Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2001 Páx. 2.015

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE REDONDELA

BASES que rexerán o concurso para cubrir, mediante promoción interna, unha praza de cabo da policía local, vacante no cadro de persoal do Concello de Redondela.

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

1. Dacordo coa oferta de emprego público do Concello de Redondela correspondente ó ano 2000, convócanse probas selectivas para cubrir polo sistema de concurso, unha praza de cabo da policía local, correspondente á escala de administración especial, subescala de servicios especiais, clase policía local, dotada cos emolumentos correspondentes ó grupo D, nivel 18 de complemento de destino, soldo: 83.384 pesetas, complemento de destino: 57.676 pesetas, complemento específico: 61.942 pesetas, productividade fixa: 7.078 pesetas, productividade policía: 16.924 pesetas.

2. O tribunal responsable da selección non poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número susperior de aspirantes ó da praza convocada.

Segunda.-Sistema de selección.

Establécese o de concurso, reservándose esta praza para quenda de promoción interna.

Terceira.-Condicións dos aspirantes.

Poderán tomar parte no concurso os funcionarios de emprego inmediatamente inferior (policía cunha antigüidade de 2 anos como mínimo no dito emprego dentro do Concello de Redondela, e que conten coa titulación de graduado escolar ou equivalente, o que se acreditará con certificación na que conste a data de toma de posesión como funcionario do corpo.

Cuarta.-Presentación de solicitudes.

1. As instancias nas que se solicite tomar parte no concurso, nas que os aspirantes deberán manifestar que reúnen todas e cada unha das condicións esixidas na base terceira, referidas sempre á data de expiración do prazo sinalado para a presentación de instancias, dirixiranse ó alcalde-presidente da corporación e presentaranse no rexistro xeral do concello, os días laborais, de 9 a 14 horas. As instancias tamén poderán presentarse na forma que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC, Lei 30/1992, do 26 de novembro).

2. O prazo de presentación será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da convocatoria no BOE.

3. Á solicitude unirase fotocopia do DNI, documentación acreditativa das condicións esixidas na base 3ª, documentación que o aspirante presente como méritos para valorar polo tribunal, e carta de pagamento acreditativa do ingreso na tesourería municipal da cantidade de 3.000 pesetas, en concepto de dereitos de exame. Se o pagamento se fixera por xiro postal, os solicitantes farán constar na instancia a data do xiro e o número de resgardo.

Quinta.-Admisión de aspirantes.

Expirado o prazo de presentación de instancias o alcalde dictará resolución no prazo máximo dun mes declarando aprobada a lista de admitidos/as e excluídos/as. Na dita resolución, que se publicará no BOP e no taboleiro de anuncios do concello, indicarase o nome, apelidos e DNI dos admitidos/as e excluídos/as, indicando as causas de exclusión e concedendo un prazo de 10 días hábiles para emenda de defectos, se é o caso, a teor do establecido no artigo 71 (LRXPAC).

Sexta.-Baremo de méritos.

Será o establecido pola Orde do 2 de xullo de 1997, segundo táboa que figura como anexo ás presentes bases.

En caso de empate, este resolverase por sorteo, realizado do xeito que determine o tribunal.

Os aspirantes aprobados deberán superar previamente ó seu nomeamento un curso selectivo de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade, que se desenvolverá e cualificará conforme o previsto no capítulo II do Decreto da Xunta de Galicia 121/1995, do 20 de abril.

Sétima.-Tribunal cualificador.

O tribunal cualificador estará integrado polos seguintes membros, que deberán designar suplentes, e ós que lles será de aplicación o disposto nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sobre abstención e recusación, debendo concorrer un mínimo de catro membros para a súa constitución:

Presidente/a: o da corporación ou membro daquela en quen delegue.

Secretario/a: o do concello ou funcionario en quen delegue, con voz e sen voto.

Vocais:

-Un/ha representante de cada grupo político con representación na corporación.

-Un/ha representante designado pola Xunta de Galicia.

-Un/ha representante da xunta de persoal.

-O xefe da policía local.

Oitava.-Relación de aprobados.

Rematada a cualificación do/a aspirante, o tribunal publicará o nome do aprobado/a, e elevará o acordo ó presidente da corporación para que formule o nomeamento pertinente.

Ó mesmo tempo remitirá á dita autoridade a acta da última sesión.

Novena.-Nomeamento.

Rematado o proceso selectivo e presentados os documentos ós que se refire a base anterior, o alcalde, de acordo coa proposta do tribunal cualificador, procederá ó nomeamento do/a aspirante seleccionado, que deberá tomar posesión no seu cargo no prazo dun mes contado a partir do seguinte a aquel no que lle sexa notificado o nomeamento.

Décima.-Normas de aplicación.

Para o non previsto nestas bases ou naquilo que as contradiga, serán de aplicación a Lei 7/1985, do 2 de abril; o Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril; a Lei 30/1984, do 2 de agosto; o Real decreto 364/1995, do 10 de abril; o Real decreto 896/1991, do 7 de xuño; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e Orde do 2 de xullo de 1997, da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións laborais.

Redondela, 30 de outubro de 2000.

Xaime Rei Barreiro

Alcalde