Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2001 Páx. 2.315

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de febreiro de 2001 pola que se regula o concurso público para a concesión de subvencións a asociacións e institucións privadas sen fin de lucro para fomenta-lo uso social da lingua galega.

De acordo co disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, a Xunta de Galicia promove o uso do galego, lingua propia de Galicia. Por isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coa normativa vixente en materia de subvencións, fai pública a presente convocatoria, mediante a que pretende anima-las asociacións e institucións privadas sen fin de lucro a que realicen actividades encamiñadas a aumenta-lo uso social da lingua galega a partir do seu emprego no ámbito asociativo.

Para arbitra-las medidas e os procedementos económico-administrativos necesarios para concederlles subvencións ás asociacións e institucións pri

vadas sen fin de lucro para a confección de documentación permanente, a realización de actividades directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega e a realización de actividades publicitarias, e para asegura-los principios de publicidade, concorrencia e obxectividade:

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente convocatoria ten por obxecto regular, para o exercicio do ano 2001, a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva a asociacións e institucións privadas sen fin de lucro para fomenta-lo uso social da lingua galega, a través da confección de documentación permanente, a realización de actividades directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega e a realización de actividades publicitarias, de acordo coas correspondentes bases específicas.

Artigo 2º.-Suxeitos.

Poderán solicita-las subvencións reguladas na presente orde tódalas institucións privadas sen fin de lucro legalmente constituídas e mailas entidades análogas.

Quedan excluídas as seguintes entidades:

a) As dependentes de entidades locais. Para os efectos da presente orde terán a condición de entidades locais as que gocen de tal carácter no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local.

b) As asociacións de pais de alumnos.

c) Os movementos de renovación pedagóxica que posúan tal cualificación.

d) As diferentes agrupacións das entidades citadas nos puntos anteriores.

Cada entidade solicitante poderá presentar un máximo de tres proxectos ó abeiro desta convocatoria, distribuídos preferentemente a razón dunha solicitude por base específica.

Artigo 3º.-Orzamento.

As subvencións concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E.480.0 correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, por unha contía total máxima de 100.000.000 de pesetas, ou o seu equivalente en euros, de acordo coas bases específicas.

Artigo 4º.-Órgano competente para a xestión das axudas.

Corresponderalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, a realización das tarefas de xestión da presente convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 5º.-Requisitos.

Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ó abeiro da presente orde deberán cumpri-los requisitos especificados nas correspondentes bases específicas e, así mesmo, deberán estar realizados

integramente en galego e non poderán coincidir literalmente con outra lingua:

-Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

-Os adxudicatarios das subvencións deberán coidar dun xeito especial a calidade lingüística dos textos que elaboren. En todo caso, e para estes efectos, a Dirección Xeral de Política Lingüística pon ó dispor dos adxudicatarios os seus servicios técnicos.

Artigo 6º.-Criterios de concesión.

Os criterios preferentes de concesión serán:

a) O carácter permanente da acción.

b) O ámbito de actuación da actividade que se pretende realizar, entendéndose como tal tanto o sector xeográfico ó que afecta (rango-tamaño) coma a súa incidencia na trama socioeconómica. Isto será directamente proporcional á contía da subvención que se conceda (a maior raio de acción e importancia socioeconómica corresponderalle unha axuda mais elevada), sempre dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

c) O grao de elaboración, a creatividade e o anovamento da actividade susceptible de percibir unha axuda.

d) Os recursos achegados pola propia entidade para a realización da actuación prevista.

e) A utilización das novas tecnoloxías.

f) A adecuación do orzamento previsto ós valores medios reais de mercado (a veracidade do custo declarado).

Artigo 7º.-Valoración.

As propostas valoraranse de acordo coas correspondentes bases específicas e a seguinte táboa, con suxeición estricta ás dispoñibilidades orzamentarias da presente convocatoria:

Incidencia

grande ata...

Incidencia

media ata...

Incidencia

pequena ata...

Subvencións de ata 250.000 ptas.250.000150.000100.000

Subvencións de ata 500.000 ptas.500.000400.000300.000

Incidencia pequena: ámbito local ou grupal.

Incidencia media: ámbito comarcal ou provincial.

Incidencia grande: ámbito que abrangue a Comunidade Autónoma e/ou fóra desta.

Non obstante, por proposta motivada da comisión de avaliación, poderán concederse subvencións de ata 1.000.000 pesetas para aqueles proxectos de especial relevancia e interese, dificultade de realización, anovamento, difusión social ou perdurabilidade temporal.

Artigo 8º.-Documentación.

As solicitudes, no modelo oficial, xunto coa documentación citada a seguir, presentaranse no rexistro

xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo dun mes contado de data a data, desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os interesados presentarán a seguinte documentación e na orde que se cita:

1. Solicitude debidamente cuberta e asinada, utilizando o anexo I da presente convocatoria. A solicitude deberá especificar polo miúdo tódolos detalles dos proxectos, sendo estrictamente obrigatorio que tódolos recadros aparezan cubertos, coa finalidade de poder ser valorada polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística.

2. Escrito no que se faga consta-la actividade principal do solicitante.

3. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada dos correspondentes estatutos e, se fose o caso, da resolución do órgano competente no que se lle concede a representación da entidade.

4. Fotocopia do CIF da entidade.

5. Certificado orixinal no que consten os datos bancarios, selado e asinado pola entidade financeira.

6. Breve memoria explicativa na que se detallen as actividades que integran os proxectos para os que se solicita a subvención.

7. No caso da rotulación permanente e da rotulación ou impresión que teña fins publicitarios deberá xuntarse o texto en galego que se pretende imprimir. O citado texto deberá vir corrixido por algún especialista en lingua galega, para isto a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pon ó dispor de calquera entidade os seus servicios técnicos e o persoal dos gabinetes de normalización lingüística situados nas delegacións provinciais da consellería.

8. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 9º.-Procedemento.

Recibida cada solicitude de subvención e a súa documentación, será analizada e, é o caso, requirirase os solicitantes para que nun prazo de dez días hábiles emenden os posibles erros ou ausencias de documentación. Transcorrido este prazo as solicitudes arquivaranse sen máis trámite. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos da orde de convocatoria serán valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo os criterios de valoración establecidos nos artigos 6 e 7, e os expresados nas bases específicas. O director xeral de Política Lingüística elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá den

tro das dispoñibilidades orzamentarias. A resolución comunicaráselle ós solicitantes e poralle fin á vía administrativa.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da recepción da resolución polo solicitante, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Entenderanse desestimadas as solicitudes, de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromisos.

No prazo máximo de dez días contados a partir da notificación de cada resolución, as entidades seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e os compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística. A omisión desta comunicación dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos e non poderán solicita-lo cambio para outro proxecto. Tamén teñen a obriga de lles facilitar ós servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística toda a información requirida. A Dirección Xeral de Política Lingüística poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Nas publicacións constará, coa mesma técnica que os créditos da entidade promotora, o patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 11º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que a seguir se cita, nas condicións recollidas na presente orde, rematará o día 31 de outubro do ano 2001.

Antes da citada data deberase remiti-la seguinte documentación á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos remitidos:

1. Os xustificantes de gasto que se prevexan nas correspondentes bases específicas.

2. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ó da

axuda outorgada, excluído o IVE. No caso de que o importe xustificado sexa inferior ó da axuda outorgada, esta reducirase ata o importe xustificado.

Só se admitirán xustificantes relativos a gastos de material e servicios necesarios para a realización da actividade subvencionada, consonte o expresado na memoria descritiva e no orzamento presentados xunto coa solicitude. En ningún caso se admitirán como xustificante a adquisición de material inventariable (ordenadores, etc.) ou de oficina (bolígrafos, selos, etc.). Para os efectos da distribución non serán válidas as facturas expedidas polo organismo oficial de Correos y Telégrafos, unicamente se aceptarán como xustificantes os gastos facturados por outras empresas dedicadas á distribución.

As datas dos xustificantes estarán comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro do ano 2001.

3. Relación numerada dos xustificantes mencionados no punto anterior, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

4. Xustificación documental da realización do proxecto subvencionado mediante mostras materiais (dossier de prensa, disquetes, publicacións, fotografías, vídeos, gravacións magnetofónicas, etc.) e do correcto emprego do galego nos termos do artigo 5 da presente orde.

5. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O incumprimento destas obrigas por parte do interesado dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Artigo 12º.-Libramento dos fondos.

Cumpridas correctamente as obrigas recollidas no artigo 11, a Dirección Xeral de Política Lingüística proporá o libramento dos fondos de acordo coa normativa orzamentaria vixente.

Artigo 13º.-Perda da subvención.

Calquera alteración da actividade verbo dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas na presente orde, terá como consecuencia a revogación da axuda. A entidade interesada terá que reintegra-las cantidades percibidas, se as houber, e mailos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento.

No caso de que se lle conceda á entidade outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vigor da presente orde, a entidade terá que llo comunicar á Administración. A este respecto, é de aplicación o disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación adminis

trativa, segundo a cal o importe da subvención se minorará na contía das outras subvencións co límite do 100% do investimento subvencionado.

Bases específicas.

a) Confección de documentación permanente.

-O obxecto das subvencións é a elaboración de documentación permanente da entidade, como papelería, manuais ou regulamentos internos, programas informáticos para a xestión realizados integramente en galego, etc. E a elaboración de documentación creativa da asociación (publicacións formato libro, cómics, voceiros, folletos informativos, revistas e boletíns non publicitarios, actividades de creación audiovisual, realización de programas de radio e TV non publicitarios, etc.).

-Prazo de realización das propostas: entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro do ano 2001.

b) Realización de actividades directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega.

-O obxecto das subvencións é a realización de todo tipo de actividades directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega, como actividades de animación sociocultural, elaboración de material lúdico, realización de certames, congresos, xornadas, premios, cursos (agás os de galego, que son obxecto doutra convocatoria), campañas divulgativas, etc. Ben que só percibirán subvencións aquelas accións cunha compoñente escrita significativa.

-As actividades que teñan idéntico desenvolvemento terán que se presentar englobadas nun único proxecto.

-Prazo de realización das propostas: entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro do ano 2001.

c) Realización de actividades publicitarias.

-O obxecto das subvencións é a publicidade da entidade en calquera soporte ou medio (medios de comunicación, folletos, cartelería, boletíns publicitarios, guías, calendarios, etc.), e, en especial, a realización de actividades audiovisuais total ou parcialmente publicitarias (por exemplo, a través da radio, a televisión, a Internet, vídeos, etc.). Dentro desta base inclúense as actividades de rotulación, interior e/ou exterior de locais, vehículos, etc.

-Prazo de realización das propostas: entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro do ano 2001.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria