Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 2001 Páx. 1.918

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de febreiro de 2001 pola que se convocan proxectos de fomento do uso do galego e de formación, para os traballos dos equipos de normalización lingüística dos centros públicos de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional.

A Administración educativa de Galicia garante que os alumnos, conforme van acabando cada un dos ciclos nos que o ensino do galego é obrigatorio, vaian acadando un dominio, oral e escrito, similar dos idiomas galego e castelán, tal e como determina o artigo 14.3º da Lei 3/1983, de normalización lingüística.

Para poder conseguir iso, esta mesma lei encoméndalle á Xunta de Galicia a regulamentación no ensino do uso desas dúas linguas oficiais en Galicia. Esa regulamentación está establecida nos decretos 247/1995 e 66/1997.

Como órgano impulsor e dinamizador das medidas necesarias para levar a cabo o que dispoñen eses decretos e, consecuentemente, para conseguir que os alumnos acaden o dominio do galego que establece a Lei de normalización lingüística, cada centro ten que constituír un equipo de normalización lingüística. Este equipo é o que recollen os decretos 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 9 de agosto) e 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 21 de outubro), polos que se aproban os regulamentos orgánicos dos institutos de educación secundaria e das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, respectivamente, decretos que foron desenvolvidos, tamén respectivamente, polas ordes do 22 de xullo 1 de agosto de 1997 (publicadas no DOG do 2 de setembro).

Por todo isto, e para axudar a que eses equipos poidan levar a cabo aqueles proxectos de fomento do uso do galego e de formación, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º

1. A presente orde ten por obxecto convocar proxectos de fomento do uso do galego e de formación en réxime de concorrencia competitiva destinados ós equipos de normalización lingüística dos centros públicos que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de Galicia, durante o curso 2000-2001.

2. Os proxectos e os traballos para os que se soliciten incentivos faranse consonte os contidos establecidos na programación anual de actividades elaboradas e aprobadas por cada centro para acada-los obxectivos previstos nos plans específico e xeral para o uso do idioma galego (artigos 83 e 64 dos decretos 324/1996 e 374/1996, respectivamente) e os obxectivos recollidos nos decretos 247/1995 e 66/1997.

Artigo 2º

Nos proxectos de fomento do uso do galego e de formación atenderase preferentemente a:

1. A adquisición de material didáctico, bibliográfico, fonográfico, videográfico e informático en galego, imprescindible para a realización dos proxectos.

2. Os gastos de material necesario para:

a) A elaboración e/ou a disposición dos materiais pedagóxicos precisos para a realización de proxectos que incidan na promoción do galego nas diferentes etapas educativas. Ten especial interese a realización de acción e proxectos innovadores de promoción do uso do galego nas aulas e na comunidade educativa.

b) A organización de programas e actividades en galego, que teñan como finalidade o fomento do uso da lingua propia de Galicia entre os distintos compoñentes da comunidade educativa do centro.

Artigo 3º

Os proxectos de fomento do uso do galego e de formación financiaranse con cargo á aplicación 07.06.353E.640.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, por unha contía máxima de 83.150.000 pesetas (oitenta e tres millóns cento cincuenta mil pesetas).

Artigo 4º

1. Para acceder a estes incentivos para proyectos de fomento será necesario que o equipo de normalización lingüística estea formalmente constituído segundo o disposto nos artigos 82 do Decreto 324/1996 e 63 do Decreto 374/1996, e que o seu programa de actividades fose aprobado polo centro e enviado canda a programación xeral anual á inspección educativa.

2. Non se poderán dotar de asignación económica ningunha aqueles centros que non xustificasen debidamente as axudas para os equipos de normalización lingüística que lles fosen concedidas para o ano académico 1999/2000 ó abeiro da Orde do 13 de decembro de 1999 (DOG nº 11, do 18 de xaneiro de 2000), ou que non cumpran o sinalado no artigo 4º.4 desta orde.

En canto ó disposto nos puntos 1 e 2 deste artigo, será a inspección educativa a que lle presente á correspondente comisión avaliativa citada no artigo 6º desta orde o informe relativo a cada centro.

Artigo 5º

1. O prazo de presentación das solicitudes será o dos 20 días hábiles seguintes ó da publicación desta orde no DOG.

2. As solicitudes realizaranse utilizando o formulario que figura como anexo a esta orde. Irán asinadas polo coordinador do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director do centro, e mandaranse á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, sendo de aplicación o previsto no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Canda a solicitude presentarase un proxecto, asinado polo coordinador do equipo de normalización

lingüística, co visto e prace do director do centro, no que se especifiquen, englobándoas no punto correspondente do artigo 2º, as actividades previstas para acada-los obxectivos que figuran nos plans específicos e xeral para o uso do galego. Con cada unha das accións terá que figura-la súa cuantificación económica. No caso das actividades de prensa escolar, considerarase como mérito preferente o feito de que esas actividades se levasen a cabo tamén en anos anteriores. Se se dá esa circunstancia, deberase achegar canda a solicitude un exemplar de cada un dos números editados.

4. Tanto o proxecto coma as actividades que se realicen para levalo á práctica faranse necesariamente segundo o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre normativización da lingua galega.

5. No caso de que o centro fixese outras solicitudes diante de administracións públicas competentes ou outros entes públicos para o mesmo proxecto ou actividade, xuntará á solicitude unha declaración do conxunto das peticións efectuadas.

6. Se se observase algunha falta na documentación, antes de realiza-la proposta de resolución, poráselles de manifesto ós solicitantes, para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presenta-los documentos que estimen pertinentes.

Artigo 6º

Para o exame e a avaliación das solicitudes constituirase en cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha comisión integrada por:

-O delegado provincial, que a presidirá.

-Un representante do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega, da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un inspector ou inspectora de Educación.

-O xefe do Gabinete de Normalización Lingüística.

-Un funcionario ou funcionaria da delegación provincial, que actuará de secretario.

Unha vez examinadas e avaliadas as solicitudes, as comisións presentaranlle as propostas de asignación de contías ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición diante do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

Artigo 7º

As comisións de selección terán en conta os seguintes criterios para a concesión de incentivos ós proxectos de fomento do uso do galego:

1. Ten especial interese a realización de accións e proxectos innovadores de promoción do uso de galego.

2. Así mesmo, valoraranse os programas e as actividades en galego, que teñan como finalidade o fomento do uso da lingua propia de Galicia entre os distintos compoñentes da comunidade educativa do centro.

3. Calquera tipo de programacións ou actuacións que incidan na normalización do galego e/ou na mellora do seu ensino.

4. De acordo cos puntos anteriores, clasificaranse as solicitudes en tres grupos, A, B e C, establecendo unha contía media para cada grupo:

5.

A:

Menos de 8 unidades: ata 100.000 pesetas.

De 8 a 16 unidades: ata 120.000 pesetas.

Máis de 16 unidades: ata 140.000 pesetas.

B:

Menos de 8 unidades: ata 70.000 pesetas.

De 8 a 16 unidades: ata 80.000 pesetas.

Máis de 16 unidades: ata 90.000 pesetas.

C:

Menos de 8 unidades: ata 40.000 pesetas.

De 8 a 16 unidades: ata 50.000 pesetas.

Máis de 16 unidades: ata 60.000 pesetas.

6. En cada grupo dos anteriores, atendendo ó nº de alumnos por centro, incrementarase ou reducirase a contía de cada proxecto.

7. Excluiranse aquelas solicitudes que non se recibiron dentro de prazo.

8. A percepción doutros incentivos para os mesmos proxectos poderá reduci-la contía que recibiría por esta orde, de xeito que o conxunto de incentivos non supere os gastos totais do proxecto.

Artigo 8º

Antes do 15 de novembro de 2001, cada equipo, coa conformidade da dirección do centro, terá que lles remitir ós gabinetes de normalización lingüística das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a seguinte documentación:

1. Unha memoria das actividades realizadas durante o ano 2001 para as que se lle concedeu a asignación económica.

2. Facturas orixinais, expedidas ó nome do propio centro educativo, correspondentes ós gastos totais de material, sen IVE.

3. Certificación orixinal na que consten os datos bancarios, selada e asinada pola entidade financeira correspondente.

Artículo 9º

1. O pagamento dos incentivos concedidos farao a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través das súas delegacións provinciais, logo da xustificación dos interesados, tal e como se indica no artigo 8º.

2. O importe dos incentivos non será superior ó 100% dos gastos, sen IVE, que leve consigo a realización do proxecto.

Artigo 10º

O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipos, e a verificación do cumprimento do establecido nos plans específico e xeral para o uso do galego nos centros levaraos a cabo a inspección educativa, consonte o disposto no artigo 11 do Decreto 247/1995.

Artigo 11º

1. A non entrega das memorias e dos xustificantes de gasto, ós que fai referencia o artigo 8º, no prazo sinalado poderá ser causa de revogación do incentivo concedido e producirá como efecto a denegación da mesma para o ano seguinte, procedendo o centro ó reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se poidan esixir.

2. O incumprimento total ou parcial dos proxectos poderá anular ou modifica-la contía do incentivo concedido.

3. Toda alteración das condicións que se tivesen en conta para a súa concesión, e en todo caso a obtención concorrente de incentivos ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria