Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2001 Páx. 1.958

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 32/2001, do 25 de xaneiro, polo que se crea o Rexistro Xeral de Entidades e Centros de Educación Ambiental de Galicia e se regulan as condicións de inscrición.

Trala publicación do Decreto 347/1997, do 9 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia e no que se crea a Consellería de Medio Ambiente como departamento dela, procedeuse á publicación do Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, que atribúe a competencia e funcións de información, educación e formación ambiental á devandita consellería. No artigo 7.2º deste Decreto 482/1997, do 26 de decembro, relativo ó Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, un dos órganos en que se estructura a Consellería de Medio Ambiente con rango de dirección xeral, establécese que este contará con dúas unidades, o Departamento de Educación e Información Ambiental, e o Departamento de Investigación e Tecnoloxía Ambiental, e disponse con respecto ó primeiro que realizará as funcións relativas ás propostas de integración do ambiente no curriculum educativo das ensinanzas reguladas a tódolos niveis, a

promoción das ensinanzas ambientais non reguladas, a formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno, a formación permanente en materia ambiental e a información ambiental ó cidadán.

Conforme o anterior, e os principios e obxectivos previstos legalmente en materia ambiental referentes á promoción da educación ambiental en tódolos niveis educativos e da concienciación cidadá en tódolos sectores sociais, a Administración autonómica, e en concreto a Consellería de Medio Ambiente, considera como un factor prioritario contribuír á mellora da calidade das actividades e programas realizados polas distintas entidades e centros de educación ambiental.

O coñecemento dos axentes que realizan actividades de educación ambiental, do seu funcionamento e dos seus obxectivos, facilita a actuación da Administración autonómica no impulso e apoio ó sector e permite establecer unha relación baseada na transparencia e na eficacia no aproveitamento dos recursos públicos. Neste sentido, os rexistros configúranse como un instrumento axeitado de coñecemento, planificación, ordenación e publicidade, favorecedores para a consecución destes obxectivos.

Por todo isto, cómpre a creación do Rexistro Xeral de Entidades e Centros de Educación Ambiental de Galicia, do que serán obxecto aquelas entidades e centros dotados da infraestructura, equipos e programas acordes cos principios e obxectivos que a educación ambiental require.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello

da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xaneiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a creación do Rexistro Xeral de Entidades e Centros de Educación Ambiental de Galicia, así como a regulación das condicións de inscrición nel.

Artigo 2º.-Finalidade.

A finalidade deste decreto é dispor dun instrumento de publicidade e información sobre a existencia, organización e fins das entidades e centros de educación ambiental que, así mesmo poida servir de apropiada canle de ordenación das axudas públicas que faciliten o desenvolvemento e cumprimento das súas actuacións e obxectivos.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos do presente decreto entenderase por:

a) Educación ambiental: unha dimensión da educación integral e global das persoas e colectividades sociais que, nas súas diversas manifestacións e prácticas, promove o coñecemento, interpretación e concienciación respecto das diferentes problemáticas ambientais, do seu impacto local e planetario, activando competencias e valores dos que se deriven actitudes e comportamentos congruentes coa ética ecolóxica que se precisa para participar na construcción dun desenvolvemento humano sustentable.

b) Entidade de educación ambiental: toda persoa xurídica ou unidade administrativa constituída mediante acordo formal que teña como finalidade principal a realización de actividades de educación ambiental, no marco dos principios e obxectivos enunciados no artigo 4º, con sede en Galicia e que teña como ámbito de actuación a totalidade ou parte do territorio galego.

c) Centro de educación ambiental: aquela instalación estable situada en Galicia que realiza como actividade principal a educación ambiental e que para estes efectos conta cun inmoble, recursos materiais e didácticos, persoal e un programa educativo coincidente cos principios e obxectivos enunciados no artigo 4º.

Título II

Sobre educación ambiental

Artigo 4º.-Principios e obxectivos da educación ambiental.

1. As entidades e centros de educación ambiental deberán traballar para consegui-los seguintes obxectivos:

a) Promover unha toma de conciencia crítica e sensible respecto do ambiente, dos seus problemas

e dos riscos que comporta a súa deterioración para o conxunto da humanidade, así como para a diversidade e calidade de vida.

b) Adquirir coñecementos significativos para unha comprensión complexa e globalizada do ambiente, dos diferentes factores e procesos (físico-naturais, socioeconómicos e culturais) que o definen, favorecendo a súa aplicabilidade na análise, interpretación e avaliación das realidades ambientais, así como nas actuacións que sexa preciso adoptar para previr ou resolver problemas nos planos local, rexional, nacional e /ou planetario.

c) Desenvolver actitudes acordes cunha concepción integral e sistémica do ambiente, mediante a que se posibilite unha comprensión básica das principais cuestións ambientais, da súa natureza interdisciplinar e complexa.

d) Promover e desenvolver actitudes, valores e comportamentos ambientais, congruentes cun pensamento e unha ética ecolóxica orientada por criterios de solidariedade, equidade e xustiza social.

e) Habilitar e desenvolver competencias relativas a estilos de vida sustentables, posibilitando a súa concreción en iniciativas e prácticas cotiás, respectuosas cos dereitos sociais e ambientais, en diferentes contextos e de modo autónomo.

f) Incentiva-la participación social, nos planos individual e colectivo, incrementando substantivamente os niveis de información e corresponsabilidade cidadá en cuestións ambientais, cun protagonismo e unha capacidade de decisión axustada ó pleno exercicio dos dereitos civís e democráticos.

2.Os obxectivos de educación ambiental deben ser interpretados conforme os seguintes principios rectores:

a) Partir de enfoques amplos e plurais respecto da conceptualización do ambiente, das súas diversas realidades e dos problemas ambientais.

b) Garanti-lo dereito a un pensamento diverxente, crítico e innovador, nos planos individual e colectivo, en calquera das circunstancias nas que se desenvolva unha acción educativa ambiental.

c) Considera-la participación social dos cidadás, nas súas diferentes modalidades e procedementos, como unha canle insubstituíble.

d) Convocar e responsabiliza-lo conxunto da sociedade, desde a infancia ata a vellez, desde os ámbitos locais ata os internacionais neste proceso educativo.

e) Articula-la presencia de diferentes axentes sociais no deseño, desenvolvemento e avaliación de iniciativas educativo-ambientais.

f) Dispoñer e manter sustentablemente os recursos económicos, técnicos e humanos precisos para a promoción e desenvolvemento da educación ambiental.

g) Definir criterios e mecanismos de avaliación, a través dos que se valore cuantitativa e cualitativamente as iniciativas e actuacións en materia de educación ambiental, atendendo á diversidade dos seus procedementos e logros.

h) Incorpora-la educación ambiental a tódolos ámbitos da xestión ambiental, non como un elemento secundario ou exclusivamente complementario, senón como vector principal das actuacións previstas.

Título III

Sobre o Rexistro Xeral de Entidades

e Centros de Educación Ambiental

Artigo 5º.-Creación.

1. Créase o Rexistro Xeral de Entidades e Centros de Educación Ambiental de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, en concreto, do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, que será público, de carácter administrativo e cunha función informativa, no que se inscribirán as entidades e centros de educación ambiental de Galicia.

2. Correspóndelle ó Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental da Consellería de Medio Ambiente a elaboración, organización e xestión deste rexistro xeral.

3. O acceso a este polos cidadáns deberá exercerse nos termos e condicións establecidos no artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Estructura do rexistro xeral.

O Rexistro Xeral de Entidades e Centros de Educación Ambiental de Galicia estructúrase en dúas seccións denominadas:

A. Sección I. Das entidades de educación ambiental.

B. Sección II. Dos centros de educación ambiental.

Artigo 7º.-Sección I. Das entidades de educación ambiental.

1. Poderán inscribirse na Sección I do Rexistro Xeral de Entidades e Centros de Educación Ambiental, todas aquelas entidades que teñan como finalidade principal a realización de actividades de educación ambiental. Para estes efectos terán tal consideración as que sexan coincidentes coa definición, obxectivos e principios rectores de educación ambiental.

2. A entidade terá a súa sede social en Galicia e o seu ámbito de actuación abranguerá total ou parcialmente esta Comunidade Autónoma.

3. Para formaliza-la inscrición no rexistro xeral, as entidades solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:

a) A solicitude, mediante instancia normalizada segundo o anexo I, dirixida ó director do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental da Consellería de Medio Ambiente.

b) Os estatutos da entidade debidamente rexistrados ou acordo formal de constitución da sociedade adoptado polos órganos competentes dunha institución con personalidade xurídica.

c) O proxecto de educación ambiental da entidade, axustado ó indicado no anexo II.

d) Unha breve memoria das actividades realizadas pola entidade.

e) Unha relación e curricula vitarum dos educadores, monitores e outro persoal que desenvolva as actividades e os programas educativos.

Artigo 8º.-Sección II. Dos centros de educación ambiental.

1. Poderán inscribirse na sección II do rexistro xeral, todos aqueles centros situados na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os requisitos establecidos no presente decreto.

2. Para formaliza-la inscrición no rexistro xeral, os centros solicitantes deberán presenta-la seguinte documentación:

a) A solicitude, mediante instancia normalizada segundo anexo I, dirixida ó director do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental da Consellería de Medio Ambiente.

b) O proxecto de educación ambiental do centro, axustado ó indicado no anexo II.

c) Unha memoria das actividades realizadas pola entidade en relación co centro, segundo sinala o anexo III.

d) Unha relación e curricula vitarum dos educadores, monitores e outro persoal que desenvolva as actividades e os programas educativos.

e) No suposto de centros de titularidade privada ou en colaboración con entidades públicas, as entidades privadas titulares deles non só deberán estar debidamente inscritas na sección I do Rexistro Xeral de Entidades e Centros de Educación Ambiental de Galicia, senón que, ademais, deberán presenta-la seguinte documentación:

-Copia compulsada das licencias municipais de actividade e apertura do establecemento.

-Copia compulsada do documento acreditativo, se é o caso, da personalidade xurídica da entidade.

-Copia compulsada do documento nacional de identidade do titular e, se é o caso, do administrador ou representante.

-Declaración xurada do titular ou representante legal de que o centro cumpre coas diferentes normativas sectoriais que lle sexan aplicables.

f) De tratarse dun centro de titularidade pública, terá que presentarse ademais unha copia do acordo formal de constitución adoptado polos órganos competentes da institución titular do centro.

Artigo 9º.-Requisitos dos centros de educación ambiental.

Para a inscrición na Sección II do rexistro xeral deberá acreditarse, xunto coa documentación referida no artigo anterior, o cumprimento dos seguintes requisitos:

1. A actividade fundamental do centro debe se-la educación ambiental. Para estes efectos terá tal consideración a que sexa coincidente coa definición, obxectivos e principios rectores da educación

ambiental. Non se consideran de ningún xeito como centros de educación ambiental, aqueles dedicados principalmente a outro tipo de actividades, así, lecer, deporte, aventura, idiomas, turismo ou outras similares.

2. En relación coa súa titularidade, os centros de educación ambiental terán que estar incluídos nalgunha das seguintes categorías:

a) Centros de titularidade pública (estatal, autonómico ou de entidades de réxime local).

b) Centros de titularidade privada.

c) Centros de titularidade mixta ou consorciada.

3. As instalacións deberán ser estables e contar con espacios de traballo axeitados e adaptados á programación de educación ambiental que oferta o centro e ás características dos destinatarios de tales programas, así como estaren dotados dos recursos materiais e didácticos necesarios para o seu desenvolvemento.

4. O período anual de apertura do centro non poderá ser inferior a seis meses.

5. O centro deberá contar cun equipo educativo cualificado de acordo co establecido no anexo IV do presente decreto.

6. A ratio de personal para o desenvolvemento das actividades será dun máximo de 20 alumnos por cada educador, cando as actividades se realicen no centro, e de 12 cando se realicen fóra do recinto do centro.

Artigo 10º.-Presentación das solicitudes.

1. As solicitudes de inscrición no Rexistro Xeral de Entidades e Centros de Educación Ambiental de Galicia poderanse presentar, xunto coa documentación sinalada, no rexistro da Consellería de Medio Ambiente ou en calquera das oficinas referidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999,do 13 de xaneiro.

2. Se a solicitude presentada polo interesado non reúne os requisitos previstos no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou non vai acompañada da documentación sinalada nos artigos 7 ou 8 do presente decreto, segundo sexa, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos con indicación de que se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 11º.-Resolución.

1. Á vista da documentación presentada e comprobado que se acreditan fidedignamente os requi

sitos establecidos no presente decreto, o director do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental de Consellería de Medio Ambiente resolverá sobre a inclusión da entidade ou centro solicitante no rexistro xeral no prazo máximo de tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro da Consellería de Medio Ambiente. Transcorrido este prazo, sen que se dicte resolución expresa, entenderase estimada a solicitude, consonte o sinalado no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Na inscrición farase consta-la identificación e características da entidade ou centro segundo o modelo normalizado. Así mesmo serán públicos o resumo do proxecto de educación ambiental do centro e a memoria de actividades.

3. A resolución do director do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental relativa á solicitude de inscrición da entidade ou centro no rexistro poderá ser impugnada en alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes desde a notificación da resolución, consonte o establecido no artigo 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Actualización de documentación.

O representante legal do centro inscrito no rexistro xeral presentará na Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, no mes de febreiro de cada ano, a correspondente memoria anual de actividades.

De propoñerse modificacións ó proxecto de educación ambiental, estas deberán presentarse así mesmo, no mes de febreiro xunto coa memoria anual.

Título IV

Sobre a modificación e cancelación da inscrición

Artigo 13º.-Modificación e cancelación da inscrición.

1. O representante legal do centro ou entidade deberá comunicarlle ó Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, no prazo máximo de dous meses de se ter producido, calquera cambio substancial en relación coa documentación presentada para a inscrición do centro ou entidade no rexistro xeral.

2. Para proceder á cancelación da inscrición será precisa a tramitación do oportuno procedemento con audiencia do interesado.

3. Son causas de cancelación da inscrición:

a) A extinción ou perda da personalidade xurídica ou o cesamento de actividades.

b) O incumprimento sobrevido das condicións esixidas para a inscrición.

c) O incumprimento das obrigas de información e comunicación establecidas por este decreto.

d) A modificación substancial das condicións que deron acceso ó rexistro en relación coas actividades do centro e o seu proxecto de educación ambiental.

Artigo 14º.-Verificacións.

1. A Consellería de Medio Ambiente a través do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental poderá realiza-las verificacións oportunas sobre os datos dos centros e entidades que solicitan a súa inscrición no rexistro xeral. Neste sentido e de conformidade co previsto no artigo 39 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, os titulares ou responsables dos centros e entidades presentarán toda a documentación que lles sexa requirida en relación coa procedencia da inscrición no rexistro xeral.

2. Nos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a comprobación a que se refire o parágrafo anterior será levada a cabo en colaboración e coordinación cos órganos competentes en materia de inspección educativa.

Título V

Sobre os efectos da inscrición

Artigo 15º.-Efectos da inscrición.

A inscrición no rexistro producirá o efecto da publicidade dos datos consignados e producirá efectos desde a data de resolución.

Artigo 16º.-Axudas.

A inscrición no Rexistro Xeral de Entidades e Centros de Educación Ambiental será condición necesaria para que os centros e entidades de educación ambiental reciban axudas da Consellería de Medio Ambiente destinadas á realización de actividades e programas de educación ambiental.

Artigo 17º.-Publicidade e acceso a material didáctico.

A inscrición no Rexistro Xeral de Entidades e Centros de Educación Ambiental será criterio preferente para participar no sistema de préstamo de material didáctico do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental e dos catálogos, publicacións, folletos e recursos electrónicos publicitarios dependentes deste centro.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de xaneiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO II

Proxecto de educación ambiental

O proxecto de educación ambiental debe constar dos seguintes puntos:

1. Principios xerais.

2. Obxectivos xerais.

3. Descrición detallada das infraestructuras e recursos materiais dispoñibles.

4. Breve descrición do contorno como recurso educativo.

5. Programación xeral de actividades ofertadas, sexan ou non de educación ambiental. Xuntaranse folletos e outros materiais de difusión empregados.

6. Para cada programa de educación ambiental detallaranse os seguintes aspectos:

-Denominación do programa.

-Obxectivos específicos.

-Destinatarios.

-Metodoloxía didáctica.

-Contidos.

-Temporalización.

-Recursos materiais.

-Recursos humanos, con indicación expresa do perfil e cualificación profesional.

-Criterios e instrumentos de avaliación.

O resumo do proxecto de educación ambiental, que será obxecto de publicidade, indicará de xeito breve os seguintes aspectos:

1. Síntese dos principios e obxectivos xerais.

2. Breve descrición das infraestructuras e recursos materiais.

3. Breve descrición do contorno como recurso educativo.

4. Listaxe dos programas e actividades ofertadas con indicación expresa de:

-Denominación do programa.

-Obxectivos específicos.

-Destinatarios.

-Breve referencia á metodoloxía didáctica.

-Contidos.

-Temporalización.

-Criterios de avaliación.

ANEXO III

Memoria anual de actividades

A memoria anual de actividades debe constar dos seguintes puntos:

1. Ano 200...

2. Enumeración temporalizada de tódolos programas de actividades desenvolvidos, sexan ou non de educación ambiental.

3. Para cada programa de actividades de educación ambiental farase unha ficha cos seguintes datos:

-Listaxe de grupos participantes.

-Duración de datas de cada actividade.

-Número de asistentes, idades ou grupo social.

-Descrición xeral de programa e das actividades.

-Resultados da avaliación realizada.

4. Equipo educativo que interveu no desenvolvemento das actividades, con mención expresa da carga docente de cada un.

ANEXO IV

Equipo educativo

A cualificación mínima esixible para o persoal educativo será a seguinte:

Responsable educativo:

-Titulado superior.

-Formación específica en educación ambiental.

-Formación específica en xestión de centros de educación ambiental.

Educadores:

-Titulado superior ou medio.

-Formación específica en educación ambiental.

Monitores:

-Bacharelato ou equivalente.

-Formación específica en educación ambiental.

-Monitor de tempo libre.