Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 2001 Páx. 1.921

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de febreiro de 2001 pola que se anuncian cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua e extensión cultural galega, para galegos residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia confírelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en relación coa lingua e coa cultura galegas.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, ordénalle ó Goberno galego que faga uso dos recursos necesarios para que os galegos residentes no exterior poidan dispor de servicios culturais e lingüísticos no idioma propio de Galicia.

Por outra banda, a Lei 4/1983, de recoñecemento da galeguidade, dispón que se lles debe facilitar ás comunidades galegas a organización de cursos de lingua e extensión cultural galegas.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua e de extensión cultural galega, que terán lugar nas localidades e para os centros galegos, asociacións de galegos residentes no exterior e grupos de persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia, que determine a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, segundo se dispón nos seus programas, tendo en conta as solicitudes recibidas e a dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 2º

1. Poderán asistir a estes cursos os galegos residentes no exterior e os seus descendentes, os membros dos citados centros e asociacións, e outras persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.

2. Para acceder ó curso de perfeccionamento é requisito indispensable ter aprobado ou validado o curso de iniciación.

3. O número de asistentes a cada curso será de 20 persoas como mínimo e de 35 como máximo.

Artigo 3º

1. Os cursos terán unha duración de 75 horas e realizaranse con carácter intensivo. Responderán ós contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regulan os cursos de iniciación e de perfeccionamento, e complementaranse cunha visión da historia e da actualidade de Galicia, nos seus aspectos socioeconómicos e culturais.

2. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

3. A avaliación que se efectúe nestes cursos deberá responder ós principios de formativa e continua, e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, aplicándose as probas necesarias. Ó remate de cada curso, ós asistentes que superaron as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de «apto».

Artigo 4º

1. As persoas que desexen asistir a estes cursos presentarán a solicitude nos locais dos centros ou asociacións ós que se alude no artigo 1º, nos prazos que determinen esas propias entidades e tendo en conta o disposto no programa da Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas.

2. Os solicitantes do curso de perfeccionamento deberán presentar canda a solicitude unha fotocopia compulsada da certificación que acredite que teñen superado ou validado o curso de iniciación, ou da correspondente validación.

Artigo 5º

A relación de admitidos será aprobada polos centros, asociacións ou grupos de persoas referidos no artigo 1º desta orde.

O horario, o lugar de realización e a data de comezo de cada curso determinaraos a Dirección Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas e máis coas asociacións, centros ou grupos respectivos, tal e como se establece no programa da Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas.

Artigo 6º

1. O profesorado destes cursos nomearao o director xeral de Política Lingüística tendo en conta os límites establecidos tanto na Lei 53/1984 e o Real decreto 598/1985, sobre incompatibilidades, así como no Decreto 156/1988, polo que se declara de interese público a impartición de cursos e actividades de formación de lingua galega, no que respecta ó persoal docente que impartirá estes cursos, feito que se acreditará enviando declaración xurada na que de xeito expreso se poña de manifesto que non incorre nos casos previstos nas disposicións anteriores, considerando, así mesmo, que, ó abeiro do disposto no artigo 201 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, se van designa-los profesores docentes, tendo en conta a súa solvencia técnica e científica para imparti-las actividades referidas.

O seu pagamento será por conta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo da comprobación da realización do curso. O gasto que este pagamento ocasione financiarase con cargo á partida 07.06.353E.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, por unha contía máxima de 30.000.000 (trinta millóns) de pesetas.

2. As retribucións do persoal docente que imparte estes cursos son as establecidas, por analoxía, na Orde do 18 de xuño de 1990 (DOG do 4 de xullo).

Artigo 7º

Tódalas actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ó uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ó establecido pola Real Academia Galega.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Política Lingüística para dicta-las instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria