Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2001 Páx. 2.321

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2001 pola que se convoca e regula en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de axudas a organizacións de consumidores e usuarios, para actividades de información, educación e defensa do consumidor e usuario para o ano 2001.

A convocatoria de axudas constitúe unha medida adecuada para promove-las accións de información, educación e defensa dos intereses dos consumidores, favorecendo ó mesmo tempo a colaboración das organizacións co Instituto Galego de Consumo neste obxectivo común.

O contido desta resolución de axudas axústase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal, en tanto non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manteranse as actividades de fomento autonómicas axustándose ás directrices tanto horizontais como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, se é o caso, ós límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas de España para o período 2000-2006.

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 27 e concordantes do Estatuto galego do consumidor e usuario, e o Decreto 95/1984, do 24 de maio, sobre rexistro de organizacións de consumidores e usuarios de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As organizacións de consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia poderán ser beneficiarias de axudas para actuacións de promoción e defensa dos consumidores e usuarios galegos durante o ano 2001, con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343 A.480.0 dos orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para 2001. As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e, en todo caso, o importe do crédito non poderá supera-la cantidade de 60.000.000 de pesetas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as federacións e asociacións de consumidores e usuarios de Galicia, inscritas na sección xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio, e, ademais, deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) No caso das asociacións deberán dispoñer de oficina aberta ó público 4 horas diarias como mínimo e contar cun rótulo no que conste de maneira destacada o obxecto da oficina.

b) Facilitarlle ó público información e asesoramento sobre os seus dereitos como consumidor e a forma de exercelos.

c) Atende-las consultas, reclamacións e denuncias dos consumidores e usuarios colaborando para tal fin co Instituto Galego de Consumo.

d) Dispoñer de persoal técnico adecuado para cumpri-las funcións propias destas organizacións, en especial as enumeradas nas alíneas anteriores deste artigo.

Artigo 3º.-Obxecto.

O obxecto das axudas a que se refire o artigo anterior será o seguinte:

a) Gastos de funcionamento, equipamento e servicios técnico-xurídicos concertados cos profesionais que resulten necesarios para o desenvolvemento de actividades de información, asesoramento e mediación en conflictos ou litixios de consumo.

b) Programas específicos que contribúan á defensa, protección e promoción dos intereses xerais dos consumidores e usuarios, á información e a mellora-la súa posición no mercado. Os programas que se financiarán son os seguintes:

1. Proxectos que faciliten a transición á moeda única e melloren a posición do consumidor no mercado.

2. Proxectos que contribúan a incrementa-lo número de adhesións ó Sistema Arbitral de Consumo e, en especial, en sectores de gran relevancia social, tal é o caso de servicios básicos.

3. Proxectos dirixidos á poboación nova cos obxectivos de eleva-lo seu nivel de formación en materia de consumo e de incorporar ó sector de poboación nova o movemento asociativo.

4. Proxectos que contribúan a mellora-la formación e información do consumidor en relación coas novas tecnoloxías, a sociedade de información e a liberalización dos servicios básicos dirixidos ós cidadáns.

5. Proxectos que reforcen a formación e educación en materia de consumo dentro do Sistema Educativo.

6. Proxectos dirixidos á protección e defensa de colectivos de consumidores vulnerables.

7. Cursos básicos de consumo que cumpran como mínimo coas condicións do anexo VII.

Artigo 4º.-Contía.

A contía das axudas axustarase ás seguintes porcentaxes:

a) Para gastos de funcionamento, equipamento e servicios técnico xurídicos das oficinas de información ó consumidor ata un 70% do custo.

b) Para programas especificos ata un máximo do 80% do seu custo.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes presentaranse conforme o modelo normalizado do anexo I desta resolución, nos servicios provinciais de consumo ou nos servicios centrais do Instituto Galego de Consumo sendo, en todo caso, de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común na súa actual redacción. Inclúense os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Admi

nistración da Comunidade Autónoma de Galicia. O prazo de presentación será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes (anexo I) irán acompañadas coa seguinte documentación:

a) Enumeración de cada un dos programas específicos que se pretenden realizar, coa súa valoración e unha breve descrición del (anexo II).

b) Certificación do/a secretario/a da organización co visto e prace do/a presidente/a, sobre determinados datos da organización (anexo III).

c) Balance da situación económica a 31 de decembro de 2000, onde se farán consta-los ingresos e os gastos, agrupados por partidas específicas segundo a súa orixe e finalidade (anexo IV).

d) Certificado do/a secretario/a da organización do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para actividades ás que se fai referencia no artigo anterior ou para outras con outra finalidade, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais (anexo V).

e) No caso das federacións, relación nominal das asociacións que compoñen a federación, cando resulten indirectamente beneficiarias da axuda obtida pola federación.

Artigo 6º.-Emenda de defectos.

Os servicios centrais e provinciais de consumo comprobarán se a solicitude e documentación presentada reúne os requisitos esixidos na presente resolución, e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días a partir do seguinte ó da recepción do dito requirimento emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición e se procederá conforme o que determina o artigo 42.1º da devandita lei.

Artigo 7º.-Avaliación das solicitudes.

1. Crearase unha comisión de valoración que avaliará as solicitudes e que estará formada polos seguintes membros: o xerente do Instituto Galego de Consumo, que actuará como presidente, o xefe do Servicio de Información e Educación, xefe do Servicio de Protección, os xefes dos servicios provinciais de Consumo, que actuarán como vocais, e un funcionario designado polo xerente, que actuará como secretario. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente, ou persoa na que delegue, un vocal e o secretario.

2. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 8º.-Criterios de adxudicación das axudas.

As axudas ás organizacións de consumidores outorgaranse atendendo ós criterios seguintes, relacionados por orde decrecente de importancia:

1. Grao de implantación territorial sobre a base do número de socios e a súa distribución por provincias, comarcas e localidades da Comunidade galega. No caso das federacións, número e distribución territorial das asociacións integradas na federación e número de afiliados.

2. Grao de adecuación do programa ó plan estratéxico de protección ó consumidor para o período 1998/2001.

3. A realización do proxecto por varias organizacións de consumidores e usuarios.

4. Capacidade da organización de consumidores e usuarios de financiarse por ingresos distintos dos derivados das subvencións públicas.

5. Traxectoria da actividade da organización solicitante en convocatorias anteriores.

No caso de que a organización desenvolva, ademais do programa de consumo, outros de distinta natureza, a valoración precedente efectuarase exclusivamente respecto do programa de consumo.

Artigo 9º.-Resolución e aceptación de axudas.

Unha vez avaliadas as solicitudes pola comisión de valoración esta efectuará proposta de resolución e elevaraa ó presidente do Instituto Galego de Consumo, como órgano competente para resolver. Na devandita resolución de concesión, que será motivada de acordo cos criterios de outorgamento, especificaranse as solicitudes beneficiarias, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe da subvención que corresponda dentro dos límites establecidos, o importe da subvención concedida e o centro directivo que se encargará da súa xestión.

O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de catro meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta resolución. O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e, en consecuencia, de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, poderase interpoñer contra elas recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da recepción da súa notificación, se fose expresa e, se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do devandito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola

Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, poderase interpoñe-lo recurso potestativo de reposición ante o presidente do Instituto Galego de Consumo, no prazo dun mes se o acto fose expreso e, se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da recepción da súa notificación, coas condicións específicas que se recollen nesta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 16º desta resolución.

Artigo 10º.-Pagamento.

De acordo co artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderanse realizar pagamentos parciais ou anticipos de pagamentos das axudas, nos casos e coas condicións seguintes:

1. Para aquelas que non superen o importe de un millón de pesetas (1.000.000 de ptas.) poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80% da contía outorgada, mediante a correspondente certificación pola secretaría da organización, do inicio das actividades, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida a axuda.

2. Para aquelas que superen o importe de un millón de pesetas (1.000.000. ptas.) poderán concederse anticipos de pagamento da axuda, conforme o acordo do Consello da Xunta de Galicia do oito de febreiro de dous mil un e do seguinte xeito:

a) Un anticipo do 50% da totalidade da subvención no momento da súa concesión.

Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación, unha certificación emitida pola secretaría da organización co visto e prace da presidencia, do inicio das actividades.

O 50% restante librarase unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida a axuda.

b) Pagamentos parciais de ata o 80% da axuda concedida a medida que o beneficiario xustifique os gastos a conta da liquidación definitiva, librándose o 20% restante cando se xustifique o cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida a axuda.

Non obstante o anterior, o Instituto Galego de Consumo, en calquera momento, poderá solicita-los documentos que acrediten os datos que constan nas ditas certificacións.

Artigo 11º.-Xustificación.

Establécense como normas específicas para a xustificación das presentes axudas as seguintes:

1. Para a xustificación da axuda concedida, a organización deberá presentar antes do 31 de decembro

de 2001 a relación numerada e circunstanciada das facturas ou xustificantes dos gastos realizados (anexo VI). Xuntarase amais a memoria explicativa da realización das actividades ou programas subvencionados, así mesmo xuntarase declaración de axudas concedidas ou solicitadas a outros organismos desde a data da solicitude das axudas obxecto desta resolución (anexo V).

2. A organización deberá presentar unha certificación da secretaría da organización co visto e prace da presidencia, sobre o total do gasto realizado, e desagregado por tipos de gastos e programas obxecto da subvención, así como o que corresponda ser achegado pola organización.

3. As facturas ou xustificantes presentados deberán ser orixinais e corresponderán ó ano 2001; neles quedará reflectido de xeito expreso que o seu pagamento foi efectuado.

4. Os xustificantes correspondentes a colaboracións puntuais figurarán en recibos onde consten os datos do perceptor, o seu NIF e o concepto polo que se retribúe, así como os datos da asociación ou a federación. Así mesmo, deberá especificarse o tempo que dure a colaboración.

5. Non serán admitidos xustificantes de gastos de representación.

6. Os desprazamentos, gastos de hospedaxe e restauración xustificaranse conforme os decretos 299/1990, do 24 de maio e 21/1994, do 4 de febreiro, sobre indemnizacións por razóns do servicio ó persoal con destino na Administración autónomica de Galicia, aplicándose a baremación correspondente ó grupo II, que se concreta nas contías seguintes:

-Aloxamento (por día completo): 7.500 pesetas.

-Manutención (por día completo): 5.500 pesetas.

Sempre e en tódolos casos, se especificará o motivo da viaxe e xuntarase copia da convocatoria, curso, etc., que corresponda.

7. En relación ós gastos de funcionamento, equipamento e persoal xuntarase unha certificación do/a secretario/a da organización co visto e prace do/a presidente/a, na que conste que os ditos gastos teñen como único destino as funcións e actividades obxecto de axuda nesta convocatoria.

8. En relación ós gastos por servicios técnico xurídicos, deberá presentarse o contrato ou documento que a organización asine cos profesionais e ademais unha memoria do traballo realizado.

9. As federacións e asociacións ás que se concedera axuda deberán xustifica-los seus respectivos gastos mediante facturas emitidas ó seu nome.

10. Certificado da conta bancaria na que conste o ordinal bancario, código de banco, código da sucursal e código da conta corrente onde deba realizarse o pagamento, expedida pola entidade bancaria.

11. Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 12º.-Obrigas.

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foron concedidas.

2. As organizacións de consumidores e usuarios beneficiarias deberán facer consta-lo patrocinio do Instituto Galego de Consumo na información publicitaria relativa ás actuacións subvencionadas.

Artigo 13º.-Concorrencia de axudas.

A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O importe desta axuda en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecido.

Artigo 14º.-Modificación da resolución da concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención dará lugar á modificación da resolución de concesión de axuda, que será dictada por resolución do presidente do Instituto Galego de Consumo, tal e como se especifica no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos seguintes supostos:

1. Cando o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

2. Pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

3. Cando se modifiquen as circunstancias que alteran a solicitude presentada inicialmente, incluídos os cambios entre as alíneas a) e b) do artigo 3. Neste caso, o beneficiario deberá solicitar esta modificación, mediante instancia dirixida ó presidente do Instituto Galego de Consumo, na que se indiquen as ditas circunstancias, con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

Artigo 15º.-Supostos de reintegro.

Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

O procedemento de reintegro será o regulado no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 16º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase á axuda unha vez percibida, procederase conforme o establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 17º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe o Instituto Galego de Consumo e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida afectuar, de se-lo caso, a comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo Instituto Galego de Consumo, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 18º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta resolución haberá que aterse ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu defecto pola Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro e na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o presidente do Instituto Galego de Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente resolución.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2001.

Víctor Tello Calvo

Presidente do Instituto Galego de Consumo