaño Vidal e outros, hai que facer consta-lo seguinte:

-Nas resolucións mencionadas do 25 e 26 de xaneiro de 2000, sométense a información pública a solicitude de autorización administrativa dos parques de monte Treito e monte Treito Oeste, para os efectos do trámite de competencia. A empresa promotora, mediante escrito do 2 de marzo de 1999 solicita, entre outras cousas, a declaración de utilidade pública en concreto do proxecto, e é por Resolución do 30 de setembro de 1999 na que, atendendo á súa solicitude, sométese a información pública a petición de autorización administrativa, declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e declaración de efectos ambientais.

-Está fora de lugar falar dunha vixencia temporal da declaración de utilidade pública das infraestructuras, dotacións e instalacións dos plans e proxectos sectoriais, que o Consello da Xunta de Galicia aprobe de conformidade co procedemento sinalado nos artigos 22-25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. En efecto, a disposición adicional 2ª de la Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública e xestión, dispón que a aprobación definitiva polo Consello da Xunta dun plan ou proxecto sectorial levará implícito o recoñecemento en concreto de utilidade pública e a urxente ocupación, para efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para a execución das infraestructuras, dotacións e instalacións sempre que o promotor o solicitase e o proxecto incluíse a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos de necesaria expropiación. Aclarando, en canto á vixencia intertemporal deste

precepto, a disposición final 1ª.1 da citada Lei 7/1998 que terán vixencia permanente os artigos 2, 3, 4, 5, 6, 9 e 10, así como as disposicións adicionais 2ª e 3ª. De conformidade co punto 2 da disposición final 1ª só se pode falar con rigor de vixencia temporal para o resto do contido normativo da mencionada lei.

-Os montes veciñais en man común teñen de seu unha declaración de utilidade pública, polo que só poderán ser obxecto de expropiación forzosa por causa de utilidade pública cando se declare a prevalencia (ou compatibilidade) da utilidade pública que é causa expropiandi, coa do propio monte, na forma disposta nos artigos 6 de la Lei 13/1989, do 10 de outubro (LMVMCG) e no artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro (RMVMCG). O trámite previsto nestes artigos debe ser cumprido pola Administración expropiante, pero no actual momento procedemental non existe incumprimento ó legalmente previsto.

-Na memoria e demais documentos do plan sectorial xustifícase, de conformidade cos requisitos legais, a utilidade pública en concreto do proxecto.

2. No que se refire ás alegacións presentadas por María Xesús Castro Neo, portavoz do grupo municipal do P.S. de G.-PSOE de Rois, cabe dicir que:

-A declaración de utilidade pública das instalacións productoras de enerxía eléctrica está recoñecida nos artigos 52 e ss. da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, en relación coa disposición adicional 2ª e disposición final 1ª da Lei 7/1998, do 30 de decembro.

-No procedemento administrativo en tramitación respéctanse tódolos lexítimos intereses das CMVMC, vindo ó caso a mesma contestación que se dá no punto terceiro das alegacións do punto 1º.

Cumpridos os trámites establecidos nos artigos 9, 10 e 11 do Decreto 2619/1966 que aproba o regulamento da Lei 10/1966, de expropiación forzosa e sanción en materia de instalacións eléctricas, e

cumpríndose os trámites regulamentarios no expediente instruído para o efecto.

Esta consellería, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Declara-la utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Monte Treito, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición de acordo co establecido no artigo 116 da Lei 30/1992, modificado pola Lei 4/1999, no prazo dun mes a contar desde o día seguinte ó da súa notificación ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados a partir da citada data, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio