Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2001 Páx. 1.967

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 7 de febreiro de 2001 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a modernización e mellora do pequeno comercio en desenvolvemento do Programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2001.

A evolución da sociedade española nas últimas décadas deu lugar a unha clara variación do modelo de distribución comercial, que se atopa agora como un sector con certo desequilibrio.

Esta situación fixo necesaria a elaboración dun conxunto de medidas dentro do marco dunha política de comercio interior que lles asegure ó sector tradicional do comercio, a posibilidade de adaptarse ás novas necesidades que esixen as actuais circunstancias económicas, non só para garanti-la súa supervivencia, senón, así mesmo, para posibilitar que este tipo de comercio, siga proporcionándolle á sociedade en boa parte os servicios de abastecemento, proximidade, diversificación da oferta e mantemento dos conxuntos urbanos que desde sempre viñeron prestando, mediante a creación dun Programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia 2001-2004, que se orienta a dar resposta ós problemas actuais do sector.

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal «Mentres tanto non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómico axustándose ás directrices, tanto horizontais, como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, de se-lo caso, os límites de intensidade autorizados a Galicia no mapa rexional de axudas de España para o período 2000-2006».

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Industria e Comercio en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Beneficiarios e obxecto.

1. Poderán beneficiarse destas axudas os comerciantes retallistas xa sexan persoas físicas ou xurídicas establecidas, ou que pretendan establecerse no presente exercicio na Comunidade Autónoma de Galicia, que na totalidade dos seus centros non superen o numero de dez traballadores.

2. Poderán ser obxecto de subvención as actuacións que se engloben nalgunha das seguintes liñas:

2.1. Investimentos en equipamentos informáticos e aplicacións informáticas e en novas tecnoloxías:

a) Implantación de redes informáticas ou modificación das existentes. Adquisición de máquinas

rexistradoras, terminais punto de venda, sistemas de etiquetaxe, sistemas de pesaxe e medición, sistemas antifurto incorporados ó producto. Ordenadores e periféricos deles (impresoras, lectores de códigos de barras, escáners, módems, unidades de almacenamento de datos, etc.), sempre que vaian destinados á mellora da xestión comercial. Queda excluída desta liña de subvencións a adquisición de calquera tipo de moblaxe e outros aparellos que non teñan a consideración de equipamento informático, tales como fotocopiadoras, aparellos de teléfono e fax e máquinas de escribir.

Serán subvencionables tódolos gastos de hardware e software necesarios para a concesión dos equipos da Internet e para o aproveitamento dos seus servicios, quedando excluídas as altas e cotas a provedores dos devanditos servicios, gastos de teléfono, aluguer de liñas e deseños de páxinas web.

b) Investimentos noutros elementos de equipamento informático tecnolóxico, especialmente a adquisición de programas destinados ó comercio electrónico.

c) A adquisición de sistemas operativos e aplicacións destinadas a realizar tarefas de contabilidade, central de almacén, automatización de vendas, emisión de documentos ou calquera outra que supoña unha mellora na xestión, quedando excluídas aquelas que, de forma clara, non se poidan relacionar coa devandita mellora.

3. Non terán carácter subvencionable os investimentos realizados mediante contratos de arrendamento financeiro ou outras modalidades de financiamento, nin se computarán como investimentos a compra de mercadorías obxecto de comercialización pola empresa beneficiaria.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. Para a concesión das subvencións, propias dos investimentos que se convocan, destinaranse os créditos globais correspondentes á aplicación orzamentaria 08.04.753A. 770.1 «As empresas privadas. Apoio ó sector comercial retallista galego. Axudas ó comercio retallista», destinándose para o financiamento daquelas a cantidade de 180.000.000 de pesetas.

Aplicación orzamentaria: 08.04.753-A.770.1

Ano 2001: 180.000.000 de pesetas.

Esta cantidade poderá ser incrementada en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

2. Para poder optar á subvención establécese unha contía mínima de investimento subvencionable de 250.000 pesetas, IVE excluído.

A contía máxima da subvención que se vai outorgar non poderá superar en ningún caso o 50% da investimento subvencionable, IVE excluído, non podendo

á vez excede-lo tope do 70%, o conxunto de axudas que poidan existir para o mesmo proxecto investidor; non obstante, a suma total de axudas percibidas das distintas administracións públicas non poderá exceder do 55% do investimento subvencionable, IVE excluído, de acordo coas directrices sobre axudas de Estado de finalidade rexional da Comisión Europea.

3. O réxime de axudas establecido na presente orde terá vixencia durante o exercicio 2001, podendo incluírse tódolos investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2001.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ó conselleiro de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais ou a través de calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñen subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de subvención, segundo modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse a documentación que a seguir se relaciona por triplicado exemplar, en orixinal ou copia compulsada, alomenos unha delas.

-Documentos acreditativos da personalidade ou entidade do solicitante (DNI ou CIF no caso de sociedades) e, se é o caso, da representación coa que se actúa.

-Copia da escritura de constitución e modificacións posteriores, no caso de ser unha sociedade.

-Documentación acreditativa do numero de traballadores da empresa (TC1 e TC2).

-Fotocopia compulsada da alta no imposto de actividades económicas referente á actividade comercial que se realiza e último recibo (cando o beneficiario accede por primeira vez á actividade poderá substituí-lo recibo polo compromiso de presentalo no momento de xustifica-lo investimento).

-Declaración expresa responsable de ter iniciada a actividade, ou de iniciarse no exercicio da presente convocatoria.

-Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais o internacionais.

-Breve descrición do proxecto e obxectivos que se pretenden acadar.

-Orzamentos ou facturas pro forma do investimento que se vaia realizar.

-Certificación acreditativa expedida pola asociación ou agrupación de comerciantes correspondente de que o devandito investimento se enmarca dentro dun proxecto global promovido por elas.

3. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2001.

Artigo 4º.-Emenda de defectos.

1. Se a solicitude ou documentación que se xunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 3º, requirirase o solicitante para que, nun prazo de dez días, contados a partir do seguinte á recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixera considerarase desistido da súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar dos solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Condicións e criterios de adxudicación.

1. Será condición indispensable para a concesión das subvencións que os proxectos de investimento aprobados se inicien ou se iniciasen no ano de presentación da solicitude correspondente, acreditándose o devandito inicio.

2. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión e porcentaxe da subvención, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os que a seguir se relacionan:

a) Adquisición de equipamento informático vinculado á incorporación do comerciante ou beneficiario da axuda a un proxecto dunha ou varias agrupacións de comerciantes que asuman conxuntamente a realización dalgunha das seguintes actuacións: medios de pagamento, plans de fidelización, acceso á Internet, operación de sistemas de comercio electrónico e sistemas de xestión integral da empresa (xestión de cliente, stock de compras, contable etc.). O devandito proxecto deberá ter o visto e prace previo da Consellería de Industria e Comercio.

b) O carácter innovador, a calidade e a singularidade do proxecto ou actividade que se vaia executar.

c) Alomenos o 50% dos seus traballadores, na totalidade dos seus centros, teñan contrato indefinido.

d) O desenvolvemento dunha oferta comercial de carácter competitivo que supoña unha alternativa real para os consumidores.

e) Porcentaxe de recursos propios que vaia achega-lo solicitante en relación ó orzamento total da actividade ou investimento.

3. Establécense criterios de prelación en función da data de entrada das solicitudes e das dispoñibilidades de crédito.

Artigo 6º.-Informes de valoración.

Os expedientes admitidos a trámite avaliados polos servicios competentes de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio de acordo cos criterios previstos no artigo anterior para o seu posterior informe-proposta.

Artigo 7º.-Resolución e aceptación.

1. O conselleiro de Industria e Comercio, á vista dos informes emitidos, dictará as resolucións de subvención que procedan. Estas resolucións de concesión terán como límite a cantidade consignada para este tipo de axudas na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001.

2. Na resolución de concesión farase consta-lo obxecto da subvención, o importe da actuación ou investimento que se vai realizar, o prazo de execución e a contía da subvención concedida.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a presentación da solicitude. O vencemento do devandito prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

A resolución dos expedientes instruídos ó amparo do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, se poderá interpor contra ela recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o fora o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderase interpo-lo recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes se o acto fose expreso; se non o fora, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defen

sa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

3. Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acorda-la modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicita-la devandita modificación mediante instancia dirixida ó conselleiro de Industria e Comercio, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior; cun límite de 20 días hábiles antes da data de remate do prazo de xustificación do investimento.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución, ou se é o caso, se denegue, será dictado polo órgano concedente despois da instrucción do correspondente expediente.

Artigo 9º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez se presenten por triplicado os documentos que a seguir se relacionan:

a) Copias compulsadas das facturas xustificativas da materialización do investimento, indicando nelas concepto, importe sen IVE e importe total.

b) Presentación de certificados de estar ó día nas súas obrigas coa Facenda Estatal e Seguridade Social e último recibo de IAE.

c) Certificación acreditativa da non existencia de débedas de natureza tributaria coa Xunta de Galicia.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, para a mesma finalidade tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades publicas e entidades privadas.

2. A documentación acreditativa do investimento obxecto da subvención deberá ser presentada polo beneficiario coa data límite do día 15 de novembro de 2001, na respectiva delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención correspondente farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle xuntará a documentación da xustificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código da conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento.

2. Sen prexuízo do citado no parágrafo anterior, poderanse efectuar pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó establecido no artigo 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzamento que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que estea garantida a consecución do obxecto e o investimento realizado non sexa inferior á contía mínima establecida no artigo 2º.2. En caso de concorrencia con outras subvenciones ou axudas, haberá que aterse ó establecido no artigo 2º.2.

Artigo 11º.-Comprobación e control dos investimentos.

1. A Consellería de Industria e Comercio en calquera momento poderá inspecciona-los investimentos realizados.

2. En todo caso, os beneficiarios someteranse ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de confinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, O Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no

exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 12º.-Reintegro das subvencións.

Non se poderá esixi-lo pagamento da subvención concedida e procederase ó reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ós beneficiarios con motivo da concesión da subvención.

Igualmente procederase ó reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, superen o custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Todo isto con suxeición ó procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 1 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e seralles de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Réxime xurídico.

Para todo o non previsto na presente orde, aplicáraselle o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio