Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 2001 Páx. 1.922

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de febreiro de 2001 pola que se anuncian cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega para mestres e profesores de primaria, secundaria, ensinanzas especiais e formación profesional dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tanto a Lei 3/1983, de normalización lingüística, coma o Decreto 247/1995, que a desenvolve no tocante ó ensino non universitario, buscan, por unha parte, que os alumnos vaian acabando cada unha das etapas do ensino cun dominio semellante do galego e do castelán, e, por outra, que o galego sexa a lingua de uso habitual non só da Administración educativa, senón tamén das actividades relacionais, organizativas e culturais dos centros educativos.

Para axudar a isto cómpre contar cun profesorado que coñeza e domine o galego dun xeito suficiente non só para imparti-las clases no idioma propio de Galicia, senón tamén para facelo coa calidade que axude a mellora-lo dominio que desa lingua teñen os alumnos.

A promoción e o ensino da lingua galega correspóndenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tal e como o determinan o Decreto 213/1998, polo que se establece a estructura orgánica da propia consellería, e o 247/1995, antes citado. Consecuentemente, é labor desa consellería a organización dos cursos e das actividades formativas precisas para que o persoal ó seu servicio acade o necesario dominio oral e escrito do idioma galego.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Anúncianse cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para mestres e pro

fesores de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, que terán lugar naquelas localidades que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica.

2. O gasto ocasionado pola realización destes cursos financiarase con cargo á partida 07.06.353E.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, por unha contía máxima de 6.750.000 (seis millóns setecentas cincuenta mil) pesetas.

Artigo 2º

1. Os cursos impartiranse durante o ano 2001. A data de comezo, o lugar de realización e o horario determinaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística.

2. Os cursos terán unha duración de 75 horas e responderán ós contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regulan os cursos de iniciación e de perfeccionamento.

3. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

4. A avaliación que se realice nestes cursos deberá responder ós principios de formativa e continua e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, efectuándose as probas necesarias. Ó remate de cada curso, ós asistentes que teñan superadas as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de «apto».

Artigo 3º

1. As solicitudes presentaranse, utilizando o modelo de formulario que figura como anexo a esta orde, no rexistro das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación será de vinte días hábiles seguintes ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Sobre a admisión das solicitudes resolverá a correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

De non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados desde a publicación desta convo

catoria no DOG, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 4º

1. O número de asistentes a cada curso será de 35 como máximo e de 20 como mínimo.

2. Para acceder ó curso de perfeccionamento será requisito indispensable ter aprobado o curso de iniciación (ou telo validado segundo o establecen as respectivas ordes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria). Ó formulario de solicitude unirase unha copia compulsada da correspondente certificación ou validación.

Artigo 5º

Tódalas actividades que se realicen nos cursos faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa

e ó uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ó establecido pola Real Academia Galega.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria