Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 2001 Páx. 2.422

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de febreiro de 2001 pola que se regula a concesión de subvencións a empresas editoriais para impulsa-la creación, traducción e adaptación de libros e materiais didácticos, para niveis non universitarios, impresos en lingua galega.

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento. Segundo o artigo 27.20º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva da promoción e o ensino da lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título III, do uso do galego no ensino, establece: «O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos» e «as autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promove-lo uso progresivo do galego no ensino».

Así mesmo, no artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, disponse que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado, en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, así como a promoción e ensino da lingua galega. Todo isto sen prexuízo do disposto na Constitución e nas leis orgánicas e demais disposicións legais.

O Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a citada Lei 3/1983, ordena no seu artigo 8.2º que os materiais que se empreguen nas áreas e materias impartidas en lingua galega estarán escritos normalmente en galego, terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, as peculiaridades de Galicia. Concrétase de seguido que, con esta finalidade, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fomentará a elaboración e a

publicación dos materiais curriculares correspondentes.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeitos.

A presente orde vai dirixida ás editoriais legalmente constituídas como empresas privadas que elaboren material escolar incluíble no seu ámbito de aplicación.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva a empresas do sector editorial para impulsa-la creación, traducción e adaptación de libros e material didáctico de niveis educativos recollidos na LOXSE, con suxeición ás normas contidas na presente orde.

Artigo 3º.-Orzamento.

As subvencións concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E.470.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, por unha contía máxima total de 200.000.000 de ptas, ou o seu equivalente en euros, de acordo coas bases específicas.

Cada empresa solicitante poderá percibir un máximo de 30.000.000 de pesetas ó abeiro desta orde, tendo en conta sempre a existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 4º.-Requisitos.

Subvencionaranse os libros e o material didáctico que cumpran as seguintes condicións:

1ª. Estaren correctamente escritos en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

2ª. Atérense ó disposto no Decreto 89/1993, do 19 de abril, polo que se regula a autorización de libros de texto e outros materiais curriculares para o ensino de réxime xeral, e ás ordes que o desenvolven.

Artigo 5º.-Exclusións.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación da presente orde, aínda cumprindo os requisitos esixidos no artigo precedente:

1. Os libros de bibliófilo.

2. Os libros destinados a seren distribuídos gratuitamente.

3. Os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, destinados a seren distribuídos entre os seus subscritores.

4. Os libros de uso escolar correspondentes ás áreas ou materias de lingua e literatura galegas.

5. As publicacións ou material didáctico non destinado a uso escolar.

6. As publicacións que recibisen subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

7. As publicacións ou material didáctico que recibisen subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística, en anteriores convocatorias.

Artigo 6º.-Documentación.

Os editores que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, desde o día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de abril de 2001, e en todo caso nun prazo que non será inferior a 20 días hábiles, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nas súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

1. Declaración xurada, asinada polo presidente ou director da empresa, especificando o número de contratos da empresa acollidos ó réxime da Seguridade Social.

2. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da sociedade ou modificación, se é o caso, da sociedade, e do poder notarial correspondente; a inscrición de ámbolos dous documentos debe constar no Rexistro Mercantil.

3. Se o solicitante é unha persoa física deberá acredita-la súa constitución como editor, así como fotocopia compulsada da cédula de identificación fiscal ou do número de identificación fiscal.

4. Copia compulsada do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas.

5. Certificación bancaria orixinal onde conste como titular a empresa solicitante.

6. Catálogo da producción realizada pola editorial, así como documentación acreditativa dunha actividade editorial ininterrompida mínima de dous anos.

7. Certificación do editor na que se faga consta-la relación de títulos publicados en galego durante o ano anterior.

8. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes, efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

A documentación relacionada nos puntos 1 a 7 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de presentar varias solicitudes, e a ela engadiráselle a documentación recollida nas bases específicas para a concesión das subvencións.

Toda a documentación que se lle deba xuntar á solicitude, ou que sexa requirida no seu momento para a tramitación do expediente, presentarase en orixinal ou fotocopia compulsada.

As publicacións que teñan un carácter trimestral presentaranse como un título único e para iso cubrirase un só anexo.

Artigo 7º.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación serán analizadas e, se é o caso, requiriranse os editores para que nun prazo de dez días hábiles emenden os posibles erros ou ausencias de documentación, transcorrido este prazo as solicitudes arquivaranse sen máis trámite. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos da orde de convocatoria serán valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística, contando polo menos cun funcionario experto en deseños curriculares, segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 8º e os expresados nas bases específicas. O director xeral de Política Lingüística elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias desta convocatoria. A resolución comunicaráselle ós solicitantes e poralle fin á vía administrativa, sendo de aplicación o recollido no artigo 11º da presente orde.

Artigo 8º.-Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación, os seguintes:

1. A importancia do fondo editorial en galego ou relacionado con Galicia.

2. A calidade das obras contidas no catálogo, do cal se enviará unha mostra.

3. A continuidade dentro dun proxecto educativo.

4. A capacidade de distribución do material e a importancia do investimento realizado pola empresa respecto da edición, en capital e en persoal.

5. O tipo de material:

a) Material básico: libros de didáctica na aula (para o alumno) que desenvolvan un deseño curricular na súa totalidade.

b) Material complementario: materiais educativos que complementen proxectos que desenvolvan un deseño curricular na súa totalidade (diccionarios, cadernos, atlas, etc.).

6. O grao de orixinalidade de acordo coa seguinte escala:

a) Creación propia.

b) Traducción ou adaptación.

7. De acordo co establecido no art. 19 da Lei 3/1983, daráselles preferencia a aqueles proxectos presentados por editoriais que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

Artigo 9º.-Aceptación da subvención e compromisos.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria notificarálle-la resolución ós solicitantes, que quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas, debendo comunica-la súa aceptación por escrito no prazo máximo de dez días naturais contados a partir da recepción da resolución polo solicitante. A omisión desta comunicación dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

2. Os beneficiarios deberán facer constar en cada obra que esta recibiu unha subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

3. Recibidos os exemplares e a documentación á que se fai referencia nas bases específicas para a xustificación das subvencións, a Dirección Xeral de Política Lingüística de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos, de acordo co calendario sinalado nas bases e a normativa orzamentaria vixente.

4. O libramento do importe da subvención realizarase, de acordo coa normativa orzamentaria aplicable, esixíndose certificacións expresas de estar ó corrente coas súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter contraídas débedas por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

5. O prazo de xustificación e entrega da documentación das subvencións concedidas rematará o día 15 de outubro de 2001.

6. No momento da xustificación da execución total do proxecto o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para cada proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 10º.-Perda da subvención.

Calquera alteración verbo dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas na presente orde, terá como consecuencia a revogación da axuda logo da audiencia á empresa interesada, e esta, se fose o caso, terá que reintegra-las cantidades percibidas e mailos intereses de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de acordo co estipulado nos artigos 78.7º e 78.9º da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Os beneficiarios das subvencións teñen a obriga de lles facilitar ós servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística toda a información requirida. Así mesmo, os devanditos órganos poderán levar a cabo labores de inspección destinados a veri

ficar que as subvencións sexan destinadas á finalidade para a que foron concedidas.

No caso de que se lle conceda á empresa outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vigor da presente orde, a empresa terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, segundo a cal o importe da subvención se minorará na contía precisa para non supera-lo límite do 100% do investimento subvencionable.

Artigo 11º.-Resolución.

Entenderanse desestimadas as solicitudes presentadas, de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de cinco meses a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da recepción da resolución polo solicitante, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Bases específicas para a concesión das subvencións.

A) Subvencións a obras xa editadas orixinalmente no ano académico 2000-2001 en lingua galega, ou traducidas ou adaptadas doutra lingua distinta do galego.

A-1) As obras deberán estar publicadas en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/ 1982, do 17 de novembro).

A-2) Os editores deberán comercializar nas librerías un mínimo do 50 por cento da tiraxe declarada certificada.

A-3) A contía de cada subvención, que non poderá supera-la cantidade de tres millóns (3.000.000) de pesetas por título para o caso das obras orixinalmente editadas en lingua galega e dun millón cincocentas mil (1.500.000) pesetas, para as obras traducidas ou adaptadas, co límite da porcentaxe máxima do 100% do custo de producción (excluído o IVE).

Para o caso de grandes proxectos editoriais editados orixinalmente en lingua galega para seren utilizados no ámbito escolar, o importe de cada subvención establecerase, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, ata un máximo de oito millóns

(8.000.000) de pesetas, nunha porcentaxe máxima do 100% do custo de producción (excluído o IVE).

O importe da subvención determinarase tendo en conta a materia e o curso ós que vai destinada a obra, os centros de ensino susceptibles de recibi-los exemplares beneficiarios da subvención, co fin de fornece-las súas bibliotecas, e os criterios de concesión recollidos no artigo 8º desta convocatoria.

Cada editor achegará un número de exemplares da obra subvencionada que resultará da relación entre o importe da axuda asignada a cada título e o prezo de venda ó público sen IVE das obras subvencionadas.

A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se o prezo de venda ó público e a tiraxe definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

A-4) Ademais da documentación solicitada no artigo 6º da presente orde, deberase presentar:

-Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houber, co autor ou co traductor da obra, que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar editado da obra para a que se solicita subvención.

-Un certificado da tiraxe expedido polo impresor ou fabricante e do prezo de venda ó público (excluído o IVE).

-Xustificante, se houber lugar, de ter iniciada a xestión de cesión dos dereitos precisos para a publicación da obra.

-O orzamento ou custo de execución da obra.

-Os grandes proxectos editoriais presentarán, así mesmo, unha breve memoria coas características técnicas da obra.

A-5) Para que un libro poida optar a estas subvencións terá que cumpri-las seguintes condicións:

-Ter como mínimo cen (100) páxinas, agás os libros de educación infantil e aquelas obras que formen parte dun único proxecto (caso dos libros e material didáctico da área de música, por exemplo) e así o xustifiquen nunha memoria explicativa que acompañará á solicitude.

-Posuí-lo número de ISBN e o do depósito legal definitivo, debendo estar feito o depósito de exemplares recollido no Decreto 36/1991. O depósito legal terá data posterior ó 1º de setembro de 2000.

A-6) Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-As publicacións ou material didáctico que teñan un prezo de venda ó público (incluído IVE) superior a 5.000 ptas., agás, excepcionalmente, os casos que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considere debidamente xustificados.

A-7) Para xustifica-las subvencións deberán entregarse, con data límite o día 15 de outubro de 2001, os exemplares obxecto da axuda concedida e fotocopias compulsadas das correspondentes facturas e xustificantes de gasto que causara a realización da obra subvencionada, ás que se xuntará unha relación detallada e numerada dos xustificantes mencionados, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

B) Subvencións para editar libros e material escolar impreso en lingua galega, ou traducilos ou adaptalos doutra lingua distinta do galego, para niveis non universitarios e en primeira edición do 1 de xaneiro ó 30 de setembro de 2001.

B-1) As obras que se subvencionen publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

B-2) Quedan excluídos do ámbito desta base B os grandes proxectos editoriais.

B-3) Os editores deberán comercializar nas librerías un mínimo do 50 por cento da tiraxe declarada certificada.

B-4) Os importes máximos de cada subvención estableceranse, con estricta suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias, conforme o estipulado na base A desta convocatoria. De acordo con isto, a contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de tres millóns (3.000.000) de pesetas por título, para o caso das obras orixinalmente editadas en lingua galega, e un millón cincocentas mil (1.500.000) pesetas, para as obras traducidas ou adaptadas, co límite da porcentaxe máxima do 100% do custo de producción (excluído o IVE).

O importe da subvención determinarase tendo en conta a materia e o curso ós que vai destinada a obra, os centros de ensino susceptibles de recibi-los exemplares beneficiarios da subvención, co fin de fornece-las súas bibliotecas, e os criterios de concesión recollidos no artigo 8º desta convocatoria.

Cada editor achegará un número de exemplares da obra subvencionada que resultará da relación entre o importe da axuda asignada a cada título e o prezo de venda ó público sen IVE das obras subvencionadas.

A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se o prezo de venda ó público e a tiraxe definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

B-5) Ademais da documentación solicitada no artigo 6º da presente orde, presentarase:

-Unha declaración xurada do editor pola que se compromete a ter editada a obra subvencionable o día 30 de setembro de 2001 como data límite. Unha vez rematada a edición notificarase expresamente á Dirección Xeral de Política Lingüística dentro do

citado prazo enviando, así mesmo, un exemplar da obra. De non se cumprir este requisito dentro do prazo establecido o expediente arquivarase sen máis trámite.

-Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houber, co autor ou co traductor da obra, que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar do proxecto da obra para a que se solicita subvención ou polo menos unha ou dúas unidades didácticas da mesma, e unha breve memoria explicativa das súas características.

-Un certificado da tiraxe expedido polo impresor ou fabricante e do prezo de venda ó público (excluído o IVE).

-Xustificante, se houber lugar, de ter iniciada a xestión de cesión dos dereitos precisos para a publicación da obra.

-O orzamento ou custo de execución da obra.

B-6) Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-As publicacións ou material didáctico que teñan un prezo de venda ó público (incluído IVE) superior a 5.000 ptas., agás, excepcionalmente, os casos que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considere debidamente xustificados.

-As que non teñan como mínimo cen (100) páxinas, agás os libros de educación infantil e aquelas obras que formen parte dun único proxecto (caso dos libros e material didáctico da área de música, por exemplo) e así o xustifiquen nunha memoria explicativa que acompañará a solicitude.

B-7) Unha vez remitidas as aceptacións das subvencións, o prazo de xustificación será de quince días naturais contados a partir da notificación do remate da edición da obra subvencionada, e non poderá excede-la data límite do 15 de outubro de 2001. Para isto deberán entregarse os exemplares obxecto da axuda concedida e fotocopias compulsadas das correspondentes facturas e xustificantes de gasto que causara a realización da obra subvencionada, ás que se xuntará unha relación detallada e numerada das facturas mencionadas, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria